Carta do Consello Reitor
Querido proclamador do Reino:
Imaxina que es un dos apóstolos. Ti e os demais estades de pé no Monte das Oliveiras. Xesús apareceuse diante vosa e, xusto cando está a piques de ascender ó ceo, divos: “Cando recibades o espírito santo, teredes poder e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda Xudea e Samaria, e ata a parte máis distante da terra” (Feit. 1:8). Como te sentirías?
Poida que te asuste ter que enfrontarte a unha obra tan grande. Quizais penses: “Pero se somos moi poucos! Como imos ser capaces de predicar ‘ata a parte máis distante da terra’?”. Probablemente recordes o que dixo Xesús antes de morrer: “Non hai servo maior có seu señor; se a min me perseguiron, hanvos perseguir tamén a vós; se gardaron a miña palabra, tamén gardarán a vosa. Todo isto hánvolo facer por causa miña, pois non coñeceron a quen me mandou” (Xoán 15:20, 21). Pensando nestas palabras, poida que te preguntes: “Como vou dar testemuño completo se teño que enfrontarme a persecución?”.
Na actualidade, estamos nunha situación moi parecida. Como testemuñas de Xehová, temos a responsabilidade de predicar “ata a parte máis distante da terra” a “xente de tódalas nacións” (Mat. 28:19, 20). Como imos ser capaces de facer unha obra así, sobre todo se nos perseguen?
O libro de Feitos dos Apóstolos explica de forma moi emocionante como, grazas á axuda de Xehová, os apóstolos e os demais cristiáns do século primeiro conseguiron facer aquel traballo. Esta publicación deseñouse para axudarche a estudar ese libro e vivir os emocionantes acontecementos que se relatan nel. Seguro que te sorprende descubrir a gran cantidade de parecidos que hai entre os cristiáns do século primeiro e os servos de Deus da actualidade. Verás que eses parecidos non só están relacionados co traballo que facemos, senón tamén coa forma en que nos organizamos para levar a cabo esa obra. Meditar neses parecidos axudarache a estar seguro de que Xehová segue dirixindo a parte terrestre da súa organización.
Oramos para que o estudo do libro de Feitos aumente a túa confianza en que Xehová che axudará e che dará forzas co poder do seu espírito santo. Tamén esperamos que estudar este libro te anime a seguir dando “un testemuño completo do Reino de Deus” e axudando a máis persoas a ir polo camiño da salvación (Feit. 28:23; 1 Tim. 4:16).
Os teus irmáns,
Consello Reitor das Testemuñas de Xehová