CAPÍTULO 11
Por que permite Deus o sufrimento?
-
É Deus o responsable do sufrimento que hai no mundo?
-
Que cuestión xurdiu no xardín de Edén?
-
Como reparará Deus os efectos causados polo sufrimento?
1, 2. A que clase de sufrimentos se enfronta a xente hoxe en día, e que se preguntan moitos?
NUN país devastado pola guerra, miles de mulleres e nenos asasinados foron enterrados nunha fosa común tras unha terrible batalla. Ó redor da fosa, puxéronse centos de pequenas cruces, cada unha delas coa inscrición: “Por que?”. Ás veces, esta é a pregunta que máis dor causa a algunhas persoas, especialmente cando a guerra, os desastres, as enfermidades ou o crime, lévanlles os seus seres queridos, destrúen os seus fogares, ou fan que sufran o indicible dalgunha outra maneira. Queren saber por que lles pasan estas desgrazas.
2 Por que permite Deus o sufrimento? Se Xehová é todopoderoso, amoroso, sabio e xusto, por que está o mundo cheo de odio e inxustiza? Fixécheste algunha vez estas preguntas?
3, 4. a) Por que non está mal preguntarse por que Deus permite o sufrimento? b) Como se sente Xehová ante a maldade e o sufrimento?
3 Estará mal preguntarse por que Deus permite o sufrimento? Algúns pensan que facerse esta pregunta indica que non teñen suficiente fe, ou que lle están a faltar ó respecto a Deus. Pero lendo a Biblia decataraste de que servos fieis de Deus do pasado se fixeron preguntas parecidas. Por exemplo, o profeta Habacuc preguntoulle a Xehová: “¿Por que me fas ve-la iniquidade e me fas contempla-lo crime? Rapina e violencia diante de min: hai rifas e suscítase a disputa” (Habacuc 1:3).
4 Reprendeu Xehová a Habacuc por facer esta pregunta? Non. Pola contra, Xehová incluíu as palabras sinceras do profeta na Súa Palabra inspirada. Ademais, axudou a Habacuc a entender mellor a cuestión e a ter máis fe. Xehová desexa facer o mesmo por ti. Lembra que a Biblia ensina que Deus coida de nós (1a Pedro 5:7). El odia a maldade e o sufrimento que esta provoca moito máis que calquera humano (Isaías 55:8, 9). Entón, por que hai tanto sufrimento no mundo?
POR QUE HAI TANTO SUFRIMENTO?
5. Que explicacións sobre o sufrimento humano poderiamos recibir, pero que ensina a Biblia?
5 Moitas persoas de diferentes relixións acoden ós seus guías relixiosos para que lles expliquen por que Deus permite o sufrimento. E a miúdo a resposta que reciben é que era a vontade de Deus, e que el xa determinou hai moito tempo todo o que pasaría no mundo, incluso as traxedias. Outra das respostas que reciben é que os camiños de Deus son misteriosos, ou que Deus fai que as persoas morran, mesmo os nenos, para levalas con El ó ceo. Non obstante, como xa aprendiches, Xehová non é responsable das cousas malas que suceden. A Biblia afirma: “Abofé que Deus non pode obra-lo mal e que o Omnipotente non torcerá o dereito” (Xob 34:12).
6. Por que moitas persoas cometen o erro de culpar a Deus polo sufrimento que hai no mundo?
6 Sabes por que moita xente comete o erro de culpar a Deus por todo o sufrimento que existe? En moitos casos, culpan ó Todopoderoso porque pensan que en realidade el está a gobernar o mundo. O certo é que descoñecen unha sinxela pero importante verdade que ensina a Biblia: Satán é o que de verdade goberna o mundo, como xa a aprendiches no capítulo 3 deste libro.
7, 8. a) En que sentido é o mundo un reflexo da personalidade do seu gobernante? b) Como contribúen a imperfección e a casualidade ó sufrimento humano?
7 A Biblia di claramente: “O mundo enteiro está nas mans do Maligno” (1a Xoán 5:19). Se o pensas ben, non che cadra que sexa así? Este mundo é un reflexo da personalidade do ser espiritual que está a “extraviar a tódolos homes” (Apocalipse 12:9). Satán está cheo de odio, engano e crueldade. E o mundo é coma el: cheo de odio, engano e crueldade. Esta é unha das razóns polas que hai tanto sufrimento.
8 Outra das razóns é que, como se analizou no capítulo 3, dende a rebelión do xardín de Edén, a humanidade é imperfecta e pecadora. Por iso, temos a tendencia a loitar polo poder, o que resulta en guerras, opresión e sufrimento (Eclesiastés 4:1; 8:9). Unha terceira razón de por que sufrimos é que “a ocasión e a sorte cáenlles por igual a todos” (le Eclesiastés 9:11). É dicir, os imprevistos ocorren, como cando alguén vai pola rúa e cáelle na cabeza a tella dunha casa. Nun mundo sen a protección de Xehová, a xente pode sufrir as consecuencias de atoparse no lugar equivocado no momento menos oportuno.
