CAPÍTULO 21
“Estou limpo do sangue de todo home”
Paulo demostra entusiasmo no ministerio e aconsella os anciáns.
Baseado en Feitos 20:1-38
1-3. a) Explica o que pasou a noite que morreu Eutico. b) Que fixo Paulo nesta ocasión, e que nos ensina iso sobre el?
PAULO está en Troas, nun cuarto superior cheo de xente. Como é o último día que vai pasar cos irmáns, fala con eles ata que lle dá a medianoite. No cuarto onde están vai calor e hai un pouco de fume porque hai moitas lámpadas prendidas. Sentado nunha ventá está un rapaz chamado Eutico. Mentres Paulo está falando, Eutico queda profundamente durmido e cae á rúa dende o terceiro piso.
2 Como médico, é probable que Lucas sexa o primeiro en saír correndo para examinar o rapaz. Pero non hai nada que facer, Eutico está morto (Feit. 20:9). Cando chega Paulo, ponse enriba del e dille á multitude: “Tranquilos, o rapaz está vivo” (Feit. 20:10). Que milagre tan emocionante! Paulo acaba de devolverlle a vida a Eutico!
3 Esta resurrección mostra o poder que ten o espírito santo de Xehová. Paulo non tiña a culpa da morte de Eutico, pero non quería que os irmáns marchasen tristes desta reunión especial ou que perdesen a súa fe en Xehová por culpa do que pasou. Facendo isto, o apóstolo animou moito os irmáns, fortaleceunos e deulles as forzas para seguir predicando con entusiasmo. Está claro que valoraba moito a vida dos demais. De feito máis tarde dixo: “Estou limpo do sangue de todo home” (Feit. 20:26). Analicemos como pode axudarnos o exemplo de Paulo a valorar a vida.
“Marchou para Macedonia” (Feitos 20:1, 2)
4. Que terrible experiencia viviu Paulo?
4 No capítulo anterior analizamos unha das peores experiencias que viviu Paulo. O seu ministerio en Éfeso provocou unha gran revolta na que participaron tódolos que facían e vendían ídolos que se usaban na adoración da deusa Artemisa. Feitos 20:1 relata: “Cando a xente se calmou, Paulo mandou chamar os discípulos. Animounos, despediuse deles e marchou para Macedonia”.
5, 6. a) Canto tempo pasou Paulo en Macedonia, e como axudou ós irmáns mentres estivo alí? b) Que sentía Paulo polos seus irmáns?
5 De camiño a Macedonia, Paulo para no porto marítimo de Troas. Alí espera que Tito, que foi enviado a Corinto, se xunte con el (2 Cor. 2:12, 13). Pero cando Paulo se dá conta de que Tito non vén, marcha para Macedonia e queda alí arredor dun ano dándolles “moito ánimo ós discípulos que había naquela zona” (Feit. 20:2). a Ó final, Tito reúnese con Paulo en Macedonia e cóntalle que os irmáns de Corinto reaccionaron moi ben á súa primeira carta (2 Cor. 7:5-7). Isto motiva a Paulo a escribirlles outra carta, que na actualidade coñecemos como Segunda ós Corintios.
6 É interesante que Lucas usou as palabras “animounos” e “ánimo” para describir as visitas que Paulo lles fixo ós irmáns de Éfeso e de Macedonia. Que ben expresan estas palabras o moito que Paulo quería os seus irmáns! El non era coma os fariseos, que pensaban que os demais eran inferiores a eles, senón que vía os irmáns coma os seus queridos colaboradores (Xoán 7:47-49; 1 Cor. 3:9). Nunca se creu mellor que os demais, nin sequera cando os tivo que corrixir (2 Cor. 2:4).
7. Como poden imitar o exemplo de Paulo os superintendentes da actualidade?
7 Na actualidade, os anciáns de congregación e os superintendentes de circuíto esfórzanse por imitar o exemplo de Paulo. Incluso cando teñen que aconsellar a alguén con firmeza, fano co obxectivo de axudarlle. En vez de xulgar os irmáns, esfórzanse por entender como se senten e fortalecelos. Un superintendente de circuíto con moita experiencia dixo: “A maioría dos nosos irmáns e irmás quere facer o que é correcto. Pero moitas veces teñen que enfrontarse a situacións na vida que os decepcionan ou que lles dan tanto medo que non saben como actuar”. Os anciáns poden fortalecer e animar moito os irmáns (Heb. 12:12, 13).
