CAPÍTULO 11
“Seguíronse enchendo de espírito santo e de alegría”
O bo exemplo de Paulo ante a hostilidade e a indiferenza da xente.
Baseado en Feitos 13:1-52
1, 2. Por que foi o nomeamento de Bernabé e Saulo como misioneiros diferente dos outros, e como axudaría ese nomeamento a que se cumprisen as palabras de Feitos 1:8?
HOXE é un día moi emocionante para a congregación de Antioquía. Entre os profetas e os mestres desa congregación, o espírito santo escolleu a Bernabé e a Saulo para que leven as boas noticias a lugares distantes (Feit. 13:1, 2). a Esta non é a primeira vez que se manda a homes cualificados a predicar as boas noticias. Pero ata este momento só se enviaran a sitios onde xa había cristiáns (Feit. 8:14; 11:22). Nesta ocasión, Bernabé e Saulo —xunto con Xoán Marcos, que lles servía de axudante— foron enviados a países onde a xente nunca escoitara as boas noticias.
2 Uns 14 anos antes, Xesús dixéralles ós seus seguidores: “Seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda Xudea e Samaria, e ata a parte máis distante da terra” (Feit. 1:8). O nomeamento de Bernabé e Saulo como misioneiros axudaría a que se cumprisen estas palabras proféticas de Xesús. b
“Apartádeme a Bernabé e a Saulo” (Feitos 13:1-12)
3. Por que era tan difícil viaxar no primeiro século?
3 Na actualidade, grazas ós medios de transporte modernos como o coche ou o avión, a xente pode viaxar longas distancias en só unha ou dúas horas. Pero este non era o caso do primeiro século. Naquel tempo a forma máis habitual de viaxar era a pé, moitas veces por terreos difíciles. Nun día de viaxe, unha persoa podía camiñar só uns 30 quilómetros e seguramente acabaría cansada. c Así que, cando Bernabé e Saulo aceptaron aquela misión, eran conscientes do esforzo e sacrificio que ía implicar (Mat. 16:24).
4. a) Por que se escolleu a Bernabé e a Saulo, e como reaccionaron os demais irmáns? b) Como podemos apoiar os que reciben unha nova responsabilidade dentro da organización?
4 Por que escolleu especificamente o espírito santo a Bernabé e a Saulo para esta obra? (Feit. 13:2) A Biblia non o di. Pero o importante é que o espírito santo dirixiu os asuntos para que se escollese a estes homes. Non hai nada que indique que os profetas e os mestres de Antioquía cuestionasen esa decisión. Máis ben, apoiaron sen reservas o nomeamento e “despois de facer xaxún e orar, impuxéronlles as mans e despedíronse deles” (Feit. 13:3). Que ben se deberon sentir Bernabé e Saulo cando viron que os seus irmáns, en lugar de terlles envexa, se alegraban por eles. Nós tamén debemos apoiar os que reciben unha nova responsabilidade dentro da organización, como por exemplo un nomeamento de ancián. En vez de sentir envexa polos privilexios que recibiron, debemos telos “no máis grande aprezo e amor polos seus traballos” (1 Tes. 5:13).
5. Explica o que implicaba predicar na illa de Chipre.
5 Despois de ir andando ata Seleucia, un porto cerca de Antioquía, Bernabé e Saulo colleron un barco ata a illa de Chipre, a uns 200 quilómetros. d Como Bernabé era de Chipre, seguramente estaba desexando levarlles as boas noticias ás persoas da súa terra. En canto chegaron a Salamina, unha cidade na costa leste da illa, “puxéronse a predicar a palabra de Deus nas sinagogas dos xudeus” (Feit. 13:5). e Bernabé e Saulo percorreron toda a illa dun extremo ó outro, probablemente predicando en tódalas cidades importantes que encontraron polo camiño. Dependendo da ruta que seguisen, é posible que estes dous misioneiros camiñasen uns 160 quilómetros.
6, 7. a) Quen era Serxio Paulo, e por que quería Barxesús evitar que escoitase as boas noticias? b) Que fixo Saulo para deter a oposición de Barxesús?
