Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 12

“Falando con valor grazas á autoridade que lles daba Xehová”

“Falando con valor grazas á autoridade que lles daba Xehová”

Paulo e Bernabé demostran ser humildes, perseverantes e valentes.

Baseado en Feitos 14:1-28

1, 2. Que pasou cando Paulo e Bernabé foron a Listra?

 UN GRAN barullo enche a cidade de Listra. Un home coxo de nacemento está dando saltos de alegría despois de que dous estraños o curasen. A multitude mira fascinada os dous descoñecidos porque pensa que son deuses. O sacerdote de Zeus trae coroas de flores para eles e prepara uns touros para sacrificalos no seu honor. Ó ver o que están facendo, Paulo e Bernabé bérranlles para que paren. Rachando a súa roupa métense entre a multitude e, despois de moito esforzo, conseguen que deixen de adoralos.

2 Entón, chegan uns xudeus de Antioquía de Pisidia e de Iconio. Contando sucias mentiras, conseguen envelenar a mente dos habitantes de Listra. Como consecuencia, esa mesma multitude que antes quería adoralo rodea a Paulo e empeza a botarlle pedras ata que queda inconsciente. A continuación, collen o seu corpo e bótano fóra da cidade pensando que está morto.

3. Que preguntas imos responder neste capítulo?

3 Como se chegou a esta terrible situación? Que podemos aprender nós do que lles pasou a Paulo e a Bernabé en Listra? Como poden os anciáns imitar o exemplo destes dous homes fieis que seguiron predicando “con valor grazas á autoridade que lles daba Xehová”? (Feit. 14:3).

Moitísimos fixéronse crentes (Feitos 14:1-7)

4, 5. Por que viaxaron Paulo e Bernabé a Iconio, e que pasou alí?

4 Só uns días antes, algúns xudeus convenceron a xente de Antioquía de Pisidia para que botasen a Paulo e a Bernabé fóra da cidade. En lugar de desanimarse, “sacudiron o po dos pés” demostrando así que non se facían responsables do que lle pasase a aquela xente (Feit. 13:50-52; Mat. 10:14). Paulo e Bernabé marcharon en paz e deixaron que aqueles opositores sufrisen as consecuencias das súas accións (Feit. 18:5, 6; 20:26). Sen perder a alegría, os dous misioneiros continuaron coa súa campaña de predicación. Despois de percorrer uns 150 quilómetros, chegaron a unha chaira fértil situada entre os montes Tauro e os montes Sultán.

5 Inicialmente, Paulo e Bernabé pararon en Iconio, unha das principais cidades da provincia romana de Galacia. a A diferenza doutras cidades da rexión, Iconio seguía influenciada pola cultura grega. Ademais, nesa cidade tamén vivían moitos xudeus influentes e prosélitos. Como de costume, Paulo e Bernabé entraron na sinagoga e empezaron a predicar, “de tal maneira que se fixeron crentes moitísimos xudeus e gregos” (Feit. 13:5, 14; 14:1).

6. Por que foron Paulo e Bernabé tan bos mestres, e como podemos imitalos?

6 Por que foron Paulo e Bernabé tan bos mestres? Paulo coñecía moi ben as Escrituras. Con moita habilidade, era capaz de relacionar pasaxes da historia, dos profetas e da Lei de Moisés para demostrar que Xesús era o Mesías prometido (Feit. 13:15-31; 26:22, 23). Por outro lado, Bernabé era moi cariñoso e pola súa forma de falar notábase que se interesaba profundamente polas persoas (Feit. 4:36, 37; 9:27; 11:23, 24). Aínda así, ningún dos dous confiaba no seu propio entendemento, senón que falaban “grazas á autoridade que lles daba Xehová”. Como podes imitar ti o seu exemplo na predicación? Familiarízate coa Palabra de Deus. Escolle textos bíblicos que poidan chamar a atención das persoas do teu territorio. Busca formas prácticas de consolar as persoas ás que lles predicas. E basea sempre as túas ensinanzas no que di a Palabra de Deus, non na túa propia sabedoría.

