Ir ó contido

Ir ó índice

APÉNDICE

A profecía de Daniel predí a chegada do Mesías

A profecía de Daniel predí a chegada do Mesías

O PROFETA Daniel viviu máis de cincocentos anos antes de que Xesús nacese. Non obstante, Xehová reveloulle a Daniel información que permitiría saber a data na que Xesús sería unxido, ou designado, como Mesías, ou Cristo. A Daniel díxoselle o seguinte: “Trata de saber e comprender: desde o momento en que saíu a orde de reconstruír Xerusalén ata o Príncipe unxido pasarán sete semanas. Durante sesenta e dúas semanas construiranse de novo as prazas e mailos foxos” (Daniel 9:25).

Para descubrir cando chegaría o Mesías, primeiro temos que saber a data na que se empezaría a contar o tempo ata o Mesías. Segundo a profecía, hai que contar “desde o momento en que saíu a orde de reconstruír Xerusalén”. E cando “saíu a orde”? De acordo co escritor bíblico Nehemías, a orde de reconstruír Xerusalén saíu no “vixésimo ano do rei Artaxerxes” (Nehemías 2:1, 5-8). Os historiadores confirman que o rei Artaxerxes comezou a reinar no ano 474 a. n. e. (antes da nosa era). Polo tanto, o ano vixésimo do seu reinado foi o 455 a. n. e. Así que xa sabemos o punto de partida da profecía mesiánica de Daniel: o ano 455 a. n. e.

Daniel indica canto tempo pasaría desde ese momento ata a chegada do “Príncipe unxido”, ou Mesías. A profecía di que serían “sete semanas” e “sesenta e dúas semanas”, en total 69 semanas. Canto duraría este período de tempo? Moitas traducións da Biblia mencionan que estas son semanas de sete anos, non semanas de sete días. Os xudeus antigos coñecían ben este concepto de semanas de anos. Por exemplo, observaban un ano sabático cada sete anos (Éxodo 23:10, 11). Polo tanto, a profecía suma un total de 69 semanas de sete anos cada unha, é dicir, 483 anos.

Agora só hai que botar contas. Partindo do ano 455 a. n. e., temos que contar 483 anos, o que nos leva ó ano 29 n. e. Foi exactamente nese ano cando Xesús foi bautizado e chegou a ser o Mesías (Lucas 3:1, 2, 21, 22). * Verdade que é impresionante o cumprimento desta profecía bíblica?

^ par.2 Desde o ano 455 a. n. e. ata o 1 a. n. e. van 454 anos. Como non existe o ano cero, desde o 1 a. n. e. ata o 1 n. e. vai un ano. E desde o 1 n. e. ata o 29 n. e. van 28 anos. A suma destas cantidades fai un total de 483 anos. A Xesús matárono no ano 33 n. e., durante a septuaxésima semana de anos (Daniel 9:24, 26). Podes consultar o capítulo 11 do libro Prestemos atención a las profecías de Daniel, e as páxinas 1014 a 1017 da obra Perspicacia para comprender las Escrituras, volume 2, ambos publicados polas testemuñas de Xehová.