CAPÍTULO 13
“Despois de moito discutir”
O consello reitor analiza o tema da circuncisión.
Baseado en Feitos 15:1-12
1-3. a) Que asunto estaba ameazando a unidade da congregación cristiá? b) Como pode beneficiarnos analizar este relato do libro de Feitos?
PAULO e Bernabé acaban de chegar a Antioquía de Siria despois da súa primeira viaxe misional. Contan moi contentos que Xehová abriu o camiño “para que os que non eran xudeus puidesen crer nel” (Feit. 14:26, 27). E aquí, en Antioquía, pasa o mesmo: moitos xentís estanse facendo cristiáns (Feit. 11:20-26).
2 As emocionantes noticias sobre este crecemento chegan rapidamente a Xudea. Pero non todos están contentos. Algúns pensan que tódolos cristiáns se teñen que circuncidar, mentres que outros opinan que non é necesario. Que tipo de relación debería haber entre xudeus e non xudeus? Deberían os cristiáns non xudeus obedecer a Lei mosaica? Os irmáns pensan de forma tan distinta sobre este asunto que está en perigo a unidade da congregación. Como se solucionará este problema?
3 Este relato do libro de Feitos contén leccións moi valiosas. Analizalo pode axudarnos a saber que facer se algo pon en perigo a unidade da congregación.
“Se non vos circuncidades” (Feitos 15:1)
4. Que punto de vista equivocado tiñan algúns cristiáns xudeus, e que pregunta xorde?
4 O discípulo Lucas escribiu: “Uns homes baixaron de Xudea [a Antioquía] e puxéronse a ensinarlles ós irmáns: ‘Se non vos circuncidades de acordo coa Lei de Moisés, non poderedes salvarvos’” (Feit. 15:1). Non sabemos se eses homes foran fariseos antes de converterse en cristiáns. En calquera caso, parece que pensaban igual ca eles e aplicaban a Lei de forma moi estrita. Ademais é probable que afirmasen falar en nome dos apóstolos e dos anciáns de Xerusalén (Feit. 15:23, 24). Pero, como podían estar a favor da circuncisión se trece anos antes Deus lle deixara claro a Pedro que aceptaba os xentís como parte da congregación? (Feit. 10:24-29, 44-48). a
5, 6. a) Por que algúns cristiáns xudeus crían que a circuncisión aínda era necesaria? b) Explica se o pacto da circuncisión formaba parte do pacto abrahámico (mira a nota).
5 Podería haber moitas razóns. Por un lado porque foi Xehová quen dixo que os homes debían circuncidarse como proba da relación especial que o seu pobo tiña con el cando lles mandou a Abrahán e ós homes que vivían con el que se circuncidasen. Máis tarde, este mandato chegou a ser parte do pacto da Lei (Lev. 12:2, 3). b Baixo a Lei de Moisés incluso os estranxeiros tiñan que circuncidarse para desfrutar de certos privilexios como, por exemplo, comer da Pascua (Éx. 12:43, 44, 48, 49). De feito, os xudeus consideraban os homes que non estaban circuncidados impuros e desprezables (Is. 52:1).
6 Polo tanto, os xudeus que chegaran a ser cristiáns necesitaban fe e humildade para axustar a súa forma de pensar á de Xehová. O pacto da Lei fora substituído polo novo pacto. Iso significaba que un xudeu de nacemento xa non chegaría a ser parte do pobo de Deus de forma automática. Moitos deses cristiáns aínda vivían entre xudeus así que necesitaban moito valor para ser discípulos de Cristo e adorar a Deus xunto cos xentís incircuncisos (Xer. 31:31-33; Luc. 22:20).
7. Que non entenderon os homes de Xudea?
7 Claro, as normas de Deus non cambiaran. O novo pacto contiña o espírito ou a esencia da Lei mosaica (Mat. 22:36-40). Por exemplo, Paulo escribiu con respecto á circuncisión: “É xudeu quen o é por dentro: e a verdadeira circuncisión é a do corazón, por obra do Espírito, non pola letra” (Rom. 2:29; Deut. 10:16). Os homes de Xudea non entendían isto e insistían en que Xehová nunca abolira a lei da circuncisión. Estarían dispostos a axustar a súa forma de pensar?
