Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 19

Manteñámonos no amor de Deus

Manteñámonos no amor de Deus
  • Que implica amar a Deus?

  • Como podemos manternos no amor de Deus?

  • De que xeito recompensará Xehová a quen se manteña no Seu amor?

Farás de Xehová o teu refuxio durante estes tempos de tormenta?

1, 2. Nos nosos días, onde podemos atopar un refuxio seguro?

IMAXINA que estás paseando nun día de tormenta. A cada paso o ceo vira máis negro. Os lóstregos alumean o ceo e sentes o ruído dos tronos; entón comeza a chover a mares. Botas a correr buscando un refuxio e ves un alpendre. Está seco e semella sólido. Canto valoras atopar un refuxio así no medio da treboada, non si?

2 Vivimos en tempos de tormenta. Este mundo vai de mal en peor. Onde poderemos refuxiarnos para non sufrir mal ningún en sentido espiritual e conservar a esperanza de vivir para sempre? Na Biblia lemos estas palabras dirixidas a Xehová: “Meu refuxio, miña forza, meu Deus, en quen confío” (Salmo 91:2).

3. Que debemos facer se queremos que Xehová nos protexa?

3 Pénsao! Xehová mesmo, Creador e Soberano do Universo, pode ser o noso refuxio. Pode protexernos porque é moito máis poderoso que calquera persoa ou cousa que nos ameace. Aínda se nos fan dano, Xehová pode remedialo. Se queremos que Deus nos protexa temos que confiar nel. El mesmo pídenos na Biblia: “Mantédevos no amor de Deus” (Xudas 21). Así é, debemos seguir moi unidos ó noso Pai celestial se queremos manternos no Seu amor, é dicir, para non perder o Seu amor. Podemos estar ben seguros de que El será o noso refuxio. Pero, como podemos conseguir este tipo de relación tan estreita?

RECOÑEZAMOS E AGRADEZAMOS O AMOR DE XEHOVÁ

4, 5. De que diversas maneiras demostrou Xehová canto nos quere?

4 Para manternos no amor de Deus é necesario que entendamos como nos demostra canto nos quere. Por exemplo, pensa nalgunhas das ensinanzas da Biblia que aprendiches coa axuda deste libro. Repara no fermoso fogar que Xehová creou con todo o necesario para que desfrutemos da vida: auga e alimentos abondo, recursos naturais, unha abraiante variedade de animais e fermosas paisaxes. Como autor da Biblia, Deus revelounos como se chama e cales son as súas calidades. A Súa Palabra tamén explica que enviou o seu benquerido Fillo á Terra, e permitiu que sufrise e morrese por nós (Xoán 3:16). Este regalo dános a esperanza dun futuro marabilloso.

5 Pero Xehová fixo algo máis con respecto á nosa esperanza para o futuro. Estableceu un goberno nos ceos, o Reino Mesiánico, que pronto acabará con todo o sufrimento e transformará a Terra nun paraíso. Imaxinas o que podería significar para ti vivir para sempre rodeado de paz e felicidade? (Salmo 37:29) Mentres tanto, Deus proporciónanos a guía que precisamos para vivir as nosas vidas o mellor posible. Tamén pon a oración á nosa disposición, unha liña de comunicación aberta para dirixirnos a El sempre que o precisemos. Esta é unha pequena mostra de todo canto Deus fixo, pola humanidade en xeral e por cada un de nós en particular, para demostrarnos canto nos quere.

6. Como poderías agradecer o amor que Xehová che demostrou?

6 Agora ben, a pregunta que cada un debe facerse é: “Como vou demostrarlle a Xehová canto agradezo o que fixo por min?”. Moitos contestarían: “Teño que amar a Xehová”. É isto o que ti sentes? Xesús explicou que este era o mandamento máis grande de todos: “Amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento” (Mateo 22:37). Seguro que tes moitas razóns para querer a Xehová. Pero, chegará con sentir que un quere a Xehová para poder afirmar que o ama con todo o corazón, a alma e a mente?

7. Abonda con ter certo sentimento de amor por Xehová para poder afirmar que o queremos de verdade?

7 A Biblia explica que amar a Xehová é moito máis que sentir que o queremos. Se ben este sentimento é imprescindible, non é máis que o comezo. Vexamos un exemplo. Todos sabemos que para que unha maceira medre é necesaria unha semente. Pero, como te sentirías se pedises unha mazá e non che desen máis que a semente da maceira? O noso sentimento de amor a Xehová é só o principio e, coma a semente, ten que medrar e dar froito. A Biblia ensina: “O amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados” (1Xoán 5:3). Para que o noso amor por Xehová sexa auténtico ten que dar bos froitos, é dicir, debémolo demostrar con feitos (le Mateo 7:16-20).

8, 9. Como podemos expresarlle a Xehová canto o queremos e o agradecidos que lle estamos?

