Ir ó contido

Ir ó índice

Os demos afirman falsamente que os mortos están vivos

Os demos afirman falsamente que os mortos están vivos

A Biblia di que Satanás “fai extraviar a tódolos homes” (Apocalipse 12:9). Satanás e os seus demos non queren que creamos o que di a Palabra de Deus, a Biblia. Intentan facer que a xente crea que os mortos están vivos nalgún lugar na rexión dos espíritos. Imos ver como o fan.

Relixión falsa

Todos —seres humanos, animais, peixes e aves— son almas

Moitas relixións ensinan que tódolos humanos temos unha alma que pasa á rexión dos espíritos despois da morte do corpo físico. Din que o corpo morre, pero que a alma non. De feito, afirman que a alma non pode morrer porque é inmortal.

Pero a Palabra de Deus non ensina tal cousa. A Biblia explica que a alma é a propia persoa, non algo dentro dela. Por exemplo, ó describir a creación de Adam, a Biblia di: “E o Señor Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva [ou ‘alma viva’, TNM, nota] (Xénese 2:7). De modo que a Adam non se lle deu unha alma, el era unha alma.

A Biblia tamén di que os animais son almas (Xénese 1:20, 21, 24, 30, TNM).

A Palabra de Deus explica que, cando unha persoa morre, ningunha parte dela segue vivindo. Como a persoa está morta non pode facer nada para influír nos vivos. A Biblia di:

  • “A persoa que peque, esa é a que morrerá” (Ezequiel 18:4).

  • “Non desacougues se alguén se enriquece e aumenta os bens da súa casa, pois nada levará consigo cando morra nin a súa riqueza irá tras el” (Salmo 49:17, 18 [49:16, 17, TNM]).

  • “Vaise deles o alento, e retornan á terra, e con eles esvaecen os seus proxectos” (Salmo 146:4).

A Biblia ensina que a alma non é inmortal

Outros textos explican que, igual que morre un animal, morre un humano (Eclesiastés 3:19, 20). As persoas que morreron non son conscientes de nada en absoluto (Eclesiastés 9:5, 10). Polo tanto, ningunha parte da persoa continúa vivindo despois de morrer.

Se les a Biblia dende o principio ata o final, verás que en ningún sitio di que os mortos estean vivos nalgún outro lugar. Cando unha persoa morre non se converte nun espírito. A ensinanza de que hai un lugar onde van os espíritos dos mortos non aparece na Biblia. É unha ensinanza que promoven Satanás e os seus demos. Xehová odia as mentiras que contan as relixións falsas (Proverbios 6:16-19; 1 Timoteo 4:1, 2).

Médiums espiritistas

Os demos finxen ser espíritos de defuntos

Satanás tamén extravía a xente a través dos médiums. Un médium é unha persoa que pode recibir mensaxes directamente do mundo dos espíritos. Moitísimas persoas, entre elas os propios médiums, cren que estas mensaxes veñen de espíritos de defuntos. Pero, como vimos na Biblia, tal cousa é imposible (Eclesiastés 9:5, 6, 10).

Entón, de quen veñen esas mensaxes? Dos demos! Os demos poden observar a alguén cando está vivo; saben como falaba esa persoa, lembran a súa aparencia, o que fixo e o que sabía. Por iso, para eles é fácil imitar as persoas que morreron (1 Samuel 28:3-19).

Contos falsos

Satanás tamén promove mentiras sobre os mortos mediante contos falsos. Moitas veces estes contos fan que as persoas se afasten da verdade bíblica (2 Timoteo 4:4).

Algúns cren que viron persoas que volveron de entre os mortos

En África escóitanse moitas historias sobre persoas que apareceron vivas despois de morrer. Normalmente dise que apareceron nalgún lugar moi lonxe de onde viviron. Pero, pensa nisto. Se unha persoa tivese o poder de volver de entre os mortos, retornaría a un lugar que estivese lonxe da súa familia e amigos? Non sería máis lóxico pensar que volvería onda eles?

Ademais, non podería ser que a persoa que alguén viu simplemente se parecese moito ó defunto? Por exemplo, dous ministros cristiáns que predicaban nunha zona rural notaron que un home maior os seguía. Foi detrás deles durante horas. Cando lle preguntaron por que os seguía, decatáronse de que aquel home pensaba que un deles era un irmán seu que morrera anos atrás. Evidentemente non era así, pero o home negábase a crer que estivese equivocado. Imaxina o que lles contaría despois aquel home ós seus amigos e veciños!

Visións, soños e voces

Os demos extravían mediante soños, visións e voces

É probable que oíses falar de cousas raras que a xente viu, oíu ou soñou. Polo xeral esas experiencias sobrenaturais asustan a quen as ten. Marein, que vivía en África occidental, adoitaba oír a voz da súa defunta avoa chamándoa pola noite. Aterrada, Marein berraba e espertaba a toda a familia. Co tempo, perdeu a cabeza.

Pero, se os mortos en realidade estivesen vivos, sería razoable que aterrorizasen os seus seres queridos? Claro que non. A fonte dese tipo de mensaxes son os demos.

E que podemos dicir das mensaxes que parecen útiles e tranquilizadoras? Por exemplo, estando enferma, Gbassay de Serra Leoa, tivo un soño no que se lle apareceu o seu defunto pai. El díxolle que collese unha folla de certa árbore, a mesturase con auga e bebese a mestura. Non debía falar con ninguén antes de facer aquilo. Ela seguiu as instrucións e curou.

Outra señora dixo que o seu defunto marido se lle apareceu certa noite. Ela contou que tiña moi bo aspecto e levaba roupa elegante.

Veñen de Deus esas mensaxes e visións que parecen boas e útiles? Non, non veñen del. Xehová é “o Deus da verdade” (Salmo 31:6 TNM). Nunca faría nada para enganarnos. Só os demos fan iso.

Entón, haberá demos bos? Non. Aínda que ás veces dean a imaxe de querer axudar, todos son malos. Cando Satanás falou con Eva, parecía amigable (Xénese 3:1). Pero, que lle pasou cando lle fixo caso? Morreu.

Satanás díxolle a Eva que non morrería. Ela fíxolle caso, pero ó final morreu

Non é raro que unha persoa mala sexa amigable coas persoas ás que quere enganar ou roubar. Un proverbio africano di: “Dentes brancos, corazón negro”. E a Palabra de Deus di: “O mesmo Satanás se disfraza de anxo da luz” (2 Corintios 11:14).

Deus xa non se comunica coas persoas que viven na Terra mediante soños, visións nin voces sobrenaturais. El guía e instrúe a xente mediante a Biblia. Este libro pode facer que alguén sexa “competente para toda obra boa” (2 Timoteo 3:17).

Por iso, cando Xehová nos advirte das maquinacións do Demo, faino porque nos quere. El sabe que os demos son inimigos perigosos.