Ir ó contido

Ir ó índice

Introdución

Introdución

“Crieime nunha aldeíña da Provincia do Norte —relata Dauda, de Serra Leoa—. En certa ocasión, cando era cativo, houbo unha disputa entre os meus parentes e outra familia por causa dun terreo. As dúas familias dicían que aquela terra era súa. Para resolver o asunto chamaron un feiticeiro. El puxo un espello nas mans doutro home e entón cubriuno cunha tea branca. Pouco tempo despois o home cuberto pola tea empezou a tremer e suar. Mirou no espello e exclamou: ‘Vexo un home de moita idade que se achega! Está vestido de branco. É alto e vello, ten o pelo cano e camiña un pouco dobrado’.

”Estaba describindo a meu avó! O home púxose histérico e gritou: ‘Se non credes o que estou a dicir, vide e védeo vós mesmos!’. Por suposto, ninguén se atreveu a ir. O feiticeiro calmou o home salpicándoo cunha mestura máxica de follas e auga que levaba nunha cabaza.

”O ‘avó’ dixo mediante o home do espello que o terreo era da nosa familia. Díxolle á miña avoa que podía cultivalo sen preocuparse. A outra familia aceptou a decisión e a cuestión quedou resolta.”

Experiencias dese tipo son comúns en África occidental. Alí, como noutras partes do mundo, millóns de persoas cren que os defuntos pasan ó mundo dos espíritos. Pensan que dende alí poden observar a xente que vive na Terra e influír na súa vida. É certa esa crenza? Será verdade que os mortos en realidade seguen vivos? Se non é así, quen son os que afirman ser os espíritos dos defuntos? Saber a resposta correcta a estas preguntas é de vital importancia. É un asunto de vida ou morte.