PREGUNTA 3
De onde viñeron as instrucións?
Que determina a túa aparencia? Que determina a cor dos teus ollos, do teu pelo ou da túa pel? De que depende a túa estatura, a túa complexión ou que te parezas a un dos teus pais ou ós dous? Que fai que na punta dos teus dedos medre unha uña protectora por arriba e haxa unha parte suave e branda por abaixo?
Nos días de Charles Darwin as respostas a estas preguntas eran un misterio. O propio Darwin estaba fascinado coa maneira na que se transmiten as características dunha xeración a outra. Sabía pouco das leis e menos aínda dos mecanismos intracelulares que regulan a herdanza xenética. É certo que os biólogos modernos levan décadas estudando a xenética humana e as instrucións detalladas que contén a extraordinaria molécula de ADN. Pero a gran pregunta segue sendo de onde viñeron esas instrucións.
Que afirman moitos científicos? Moitos biólogos e outros científicos cren que o ADN e as súas instrucións codificadas son o resultado de procesos aleatorios non dirixidos que tiveron lugar ó longo de millóns de anos. Din que non hai proba de deseño na estrutura desta molécula nin no seu funcionamento nin na información que contén e transmite.17
Que di a Biblia? A Biblia indica que a formación das partes do corpo, e a secuencia na que aparecen, implica a existencia dun libro simbólico creado por Deus. Fíxate na descrición que fixo o rei David: “Os teus ollos [os de Deus] víronme ata cando eu era un embrión; tódalas súas partes estaban escritas no teu libro —incluso os días nos que se formarían— antes de que existise calquera delas” (Salmo 139:16, TNM).
Que revelan as probas? Se a evolución é certa, entón a hipótese de que o ADN é o resultado dunha serie de feitos aleatorios debe ser, como mínimo, razoablemente posible. E se a Biblia di a verdade, entón ten que haber probas sólidas de que o ADN é o resultado dunha mente ordenada e intelixente.
Cando se explica o ADN con termos simples, o tema acaba sendo bastante comprensible e fascinante. Por iso, imos facer outra viaxe ó interior da célula, pero esta vez será unha célula humana. Imaxina que imos a un museo deseñado para
ensinar como funciona unha célula humana típica. O edificio enteiro é unha réplica perfecta ampliada trece millóns de veces. O seu tamaño é o dun enorme estadio deportivo con capacidade para unhas 70.000 persoas.Cando entramos no museo quedamos impresionados ó ver este marabilloso lugar cheo de formas e estruturas estrañas. No centro vemos o núcleo, unha esfera duns vinte pisos de altura e decidimos ir cara alí.
Entramos por unha porta da capa exterior, ou membrana nuclear, e miramos ó noso arredor. O que máis chama a atención son 46 cromosomas de diferentes alturas que están ordenados en pares idénticos. O que está máis cerca de nós é coma un edificio de doce pisos (1). Os cromosomas parecen salchichas e estréitanse na parte do medio. Pero teñen un grosor coma o tronco dunha árbore grande. Observamos un conxunto de tiras que cruzan os cromosomas horizontalmente. Vistas de cerca, notamos que as tiras están divididas por liñas verticais. Entre elas hai outras liñas horizontais máis pequenas (2). Que son? Montonciños de libros? Non. Son os bordos exteriores de bucles que están empaquetados en columnas de forma moi compacta. Tiramos dun deles e sae con facilidade. Sorprendémonos ó ver que o bucle está composto á súa vez por espirais de menor tamaño (3), que tamén están perfectamente ordenadas. O interior das espirais contén o elemento máis importante de todos, algo parecido a unha corda longuísima. De que se trata?
A ESTRUTURA DUNHA MOLÉCULA IMPRESIONANTE
Ímoslle chamar corda a esta parte do cromosoma que estamos vendo no museo. A esta escala mide uns 2,5 cm de grosor e está fortemente enrolada en carretes (4), formando espirais dentro de espirais. Estas espirais teñen unha especie de soportes que as manteñen no seu sitio. Unha pantalla do museo explica que esta corda está empaquetada dunha maneira moi eficaz. Se sacásemos a corda de cada un destes cromosomas e as puxésemos todas ben estiradas unha detrás doutra, abarcarían máis da metade da circunferencia da Terra. a
Un libro de ciencia chámalle a este eficaz sistema de empaquetado “unha portentosa proeza da enxeñería”.18 Paréceche crible a idea de que detrás dese sistema non houbese un enxeñeiro? Imaxina que o museo ten unha tenda na que se venden millóns de obxectos, todos ordenados coidadosamente para que poidas atopar o que buscas facilmente. Tería lóxica pensar que non a organizou ninguén? Claro que non. Pois esa orde non sería nada en comparación co sistema que acabamos de describir.