9. Por que podemos estar seguros de que Xehová ten unha moi boa razón para permitir o sufrimento?
9 Verdade que é animador saber que Deus non é o causante do sufrimento? El non é responsable de nada do que nos fai sufrir, como as guerras, os crimes, os abusos de poder, ou os desastres naturais. Aínda así, seguímonos a preguntar: “Por que permite Xehová todo este sufrimento? Se é o Todopoderoso, en teoría pode acabar con el cando queira. Entón, por que non fai nada?”. Seguro que o noso amoroso Deus ten unha moi boa razón para non actuar (1a Xoán 4:8).
XORDE UNHA IMPORTANTE CUESTIÓN
10. Que puxo en dúbida Satán, e como o fixo?
10 Para saber por que Deus permite que suframos, temos que remontarnos ó momento no que comezou o sufrimento. Cando Satán incitou a Adam e Eva a desobedecer a Xehová, xurdiu unha importante cuestión. Satán non puxo en dúbida o poder de Xehová. El sabe perfectamente que o poder de Deus non ten límites. Máis ben, o que cuestionou foi o dereito a gobernar de Xehová. Cando dixo que Deus era un mentireiro e que privaba de cousas boas ós seus súbditos, Satán afirmou que Xehová era un mal gobernante (le Xénese 3:2-5). Non só iso, senón que ademais asegurou que á xente lle iría moito mellor se Deus non os gobernase. Deste xeito, lanzou un ataque contra a soberanía de Xehová, é dicir, o seu dereito a gobernar.
11. Por que Xehová non eliminou os rebeldes en Edén?
11 Adam e Eva rebeláronse contra Xehová. Foi coma se dixesen: “Non necesitamos que Xehová nos goberne. Podemos decidir por nós mesmos o que está ben e o que está mal”. Como resolvería Xehová esta cuestión? Como demostraría que estes rebeldes estaban equivocados e que a Súa maneira de facer as cousas era a mellor? Alguén podería dicir que Xehová puido eliminar ós rebeldes e empezar de novo. Pero o propósito de Xehová era encher a Terra coa descendencia de Adam e Eva, e que todos vivisen nun paraíso (Xénese 1:28). E Xehová sempre cumpre os seus propósitos (Isaías 55:10, 11). Ademais, eliminar os rebeldes non resolvería a cuestión que xurdira respecto do dereito a gobernar de Xehová.
12, 13. Que exemplo nos axuda a entender por que Xehová permitiu que Satán sexa o gobernante do mundo e que os humanos se gobernen a si mesmos?
12 Imaxina que un profesor está a ensinarlles ós seus alumnos como resolver un problema. Ora ben, un estudante intelixente pero rebelde afirma que a maneira que ten o mestre de resolver o problema é errónea. Ademais, para dar a entender que o profesor non ten nin idea, o estudante insiste en que el coñece unha maneira moito mellor de resolvelo. Algúns dos outros alumnos pensan coma el, e tamén se rebelan. Que debería facer o profesor? Se botase da clase os rebeldes, que pensarían os demais estudantes? Que o seu compañeiro e os que o apoiaron teñen razón, verdade? O resto dos estudantes poderían perderlle o respecto ó profesor, pensando que ten medo de que se demostre que está equivocado. Pero supón que o mestre permite que o alumno rebelde lle mostre á clase como solucionaría el o problema.
13 Xehová actuou de forma parecida ó profesor. Lembra que os rebeldes de Edén non eran os únicos implicados na cuestión. Os anxos estaban observando (Xob 38:7; Daniel 7:10). A maneira como Xehová respondese a esta rebelión afectaría á toda a creación intelixente. Entón, que fixo Xehová? Permitiu que Satán demostrase como gobernaría el a humanidade, e deixou que os humanos se gobernasen a si mesmos baixo a dirección de Satán.
14. Cales son os beneficios de que Xehová deixase que os humanos se gobernasen a si mesmos?
14 O profesor do exemplo sabe que, tanto o alumno rebelde coma os compañeiros que o apoian, están equivocados. Pero tamén entende que, se lles deixa demostrar a súa teoría, o resto da clase se beneficiará. Cando os rebeldes fracasen, os estudantes que sexan honestos verán que o mestre é o único capacitado para dirixir a clase. Tamén entenderán que o profesor bote da aula os estudantes rebeldes. De maneira similar, Xehová sabe que, tanto os anxos fieis coma os humanos que sexan honestos, se beneficiarán ó ver que Satán e os seus demos fracasaron e que os humanos non se poden gobernar a si mesmos. Igual que Xeremías, aprenderán unha verdade fundamental: “Xa sei, Señor, que o home non é dono do seu camiñar, e que ninguén é capaz de marchar e asegura-los seus pasos” (Xeremías 10:23).
