Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 12

A maneira de vivir que lle agrada a Xehová

A maneira de vivir que lle agrada a Xehová
  • Como podes chegar a ser amigo de Xehová?

  • Como estás implicado no desafío de Satán?

  • Que clase de conduta desaproba Xehová?

  • Como podes vivir dunha maneira que lle agrade a Xehová?

1, 2. Cita algúns exemplos de persoas a quen Xehová consideraba os seus amigos.

 QUE clase de persoa escollerías como amigo? Seguramente elixirías a alguén que compartise as túas opinións, intereses e valores. E, sen dúbida, tamén quererías rodearte de persoas con boas calidades, como a honestidade e a amabilidade.

2 Ó longo da historia, Deus escolleu algúns humanos para ser os seus amigos. Por exemplo, Xehová dixo que Abraham era o seu amigo (le Santiago 2:23). E referiuse a David como alguén conforme ó Seu corazón porque foi da clase de persoas que Xehová ama (Feitos 13:22). O profeta Daniel tamén foi “un predilecto” de Xehová, é dicir, sentía un afecto especial por el (Daniel 9:23).

 3. Por que elixe Xehová a algunhas persoas como os seus amigos?

3 Por que consideraba Xehová que Abraham, David e Daniel eran os seus amigos? Porque, como Deus mesmo lle dixo a Abraham, foron obedientes a El (Xénese 22:18). Por iso sabemos que Deus se achega a todo aquel que o obedece con humildade. De feito, Deus díxolles ós israelitas: “Escoitade a miña voz: Eu serei o voso Deus, e vós seréde-lo meu pobo” (Xeremías 7:23). Se obedeces a Xehová, ti tamén podes chegar a ser o seu amigo.

XEHOVÁ FORTALECE OS SEUS AMIGOS

4, 5. Como fortalece Xehová os seus servos?

4 Pensa no que significa ser amigo de Deus. A Biblia afirma que Deus sempre busca a forma de “fortalecer ós que lle son leais de corazón” (2o Crónicas 16:9). Como te pode fortalecer Xehová? Unha maneira menciónase no Salmo 32:8: “Eu instruireite e ensinareiche o camiño que has de seguir; aconsellareite, pousarei os meus ollos sobre ti”.

5 Que expresión tan agarimosa de como nos coida Xehová, verdade? Deus sempre te axudará cando precises dirección, e mirará por ti mentres a pos en práctica. El quere axudarche a superar as probas e os problemas que poidas ter (le Salmo 55:23 [55:22NM]). Se serves a Xehová con todo o teu corazón, terás a mesma confianza do salmista, que dixo: “Teño ó Señor sempre diante; con El á dereita non caerei” (Salmo 16:8; 63:9 [63:8NM]). En efecto, Xehová pode axudarche a vivir dunha forma que lle agrade. Pero, como xa aprendiches, existe un inimigo de Deus que quere evitar que o consigas.

O DESAFÍO DE SATÁN

 6. De que acusou Satán ós humanos?

6 O capítulo 11 explicou que Satán desafiou a soberanía de Xehová. Satán acusou a Deus de mentireiro e de inxusto porque non permitía que Adam e Eva decidisen por si mesmos o que estaba ben e o que estaba mal. Despois de que Adam e Eva pecasen e a Terra comezase a encherse coa súa descendencia, Satán tamén puxo en dúbida os motivos de tódolos humanos. A súa acusación foi: “A xente non serve a Deus porque o amen. Se tivese a oportunidade, conseguiría que calquera se volvese en contra de Deus”. O relato de Xob demostra que Satán así o cría. Quen foi Xob? Como se viu implicado no desafío de Satán?

7, 8. a) Que fixo que Xob destacase entre as persoas do seu tempo? b) Como puxo en dúbida Satán os motivos de Xob?

7 Xob viviu hai uns 3600 anos. Sabemos que foi un bo home polo que Xehová dixo del: “Home coma el non o hai no mundo, íntegro e xusto, temeroso de Deus e arredado do mal” (Xob 1:8). A Deus agradáballe moito Xob.

8 Satán cuestionou os motivos de Xob para servir a Deus. O Demo díxolle a Xehová: “¿Non será que o tes ti ben cinguido cun valado, el, o seu lar, e canto posúe, e que bendiciches canto fai, e que o seu gando se espalla por toda a campía? ¡Pero ponlle a man enriba e tócalle no que posúe, e has ver se non te maldí na cara!” (Xob 1:10, 11).

 9. Como respondeu Xehová ó desafío de Satán, e por que?

9 Deste xeito, Satán acusou a Xob de servir a Xehová só polo que obtiña a cambio. O Demo afirmou que, ante as probas, Xob cedería e volveríase en contra de Xehová. Como respondeu Xehová ó desafío de Satán? Xa que os motivos de Xob estaban envoltos, Xehová permitiu que Satán probase a Xob. Desta maneira, quedaría claro se Xob amaba a Deus ou non.

