Ir ó contido

Ir ó índice

PREGUNTA 5

É razoable crer na Biblia?

É razoable crer na Biblia?

Algunha vez xulgaches mal unha persoa sen coñecela? Poida que escoitases a outros falar dela ou repetir as súas palabras. Pero resulta que cando a coñeciches descubriches que non tiña nada que ver co que che contaran. Iso foi o que lle pasou a moita xente coa Biblia.

Moitas persoas con estudos teñen unha opinión negativa da Biblia. Sabes por que? Porque moitas veces as súas palabras foron manipuladas ou citadas de tal maneira que parecen ir en contra da lóxica, da ciencia ou estar totalmente equivocadas. Cres que se puido distorsionar o que di a Biblia?

Mentres ías lendo este folleto, sorprendícheste ó ver que o que di a Biblia é cientificamente exacto? Moitos sorpréndense ó saber isto. Tamén se sorprenden ó darse conta de que a Biblia non di algunhas das cousas que moitas relixións afirman que di. Por exemplo, a Biblia non di que Deus fixese o Universo e tódolos seres vivos en 6 días de 24 horas. De feito, non hai nada nela que contradiga os diferentes cálculos científicos sobre a idade do Universo ou da Terra. a

Ademais, o breve relato de como introduciu Deus a vida neste planeta deixa moita marxe para a investigación e as teorías científicas. O que a Biblia si di é que Deus creou tódalas formas de vida e que os seres vivos foron feitos segundo “os moitos xéneros” (Xénese 1:11, 21, 24). Poida que isto non concorde con algunhas teorías científicas, pero tampouco se opón ós feitos científicos probados. A historia da ciencia demostra que as teorías van e veñen, pero os feitos permanecen.

Agora ben, moitas persoas non se deciden a investigar a Biblia porque se desilusionaron coa relixión. Cando miran para as relixións, só ven hipocrisía, corrupción e violencia. Pero, é xusto xulgar a Biblia pola conduta dalgúns que din representala? Moitos científicos sinceros e de bo corazón horrorizáronse ó ver que algúns fanáticos violentos usaron a teoría da evolución para xustificar as súas ideas racistas. Sería xusto xulgar a teoría da evolución sobre esa base? Está claro que o mellor sería examinar o que di a teoría e despois comparalo coas probas.

Invitámoste a que fagas o mesmo coa Biblia. Poida que te sorprenda descubrir que o que ensina non ten nada que ver coas ensinanzas da maioría das relixións. En vez de fomentar os conflitos armados e a violencia étnica, a Biblia ensina que os servos de Deus teñen que rechazar non só a guerra, senón incluso o odio que leva a esa violencia (Isaías 2:2-4; Mateo 5:43, 44; 26:52). Lonxe de alimentar o fanatismo e a credulidade, ensina que as probas son esenciais para ter unha fe auténtica e que a capacidade de razoar é imprescindible para servir a Deus (1 Tesalonicenses 5:21; Hebreos 11:1). En lugar de frear a curiosidade, anímanos a buscar as respostas a algunhas das preguntas máis importantes que nos podemos facer os seres humanos.

Por exemplo, preguntácheste algunha vez por que existe a maldade se hai un Deus? A Biblia contesta esta e outras moitas preguntas de maneira satisfactoria. b Animámoste a seguir buscando a verdade. Atoparás respostas fascinantes, lóxicas e, sobre todo, baseadas en probas convincentes. E iso non é casualidade.

a Se queres máis información, podes consultar o folleto Como empezou a vida?, editado polas Testemuñas de Xehová.

b Mira a lección 26 do libro Desfruta da vida para sempre!, editado polas Testemuñas de Xehová.