Carta do Consello Reitor
Queridos irmáns e irmás:
O amor por Deus e polas persoas motívanos a predicar, a facer discípulos de xente de tódalas nacións e a bautizalos (Mt. 28:19, 20; Mc. 12:28-31). Se demostramos amor desinteresado podemos chegarlles ó corazón ós que teñen a actitude correcta para obter vida eterna (Feit. 13:48).
Antes centrabámonos en memorizar presentacións e en deixar publicacións. Agora necesitamos esforzarnos por mellorar as nosas habilidades para conversar coa xente. Queremos demostrar que amamos as persoas falándolles de temas que lles interesen a elas. Isto implica que temos que ser flexibles e ter moi en conta os intereses e as preocupacións de cada persoa. Como nos vai axudar este folleto?
Este folleto contén doce leccións que nos axudan a cultivar as calidades que necesitamos para demostrar amor polas persoas e facer discípulos. Cada lección fala dunha calidade que nos pode ser útil na predicación. Tamén explica como a demostraron Xesús e outros cristiáns do primeiro século. O obxectivo non é memorizar presentacións senón buscar formas de demostrar o noso amor polas persoas. Aínda que cada unha desas calidades son necesarias para a predicación, imos ver como algunhas delas son especialmente importantes cando comezamos conversas, outras cando facemos revisitas e outras cando damos clases da Biblia.
Ó analizar cada lección pensa en como podes demostrar esa calidade cando fales coas persoas que viven na túa zona. O amor axudarache a facer discípulos máis que calquera habilidade que poidas ter. Por iso, esfórzate por amar cada vez máis a Xehová e as persoas.
Valoramos moito o privilexio de traballar ombro a ombro contigo (Sof. 3:9, TNM). Que Xehová bendiga os teus esforzos por seguir amando as persoas e seguir facendo discípulos.
Os vosos irmáns,
Consello Reitor das Testemuñas de Xehová