“Tramaron unha conspiración contra el” (Feitos 20:3, 4)
8, 9. a) Por que tivo que cambiar Paulo os seus plans? b) Por que é posible que os xudeus odiasen tanto a Paulo?
8 Dende Macedonia Paulo marcha para Corinto. b Despois de pasar alí tres meses, viaxa a Céncreas onde ten planeado coller un barco a Siria. Dende alí poderá levarlles as doazóns ós irmáns pobres de Xerusalén (Feit. 24:17; Rom. 15:25, 26). c Pero de repente, pasa algo que obriga a Paulo a cambiar os seus plans: os xudeus traman unha conspiración contra el (Feit. 20:3).
9 Os xudeus odian a Paulo porque o consideran un apóstata. Ademais, tempo antes o presidente da sinagoga de Corinto, Crispo, converteuse en cristián grazas á súa predicación (Feit. 18:7, 8; 1 Cor. 1:14). Noutra ocasión, os xudeus de Corinto presentaron cargos contra Paulo diante de Galión, procónsul de Acaia. Pero Galión desestimou os cargos porque non tiñan base, algo que enfadou moito os inimigos de Paulo (Feit. 18:12-17). É probable que os xudeus de Corinto pensen que Paulo vai coller un barco dende Céncreas. Por iso, idean un plan para esperalo alí e matalo. Que fará Paulo?
10. Foi Paulo un covarde por non ir a Céncreas? Explica a túa resposta.
10 Para protexer a súa vida e as doazóns dos irmáns, Paulo decide non ir a Céncreas e volver a Macedonia polo mesmo camiño. Está claro que viaxar por terra tamén ten os seus perigos. É moi común que os ladróns se escondan nos camiños, e as pousadas tamén son lugares perigosos. Aínda así, o apóstolo pensa que viaxar por terra é máis seguro que ir a Céncreas. Menos mal que non vai só. Nesta viaxe misional vai acompañado de Aristarco, Gaio, Segundo, Sópater, Timoteo, Trófimo e Tíquico (Feit. 20:3, 4).
11. Que podemos facer para protexernos, e que exemplo nos puxo Xesús?
11 Ó igual que Paulo, os cristiáns da actualidade tomamos medidas para protexernos cando predicamos. Por iso, hai zonas nas que sempre predicamos en grupo ou, polo menos, de dous en dous. E como actuamos cando hai persecución? Aínda que non podemos evitar esa situación, non arriscamos a nosa vida innecesariamente (Xoán 15:20; 2 Tim. 3:12). Pensa no exemplo de Xesús. Nunha ocasión en Xerusalén, cando os seus inimigos empezaron a coller pedras para tirarllas, “agachouse e saíu do Templo” (Xoán 8:59). Despois, cando planeaban matalo, “xa non andaba á vista entre os xudeus. Marchou para a rexión colindante co deserto” (Xoán 11:54). Cando foi necesario, Xesús tomou medidas razoables para protexer a súa vida, sempre que iso non lle impedise cumprir coa vontade de Deus. E os cristiáns facemos o mesmo (Mat. 10:16).
“Sentíronse moi felices” (Feitos 20:5-12)
12, 13. a) Que efecto tivo a resurrección de Eutico na congregación? b) Que esperanza da Biblia lles dá consolo ós que perderon un ser querido na morte?
12 Paulo e os seus compañeiros viaxan xuntos por Macedonia. Parece ser que nalgún punto do camiño se separan por un tempo e que volven a reunirse máis tarde. d Lucas explica: “Ós cinco días alcanzámolos en Troas” (Feit. 20:6). e É aquí onde Paulo resucita a Eutico, como vimos ó principio deste capítulo. Podes imaxinar como se deberon sentir os irmáns ó ver este rapaz resucitado? O relato di: “Sentíronse moi felices” (Feit. 20:12).