7. a) Que efectos producen as boas noticias? b) Que deberías recordar se a túa familia está dividida porque decidiches servir a Xehová?

7 Agora ben, non tódolos habitantes de Iconio estaban contentos de escoitar a mensaxe que predicaban Paulo e Bernabé. Lucas explica que “os xudeus que non creron revolucionaron a xente das nacións e puxéronos en contra dos irmáns”. Paulo e Bernabé déronse conta de que era importante quedar alí para defender as boas noticias e por iso “pasaron bastante tempo falando con valor”. Como resultado, “a xente da cidade dividiuse: uns estaban a favor dos xudeus e outros a favor dos apóstolos” (Feit. 14:2-4). Hoxe en día as boas noticias producen efectos similares. Nalgúns casos poden axudar ás persoas a estar máis unidas e noutros poden crear división (Mat. 10:34-36). Se a túa familia está dividida porque decidiches servir a Xehová, recorda que ese tipo de oposición moitas veces está causada por mentiras e rumores falsos. Pero o teu bo comportamento pode ser o antídoto para ese veleno e pode facer que, co tempo, os teus familiares cambien de actitude (1 Ped. 2:12; 3:1, 2).

8. Por que marcharon Paulo e Bernabé de Iconio, e que lección aprendemos do seu exemplo?

8 Despois dun tempo, os opositores de Iconio tramaron un plan para apedrar a Paulo e a Bernabé. Cando o souberon, os dous misioneiros decidiron marchar e ir predicar a outra zona (Feit. 14:5-7). Na actualidade, as testemuñas de Xehová tamén somos sensatas e actuamos con prudencia. Se alguén fala en contra de nós ou da nosa mensaxe, defendemos a verdade con valor (Filip. 1:7; 1 Ped. 3:13-15). Pero se a persoa se pon violenta e nos ameaza, non poñemos en perigo a nosa vida nin a dos nosos irmáns de forma innecesaria (Prov. 22:3).

Predícanlles para que adoren “o Deus vivo” (Feitos 14:8-19)

9, 10. Onde estaba situada Listra, e que sabemos dos seus habitantes?

9 Agora, Paulo e Bernabé marchan a Listra, unha colonia romana situada a uns 30 quilómetros ó suroeste de Iconio. Esta cidade ten moitas cousas en común con Antioquía de Pisidia, pero aquí non viven tantos xudeus. Aínda que é probable que os seus habitantes falen grego, a súa lingua materna é o licaonio. Nesta ocasión, Paulo e Bernabé deciden predicar nun lugar público, posiblemente porque na cidade non hai sinagoga. Alí, Paulo cura un home coxo de nacemento (Feit. 14:8-10). Anos atrás, Pedro fixo un milagre moi parecido en Xerusalén. Naquela ocasión, moitas das persoas que viron aquel milagre fixéronse crentes (Feit. 3:1-10). Pero cando Paulo cura o home coxo en Listra, a xente reacciona de forma moi diferente.

10 Como vimos ó principio deste capítulo, cando a xente de Listra ve o home coxo dando saltos de alegría chega a unha conclusión equivocada. Empezan a dicir que Bernabé é Zeus, o xefe dos deuses, e que Paulo é Hermes, o fillo de Zeus e portavoz dos deuses (mira o recadro “ Listra e o culto a Zeus e a Hermes”). Ó escoitalos, Paulo e Bernabé fan todo o posible por convencelos de que non son deuses. Explícanlles que foi Xehová, o único Deus verdadeiro, quen lles deu a autoridade para falar e o poder para facer milagres (Feit. 14:11-14).

