Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 15

Que adoración aproba Deus?

Que adoración aproba Deus?
  • Aproba Deus tódalas relixións?

  • Como podemos recoñecer a relixión verdadeira?

  • Quen son os verdadeiros adoradores de Deus?

1. Como nos beneficiará adorar a Deus do xeito que el quere?

XEHOVÁ preocúpase por nós e quere que nos beneficiemos da súa guía amorosa. Se o adoramos do xeito que el quere, seremos felices e aforrarémonos moitos problemas. E non só iso, senón que tamén recibiremos a súa axuda e a súa bendición (Isaías 48:17). Agora ben, hai centos de relixións que aseguran ensinar a verdade sobre Deus, moitas das cales ofrecen diferentes explicacións respecto a como é Deus e o que espera de nós.

2. Como podemos saber cal é o xeito correcto de adorar a Xehová, e que exemplo nos axuda a entender isto?

2 Como podes saber cal é o xeito correcto de adorar a Xehová? Non tes por que estudar cada unha das ensinanzas de tódalas relixións que existen. Con aprender o que a Biblia realmente ensina sobre a adoración verdadeira é suficiente. Pensa no seguinte exemplo. Imaxínate que che encargan o traballo de separar os billetes auténticos dos falsos. Como o farías? Memorizando cada unha das falsificacións? Non. O máis sinxelo sería aprender a identificar os billetes auténticos; e así cando atopases un que non o é, recoñeceríalo decontado. De xeito parecido, se aprendes a identificar a relixión verdadeira, decontado poderás distinguir que relixións son falsas.

3. Segundo dixo Xesús, que temos que facer para obter a aprobación de Deus?

3 Ten moita importancia que adoremos a Xehová do xeito que el aproba. Moitos pensan que Deus acepta tódalas relixións, pero isto non é o que ensina a Biblia. Tampouco chega con que alguén afirme ser cristián. Xesús dixo: “Non todo o que me di: ‘¡Señor! ¡Señor!’ entrará no Reino dos Ceos, senón o que fai a vontade do meu Pai celestial”. Polo tanto, para obter a aprobación de Deus temos que aprender o que El pide de nós, e facelo. Xesús dixo que os que non facían a vontade de Deus eran practicantes do mal (Mateo 7:21-23). A relixión falsa é coma os billetes falsos: non ten valor ningún. Aínda peor, pode facer moito mal.

4. Que significan os dous camiños que mencionou Xesús, e a onde leva cada un deles?

4 Xehová dános a todos a oportunidade de vivir para sempre nun paraíso na Terra. Pero para conseguilo temos que adorar a Deus como el quere, e vivir xa dende agora dun xeito que lle agrade. Tristemente, moitos néganse a facelo, e por iso Xesús dixo: “Entrade pola porta estreita. Porque ancha é a porta e espacioso o camiño que leva á perdición, e son moitos os que entran por el. Pero ¡que estreita é a porta e que apretado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles!” (Mateo 7:13, 14). A relixión verdadeira leva á vida eterna, mentres que a falsa leva á destrución. Xehová non quere que ninguén sexa destruído, e por iso ofrece a todo o mundo a oportunidade de aprender sobre el (2Pedro 3:9). Por iso, a forma de adoración a Deus que elixamos pode levarnos á vida ou á morte.

COMO RECOÑECER A RELIXIÓN VERDADEIRA?

5. Como podemos recoñecer ós que practican a adoración verdadeira?

5 Como poderemos atopar o camiño que leva á vida? Xesús dixo que sería evidente quen practicaba a relixión verdadeira pola súa forma de vida. “Polos seus froitos coñecerédelos”, dixo Xesús. “Así, toda árbore de boa caste produce froitos xeitosos” (Mateo 7:16, 17). É dicir, poderiamos recoñecer ós que practican a relixión verdadeira polas súas crenzas e a súa conduta. Aínda que son imperfectos e se equivocan, os auténticos adoradores de Deus intentan levar a cabo a Súa vontade. Vexamos seis características que identifican os que practican a relixión verdadeira.

6, 7. Que pensan da Biblia os verdadeiros adoradores de Deus, e que exemplo lles puxo Xesús a este respecto?

6 Os verdadeiros adoradores de Deus basean as súas ensinanzas na Biblia. A Biblia di: “Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para corrixir, para enmendar, para educar na xustiza. Dese xeito, o home [ou muller] de Deus tórnase perfecto e competente para toda obra boa” (2Timoteo 3:16, 17). O apóstolo Paulo escribiulles ós seus compañeiros cristiáns: “Ó recibirdes de nós a palabra de Deus, acolléstela non coma palabra de homes senón coma o que verdadeiramente é: coma palabra de Deus” (1Tesalonicenses 2:13). Polo tanto, as ensinanzas e prácticas da relixión verdadeira non están baseadas nas crenzas ou nas tradicións humanas. Teñen a súa orixe na Palabra inspirada de Deus, a Biblia.