XOB É POSTO A PROBA

10. Que probas sufriu Xob, e cal foi a súa reacción?

10 Deseguida, Satán puxo a proba a Xob de diversas maneiras. Roubáronlle e matáronlle parte do seu gando, e moitos dos seus servos foron asasinados. Todo isto tróuxolle dificultades económicas a Xob. Pero a maior traxedia de todas ocorreu cando lle morreron tódolos seus fillos nunha tormenta. A pesar de todos estes terribles acontecementos, “non pecou Xob botando renegos contra Deus” (Xob 1:22).

11. a) Cal foi a segunda acusación de Satán con respecto a Xob, e como respondeu Xehová? b) Como reaccionou Xob ante a súa dolorosa enfermidade?

11 Satán non se deu por vencido. Debeu pensar que, aínda que Xob podía soportar a perda das súas posesións, dos seus servos e mesmo dos seus fillos, renegaría de Deus se enfermaba. Xehová permitiulle a Satán ferir a Xob cunha noxenta e dolorosa enfermidade. Pero nin así Xob perdeu a fe en Deus. Pola contra, Xob afirmou: “¡Deica expirar non cederei na miña integridade!” (Xob 27:5).

Xob foi recompensado pola súa fidelidade

12. Como respondeu Xob ó desafío de Satán?

12 Xob non era consciente de que Satán era o causante das súas dificultades. Ó non saber os detalles do desafío de Satán contra a soberanía de Xehová, Xob cría que Deus era a orixe dos seus problemas (Xob 6:4; 16:11-14). Aínda así, mantívose íntegro e leal a Xehová. Ademais, pola súa fidelidade, demostrou que a acusación de Satán de que servía a Deus por egoísmo era falsa (Xob 42:12-17).

13. En que resultou a fidelidade de Xob?

13 A fidelidade de Xob proporcionoulle a Xehová unha resposta contundente ó insultante desafío de Satán. Xob era realmente amigo de Xehová, e Deus recompensou a súa conduta fiel (Xob 42:12-17).

COMO ESTÁS IMPLICADO NO DESAFÍO DE SATÁN?

14, 15. Por que podemos afirmar que o desafío de Satán implica a tódolos seres humanos?

14 A cuestión da integridade que Satán fixo xurdir non foi só contra Xob. Ti tamén estás implicado. A Palabra de Deus así o mostra en Proverbios 27:11, onde se di: “Meu fillo, faime feliz sendo sabio, e terei resposta que dar a quen me aldraxe”. Estas palabras, escritas centos de anos despois da morte de Xob, demostran que Satán é o que principalmente se burla de Deus e acusa os Seus servos. Cando vivimos dunha maneira que agrada a Xehová, en realidade estamos axudando a dar unha resposta ás acusacións falsas de Satán e, ó mesmo tempo, alegramos o corazón de Xehová. Que pensas acerca disto? Non sería marabilloso participar en responder ás acusacións falsas de Satán, aínda que isto signifique facer cambios na túa vida?

15 Satán afirmou: “Por salva-la vida dá o home todo canto ten” (Xob 2:4). Ó dicir “o home”, deixou claro que a súa acusación era contra tódolos seres humanos. Este punto é moi importante. Satán tamén puxo en dúbida a túa integridade e lealdade a Deus. Ó Demo gustaríalle ver como desobedeces a Deus e abandonas o camiño correcto cando tes problemas. Que podería facer Satán para conseguilo?

16. a) Que técnicas usa Satán para intentar que a xente deixe de servir a Deus? b) Como podería o Demo usar estas estratexias na túa contra?

16 Como xa se analizou no capítulo 10, Satán utiliza diversas técnicas para tornar a xente en contra de Deus. Por un lado, ataca “bruando coma un león”, e “anda ó arredor á procura de quen engulir” (1a Pedro 5:8). Vese a influencia de Satán cando amigos, familiares ou outras persoas se opoñen a que estudes a Biblia e poñas en práctica o que aprendes (Xoán 15:19, 20). a Por outro lado, Satán disfrázase de “anxo da luz” (2a Corintios 11:14). O Demo usa estratexias difíciles de detectar para enganarte e facer que deixes de vivir do modo que Deus aproba. Poida que use o desánimo na túa contra, quizais facendo que sintas que non es suficientemente bo para agradar a Deus. Sexa que Satán actúe “bruando coma un león”, ou coma un “anxo da luz”, o seu desafío segue sendo o mesmo: el afirma que, cando teñas problemas ou tentacións, deixarás de servir a Deus. Como podes responder ó seu desafío e demostrar que es fiel a Deus, como foi Xob?