“Estámosvos predicando [...] para que deixedes de adorar estas cousas inútiles e adoredes o Deus vivo, o que fixo o ceo, a terra, o mar.” (Feitos 14:15)

11-13. a) Que lles dixeron Paulo e Bernabé ós habitantes de Listra? b) Que lección podemos aprender do razoamento de Paulo e Bernabé?

11 A pesar da reacción da xente, Paulo e Bernabé non deixan de intentar predicarlles. Este relato ensínanos unha forma moi eficaz de predicar as boas noticias ás persoas que non son cristiás. Fíxate en como razoaron Paulo e Bernabé con aquelas persoas: “Por que facedes isto? Nós tamén somos humanos e temos as mesmas debilidades ca vós. Estámosvos predicando as boas noticias para que deixedes de adorar estas cousas inútiles e adoredes o Deus vivo, o que fixo o ceo, a terra, o mar e tódalas cousas que hai neles. No pasado, el permitiu que cada nación fixese o que quería, pero non deixou de demostrar quen era facendo cousas boas. Deulles chuvias do ceo, colleitas abundantes, suficiente comida e encheu os seus corazóns de alegría” (Feit. 14:15-17).

12 Que podemos aprender destas palabras? En primeiro lugar que Paulo e Bernabé non se consideraron superiores ós seus oíntes, non pretenderon ser algo que non eran. Todo o contrario, foron humildes e recoñeceron que tiñan as mesmas debilidades que aquelas persoas. É certo que recibiran o espírito santo, foran liberados das ensinanzas falsas e tiñan a esperanza de gobernar con Cristo. Pero dábanse conta de que os habitantes de Listra tamén podían recibir esas mesmas bendicións se obedecían a Xesús.

13 Como vemos nós as persoas ás que lles predicamos? Vémolas coma iguais? Cando lles ensinamos a outros sobre a Palabra de Deus e nos din que falamos moi ben, evitamos ser o centro de atención igual que fixeron Paulo e Bernabé? Charles Taze Russell, un mestre extraordinario que dirixiu a obra de predicar dende finais do século XIX ata principios do XX puxo un moi bo exemplo. El escribiu: “Non queremos que nos dean honra nin reverencia, nin a nós nin ó que escribimos. Nin tampouco que nos chamen reverendo ou rabí”. O irmán Russell demostrou a mesma actitude humilde que Paulo e Bernabé. Do mesmo xeito, o noso propósito cando predicamos non é levar mérito ningún, senón máis ben axudar á xente a coñecer “o Deus vivo”.

14-16. Que outras leccións podemos aprender do que Paulo e Bernabé lles dixeron ós habitantes de Listra?

14 Outra cousa que podemos aprender do discurso de Paulo e Bernabé é que foron adaptables. A diferenza dos xudeus e os prosélitos de Iconio, os habitantes de Listra sabían moi pouco ou nada das Escrituras ou da relación especial que tiña o pobo de Israel con Deus. Aínda así, tiñan moitas evidencias ó seu arredor que demostraban a existencia dun Creador. Os habitantes daquela zona eran agricultores e desfrutaban dun clima suave e de terras moi fértiles. Paulo e Bernabé aproveitaron esas circunstancias para establecer un terreo en común e falarlles das cualidades de Deus (Rom. 1:19, 20).

15 Que podemos facer nós para ser tamén adaptables? Aínda que un agricultor pode plantar a semente en varios campos, ten que adaptar os métodos que usa ós diferentes tipos de terreo. Hai terras que poden ser brandas e estar xa listas para sementar. En cambio, hai outras que quizais necesiten máis preparación. De forma parecida, a semente que plantamos é sempre a mesma: a mensaxe do Reino que atopamos na Palabra de Deus. Con todo, se somos como Paulo e Bernabé, intentaremos percibir as circunstancias e os antecedentes relixiosos das persoas ás que lles predicamos. Despois, utilizaremos esta información para adaptar a forma na que lles presentamos a mensaxe do Reino (Luc. 8:11, 15).