7 Xesús mesmo puxo o exemplo ó basear as súas ensinanzas na Palabra de Deus. Díxolle en oración ó seu Pai: “A túa palabra é verdade” (Xoán 17:17). Xesús cría na Palabra de Deus, e todo o que ensinaba baseábase nas Escrituras. De feito, xusto antes de citar delas, moi a miúdo dicía: “Está escrito” (Mateo 4:4, 7, 10). De xeito parecido, hoxe en día os servos de Deus non ensinan as súas propias ideas. Cren que a Biblia é a Palabra de Deus, e basean as súas ensinanzas no que esta di.

8. Que inclúe adorar a Xehová?

8 Os que practican a relixión verdadeira adoran só a Xehová e dan a coñecer o Seu Nome. Xesús sinalou: “Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto” (Mateo 4:10). Polo tanto, os servos de Xehová só o adoran a El, o que inclúe ensinar a outros cal é o Seu Nome e como é a Súa personalidade. Isaías 42:8 menciona: “¡Eu, Iavé, este é o meu Nome! A miña gloria a outro non lla dou; nin a miña louvanza ós ídolos”. Xesús mesmo puxo o exemplo en axudar a outros a coñecer a Deus, tal e como dixo en oración: “Eu manifestéille-lo teu nome e llelo seguirei manifestando” (Xoán 17:26). De igual maneira, os auténticos adoradores de Xehová ensinan a outros o Nome de Deus, os Seus propósitos e as Súas calidades.

9, 10. De que xeitos mostran amor polos demais os auténticos cristiáns?

9 Os servos de Deus quérense uns ós outros de maneira sincera e desinteresada. Xesús dixo: “Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros” (Xoán 13:35). Os primeiros cristiáns demostraron este tipo de amor. O verdadeiro amor non sabe de razas, diferenzas sociais ou barreiras nacionais, senón que une as persoas nunha verdadeira irmandade (le Colosenses 3:14). Esta clase de amor non existe entre os membros das relixións falsas. Por que o sabemos? Porque se matan uns ós outros a causa de rifas políticas ou étnicas. Ademais, os auténticos cristiáns non van á guerra para matar a outros, sexan cristiáns ou non. A Biblia afirma: “Nisto é onde se ven os que son fillos de Deus e os que son fillos do demo. Quen non fai o que é xusto, isto é, quen non quere ben a seu irmán, non vén de Deus. Porque esta é a mensaxe que oístes desde o comezo: que nós nos amemos uns ós outros. Non coma Caín, que, vindo da caste do demo, degolou a seu irmán” (1Xoán 3:10-12; 4:20, 21).

10 Con todo, o verdadeiro amor implica máis que non matar a outros. Os auténticos cristiáns empregan de maneira desinteresada o seu tempo, as súas enerxías e os seus recursos para axudar e animar a outras persoas (Hebreos 10:24, 25). Miran uns polos outros cando hai problemas, e son honrados. De feito, aplican na súa vida o consello bíblico de facer o ben a todos (Gálatas 6:10).

11. Por que é importante que aceptemos a Xesús como o medio que Xehová utiliza para salvarnos?

11 Os auténticos cristiáns aceptan a Xesús como o medio que Xehová utiliza para salvarnos. A Biblia di: “En ningún outro hai salvación, porque non hai ningún outro nome baixo do ceo, dado ós homes, no que nos poidamos salvar” (Feitos 4:12). Como vimos no capítulo 5, Xesús deu a súa vida como rescate polas persoas que sexan obedientes (Mateo 20:28). Ademais, Xehová nomeouno rei do Reino celestial que gobernará a Terra. Por iso Deus quere que obedezamos a Xesús e poñamos en práctica as súas ensinanzas. Só así poderemos ter vida eterna. Como di a Biblia: “Quen cre no Fillo, ten vida eterna; pero quen non obedece ó Fillo non verá a vida” (Xoán 3:36).

12. Que significa non ser parte deste mundo?

12 Os verdadeiros adoradores de Deus non son parte deste mundo. Cando estaba a ser xulgado polo gobernador romano Pilato, Xesús afirmou: “O meu reino non é deste mundo” (Xoán 18:36). Sen importar en que país vivan, os seguidores de Xesús son súbditos do Reino de Deus. Por iso non andan metidos nos asuntos e conflitos políticos deste mundo, senón que son totalmente neutrais. Non obstante, respectan os que se afilian a un partido político, votan, ou mesmo se presentan como candidatos electorais. Aínda que os verdadeiros adoradores de Deus son neutrais nos asuntos políticos, sempre cumpren a lei. Por que? Porque un dos mandamentos da Palabra de Deus é que debemos someternos ás autoridades (Romanos 13:1). Pero cando hai un conflito entre o que Deus manda e o que os gobernos esixen, os auténticos adoradores de Deus seguen o exemplo dos apóstolos. Eles dixeron: “Cómpre obedecer a Deus antes cós homes” (Feitos 5:29; Marcos 12:17).

