Ir ó contido

Ir ó índice

Sirve a Xehová, non a Satanás

Sirve a Xehová, non a Satanás

Todos nós temos que tomar unha decisión: ou servimos a Xehová, ou servimos a Satanás e os seus demos. Non podemos facer as dúas cousas. O máis sabio é servir a Xehová.

Xehová é bo

Como vimos, ós demos gústalles enganar e facerlle dano á xente. Xehová non é así. El quérenos moito, igual que un pai ós seus fillos. El é quen nos dá “todo bo regalo e toda dádiva perfecta” (Santiago 1:17). El non retén nada bo dos humanos e mesmo estivo disposto a sacrificar o seu Fillo por nós (Efesios 2:4-7).

Xesús, o Fillo de Deus, demostrou amor polas persoas cando curou as súas enfermidades

Pensa nas cousas que fixo Xesús, o Fillo de Deus, cando estivo na Terra. Fixo que os mudos falasen e deulles vista ós cegos. Curou leprosos e coxos. Expulsou demos e curou toda clase de enfermidades. Grazas ó poder de Deus, Xesús ata lles devolveu a vida ós mortos (Mateo 9:32-35; 15:30, 31; Lucas 7:11-15).

En lugar de mentir para enganarnos, Deus sempre nos di a verdade. Nunca engana a ninguén (Números 23:19).

Evita as prácticas inmundas

Igual que unha mosca queda atrapada nunha tea de araña, millóns de persoas quedaron atrapadas polas supersticións e a falsidade. Téñenlles medo ós defuntos e ós demos. Preocúpalles que alguén lles bote unha maldición, buscan sinais e levan obxectos que pensan que os van protexer ou dar boa sorte. Están atrapadas por crenzas e tradicións baseadas nas mentiras de Satanás. Os servos de Deus non se deixan enganar por estas cousas.

Xehová é moito máis poderoso que Satanás. Se serves a Xehová, el protexerate dos demos (Santiago 4:7). Os feitizos non te afectarán. Por exemplo, en Nixeria tres poderosos feiticeiros intentaron usar feitizos para matar unha testemuña de Xehová que non quixo marchar do seu pobo. Cando viu que os feitizos non funcionaran, un dos feiticeiros colleu medo e foi onda a testemuña a suplicarlle misericordia.

Os efesios queimaron os seus libros de maxia

Se te molestan os demos podes pedirlle axuda a Xehová por nome e el protexerate (Proverbios 18:10). Pero para recibir a protección de Deus tes que romper completamente con todo o que estea relacionado co espiritismo e coa adoración ós demos. Os adoradores de Deus da antiga cidade de Éfeso fixeron iso. Recolleron tódolos seus libros de maxia e queimáronos no lume (Feitos 19:19, 20). Hoxe, os servos de Deus teñen que facer o mesmo. Teñen que desfacerse de amuletos, pulseiras de “protección”, fetiches, libros de maxia e calquera outra cousa que estea relacionada con prácticas espiritistas.

Practica a adoración verdadeira

Se queres agradarlle a Deus, non chega con simplemente abandonar a adoración falsa e deixar de facer cousas malas. Tes que practicar activamente a adoración pura. A Biblia explica o que tes que facer:

Asiste ás reunións cristiás (Hebreos 10:24, 25)

Estuda a Biblia (Xoán 17:3)

Fálalles a outros das boas novas do Reino (Mateo 24:14)

Óralle a Xehová (Filipenses 4:6, 7)

Bautízate (Feitos 2:41)

Relaciónate coas testemuñas de Xehová

Na Terra, hai xente que ensina e practica cousas incorrectas que veñen de Satanás e os demos. Pero Xehová tamén ten a súa xente. Son as testemuñas de Xehová (Isaías 43:10). Por toda a Terra hai máis de oito millóns de testemuñas. Todas elas se esforzan por facer obras boas e ensinarlles ás persoas a verdade. Na maioría dos países podes velos nos Salóns do Reino, onde che darán unha afectuosa benvida.

A súa obra consiste en axudar a outros a servir a Deus. Poden estudar a Biblia contigo no teu propio fogar e ensinaranche a adorar a Xehová da maneira correcta. Non terás que pagar polo curso. Ás testemuñas de Xehová gústalles ensinar a verdade porque aman a xente e a Xehová.

As testemuñas de Xehová axudaranche a servir a Deus