“Despois de moito discutir” (Feitos 15:2)
8. Por que levaron o asunto da circuncisión ó consello reitor?
8 Lucas continúa dicindo: “Paulo e Bernabé non estaban de acordo con eles. Así que, despois de moito discutir [cos irmáns que viñeran de Xudea], fixéronse plans para que Paulo, Bernabé e algúns irmáns subisen a Xerusalén para falar deste asunto cos apóstolos e cos anciáns” (Feit. 15:2). c Os irmáns de Antioquía discutían uns cos outros sobre se os cristiáns se debían circuncidar ou non. Todos eles estaban convencidos de que tiñan a razón e non foron capaces de chegar a un acordo. Para manter a paz e a unidade, a congregación decidiu preguntarlles ós apóstolos e ós anciáns de Xerusalén, é dicir, ó consello reitor daquel tempo. Que podemos aprender nós dos anciáns de Antioquía?
9, 10. De que xeito foron un bo exemplo para nós tanto os irmáns de Antioquía como Paulo e Bernabé?
9 Unha valiosa lección que aprendemos deste relato é que necesitamos confiar na organización de Deus. Pensa nisto: os imáns de Antioquía sabían que o consello reitor estaba formado por cristiáns de orixe xudía. Aínda así, confiaron en que ese grupo resolvería a cuestión da circuncisión de acordo coas Escrituras. Por que? A congregación confiaba en que Xehová dirixiría directamente os asuntos por medio do seu espírito santo e de Xesucristo, que é Cabeza da congregación cristiá (Mat. 28:18, 20; Ef. 1:22, 23). Do mesmo xeito, cando xurdan problemas serios na actualidade, imitemos o bo exemplo dos cristiáns de Antioquía confiando na organización de Deus e no seu Consello Reitor formado por cristiáns unxidos.
10 Deste relato tamén aprendemos o importante que son a humildade e a paciencia. Paulo e Bernabé foron nomeados directamente polo espírito santo para ir a predicarlles ás nacións. Aínda así, non impuxeron a súa autoridade para resolver o asunto da circuncisión cando estaban en Antioquía (Feit. 13:2, 3). De feito, Paulo escribiu tempo despois: “Deume a alma que tiña que ir alá”, a Xerusalén, o que indica que o guiaba o espírito santo (Gál. 2:2). Cando xorden situacións que poderían dividir a congregación, os anciáns esfórzanse por ter a mesma actitude paciente e humilde. En vez de ser conflitivos, fan o posible por coñecer o punto de vista de Xehová consultando as Escrituras e a guía que dá o escravo fiel (Filip. 2:2, 3).
11, 12. Por que é importante esperar a que Xehová aclare os asuntos?
11 Ás veces pode que teñamos que esperar a que Xehová aclare certo asunto. Por exemplo, dende que Cornelio foi unxido tiveron que pasar 13 anos ata que Xehová deixou claro que os cristiáns xentís non tiñan que circuncidarse. Por que deixou pasar tanto tempo? Poida que fose para que os xudeus sinceros puidesen asimilar un cambio tan importante. Despois de todo, poñer fin a un pacto que levaba en vigor mil novecentos anos e que Xehová fixera con Abrahán, un antepasado ó que os xudeus querían moito, non era un asunto de pouca importancia (Xoán 16:12).
12 É un verdadeiro regalo que Xehová nos ensine con paciencia e cariño, e que nos axude a axustar a nosa forma de pensar á del. O que nos pide sempre é para o noso ben e obedecelo sempre produce os mellores resultados (Is. 48:17, 18; 64:7 [64:8, TNM]). Por iso, nunca insistamos con orgullo nas nosas propias ideas. Tampouco reaccionemos de forma negativa cando a organización fai cambios ou aclara a forma na que entendiamos algún texto (Ecl. 7:8). Se detectas en ti mesmo o máis mínimo indicio desta forma de pensar, por que non meditas baixo oración nos principios bíblicos que se atopan no capítulo 15 de Feitos? d
13. Como podemos imitar a paciencia de Xehová no ministerio?
13 Necesitamos imitar a paciencia de Xehová cando ás persoas coas que estudamos a Biblia lles custa abandonar crenzas falsas ou costumes relixiosos moi arraigados. Neses casos temos que deixar pasar unha cantidade de tempo razoable para que o espírito de Deus actúe no corazón do estudante (1 Cor. 3:6, 7). Tamén é bo que lle oremos a Xehová sobre este asunto. Dunha forma ou doutra, ó seu debido tempo Xehová axudaranos a saber que facer (1 Xoán 5:14).