6 No primeiro século a illa de Chipre estaba chea de adoración falsa. Isto fíxose especialmente evidente cando Bernabé e Saulo chegaron a Pafos, na costa oeste da illa. Alí “encontráronse cun xudeu que se chamaba Barxesús, que era bruxo e un profeta falso”. O relato explica que este home “estaba co procónsul Serxio Paulo, un home intelixente”. f Naquel tempo moitos romanos prominentes, incluídos homes intelixentes como Serxio Paulo, pedíanlles consello a bruxos ou astrólogos antes de tomar decisións importantes. Aínda así, Serxio Paulo estaba intrigado pola mensaxe do Reino e “tiña moitas ganas de escoitar a palabra de Deus”. Isto non lle sentou nada ben a Barxesús, tamén coñecido como Elimas, que significa “o bruxo” (Feit. 13:6-8).
7 Barxesús opoñíase á mensaxe do Reino. Dábase conta de que esta era a única forma de manter a súa influencia sobre Serxio Paulo. Por iso “intentaba que o procónsul deixase de ter fe” (Feit. 13:8). Pero Saulo non ía permitir que un bruxo lle quitase a este home o desexo de coñecer a verdade. Que fixo para evitalo? O relato di: “Entón Saulo, ó que tamén lle chaman Paulo, encheuse de espírito santo, mirouno fixamente [a Barxesús] e díxolle: ‘Estás cheo de toda clase de engano e de maldade, fillo do Demo, inimigo de todo o que é xusto! Cando vas deixar de torcer os camiños rectos de Xehová? Mira! A man de Xehová está contra ti. Vas quedar cego por un tempo e non vas ver a luz do sol’. Nese momento, empezou a ver todo borroso e escuro, e púxose a buscar a alguén arredor del para que o levase da man”. g Cando Serxio Paulo viu este milagre “fíxose crente, porque quedou moi impresionado co que aprendera de Xehová” (Feit. 13:9-12).
8. Como podemos imitar a valentía de Paulo na actualidade?
8 Paulo non se deixou intimidar por Barxesús. Do mesmo xeito, nós tamén temos que ser valentes e defender a verdade cando os opositores intentan debilitar a fe das persoas que mostran interese pola mensaxe do Reino. Claro, debemos recordar que a nosa fala ten que ser “sempre agradable, cun chisquiño de sal” (Col. 4:6). Pero, ó mesmo tempo, nunca deberiamos poñer en perigo o crecemento espiritual dunha persoa que mostrou interese só por evitar un conflito con outros. Tampouco debemos deixar de poñer ó descuberto as cousas malas que fai a relixión falsa, que segue torcendo “os camiños rectos de Xehová” igual que facía Barxesús (Feit. 13:10). Seguindo o exemplo de Paulo, nunca deixemos de declarar a verdade con valor e de axudar ós que queren saber máis. E aínda que na actualidade Xehová non nos dá poder para facer milagres como fixo con Paulo, podemos estar seguros de que tamén utilizará o seu espírito santo para atraer as persoas que queiran coñecer a verdade (Xoán 6:44).
“Algunha palabra de ánimo” (Feitos 13:13-43)
9. Como foron un bo exemplo Paulo e Bernabé para os homes da actualidade que teñen responsabilidades na congregación?
9 Paulo, Bernabé e Marcos deixaron Pafos e viaxaron uns 250 quilómetros en barco ata Perga, na costa de Asia Menor. Despois disto, o escritor de Feitos cambia a forma de referirse a este grupo. En Feitos 13:13 fala de “Paulo e os seus compañeiros”, o que parece indicar que a partir dese momento era Paulo quen adoitaba tomar a iniciativa. Aínda así, non hai nada que indique que Bernabé sentise celos del. Todo o contrario, estes dous homes seguiron traballando xuntos para cumprir coa vontade de Deus. Paulo e Bernabé puxéronlles un bo exemplo ós homes da actualidade que teñen responsabilidades na congregación. En vez de buscar prominencia, os cristiáns recordamos as palabras de Xesús que dixo: “Todos sodes irmáns”. E engadiu: “A quen se pon por riba doutros humillarano, pero a quen é humilde poñerano por riba dos demais” (Mat. 23:8, 12).