OBEDEZAMOS OS MANDAMENTOS DE XEHOVÁ

17. Cal é a razón principal para obedecer os mandamentos de Xehová?

17 Se vives dunha maneira que agrade a Deus, ti tamén podes contestar ó desafío de Satán. Como? A Biblia responde que deberías servir a Xehová de todo corazón e con toda a túa alma (Xosué 22:5). Segundo medre o teu amor por Deus, o teu desexo de facer o que El pide de ti tamén irá crecendo. O apóstolo Xoán escribiu: “Porque o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos”. Se amas a Xehová con todo o teu corazón, decataraste de que “os mandamentos de Deus non son pesados” (1a Xoán 5:3).

18, 19. a) Cales son algúns dos mandamentos de Xehová? (Consulta o recadro titulado “ Evitemos o que Deus aborrece”.) b) Como sabemos que Deus non pide demasiado de nós?

18 Cales son os mandamentos de Xehová? Algúns deles teñen que ver coa conduta que debemos evitar. Por exemplo, repara no recadro titulado “ Evitemos o que Deus aborrece”. Alí atoparás unha lista de prácticas que a Biblia condena de forma clara. Nunha primeira ollada, quizais algunhas das que aparecen non semellen tan malas. Pero, despois de meditar nas citas bíblicas que se mencionan, seguramente descubras a sabedoría que hai tralas leis de Xehová. Facer cambios no teu modo de vivir probablemente sexa o maior desafío da túa vida. Pero se vives do xeito que agrada a Xehová sentirás gran satisfacción e felicidade (Isaías 48:17, 18). E isto é algo que está ó teu alcance. Como o sabemos?

19 Xehová nunca pide máis do que cada un de nós poida dar (le Deuteronomio 30:11-14). El coñece as nosas capacidades e limitacións moito mellor ca nós (Salmo 103:14). Ademais, Xehová pode darnos as forzas que necesitamos para obedecelo. O apóstolo Paulo escribiu: “Fiel é Deus, que non consentirá que teñades tentacións superiores ás vosas forzas: coa tentación havos dar tamén os medios para poder saír dela” (1a Corintios 10:13). Xehová incluso pode darnos “esa forza tan extraordinaria” que necesitamos para seguir adiante (2a Corintios 4:7). Despois de soportar moitas probas, Paulo puido dicir: “Teño forzas para todo gracias a quen me fai forte” (Filipenses 4:13).

CULTIVEMOS CALIDADES QUE AGRADEN A XEHOVÁ

20. Que calidades que agradan a Deus deberías cultivar, e por que son importantes?

20 Agradar a Xehová implica máis que evitar as prácticas que el desaproba. Tamén deberías amar o que el ama (Romanos 12:9). Non te sentes a gusto na compañía de persoas que comparten as túas opinións, intereses e valores? A Xehová pásalle o mesmo. Por iso, é moi importante que aprendas a amar o que El ama. Algunhas descríbense no Salmo 15, onde lemos acerca daqueles que Deus considera os Seus amigos (le Salmo 15:1-5). Estes manifestan o que a Biblia chama “o froito do Espírito”. Nel inclúense calidades como o “amor, alegría, paz, paciencia, agarimo, bondade, formalidade, mansedume e dominio de si” (Gálatas 5:22, 23).

21. Que che axudará a cultivar calidades que agraden a Deus?

21 Ler e estudar a Biblia de forma regular axudarache a cultivar as calidades que lle agradan a Xehová. Se aprendes o que Deus espera de ti, chegarás a ter a mesma forma de pensar ca El (Isaías 30:20, 21). Canto máis forte sexa o teu amor por Xehová, maior será o teu desexo de vivir dunha maneira que lle agrade.

22. Que conseguirás se vives dunha maneira que lle agrade a Deus?

22 Se queremos vivir dun modo que lle agrade a Xehová, temos que esforzarnos. A Biblia compara este cambio de vida a espirnos da vella personalidade e vestirnos dunha nova (Colosenses 3:9, 10). O salmista enumerou moitos dos beneficios de obedecer os mandamentos de Deus (Salmo 19:8, 9 [19:7, 8NM]). Ti tamén descubrirás que é moi beneficioso vivir da maneira que Xehová aproba. Desta forma, darás unha resposta ó desafío de Satán, e estarás a alegrar o corazón de Xehová.

a Isto non quere dicir que todos aqueles que se opoñan a ti estean controlados por Satán. Pero Satán é o deus deste mundo, é dicir, o mundo está baixo o seu control (2a Corintios 4:4; 1a Xoán 5:19). Por iso podemos esperar que vivir dunha maneira que lle agrade a Xehová sexa algo impopular, e que algúns se opoñan a que o fagas.