8 Demostrámoslle a Xehová que o queremos cando obedecemos os seus mandamentos e poñemos en práctica os seus principios. Isto non é tan difícil. De feito, as leis de Xehová non nos quitan liberdade, senón que están pensadas para que sexamos felices e desfrutemos da vida (Isaías 48:17, 18). Cando vivimos deixándonos guiar polo noso Pai celestial, demostramos canto lle agradecemos todo o que leva feito por nós. É unha mágoa, pero poucos o fan. Nós non queremos ser uns desagradecidos, como algunha xente dos tempos de Xesús. A Biblia conta que nunha ocasión Xesús curou a dez leprosos, pero só un volveu para lle dar as grazas (Lucas 17:12-17). Non hai dúbida. Nós queremos ser coma este, e non coma os outros nove.

9 E logo, que mandamentos de Xehová debemos obedecer? Moitos deles xa os aprendemos neste libro, pero repasemos algúns. Se obedecemos os mandamentos de Deus poderemos manternos no Seu amor.

ACHEGUÉMONOS CADA VEZ MÁIS A XEHOVÁ

10. Por que é vital que coñezamos cada vez mellor a Xehová?

10 Para seguir achegándonos a Xehová é vital que o coñezamos cada vez mellor. É un proceso que nunca remata. Imaxina que pasas a noite no monte e vai moito frío. Así que fas lume para quentar o corpo. Non deixarías que esmorecese, verdade? Seguirías a botarlle leña para mantelo vivo porque se non morrerías de frío. Do mesmo xeito, o “coñecemento de Deus” é a “leña” que mantén vivo o noso amor por Xehová (Proverbios 2:1-5).

Coma o lume, o amor por Xehová precisa que o alimentemos para seguir vivo

11. Que efecto tiveron as ensinanzas de Xesús nos seus seguidores?

11 Xesús quería que os seus seguidores mantivesen moi vivo o seu amor por Xehová e a Súa valiosa Palabra. Unha vez resucitado, Xesús explicoulles algunhas profecías das Escrituras Hebreas a dous dos seus discípulos. Eran profecías que se cumpriran nel mesmo. Que efecto conseguiron as súas palabras? Os dous discípulos comentaron: “¿Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las Escrituras?” (Lucas 24:32).

12, 13. a) Con respecto ó amor por Xehová e a Súa Palabra, que é o máis habitual entre a maioría da xente? b) Que podemos facer para que o noso amor non esmoreza?

12 Coma moitos outros, seguro que cando aprendiches as verdades que a Biblia ensina sentiches como o teu corazón se enchía de ledicia, entusiasmo e amor por Xehová. O reto que agora se presenta é manter ese amor moi vivo para que siga medrando. Ningún de nós queremos deixarnos levar pola corrente actual, a cal Xesús predixo cando explicou que o amor da maioría da xente arrefriaría (Mateo 24:12). Como lograremos que o noso amor por Xehová e polas verdades da Biblia non esmoreza?

13 Para conseguilo é imprescindible seguir aprendendo de Xehová e de Xesucristo (Xoán 17:3). Podes reflexionar no que vas aprendendo e preguntarte: “Que me ensina sobre Xehová? Como me axuda a quererlle con todo o meu corazón, alma e mente?” (le Salmo 119:97). Se dedicas tempo a meditar, verás como o teu amor por Xehová ha seguir alumeando moi vivo.

14. Como pode axudarnos a oración a manter vivo o noso amor por Xehová?

14 Tamén mantemos moi vivo o noso amor por Xehová cando lle oramos con frecuencia (1a Tesalonicenses 5:17). No capítulo 17 aprendemos que a oración é un valioso regalo de Xehová. En certo sentido, a nosa relación con El é coma as relacións entre as persoas: fanse máis fortes e afectuosas cando mantemos unha comunicación aberta e sincera. Por iso é fundamental que lle oremos a Xehová regularmente. Non deixemos que as nosas oracións se convertan en algo mecánico, repetindo sempre as mesmas palabras sen pensar nin sentir o que dicimos. Falemos con Xehová coma un neno falaría co seu pai: con respecto, pero con confianza, sinceridade e co corazón na man (Salmo 62:9 [62:8NM]). O noso estudo da Biblia e as nosas oracións sentidas son vitais na nosa adoración, e axúdannos a manternos no amor de Deus.

DESFRUTEMOS DA NOSA ADORACIÓN A XEHOVÁ

15, 16. Por que debemos ver a predicación das boas noticias do Reino como un gran honor e un valioso tesouro?

15 O estudo da Biblia e a oración son parte da nosa adoración en privado. Consideremos unha parte da nosa adoración pública: falar con outros das nosas crenzas. Xa compartiches con outros algunhas das verdades bíblicas que levas aprendido? Entón desfrutaches dun valioso privilexio que Xehová nos concedeu. Cando compartimos cos demais as verdades que aprendemos de Xehová, cumprimos coa importante tarefa da que somos responsables tódolos cristiáns: a predicación das boas noticias do Reino de Deus (le Mateo 24:14; 28:19, 20).