10. Describe a viaxe de Perga ata Antioquía de Pisidia.
10 Cando chegaron a Perga, Xoán Marcos deixou a Paulo e a Bernabé e volveu a Xerusalén. A Biblia non explica por que marchou tan de repente. Paulo e Bernabé continuaron a súa viaxe dende Perga ata Antioquía de Pisidia, unha cidade da provincia de Galacia. Esta non debeu ser unha viaxe fácil. Antioquía de Pisidia está a uns 1100 metros sobre o nivel do mar e para chegar ata alí tiñan que viaxar por camiños de montaña moi perigosos nos que eran comúns os ataques de ladróns. Aínda por riba, é probable que nese momento Paulo xa tivese problemas de saúde. h
11, 12. Que fixo Paulo para despertar o interese dos que estaban na sinagoga de Antioquía de Pisidia?
11 En Antioquía de Pisidia, Paulo e Bernabé entraron na sinagoga o sábado. O relato explica: “Cando terminou a lectura pública da Lei e os Profetas, os presidentes da sinagoga pedíronlles: ‘Irmáns, se tedes algunha palabra de ánimo para o pobo, dicídea’” (Feit. 13:15). Paulo púxose de pé para falar.
12 O apóstolo empezou a súa intervención dicíndolles ós que estaban alí: “Homes de Israel e tódolos demais que temedes a Deus” (Feit. 13:16). Estes homes eran xudeus e prosélitos que non aceptaban a Xesús como Mesías. Como podía razoar Paulo con eles? En primeiro lugar, faloulles da historia da nación de Israel. Explicou como Xehová os converteu “nunha nación poderosa mentres vivían como estranxeiros na terra de Exipto”. Despois de liberalos, “aturounos no deserto” durante uns 40 anos. Paulo tamén explicou como Xehová lles axudou a conquistar a Terra Prometida e como lles deu “as súas terras como herdanza” (Feit. 13:17-19). Hai quen opina que Paulo estaba facendo referencia a certa pasaxe das Escrituras que acababa de lerse na sinagoga ese mesmo sábado. Se iso é así, este é outro exemplo de como adaptou a súa ensinanza ás persoas que o estaban escoitando (1 Cor. 9:22).
13. Que podemos facer cando predicamos para que as persoas nos escoiten?
13 Igual que Paulo, nós tamén queremos falar de temas que lles interesen ás persoas cando lles predicamos. Por exemplo, se coñecemos as súas crenzas relixiosas poderemos falar de cousas que sexan importantes para elas. Tamén podemos usar versículos da Biblia que xa coñezan. E, ás veces, incluso podemos pedirlles que lean da súa propia Biblia. Se pensas en cousas que poderían animar ou motivar as persoas a aprender de Xehová, será máis fácil que te escoiten.
14. a) Como relacionou Paulo o que dixo ata agora con Xesús, e que advertencia deu? b) Como reaccionou a xente ó escoitar o discurso de Paulo?
14 A continuación Paulo explicou que a través da liña de reis israelitas Deus trouxo un salvador a Israel, Xesús, que foi anunciado por Xoán o Bautista. Despois explicoulles como foi executado e resucitado (Feit. 13:20-37). Paulo tamén lles dixo: “Así que, irmáns, estámosvos anunciando que o perdón dos pecados só é posible mediante Xesús. [...] Grazas á morte deste home, Deus declara inocente a todo o que cre nel”. Entón, o apóstolo deulles esta advertencia: “Tede coidado para que non vos pase o que se di nos Profetas. ‘Vós, os que vos burlades, verédelo, ídesvos sorprender e entón morreredes. Porque estou facendo algo nos vosos días que non ides crer aínda que alguén volo explique en detalle’”. A resposta que tivo o discurso de Paulo foi sorprendente. A Biblia di: “A xente suplicoulles que seguisen falando destas cousas o sábado seguinte”. Despois de marchar da sinagoga, “moitos xudeus e prosélitos que adoraban a Deus seguiron a Paulo e a Bernabé” (Feit. 13:38-43).
“Ímoslles predicar ós que non son xudeus” (Feitos 13:44-52)
15. Que pasou o sábado seguinte?
15 O sábado seguinte xuntouse “case toda a cidade” para escoitar a Paulo. Isto non lles gustou nada a algúns xudeus que se puxeron celosos e “empezaron a contradicir a Paulo e a blasfemar contra o que dicía”. El e Bernabé dixéronlles con valor: “Primeiro, había que predicarvos a palabra de Deus a vós. Pero como a rechazastes e pensades que non merecedes a vida eterna, ímoslles predicar ós que non son xudeus. Iso foi o que nos mandou Xehová cando dixo: ‘Escollinte como luz das nacións para que leves a salvación ata a parte máis distante da terra’” (Feit. 13:44-47; Is. 49:6).