No museo hai un cartel que nos invita a coller na man un segmento da corda e miralo de cerca (5). Ó collelo notas que non é unha corda normal. Está formada por dous fíos enrolados un arredor do outro e unidos por pequenas barras separadas pola mesma distancia. O conxunto parece unha escaleira de caracol (6). Entón dáste conta de que tes na man un modelo da molécula de ADN, un dos grandes enigmas da vida.
Unha molécula de ADN, empaquetada coidadosamente cos seus carretes e soportes, forma un cromosoma. Ós chanzos da escaleira chámaselles pares de bases (7). Cal é a súa función? Para que serve todo isto? Outra pantalla do museo dános unha explicación simplificada.
O SISTEMA DE ALMACENAMENTO DE DATOS MÁIS AVANZADO
A pantalla explica que a clave para descifrar o ADN está nos chanzos que conectan os dous lados da escaleira. Imaxina que a escaleira está partida pola metade. De cada lado colgan chanzos incompletos que poden ser de catro tipos
diferentes. Os científicos identifícanos coas letras A, T, G e C. Que sorpresa levaron ó descubrir que a orde destas letras formaba unha especie de código para transmitir información!No século XIX inventouse o código morse para transmitir mensaxes telegráficas. Combinando só dúas “letras” (punto e liña), este alfabeto podía crear infinidade de palabras e frases. Pois o ADN utiliza un código de catro letras: A, T, G e C. Estas letras combinadas forman “palabras” denominadas codóns. Os codóns, á súa vez, forman “historias” chamadas xenes. Cada un dos xenes contén unha media de 27.000 letras. Os xenes e os longos tramos que os separan forman “capítulos”, que son os cromosomas. E 23 cromosomas compoñen o “libro” completo, ou xenoma: o conxunto de información xenética sobre un organismo. b
O xenoma sería un libro inmenso. Canta información contería? O xenoma humano está composto por uns tres mil millóns de pares de bases, ou chanzos.19 Imaxina unha enciclopedia formada por volumes de máis de mil páxinas cada un. O xenoma enchería 428 deses volumes. Como cada célula contén dúas copias do xenoma, en total habería 856 volumes. Se te dedicases a teclear a información do xenoma durante corenta horas á semana necesitarías uns oitenta anos, e sen coller vacacións.
E ó final non che valería de nada. Por que? Porque non serías capaz de meter tódolos volumes desa enciclopedia en cada unha das cen billóns de células microscópicas que compoñen o corpo humano. Comprimir tanta información en tan pouco sitio supera por moito a nosa capacidade.
Un profesor de Bioloxía Molecular e Ciencias Informáticas dixo: “Un gramo de ADN, que ocupa en seco arredor dun centímetro cúbico, pode almacenar aproximadamente a información dun billón [1012] de CD”.20 Que implica isto? Recorda que o ADN contén os xenes, as instrucións para construír un corpo humano único. Cada célula contén un xogo completo de instrucións. O ADN almacena tanta información que unha culleriña contería as instrucións para producir unhas 300 veces a poboación mundial. A cantidade que faría falta para recrear os case 8000 millóns de persoas que viven hoxe na Terra apenas formaría unha capa finiña na superficie da culler.21
UN LIBRO SEN AUTOR?