16 Podemos aprender unha terceira lección do que lles pasou a Paulo e a Bernabé en Listra. Por moito que nos esforcemos, ás veces a semente que plantamos é arrancada ou cae en terreo con moita pedra (Mat. 13:18-21). Se nos pasa iso, non nos desanimemos. Como Paulo lles recordou máis tarde ós discípulos de Roma, “cada un de nós dará conta de si a Deus”, e isto inclúe as persoas ás que lles predicamos (Rom. 14:12).

“Deixáronos nas mans de Xehová” (Feitos 14:20-28)

17. Onde foron Paulo e Bernabé cando marcharon de Derbe, e por que foron alí?

17 Despois de que os habitantes de Listra arrastrasen a Paulo fóra da cidade e o desen por morto, os discípulos rescatárono e déronlle un lugar onde pasar a noite. Ó día seguinte Paulo e Bernabé iniciaron unha viaxe duns 100 quilómetros ata Derbe. Imaxina canta dor debeu sentir o apóstolo Paulo nesa viaxe tendo en conta que o apedraran só unhas horas antes. Aínda así, el e Bernabé non se renderon. En canto chegaron a Derbe puxéronse a predicar e fixeron “moitos discípulos”. Despois, en vez de coller o camiño máis curto de volta á súa casa en Antioquía de Siria, “volveron a Listra, Iconio e Antioquía” de Pisidia. Por que? Porque querían fortalecer os discípulos e animalos a manterse na fe (Feit. 14:20-22). Que exemplo máis bo! Para eles era máis importante axudar á congregación que a súa propia comodidade. Os superintendentes viaxantes e os misioneiros da actualidade imitan o seu exemplo.

18. Que se ten en conta antes de nomear un ancián?

18 Ademais de fortalecer os discípulos coas súas palabras e o seu exemplo, Paulo e Bernabé “nomearon anciáns en cada congregación”. Aínda que foran “enviados polo espírito santo” a aquela viaxe misional, oraron e fixeron xaxún cando deixaron os anciáns “nas mans de Xehová” (Feit. 13:1-4; 14:23). Na actualidade séguese un modelo similar para nomear anciáns. Antes de recomendar un irmán, o corpo de anciáns da súa congregación óralle a Xehová e repasa con coidado se este irmán cumpre os requisitos que aparecen na Biblia (1 Tim. 3:1-10, 12, 13; Tito 1:5-9; Sant. 3:17, 18; 1 Ped. 5:2, 3). O máis importante non é canto tempo leve bautizado, senón ata que punto o espírito santo guía a súa vida, algo que se pode percibir na súa fala, na súa conduta e na súa reputación. Se o irmán cumpre tódolos requisitos que aparecen nas Escrituras para os anciáns, cualifica para ser nomeado pastor do rabaño (Gál. 5:22, 23). O superintendente de circuíto ten a responsabilidade de facer estes nomeamentos (compara con 1 Timoteo 5:22).

19. De que son conscientes os anciáns, e como imitan a Paulo e Bernabé?

19 Os anciáns nomeados saben que terán que renderlle contas a Deus pola forma na que tratan a congregación (Heb. 13:17). Igual que Paulo e Bernabé, toman a iniciativa na predicación e fortalecen os irmáns coa súa forma de falar. Ademais están dispostos a poñer os intereses da congregación por encima da súa propia comodidade (Filip. 2:3, 4).

20. Como nos beneficia ler experiencias de irmáns fieis?

20 Cando Paulo e Bernabé volveron a Antioquía de Siria, contáronlles ós irmáns “tódalas cousas que Deus fixera mediante eles. Tamén lles contaron que el abrira o camiño para que os que non eran xudeus puidesen crer nel” (Feit. 14:27). Na actualidade, anímanos moito ler experiencias de irmáns fieis e tamén ver como Xehová bendice os seus esforzos por predicar con valor.

a Mira o recadro “ Iconio, cidade dos frixios”.