Contábanlles “en detalle” experiencias animadoras (Feitos 15:3-5)
14, 15. a) Como apoiou a congregación de Antioquía a Paulo, Bernabé e os outros discípulos? b) Como animaron Paulo e os seus compañeiros ós irmáns en Fenicia e Samaria?
14 A continuación Lucas escribe: “A congregación acompañounos durante unha parte do camiño. Despois, eles seguiron a viaxe e pasaron por Fenicia e Samaria. Tódolos irmáns alegrábanse moitísimo cando lles contaban en detalle como as persoas das nacións se facían crentes” (Feit. 15:3). O feito de que a congregación acompañase a Paulo, Bernabé e os demais discípulos era unha mostra de que os amaban e de que valoraban moito o seu traballo. Desta forma demostrábanlles que os apoiaban e que querían que tivesen a bendición de Deus. Este é outro bo exemplo que nos deixaron os irmáns de Antioquía. Valoras ti da mesma forma os teus irmáns espirituais, especialmente os anciáns “que se afanan na predicación e no ensino”? (1 Tim. 5:17).
15 De camiño a Xerusalén, Paulo e os seus compañeiros animaron os irmáns en Fenicia e Samaria contándolles “en detalle” como chegaron a facerse cristiáns os xentís. Entre os que escoitaban posiblemente houbese cristiáns xudeus que escaparan a estas rexións despois do asasinato de Esteban. Do mesmo xeito, escoitar como Xehová está bendicindo a obra de predicar na actualidade anima moito os irmáns, especialmente ós que están pasando por probas. Podemos escoitar este tipo de experiencias asistindo ás reunións e ós congresos. Tamén podemos lelas nas nosas revistas ou en jw.org. Estás aproveitando ó máximo estes informes?
16. Que mostra que o tema da circuncisión chegou a ser un gran problema?
16 Despois de viaxar uns 550 quilómetros cara ó sur, os irmáns que viñan de Antioquía chegaron ó seu destino. Lucas escribe: “Cando chegaron a Xerusalén, a congregación, os apóstolos e os anciáns recibíronos amablemente, e eles contáronlles tódalas cousas que Deus fixera mediante eles” (Feit. 15:4). Pero non todos reaccionaron igual. “Algúns membros do grupo dos fariseos que se fixeran crentes levantáronse dos seus asentos e dixeron: ‘Hai que circuncidalos e mandarlles que obedezan a Lei de Moisés’” (Feit. 15:5). Está claro que o tema da circuncisión converteuse nun gran problema que había que solucionar.
“Os apóstolos e os anciáns reuníronse” (Feitos 15:6-12)
17. Quen formaba parte do consello reitor, e por que estaban incluídos os anciáns de Xerusalén?
17 Proverbios 13:10 di que “a sabedoría está cos que se aconsellan”. De acordo con este principio, “os apóstolos e os anciáns reuníronse para tratar este asunto” (Feit. 15:6). Os apóstolos e os anciáns actuaron en representación de toda a congregación cristiá, igual que fai o Consello Reitor na actualidade. Por que estaban servindo aqueles anciáns xunto cos apóstolos? Recordemos que o apóstolo Santiago fora executado e o apóstolo Pedro estivera un tempo no cárcere. Podería pasarlles algo parecido ós demais apóstolos? Se fose así, sería necesario que houbese outros irmáns unxidos que puidesen seguir dirixindo a obra.
18, 19. Que dixo Pedro, e a que conclusión deberían chegar os seus oíntes?
18 Lucas continúa dicindo: “Despois dunha intensa e longa discusión, Pedro levantouse e díxolles: ‘Irmáns, como xa sabedes, Deus escolleume de entre todos vós desde o principio para que a xente das nacións escoitase da miña boca a mensaxe das boas noticias e crese. E Deus, que coñece os corazóns, demostrou que os aceptaba dándolles o espírito santo, igual que nolo deu a nós. El non fixo ningunha diferenza entre eles e nós. En vez diso, purificou os seus corazóns pola fe que tiñan’” (Feit. 15:7-9). Segundo unha obra de consulta, o termo grego que se traduce por unha “intensa e longa discusión” no versículo 7 tamén pode implicar a idea de facerse preguntas ou investigar con coidado. Parece ser que os irmáns tiñan diferentes puntos de vista e que os expresaban de forma aberta e sincera.