A pesar dos avances para facer dispositivos cada vez máis pequenos, o ser humano non inventou ningún dispositivo para almacenar datos que nin sequera se aproxime ó ADN. Aínda así, usaremos o CD como exemplo. Poida que che chame a atención a súa figura simétrica,
a súa superficie brillante ou o seu eficaz deseño. É obvio que foi feito por alguén intelixente. Agora imaxina que o CD non almacena información confusa ou embarullada, senón instrucións coherentes e detalladas sobre a maneira de construír, manter e reparar maquinaria complexa. Aínda que esa información non cambiaría de maneira perceptible o peso nin o tamaño do disco, non pensas que tería que haber unha mente intelixente detrás desas instrucións escritas? Non cres que a escritura require a existencia dun escritor?Comparar o ADN cun CD ou cun libro ten a súa lóxica. De feito, unha obra sobre o xenoma di: “A idea de considerar o xenoma como un libro non é, estritamente falando, nin sequera unha metáfora. É literalmente certa. Un libro é unha peza de información codificada [...]. Tamén o é un xenoma”. E agrega: “O xenoma é un libro moi intelixente, porque en condicións adecuadas pode fotocopiarse e lerse a si mesmo”.22 Isto lévanos a outro importante aspecto do ADN.
MÁQUINAS EN MOVEMENTO
Mentres estamos alí parados, con todo tranquilo ó noso arredor, pregúntaste se o núcleo celular estará igual de quieto. Entón ves unha vitrina que contén un modelo de segmento de ADN. Sobre ela hai un letreiro que pon: “Pulsa o botón para unha demostración”. Cando o pulsas, escóitase un narrador que di: “O ADN realiza polo menos dúas tarefas moi importantes. A primeira chámase replicación. O ADN debe copiarse para darlles a tódalas novas células un xogo completo da mesma información xenética. Mira a seguinte simulación”.
Entón ves aparecer nunha pantalla unha máquina bastante complexa. En realidade trátase dun conxunto de robots unidos entre si. A máquina acóplase
á molécula de ADN e empeza a moverse coma un tren sobre as vías. Como vai un pouco rápido, non se distingue ben o que fai, pero si que te dás conta de que detrás dela agora hai dúas cordas completas de ADN en vez dunha.O narrador explica: “Esta é unha versión bastante simplificada do que sucede cando o ADN se replica. Un grupo de máquinas moleculares chamadas enzimas desprázanse ó longo do ADN e desdóbrano en dous. Logo collen cada fío da corda como molde e crean un novo fío complementario. É imposible mostrar tódolos dispositivos que entran en acción, como o aparatiño que vai diante da máquina replicadora cortando un dos dous fíos para que o ADN rote libremente e así evitar que se enrede. Tampouco se pode ensinar como se fan as múltiples ‘correccións de probas’. Os erros detéctanse e corríxense cunha exactitude incrible” (mira o debuxo das páxinas 16 e 17).
O narrador segue dicindo: “O que si se pode ensinar é a velocidade. Fixácheste naquel robot que vai a toda máquina? Na realidade, a maquinaria de enzimas avanza sobre as ‘vías’ do ADN a unha velocidade de 100 chanzos, ou pares de bases, por segundo.23 Se as ‘vías’ tivesen o tamaño das vías do tren, esta ‘locomotora’ iría a unha velocidade de 80 km/h. Nas bacterias, estas diminutas máquinas replicadoras alcanzan unha velocidade dez veces maior. Na célula humana, un exército de centos destas máquinas ponse a traballar en distintas seccións das ‘vías’ do ADN e copian o xenoma enteiro en tan só oito horas”24 (mira o recadro da páxina 20, “ Unha molécula que se le e se copia”).
“LECTURA” DO ADN
Os robots replicadores de ADN desaparecen da pantalla e agora aparece outra máquina que tamén se despraza ó longo dun tramo de ADN, aínda que vai máis lenta. Ves entrar unha corda de ADN por un lado e saír intacta polo outro. Pero a maiores tamén sae por outro burato da máquina un novo fío simple que vai medrando. Que está pasando?
O narrador continúa: “A segunda tarefa que fai o ADN chámase transcrición. Recorda que os xenes son as receitas que se utilizan para fabricar tódalas proteínas que compoñen o corpo humano. Pero o ADN nunca sae do refuxio seguro do núcleo. Entón, como se len e utilizan os xenes que contén? Primeiro, a máquina de enzimas que se ve na pantalla localiza unha rexión do ADN onde se activou un dos xenes mediante sinais químicos procedentes
do exterior do núcleo. Logo fai unha copia do xene usando unha molécula de ARN. O ARN parécese bastante a un fío simple de ADN, pero é diferente. A súa tarefa consiste en recoller a información codificada dos xenes contidos no ADN. Extrae esa información mentres está na máquina de enzimas e transpórtaa fóra do núcleo a un dos ribosomas, onde será utilizada para sintetizar unha proteína”.A demostración deixounos coa boca aberta. Quedamos moi impresionados polo museo e pola intelixencia dos que deseñaron e construíron as súas máquinas. Imaxina que fose posible poñer a funcionar o museo con tódalas súas pezas. Sería un espectáculo poder ver as miles e miles de tarefas que se fan simultaneamente na célula humana, non cres?