16 Para o apóstolo Paulo, esta responsabilidade era un tesouro moi valioso (2Corintios 4:7). Non hai mellor traballo que falarlles a outros de Xehová e dos Seus propósitos. Así servimos o mellor patrón que poidamos ter, e os beneficios que recibimos son incomparables. Cando predicamos axudamos ás persoas sinceras a achegarse a Xehová e a botar a andar polo vieiro da vida eterna. Ningún outro traballo paga máis a pena. Ó predicar fortalecemos a nosa fe e o noso amor por Deus. El valora moito os nosos esforzos (Hebreos 6:10). Se traballamos arreo, poderemos manternos no Seu amor (le 1Corintios 15:58).

17. Por que é tan urxente que prediquemos?

17 Teñamos presente que a obra de predicar é moi urxente. A Biblia di: “Pregoa a palabra, insiste a tempo e a destempo” (2Timoteo 4:2). Por que tanta urxencia? A Palabra de Deus afirma: “Está cerca o grande día do Señor, próximo e a caer” (Sofonías 1:14). Axiña vai chegar o momento en que Xehová acabe con este mundo perverso. Debemos avisar á xente! Teñen que saber que é o momento de escoller a Xehová como o seu soberano. Queda pouco tempo, a fin “virá e non demorará” (Habacuc 2:3).

18. Por que deberiamos adorar a Xehová publicamente en compañía doutros cristiáns verdadeiros?

18 Xehová quere que o adoremos publicamente xunto cos cristiáns verdadeiros. Por iso pídenos: “E considerémonos uns ós outros de xeito que nos sirvamos de estímulo para o amor e para as boas obras. E non faltedes endexamais á nosa reunión, como fan algúns, senón que nos animemos uns ós outros e tanto máis canto que ollades que está a chegar aquel día” (Hebreos 10:24, 25). Xuntarnos cos nosos compañeiros de crenza nas reunións dános a marabillosa oportunidade de loar e adorar o noso amado Deus, ademais de edificarnos e animarnos.

19. Como podemos estreitar os lazos de amor na congregación?

19 Cando nos relacionamos con outros cristiáns, fortalecemos os lazos de amor e amizade na congregación. Fixémonos no bo dos demais, como Xehová se fixa no mellor de nós. Non esperemos perfección dos nosos compañeiros de crenza. Todos eles se esforzan por ter unha boa relación con Deus, pero cada un de nós está nunha etapa distinta de crecemento espiritual. Lembremos que todos fallamos (le Colosenses 3:13). Se escolles como amigos a persoas que amen a Xehová, a túa espiritualidade medrará. Adorar a Xehová cos nosos irmáns espirituais hanos axudar a manternos no amor de Deus. Como recompensará Xehová a tódolos que sexan fieis e se manteñan no seu amor?

ACADA A “VERDADEIRA VIDA”

20, 21. Que é a “verdadeira vida”, e por que será marabillosa?

20 Xehová recompensará os seus servos fieis coa vida. Pero, que clase de vida? É evidente que estamos vivos, xa que respiramos, comemos e bebemos. E cando desfrutamos de momentos moi felices dicimos: “Isto si que é vida!”. Pero a Biblia ensina que, noutro sentido máis importante, os humanos non vivimos de verdade.

Deus quere que desfrutes da “verdadeira vida”. Lograralo?

21 A Biblia anímanos a que procuremos acadar a “verdadeira vida” con tódalas nosas forzas (1Timoteo 6:19). Segundo estas palabras, a “verdadeira vida” é unha esperanza que veremos cumprida no futuro. Cando sexamos perfectos viviremos a vida a plenitude, tal e como Deus quixo dende o principio. Cando esteamos no Paraíso, con saúde perfecta e rodeados de paz e felicidade, por fin desfrutaremos de vivir a “verdadeira vida”, a vida eterna (1Timoteo 6:12). E logo non é unha esperanza marabillosa?

22. Como conseguirás acadar a “verdadeira vida”?

22 Como conseguiremos acadar a “verdadeira vida”? Na mesma pasaxe, o apóstolo Paulo animou os cristiáns a facer o ben e a estar “enriquecidos en boas obras” (1Timoteo 6:18). Queda claro, entón, que moito dependerá de ata que grao poñamos en práctica as verdades que aprendemos na Biblia. Pero, querería dicir Paulo que facendo boas obras podemos gañar a “verdadeira vida”? Non. Esta esperanza é un regalo que depende da xenerosidade de Xehová, aínda que non a merezamos (Romanos 5:15). Para Xehová é un pracer recompensar a quen o serve con fidelidade. Quere vernos desfrutar da “verdadeira vida”. A tódolos que se manteñan no amor de Deus agárdaos unha vida eterna chea de felicidade e paz.

23. Por que é vital que nos manteñamos no amor de Deus?

23 Faremos ben en preguntarnos: “Estarei adorando a Deus como se expón na Biblia?”. Se nos aseguramos día a día de que así é, imos por bo camiño. Confiemos en que Xehová é o noso refuxio. El ha protexer o seu fiel pobo durante os derradeiros días deste tormentoso mundo. Conduciranos ó glorioso novo mundo que tan cerquiña está. Non será emocionante estar alí para velo? Canto nos alegraremos entón das boas decisións que tomemos agora. Se escolles ben, poderás desfrutar da “verdadeira vida” por toda a eternidade, tal e como Xehová sempre quixo.