Un futuro marabilloso
Satanás e os seus demos non enganarán a humanidade durante moito máis tempo. Xehová xa os expulsou do ceo (Apocalipse 12:9). E pronto, Deus volverá actuar contra eles. Nunha visión procedente de Deus, o apóstolo Xoán dixo: “Logo vin que outro anxo baixaba do ceo, coa chave do abismo e unha cadea grande na man. Con ela amarrou forte ó dragón, serpe antiga, que é Satán e Satanás, e encadeouno para mil anos. Botouno no abismo e pechou e púxolle selo á pechadura diante do dragón para que xa non extravíe máis as nacións ata que se cumpran os mil anos” (Apocalipse 20:1-3). Máis tarde, Satanás e os seus demos serán destruídos para sempre (Apocalipse 20:10).
Tamén se eliminará a xente mala da Terra (Salmo 37:9, 10; Lucas 13:5).
Os mortos volverán vivir!
Despois de quitar do medio a Satanás e os demos, Xehová traerá moitas bendicións á humanidade. Lembra que os mortos non están vivindo en ningún outro lugar. Xesús comparou a morte a estar profundamente durmido, pero sen ter soños (Xoán 11:11-14). Fixo iso porque sabía que viría o tempo no que os que estivesen durmidos na morte resucitarían. Dixo: “Chega o momento en que tódolos que están nos sepulcros [...] sairán” (Xoán 5:28, 29; comparar con Feitos 24:15).
Resucitarán aquí na Terra. En lugar dos anuncios que se fan hoxe sobre persoas que morreron, haberá informes moi alegres que anunciarán quen resucitou. Que contentos estaremos cando lles deamos a benvida ós nosos seres queridos que volvan da morte!