PREGUNTA 3
Como podo entenderme mellor cos meus pais?
TI QUE FARÍAS?
Imaxina a seguinte situación. É mércores pola tarde. Quique, de 17 anos, xa rematou todo o que tiña que facer. Así que acende a tele e tírase no sofá, que despois de todo o que traballou, ben o merece!
Nese momento, aparece o seu pai pola porta con cara de poucos amigos.
“Henrique! Quéresme explicar que fas vendo a televisión en vez de axudar a teu irmán cos deberes? Nunca fas o que se che manda!”.
“Xa empezamos”, rosma Quique, pero o suficientemente alto como para que o pai o escoite.
O pai mírao fixamente e dille: “Como? Que foi o que dixeches?”.
Quique bota un suspiro e contesta poñendo caras: “Nada, nada”.
Agora o pai está que bota lume. “Ti quen te cres que es pra falarme así?’”, dille moi serio.
Se ti foses Quique, como evitarías chegar ata este punto?
PÁRATE A PENSAR
Se vas conducindo e chegas a un punto no que a estrada está cortada, buscas unha ruta alternativa. Do mesmo xeito, podes buscar outras formas de comunicarte cos teus pais.
MIRA ESTE EXEMPLO
“Cústame moito comunicarme co meu pai”, comenta unha rapaza chamada Leah. “Ás veces, cando xa levo falando un anaco, vai el e dime: ‘Perdoa, dicíasme algo?’”.
LEAH TEN, COMO MÍNIMO, TRES OPCIÓNS
-
Berrarlle ó seu pai
Dille ó seu pai berrando: “A ver, papá, que che estou dicindo algo importante! Quéresme escoitar?”.
-
Non volver falar do tema co pai
Simplemente se dá por vencida e non fala co pai do seu problema.
-
Esperar a que sexa mellor momento para falar do tema
Fala có seu pai noutro momento, ou escribe unha carta contándolle o seu problema.
Que opción lle recomendarías ti a Leah?
PENSA NISTO. O pai de Leah está pensando noutras cousas, e por iso non se dá conta de como se sente ela. Así que se Leah escolle a opción A, é moi posible que o pai non entenda por que se pon así. Con esta opción, Leah non vai conseguir que o seu pai lle preste máis atención. Ademais sería unha falta de respecto ó seu pai (Efesios 6:2). Está claro que esta opción non beneficia a ninguén.
A opción B parece o camiño máis fácil, pero non é o máis intelixente. Por que? Porque se quere atopar unha solución ós seus problemas, Leah ten que falar co seu pai. E para que el poida axudala, necesita saber o que pasa na vida dela. Así que calando non vai conseguir nada.
Pero se escolle a opción C, Leah estará demostrando que ningún obstáculo lle vai impedir falar co seu pai. En vez diso, intenta falar do tema noutro momento. E se opta por escribirlle unha carta, é moi probable que o feito de escribila lle axude a sentirse mellor.
Escribir unha carta tamén lle pode axudar a expresar con claridade o que quere dicir. Cando o pai a lea, verá o que ela lle intentaba dicir e poderá entendela moito mellor. Así que a opción C beneficia a Leah e ó seu pai. Sexa cara a cara ou por escrito, esta opción está de acordo co seguinte consello da Biblia: “Procuremos, logo, aquilo que leva á paz” (Romanos 14:19).
Que outras opcións tería Leah?
Por que non pensas noutra opción? Pensa tamén nos posibles resultados.
ESCOLLE BEN AS PALABRAS
Lémbrao! O que ti dixeches e o que os teus pais pensan que dixeches non sempre coinciden.
MIRA ESTE EXEMPLO
Os teus pais pregúntanche por que estás de malas e ti contestas: “Agora non me apetece falar do tema”.
Pero isto é o que escoitan os teus pais: “Non confío en vós como para contarvos o que me pasa. Vóullelo contar ós meus amigos, pero a vós non”.
Agora imaxina que tes algún problema serio e os teus pais ofrécenche axuda. Pero ti dislles: “Non vos preocupedes, que podo resolvelo eu só”.
-
Que poderían entender os teus pais?
-
Que sería mellor que lles dixeses?