13. Que pensan os verdadeiros seguidores de Xesús sobre o Reino de Deus, e que fan ó respecto?

13 Os verdadeiros seguidores de Xesús predican que o Reino de Deus é a única esperanza para a humanidade. Xesús predixo: “Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes para dar testemuño a tódolos pobos. Entón será a fin” (Mateo 24:14). No canto de animar á xente a que confíe nos gobernos humanos para resolver os seus problemas, os verdadeiros seguidores de Xesús proclaman o Reino de Deus como a única esperanza para a humanidade (Salmo 146:3). Xesús ensinounos a pedir por ese goberno cando dixo: “Veña o teu Reino, fágase a túa vontade así na terra coma no ceo” (Mateo 6:10). A Palabra de Deus predí que este Reino celestial “destruirá e acabará con todos estes reinos, e el subsistirá para sempre” (Daniel 2:44; Apocalipse 16:14; 19:19-21).

14. Que relixión pensas que reúne as características que identifican a adoración verdadeira?

14 O que acabamos de analizar dá que pensar. Que relixión basea tódalas súas ensinanzas na Biblia e dá a coñecer o Nome de Deus? Que grupo relixioso demostra verdadeiro amor, ten fe en Xesús, non é parte deste mundo, e predica que o Reino de Deus é a única esperanza para a humanidade? De tódalas relixións que hai na Terra, cal delas reúne todas estas características? Os feitos demostran que son as testemuñas de Xehová (le Isaías 43:10-12).

QUE FARÁS TI?

15. Ademais de crer que existe, que pide Deus de nós?

15 Para agradarlle a Deus non chega con crer que existe, xa que ata os demos o cren (Santiago 2:19). Pero está claro que non fan a vontade de Deus e non contan coa súa aprobación. Para contar coa aprobación de Deus, non só debemos crer na súa existencia, tamén debemos facer a súa vontade. Ademais, temos que separarnos da relixión falsa e abrazar a adoración verdadeira.

16. Que actitude debemos ter respecto á relixión falsa?

16 O apóstolo Paulo mostrou que non debemos ter nada que ver coa adoración falsa cando escribiu: “Saíde do medio desa xente, afastádevos, non toquéde-lo que é impuro, e eu acollereivos” (2Corintios 6:17; Isaías 52:11). Polo tanto, os cristiáns verdadeiros evitan todo o relacionado coa adoración falsa.

17, 18. Que é a “gran Babilonia”, e por que deberiamos saír dela o antes posible?

17 A Biblia ensina que tódalas relixións falsas forman parte da “gran Babilonia” (Apocalipse 17:5). * Este nome recórdanos a antiga Babilonia, a cidade onde, tralo diluvio dos días de Noé, se orixinou a relixión falsa. Moitas das prácticas e ensinanzas comúns nas relixións falsas xurdiron en Babilonia hai moito tempo. Por exemplo, os babilonios adoraban trindades de deuses, e hoxe en día a ensinanza principal de moitas relixións é a Trindade. Pero a Biblia ensina claramente que só hai un Deus verdadeiro, Xehová, e que Xesucristo é o Seu Fillo (Xoán 17:3). Os babilonios tamén crían que temos unha alma inmortal que, cando morremos, pode ir a un lugar de tormento. E hoxe en día moitas relixións ensinan que a alma é inmortal, e que pode sufrir no inferno.

18 Como a adoración que se practicaba na antiga cidade de Babilonia se espallou por toda a Terra, a Gran Babilonia é un símbolo axeitado do conxunto de relixións falsas deste mundo. Pero, tal e como Deus predixo, todas estas relixións falsas serán destruídas de súpeto. Entendes por que é tan importante que te separes de todo o que forme parte da Gran Babilonia? Xehová quere que saias dela o antes posible, mentres aínda quede tempo (le Apocalipse 18:4, 8).

Se serves a Xehová co Seu pobo, gañarás moito máis do que poidas perder

19. Que gañarás se decides servir a Xehová?

19 Poida que, cando abandones a relixión falsa, algúns te dean de lado. Pero, se serves a Xehová co Seu pobo, gañarás moito máis do que poidas perder. Os primeiros cristiáns deixaron atrás moitas cousas para seguir a Xesús, pero chegaron a ter moitos irmáns e irmás espirituais. A ti pasarache o mesmo. De feito, formarás parte dunha familia mundial de cristiáns verdadeiros que te quererán de verdade. E terás a marabillosa esperanza de vivir para sempre “no mundo futuro” (le Marcos 10:28-30). Poida que, dentro dalgún tempo, aquelas persoas que agora te abandonen a causa das túas novas crenzas aprendan o que ensina a Biblia e cheguen a servir a Xehová.

20. Como será o futuro dos que practiquen a relixión verdadeira?

20 A Biblia ensina que moi pronto Deus acabará con este mundo malvado, e o substituirá por un mundo novo e xusto gobernado polo Seu Reino (2Pedro 3:9, 13). Que mundo tan marabilloso será este! Só haberá unha relixión, unha única adoración verdadeira. Non pensas que sería sabio que deses os pasos necesarios para relacionarte desde agora cos verdadeiros servos de Deus?

^ par.17 Se desexas máis información sobre por que a Gran Babilonia representa o conxunto de relixións falsas, podes consultar o apéndice titulado “Que é ‘a gran Babilonia’?”.