Pois todos eses procesos que realizan diminutas máquinas tan complexas estanse producindo agora mesmo nos cen billóns de células do teu organismo. Estase lendo o teu ADN para fabricar, de acordo coas súas instrucións, os centos de miles de proteínas diferentes que compoñen o teu corpo, as súas enzimas, tecidos,
órganos, etc. Ó mesmo tempo, tamén se está copiando e corrixindo o teu ADN para que cada nova célula teña un conxunto novo de instrucións.QUE IMPORTANCIA TEÑEN ESTES FEITOS?
Imos facer outra vez a pregunta: “De onde viñeron estas instrucións?”. A Biblia di que o “libro” e o seu contido proceden dun autor moito máis poderoso e intelixente ca nós. Cres que esta idea está desactualizada ou que é pouco científica?
Pensa nisto. Podería o ser humano construír un museo como o do exemplo? Aínda que o intentase, atoparíase con moitas dificultades. Hai moitos detalles do xenoma humano e das súas funcións que aínda non se entenden. Os investigadores seguen intentando coñecer tódalas funcións dos xenes. E os xenes son só unha pequena parte da corda de ADN. Por exemplo, para que serven os longos tramos que non conteñen xenes? Ó principio chamóuselles “ADN lixo”, pero agora a tendencia
está cambiando. É posible que eses segmentos controlen a maneira e o grao de utilización dos xenes. Aínda que os científicos conseguisen crear un modelo completo do ADN, coas súas máquinas copiadoras e correctoras, poderían facelo funcionar coma o orixinal?Pouco antes de morrer, o famoso físico Richard Feynman escribiu a seguinte nota nun encerado: “O que non podo crear, non o entendo”.25 A súa humildade é de agradecer e as súas palabras son moi certas no que ten que ver co ADN. Os científicos nin poden crear ADN con tódolos seus mecanismos de replicación e transcrición nin o entenden á perfección. Con todo, algúns afirman saber que todo apareceu por azar, sen dirección ningunha. Apoian as probas que analizamos esa conclusión?
Varios especialistas concluíron que as probas apuntan na dirección contraria. Francis Crick, un dos biólogos que descubriu a estrutura de dobre hélice da molécula de ADN, opina que é demasiado complexa para formarse mediante sucesos aleatorios. A súa hipótese é que seres extraterrestres intelixentes deberon de enviar ADN á Terra para que empezase aquí a vida.26
O destacado filósofo Antony Flew foi un firme defensor do ateísmo durante máis de medio século, pero en anos recentes cambiou radicalmente de opinión. Ós 81 anos empezou a crer que unha intelixencia tivo que intervir na creación da vida. Que provocou o cambio? Un estudo do ADN. Cando se lle preguntou sobre a incomodidade que podería causar a súa nova filosofía na comunidade científica, respondeu: “Síntoo. Toda a miña vida me guiei polo principio [...] de seguir a proba onde queira que me leve”.27
Que pensas? A onde levan as probas? Imaxina que no medio dunha fábrica ves a sala onde está o ordenador central. Un programa mestre moi complexo dirixe tódalas actividades. Envía constantemente instrucións sobre como construír e manter cada unha das máquinas que hai alí. Ademais, fai copias de si mesmo e sométeas a unha corrección de probas. A que conclusión chegarías? Crerías que os ordenadores e o programa se fixeron a si mesmos ou que foron feitos por mentes ordenadas e intelixentes? As probas falan por si soas.
a O libro de texto Biología molecular de la célula usa unha escala diferente. Di que tratar de empaquetar estes longos filamentos no núcleo dunha célula sería como tratar de empaquetar 40 km dun fío extremadamente fino dentro dunha pelota de tenis, pero ordenado de tal forma que sexa fácil acceder a cada sección do fío.
b As células conteñen dúas copias completas do xenoma, o que fai un total de 46 cromosomas.