13 Está claro que na actualidade non hai milagres deste tipo. Aínda así, a esperanza da resurrección que atopamos na Biblia dálles moito consolo ás persoas que perderon algún ser querido na morte (Xoán 5:28, 29). Pensa nisto: como Eutico era imperfecto, co tempo volveu a morrer (Rom. 6:23). Pero as persoas que resuciten no novo mundo teñen a esperanza de vivir para sempre. E os que resuciten para gobernar con Xesús no ceo recibirán inmortalidade (1 Cor. 15:51-53). Tanto os cristiáns unxidos coma as “outras ovellas” teñen boas razóns para sentirse moi felices grazas á esperanza da resurrección (Xoán 10:16).
“En público e de casa en casa” (Feitos 20:13-24)
14. Que lles dixo Paulo ós anciáns de Éfeso cando se xuntou con eles en Mileto?
14 Paulo e o seu grupo viaxan de Troas a Assos. Despois a Mitilene, Quíos, Samos e Mileto. Paulo quere chegar a Xerusalén a tempo para a Festa de Pentecostés. Este é o motivo polo que colle un barco que non para en Éfeso. Pero como quere falar cos anciáns desa cidade, pídelles que se xunten con el en Mileto (Feit. 20:13-17). Cando chegan, Paulo dilles: “Vós ben sabedes como actuei cando estiven con vós desde o primeiro día que pisei a provincia de Asia. Servín o Señor como escravo con toda humildade, e chorei e sufrín probas debido ás conspiracións dos xudeus. Aínda así, non deixei de dicirvos nada que fose para o voso ben nin de ensinarvos en público e de casa en casa. Todo o contrario. Deilles un testemuño completo tanto a xudeus coma a gregos para que se arrepentisen, se volvesen a Deus e tivesen fe no noso Señor Xesús” (Feit. 20:18-21).
15. Por que é tan boa a predicación de casa en casa?
15 Na actualidade, as testemuñas de Xehová usamos moitos métodos diferentes para transmitirlles as boas noticias ás persoas. Igual que Paulo, predicamos en calquera sitio onde haxa xente, como en paradas de bus, rúas ou zonas comerciais. Pero a predicación de casa en casa segue sendo o noso método principal. Por que? Porque lle dá a todo o mundo a oportunidade de escoitar a mensaxe do Reino regularmente. Isto é unha mostra de que Deus é imparcial. Tamén permite que as persoas de bo corazón reciban a axuda que necesitan para coñecer a Deus. Ademais, este tipo de predicación axúdanos a fortalecer a nosa fe e o noso aguante. Sen dúbida, o entusiasmo co que predicamos “en público e de casa en casa” é a marca que nos distingue como cristiáns verdadeiros.
16, 17. Como demostrou valor Paulo, e como imitamos os cristiáns o seu exemplo?
16 Paulo explícalles ós anciáns de Éfeso que non sabe o que lle espera en Xerusalén. Dilles: “Pero a miña vida non ten ningún valor para min, con tal de que acabe a miña carreira e cumpra o ministerio que me deu o Señor Xesús de dar un testemuño completo das boas noticias da bondade inmerecida de Deus” (Feit. 20:24). Paulo demostra ter moito valor. Non deixa que nada lle impida facer o que Deus espera del, nin sequera a mala saúde ou a persecución.
17 Os cristiáns da actualidade tamén nos enfrontamos a problemas moi diferentes. Algúns viven onde a obra está prohibida e hai persecución. Outros loitan con enfermidades que os debilitan física ou mentalmente. Os rapaces cristiáns tamén se enfrontan á presión dos seus compañeiros na escola. Igual que Paulo, as testemuñas de Xehová estamos decididas a non permitir que nada nos impida dar “un testemuño completo do Reino de Deus”.