16. Como reaccionaron os xudeus ás palabras de Paulo e Bernabé, e que fixeron eles cando os botaron da cidade?
16 Os xentís que estaban escoitando alegráronse moito e “tódolos que tiñan a actitude correcta para obter vida eterna fixéronse crentes” (Feit. 13:48). A palabra de Xehová espallouse rapidamente por toda a rexión. Pero a reacción dos xudeus foi moi diferente. Paulo e Bernabé dixéronlles que a palabra de Deus se lles anunciara a eles primeiro, pero que Deus xa non aprobaba a súa adoración porque rechazaran o Mesías. Entón, os xudeus revolucionaron as mulleres influentes e os homes importantes da cidade. “Iso provocou unha persecución contra Paulo e Bernabé, e botáronos do seu territorio.” Que fixeron eles? “Sacudiron o po dos pés e marcharon para Iconio.” Foi esta a fin do cristianismo en Antioquía de Pisidia? Todo o contrario. Os discípulos que quedaron alí “seguíronse enchendo de espírito santo e de alegría” (Feit. 13:50-52).
17-19. Como podemos imitar o exemplo de Paulo e Bernabé, e que nos vai axudar a manter a nosa alegría?
17 A forma na que reaccionaron estes homes fieis contén unha lección moi valiosa para nós: non deixamos de predicar nin sequera cando persoas importantes deste mundo intentan impedir que falemos da mensaxe do Reino. Por outro lado, fixémonos en que Paulo e Bernabé “sacudiron o po dos pés” cando a xente de Antioquía rechazou a súa mensaxe. Este xesto non indicaba enfado, máis ben era unha mostra de que non se facían responsables do que lles pasase a aquelas persoas. Eles sabían que non podían obrigar a ninguén a crer en Xesús. O que si podían facer era seguir predicando. E ese foi o motivo polo que marcharon a Iconio.
18 E que pasou cos discípulos que quedaron en Antioquía? Aínda que vivían rodeados de xente que os perseguía, a súa felicidade non dependía de cantos aceptasen a mensaxe. Xesús dixo: “Ditosos máis ben os que escoitan a Palabra de Deus e a gardan” (Luc. 11:28). E iso era exactamente o que estaban decididos a facer os discípulos de Antioquía de Pisidia.
19 Igual que Paulo e Bernabé, debemos recordar sempre que a nosa responsabilidade é predicar as boas noticias. Pero é a xente á que lle predicamos a que ten que decidir se vai escoitar a mensaxe ou non. Se as persoas do noso territorio non teñen interese por coñecer a verdade, podemos aprender moito dos discípulos do primeiro século. Incluso se nos perseguen, podemos manter a nosa alegría centrándonos no valiosas que son as boas noticias e deixando que Deus nos guíe co seu espírito (Gál. 5:18, 22).
a Mira o recadro “ Bernabé, ‘fillo do consolo’”.
b Neste momento xa había congregacións en lugares tan distantes como Antioquía de Siria, situada a uns 550 quilómetros ó norte de Xerusalén.
c Mira o recadro “ Viaxando polos camiños”.
d No primeiro século, un barco podía percorrer uns 160 quilómetros ó día se tiña o vento ó seu favor. Pero en condicións desfavorables a viaxe podía levar moito máis tempo.
e Mira o recadro “ Nas sinagogas dos xudeus”.
f Chipre estaba baixo o dominio do Senado romano. O administrador principal da illa era un gobernador provincial que tiña o rango de procónsul.
g Dende este momento a Saulo chámaselle Paulo. Algúns opinan que empezou a usar este nome romano en honor a Serxio Paulo. Pero o feito de que seguise utilizando o nome Paulo despois de marchar de Chipre parece indicar que ese non era o motivo. É probable que Paulo, que sería “apóstolo dos xentís”, decidise usar o seu nome romano. Tamén é posible que utilizase Paulo porque a pronunciación grega do seu nome hebreo, Saulo, é moi similar a unha palabra grega malsoante (Rom. 11:13, AGL).
h Paulo escribiu a súa carta ós gálatas varios anos despois. Nela díxolles: “Da primeira volta que vos prediquei o Evanxeo, eu andaba un pouco cativo”, é dicir, enfermo (Gál. 4:13).