Ir ó contido

Ir ó índice

Os espíritos non son persoas que viviron e morreron na Terra

Os espíritos non son persoas que viviron e morreron na Terra

Os espíritos existen! Na rexión invisible dos espíritos hai espíritos bos e malos. Serán persoas que viviron e morreron na Terra?

Non, non o son. Cando alguén morre, non vai ó mundo dos espíritos, como moitos pensan. Como o sabemos? Porque o di a Biblia. E todo o que di a Biblia é verdade porque provén do único Deus verdadeiro, que se chama Xehová ou Iavé. El creou os seres humanos e sabe ben o que nos sucede cando morremos (Isaías 42:8; 2 Timoteo 3:16).

Adam veu do po e volveu ó po

A Biblia di que Deus formou a Adam, o primeiro home, “do po da terra” (Xénese 2:7). Deus púxoo no Paraíso, o xardín de Edén. Se Adam obedecese a lei de Xehová, non morrería e aínda estaría vivo na Terra hoxe. Pero cando Adam decidiu desobedecer o que lle dixera Xehová, Deus díxolle: “Comera-lo pan coa túa suor, ata que volvas á terra da que fuches tirado. De feito, ti es po e ó po tes que volver” (Xénese 3:19).

Que significa iso? Pensa nisto: onde estaba Adam antes de que Xehová o crease do po? Non estaba en ningún sitio. Non era un espírito celestial que aínda non nacera. Non existía. Por iso, cando Xehová dixo que Adam volvería ó po, quixo dicir que ía morrer. Adam non marchou á rexión dos espíritos. Cando morreu, volveu ó estado no que estaba antes de ser creado. Non estaba vivo en ningún lugar porque a morte é o contrario da vida.

Pero, que se pode dicir doutras persoas que morreron? Deixaron de existir elas tamén? A Biblia dá a resposta.

  • “Igual é o destino dos homes e o das bestas: como morre este morre aquel [...]. Todos van dar no mesmo lugar: ‘Todos veñen do po; todos tornan ó po’” (Eclesiastés 3:19, 20).

  • “Os mortos non saben xa máis nada” (Eclesiastés 9:5).

  • “Amor, odio, envexa, para eles rematou todo” (Eclesiastés 9:6).

  • “Non hai actividade, nin cálculo, nin coñecer, nin Sabedoría no Xeol [ou Tumba, TNM], para onde camiñas” (Eclesiastés 9:10).

  • “Retornan á terra, e con eles esvaecen os seus proxectos” (Salmo 146:4).

Só os vivos poden facer estas cousas

Fáiseche difícil aceptar o que din estes textos da Biblia? Se é así, pensa nisto: en moitas familias o home gaña os cartos que se precisan para o manter a súa casa. Por iso, se el morre, a súa familia podería afrontar dificultades. Ás veces a muller e os fillos non teñen cartos nin para comprar alimento. Poida que os inimigos do home abusen da familia do defunto. Pregúntate: “Se ese home está vivo no mundo dos espíritos, por que non segue mantendo a súa familia? Por que non a protexe da xente mala?”. A razón é que o que din estes textos bíblicos é a verdade. Ese home xa non ten vida, non pode facer nada (Salmo 115:17).

Os mortos non poden axudar ós famentos nin protexer as vítimas de abuso

Significa isto que os mortos nunca van volver vivir? Non. De feito, máis adiante falaremos da resurrección. O que si quere dicir é que os mortos non saben o que fas. Non poden verte, oírte nin falarche. Non hai razón para que lles teñas medo porque non poden nin axudarte nin facerche mal (Eclesiastés 9:4; Isaías 26:14).