19 Pedro recordoulles que el mesmo estivera presente a primeira vez que xentís incircuncisos —Cornelio e os da súa casa— foran unxidos por espírito santo no ano 36. Se Xehová deixou de facer distinción entre xudeus e non xudeus, con que autoridade podían os homes facer o contrario? O que fai que Xehová acepte a adoración dunha persoa non é a súa obediencia á Lei mosaica, senón a súa fe en Cristo (Gál. 2:16).
20. Como poñían a proba a Deus os que defendían a circuncisión?
20 Baseándose no que Deus lle transmitiu e na forma na que usou o seu espírito santo, Pedro concluíu: “Entón, por que poñedes a proba a Deus obrigando a estes discípulos a levar un xugo que nin os nosos antepasados nin nós puidemos levar? Máis ben, nós temos fe en que se nos salva mediante a bondade inmerecida do Señor Xesús, igual que a eles” (Feit. 15:10, 11). Os que defendían a circuncisión estaban poñendo a proba a paciencia de Deus. Estaban intentando que os xentís obedecesen unha lei que nin eles mesmos eran capaces de cumprir por completo e que os condenaba á morte (Gál. 3:10). Máis ben, os xudeus que escoitaban a Pedro deberían de estar agradecidos pola bondade inmerecida que Deus lles demostrara a través de Xesús.
21. Como contribuíron Bernabé e Paulo a que se tomase unha boa decisión?
21 Está claro que as palabras de Pedro fixéronos pensar porque “todos quedaron calados”. Despois diso, Bernabé e Paulo “contáronlles tódolos milagres e cousas impresionantes que Deus fixera mediante eles entre a xente das nacións” (Feit. 15:12). Agora os apóstolos e os anciáns xa podían analizar tódalas probas e tomar unha decisión que reflectise a forma de pensar de Deus sobre a circuncisión.
22-24. a) Como segue o Consello Reitor da actualidade o exemplo do consello reitor do primeiro século? b) Como poden demostrar tódolos anciáns que respectan a orde que Xehová estableceu?
22 Hoxe en día, cando os membros do Consello Reitor se reúnen, buscan dirección na Biblia e óranlle a Deus pedíndolle espírito santo (Sal. 119:105; Mat. 7:7-11). Para tomar decisións que concorden coa forma de pensar de Deus, cada membro do Consello Reitor recibe con tempo unha axenda. Desta forma poden pensar e orar sobre os temas que van analizar (Prov. 15:28). Durante a reunión, estes irmáns unxidos exprésanse con liberdade e respecto, e utilizan a Biblia con frecuencia.
23 Os anciáns de congregación deben imitar este exemplo. Se despois dunha reunión de anciáns un asunto importante queda sen resolver, o corpo de anciáns pode consultalo coa sucursal ou con algún dos seus representantes, como por exemplo o superintendente de circuíto. Por outro lado, se é necesario, a sucursal pode escribirlle ó Consello Reitor.
24 Está claro que Xehová bendice os que obedecen a guía da súa organización e demostran humildade, lealdade e paciencia. Se facemos isto, Xehová daranos paz e unidade, e axudaranos a medrar en sentido espiritual, como veremos no seguinte capítulo.
a Mira o recadro “ As ensinanzas dos xudaizantes”.
b O pacto da circuncisión non era parte do pacto abrahámico que segue vixente nos nosos días. O pacto abrahámico entrou en vigor no ano 1943 a. n. e. cando Abrahán, que naquel momento se chamaba Abram e tiña 75 anos, cruzou o río Éufrates de camiño a Canaán. En cambio, o pacto da circuncisión fixérase máis tarde, no ano 1919 a. n. e. cando Abrahán tiña 99 anos (Xén. 12:1-8; 17:1, 9-14; Gál. 3:17).
c Tito, un cristián grego que chegou a ser compañeiro de Paulo, estaba entre os que foron a Xerusalén (Gál. 2:1; Tito 1:4). Este home foi un bo exemplo dun xentil incircunciso unxido por espírito santo (Gál. 2:3).
d Mira o recadro “ As testemuñas de Xehová basean as súas crenzas na Biblia”.