POR QUE TANTO TEMPO?
15, 16. a) Por que Xehová permite o sufrimento dende hai tanto? b) Por que Deus non impide que ocorran cousas terribles?
15 Por que permite Xehová que exista o sufrimento dende hai tanto? E por que non impide que pasen cousas malas? Pensa en dúas cousas que o profesor do exemplo non faría. Primeiro, non lle impediría ó estudante rebelde que expuxese a súa solución. E segundo, tampouco lle axudaría a resolver o problema. De igual maneira, hai dúas cousas que Xehová decidiu non facer. Primeiramente, non detivo a Satán e os seus seguidores de tratar de demostrar se tiñan razón. O certo é que era necesario que pasase algún tempo. Durante miles de anos, a humanidade tivo a oportunidade de probar todo tipo de goberno. É verdade que hai grandes avances en campos como a ciencia, pero as inxustizas, a pobreza, os crimes e as guerras van a máis. Queda claro que a gobernación humana é un fracaso.
16 Por outro lado, Xehová nunca axudou a Satán a gobernar o mundo. Se Deus impedise, por exemplo, os crimes, non estaría en realidade apoiando os rebeldes? Verdade que poderiamos chegar a pensar que en realidade os humanos podemos gobernarnos sen pagar as desastrosas consecuencias? Se Xehová actuase desta maneira, estaríase a converter en cómplice dunha mentira. Non obstante, é imposible que Deus minta (Hebreos 6:18).
17, 18. Que fará Xehová con todo o dano feito polos gobernos humanos e a influencia de Satán?
17 Pero, que se pode dicir de todo o dano que se ten feito durante a longa rebelión contra Deus? Lembra que Xehová é todopoderoso. Polo tanto, pode desfacer todo o dano que o sufrimento causou á humanidade, e así o vai facer. Como xa aprendemos, Deus reparará tódolos estragos do noso planeta cando converta a Terra nun paraíso. Grazas á fe no sacrificio de rescate de Xesús, desaparecerán as consecuencias do pecado, e a resurrección eliminará os efectos da morte. Desta maneira, Deus utilizará a Xesús “para acabar coas obras do demo” (1a Xoán 3:8). Xehová realizará todo isto no momento apropiado. Que agradecidos estamos de que non actuase antes, verdade? A súa paciencia dános a oportunidade de aprender a verdade e servilo (le 2a Pedro 3:9, 10). Mentres tanto, Deus está buscando as persoas que desexan adoralo, e axúdalles a aguantar calquera clase de sufrimento que poidan ter neste mundo cheo de problemas (Xoán 4:23; 1a Corintios 10:13).
18 Poida que alguén se pregunte: “Pero, non se podería ter evitado todo este sufrimento se Adam e Eva tivesen sido creados de tal forma que non puidesen rebelarse?”. Para contestar esta pregunta, é necesario que lembres un marabilloso regalo que Xehová che deu.
COMO USARÁS O REGALO QUE DEUS CHE DEU?
19. Que marabilloso regalo nos deu Xehová, e por que deberiamos valoralo?
19 Como vimos no capítulo 5, os humanos fomos creados con libre albedrío. Dáste de conta do valor deste regalo? Deus creou moitísimos animais, pero todos se guían principalmente polo seu instinto. O ser humano tamén ten fabricado robots que poden programarse para seguir calquera orde. Cres que seriamos felices se Deus nos tivese feito coma eles? Claro que non! Por iso estamos agradecidos de ter a liberdade de elixir que clase de persoa seremos, que camiño na vida escolleremos, ou que amigos teremos. Verdade que estamos encantados de ter esta clase de liberdade? Deus quere que desfrutemos dela.
20, 21. Como podemos usar o regalo do libre albedrío da mellor forma posible, e por que deberiamos querer facelo?
20 Xehová non quere que o sirvamos por obrigación (2a Corintios 9:7). Pensa no seguinte exemplo. Que lle gustaría máis a un pai: que o seu fillo lle dixese “Quérote moito, papaíño” porque lle din que o faga, ou porque lle sae do corazón? Así que a cuestión é como usarás ti o libre albedrío que Xehová che deu. Satán, Adam, e Eva escolleron a peor forma posible de usar a súa liberdade: renegaron de Xehová. E ti, que farás?
21 Tes a oportunidade de usar o regalo do libre albedrío da mellor maneira posible. Podes unirte ós millóns de persoas que xa se puxeron do lado de Xehová. Todos eles alegran a Deus porque demostran que Satán é un mentireiro e un fracaso como gobernante (Proverbios 27:11). Ti tamén podes facelo se escolles o camiño correcto, como se explicará no seguinte capítulo.