Ir ó contido

Ir ó índice

APÉNDICE

Deberiamos celebrar certas festividades?

Deberiamos celebrar certas festividades?

A BIBLIA non deu orixe á maioría dos festexos relixiosos e días festivos que se celebran hoxe en día por todo o mundo. Entón, cal será a orixe de tales celebracións? Se tes ocasión de visitar calquera biblioteca, atoparás comentarios interesantes nos libros de consulta sobre as festividades que son populares na túa zona. Vexamos algúns exemplos.

Semana Santa. Aínda que en teoría conmemora a morte e resurrección de Xesús, en realidade está chea de tradicións pagás como, por exemplo, a de agasallar unha rosca de Pascua, ou as procesións. Segundo Las Grandes Religiones Ilustradas, moito antes do nacemento de Xesucristo os antigos babilonios “enchían de atencións as imaxes sagradas [...]. Vestían as estatuas con roupas de moito valor, e adornábanas con colares, brazaletes e aneis; descansaban en leitos luxosos e sacábanas en procesión”. Noutros países tamén é moi popular o coello de Pascua. A Enciclopedia Católica recoñece que este “é un símbolo pagán e sempre foi un emblema de fertilidade”.

Aninovo. A data e os costumes típicos desta celebración varían dun país a outro. Con respecto á súa orixe, The World Book Encyclopedia afirma: “O emperador romano Xulio César estableceu o 1 de xaneiro como día de Aninovo no ano 46 a. n. e. Os romanos dedicábanlle esta festa a Xano, deus das portas e dos comezos. De feito, o mes de xaneiro débelle o seu nome a esta deidade, que tiña dúas caras: unha mirando cara adiante e outra cara atrás”. Polo tanto, as festas de Aninovo están baseadas en tradicións pagás.

Halloween ou Samaín. “Algúns dos costumes desta celebración teñen as súas raíces nun rito dos druídas [antigos sacerdotes celtas] dos tempos precristiáns. Os celtas celebraban festas en honor a dúas deidades principais: o deus Sol e o deus dos mortos. [...] A celebración dedicada a este último tiña lugar o 1 de novembro, coincidindo co comezo do Ano Novo celta. A festividade dos defuntos foi incorporada ós ritos cristiáns de xeito gradual” (The Encyclopedia Americana).

Outras festas. Non é posible falar de tódalas festividades que se celebran arredor do mundo. Aínda así, sabemos que Xehová non aproba ningunha festa que enxalce a persoas ou a institucións humanas (Xeremías 17:5-7; Feitos 10:25, 26). Ademais, debemos ter presente que a orixe das diversas festas relixiosas determina se lle gustan a Xehová ou non (Isaías 52:11; Apocalipse 18:4). Os principios baseados na Biblia que menciona o capítulo 16 deste libro axudaranche a saber como ve Deus que participemos noutras festas de carácter non relixioso.