Ir ó contido

Ir ó índice

Os demos fomentan a rebelión contra Deus

Os demos fomentan a rebelión contra Deus

Algúns costumes baséanse na mentira de que os mortos poden vernos

Pero, por que se esforzan tanto Satanás e os seus demos por enganar a xente? Porque queren que nos unamos á súa rebelión. Queren que os adoremos a eles. Queren que creamos as súas mentiras e que practiquemos cousas que a Xehová non lle gustan. Moitas destas prácticas están conectadas con costumes relacionados cos mortos.

A morte dun ser querido é unha experiencia moi dolorosa. Nesa situación é normal e axeitado expresar dor. Por exemplo, cando morreu o seu amigo Lázaro, Xesús “botouse a chorar” (Xoán 11:35).

En todo o mundo hai moitos costumes relacionados cos mortos e estes varían dun lugar a outro. Moitos non están en conflito cos principios bíblicos. Con todo, moitos outros baséanse na idea de que os mortos están vivos e poden vernos. Os velorios, o dó esaxerado e as cerimonias funerarias moi elaboradas teñen as súas raíces no medo a desagradar ós defuntos. Pero, tendo en conta que os mortos “non saben xa máis nada”, os que practican estas cousas promoven a mentira de Satanás (Eclesiastés 9:5).

Outros costumes teñen como base a mentira de que os mortos precisan da nosa axuda

Outros costumes ou cerimonias veñen da crenza de que os mortos precisan da axuda dos vivos e que lles farán dano se non os tranquilizan. Nalgúns países celébranse banquetes e sacrificios 40 días ou un ano despois da morte dunha persoa. Pensan que isto axudará ó defunto a “cruzar” á rexión dos espíritos. Outra práctica común é ofrecerlles alimento e bebida ós mortos.

Estas prácticas están mal porque promoven as mentiras de Satanás sobre os mortos. Aprobaría Xehová que teñamos algo que ver con costumes baseados nos ensinos dos demos? Claro que non! (2 Corintios 6:14-18).

Os servos do Deus verdadeiro non participan en ningunha práctica que apoie as mentiras de Satanás. En lugar diso, centran os seus esforzos en axudar e consolar os vivos. Saben que, unha vez que alguén morre, só Xehová pode axudar a esa persoa (Xob 14:14, 15).

Deus condena o espiritismo

Algunhas persoas comunícanse cos demos directamente ou a través dun médium humano. Esta práctica chámase espiritismo. O vodú, a bruxería, a maxia, a adiviñación e consultar os mortos son diferentes formas de ocultismo.

Deus está en contra destas cousas malas. El quere que lle deamos devoción exclusiva (Éxodo 20:5)

A Biblia condena todas estas prácticas ó dicir: “Non se atopará en ti quen [...] prediga adiviñacións, quen faga encantamentos, quen lea as sortes nos astros, quen se dea á bruxería, encantadores de feitizos, quen faga preguntas ó espírito dos mortos e ó que ten o espírito adiviño dos mortos, quen consulte ós mortos. Xa que todo aquel que practique estas cousas é unha abominación para o Señor” (Deuteronomio 18:10-12).

Por que nos advirte Xehová contra estas prácticas dunha forma tan rotunda?

Faino para o noso propio ben. Xehová advírtenos contra toda forma de ocultismo porque é un Deus amoroso que se interesa por nós. El sabe que as persoas que se relacionan de calquera xeito cos demos terminan sufrindo.

Unha desas persoas foi Nilda, unha médium espiritista do Brasil. Os demos fixéronlle a vida imposible. Ela comenta: “Os espíritos [...] posuíanme e dominábanme. Alternaba entre os estados consciente e inconsciente. E fun internada debido a problemas psiquiátricos. Os demos perseguíronme tanto que acabei mal dos nervios. Empecei a tomar calmantes e a beber e fumar constantemente. Isto durou anos”.

Ós que practican o espiritismo adóitalles ir mal. Poden perder o fogar, a liberdade e incluso a vida

Tempo máis tarde, coa axuda de Xehová e das súas testemuñas, Nilda liberouse da influencia dos demos e agora vive unha vida tranquila e feliz. Ela di: “Recoméndolle a todo o mundo que nunca, nin por un instante, teña nada que ver cos malos espíritos”.