“Coidádevos vós mesmos e coidade de todo o rabaño” (Feitos 20:25-38)
18. En que sentido estaba Paulo limpo do sangue de todo home, e como debían imitalo os anciáns de Éfeso?
18 Cando chegan os anciáns de Éfeso, Paulo é moi claro ó aconsellalos e ponse a si mesmo como exemplo. Primeiro infórmaos de que esta será probablemente a última vez que o vexan. Despois dilles: “Estou limpo do sangue de todo home, porque nunca deixei de anunciarvos toda a vontade de Deus”. Como poden os anciáns de Éfeso imitar a Paulo e non facerse culpables da morte de ninguén? El explica: “Coidádevos vós mesmos e coidade de todo o rabaño. Porque o espírito santo nomeouvos superintendentes para pastorear a congregación de Deus, que el comprou co sangue do seu propio Fillo” (Feit. 20:26-28). Paulo tamén os advirte de que entrarán na congregación “lobos feroces” e dirán “cousas retorcidas para arrastrar os discípulos e levalos detrás deles”. Que deben facer os anciáns? Paulo dilles: “Mantédevos despertos e recordade que durante tres anos, de día e de noite, non deixei de aconsellarvos con lágrimas a cada un de vós” (Feit. 20:29-31).
19. Que lle pasou á congregación cristiá a finais do primeiro século, e que consecuencias tivo iso ó longo da historia?
19 Estes “lobos feroces” aparecerían a finais do primeiro século. Arredor do ano 98, o apóstolo Xoán escribiu: “Xa están aquí moitos anticristos; [...] saíron dos nosos, aínda que eles non eran dos nosos; se fosen dos nosos habían quedar connosco” (1 Xoán 2:18, 19). Para o século III xa aparecera o clero da cristiandade como consecuencia da apostasía, e no século IV, o emperador Constantino legalizou esta forma de “cristiandade” falsa. Estes líderes relixiosos apóstatas dixeron “cousas retorcidas”. Mesturaron ensinanzas bíblicas con crenzas e tradicións pagás para que estas parecesen cristiás. Os efectos da apostasía aínda están presentes hoxe nas ensinanzas e nos costumes da cristiandade.
20, 21. Como demostrou Paulo espírito de sacrificio, e como o poden imitar os anciáns cristiáns?
20 A forma de vivir de Paulo era todo o contrario á daqueles que máis tarde usaron a congregación para o seu propio beneficio. El traballou para manterse a si mesmo e non ser unha carga para a congregación. Esforzouse moito por coidar os seus queridos irmáns sen esperar nada a cambio. Paulo animou os anciáns de Éfeso a mostrar ese espírito de sacrificio ó dicir: “Tedes que traballar duro para axudar ós que o necesitan”. Tamén lles recordou as palabras de Xesús: “Hai máis felicidade en dar que en recibir” (Feit. 20:35).
21 Ó igual que Paulo, os anciáns da actualidade demostran ser moi sacrificados. A diferenza do clero da cristiandade, eles non piden cartos para facerse ricos. Entenden que Deus lles dá a responsabilidade de pastorear a congregación e fano de forma desinteresada. No pobo de Deus non hai lugar para o orgullo e a ambición. E aqueles que andan a “procurar honores”, co tempo fracasarán (Prov. 25:27). A arrogancia só pode levar á deshonra (Prov. 11:2).
22. Por que querían tanto a Paulo os anciáns de Éfeso?
22 Paulo amaba de verdade os seus irmáns e por iso eles o querían tanto. De feito, cando chegou o momento de despedirse, “todos se puxeron a chorar e empezaron a darlle abrazos e bicos con cariño” (Feit. 20:37, 38). Os cristiáns valoramos e queremos moito os irmáns que dan do seu tempo, enerxías e recursos de forma desinteresada para servir os demais, igual que fixo Paulo. Despois de analizar o seu excelente exemplo, está claro que non mentiu nin esaxerou cando dixo: “Estou limpo do sangue de todo home” (Feit. 20:26).
a Mira o recadro “ As cartas que Paulo escribiu en Macedonia”.
b É probable que Paulo escribise a súa carta ós Romanos durante a súa visita a Corinto.
c Mira o recadro “ Paulo leva doazóns para os irmáns necesitados”.
d En Feitos 20:5, 6 Lucas fala en primeira persoa, o que parece indicar que Paulo o recolleu en Filipos cando ía de camiño a Troas (Feit. 16:10-17, 40).
e A viaxe de Filipos a Troas levoulles cinco días. Esa mesma viaxe debería levar dous días, pero parece ser que tiñan o vento en contra (Feit. 16:11).