CAPÍTULO 6
“Deus déralle a Esteban a súa aprobación e moito poder”
O que aprendemos do valor que demostrou Esteban cando falou diante do Sanedrín.
Baseado en Feitos 6:8–8:3
1-3. a) A que difícil situación se enfrontou Esteban, e como reaccionou? b) Que preguntas imos analizar?
ESTEBAN está de pé diante do tribunal, nunha sala impoñente que probablemente estea situada cerca do templo de Xerusalén. Arredor del hai 71 homes sentados nun enorme semicírculo. Trátase do Sanedrín, e nesta ocasión está reunido para xulgalo a el. Os xuíces deste tribunal son homes influentes e moi poderosos, e a maioría deles non teñen respecto polos discípulos de Xesús. De feito, o home que reuniu o tribunal é o sumo sacerdote Caifás, quen presidía o Sanedrín cando se condenou a Xesús á morte uns meses antes. Estará asustado Esteban?
2 A expresión da súa cara é sorprendente. Os xuíces mírano e ven que parece “a dun anxo” (Feit. 6:15). Como os anxos transmiten a mensaxe de Xehová, non teñen motivos para ter medo e están tranquilos. Así é como se sente Esteban neste momento e os xuíces poden percibilo, por moi enfadados que estean. Pero, como pode estar tan tranquilo?
3 Os cristiáns da actualidade podemos aprender moito da resposta a esta pregunta. Pero antes necesitamos saber que levou a Esteban a encontrarse nunha situación tan difícil. Como defendeu el a súa fe no pasado? E de que formas podemos imitalo nós?
“Revolucionaron o pobo” (Feitos 6:8-15)
4, 5. a) Por que era Esteban de moita axuda na congregación? b) En que sentido contaba Esteban co poder e a aprobación de Xehová?
4 Como aprendemos no capítulo anterior, Esteban era de moita axuda na congregación. Vimos que el era un dos sete homes humildes que estiveron dispostos a axudar ós apóstolos cando llelo pediron. A súa humildade impresiónanos aínda máis cando pensamos en tódalas bendicións que recibiu de Deus. En Feitos 6:8 lemos que, coa axuda de Xehová, puido facer “grandes milagres e cousas impresionantes”, igual que algúns apóstolos. Ademais di que contaba coa “súa aprobación e moito poder”. Que significa isto?
5 A palabra grega que se traduciu como “aprobación” tamén pode traducirse como “gracia”. É posible que a xente se sentise cómoda con Esteban porque era unha persoa amable e cariñosa. Cando falaba, conseguía convencer a moitos dos que o escoitaban porque era sincero e ensinaba verdades que os beneficiaban. Tiña moito poder porque obedecía con humildade a guía do espírito santo. En vez de presumir das súas habilidades, dirixía toda a gloria a Xehová e demostraba que realmente se preocupaba polas persoas. Non nos sorprende que os seus opositores o considerasen unha ameaza para a súa relixión.
6-8. a) De que dúas cousas acusaron a Esteban os seus opositores, e por que? b) Por que pode ser moi útil o exemplo de Esteban para os cristiáns da actualidade?
6 Algúns homes intentaron discutir con Esteban pero “non eran capaces de enfrontarse a el, porque falaba con moita sabedoría e coa axuda do espírito santo”. a Frustrados, “convenceron a uns homes en segredo” para que presentasen acusacións falsas contra este discípulo de Cristo. Ademais, “revolucionaron o pobo, os anciáns e os escribas” (Feit. 6:9-12). Este é o motivo polo que levaron a Esteban ante o Sanedrín. Os seus opositores acusárono de dúas cousas: de blasfemar contra Deus e tamén contra Moisés. En que se baseaban?
7 Estas falsas testemuñas dixeron que Esteban blasfemara contra Deus porque non paraba de falar “contra este lugar santo”, é dicir, contra o templo de Xerusalén (Feit. 6:13). Tamén o acusaron de blasfemar contra Moisés porque dicían que non respectaba a Lei e que cambiara os costumes que Moisés lle ensinara ó pobo. Esta era unha acusación moi seria. Os xudeus daquela época dábanlle moita importancia ó templo, ós detalles da Lei mosaica e ás moitas tradicións orais que lle engadiran. Por iso acusaron a Esteban de ser un home perigoso que merecía morrer.
8 Tristemente, non é raro que a xente relixiosa use estas tácticas para atacar os servos de Deus. Na actualidade, ás veces intentan influír nos gobernantes para que persigan as testemuñas de Xehová. Que deberiamos facer se nos acusan falsamente ou contan mentiras sobre nós? Podemos aprender moito do exemplo de Esteban.
Defendeu con valor “o Deus da gloria” (Feitos 7:1-53)
9, 10. Por que criticaron algúns expertos o discurso de Esteban, e que debemos recordar?
9 Como se mencionou ó principio, mentres Esteban escoita as acusacións a súa cara transmite calma, coma a dun anxo. Caifás mira para el e pregúntalle: “É certo iso que din?” (Feit. 7:1). Agora tócalle falar a Esteban e aproveita ben o seu momento.
10 Algúns expertos criticaron o discurso de Esteban porque dicían que era demasiado longo e que non demostraba a súa inocencia. Pero en realidade, púxonos un exemplo moi bo de como defender as boas noticias (1 Ped. 3:15, 16 [3:15, TNM]). Recordemos que Esteban estaba acusado de blasfemar contra Deus por menosprezar o templo e tamén de blasfemar contra Moisés por non respectar a Lei. A resposta de Esteban é un resumo de tres períodos da historia de Israel e contén varios detalles moi interesantes. Analicemos estes tres períodos un por un.
11, 12. a) Como utilizou Esteban de forma eficaz o exemplo de Abrahán? b) Por que falou Esteban de Xosé no seu discurso?
11 A época dos patriarcas (Feit. 7:1-16). Esteban empezou falando de Abrahán, a quen os xudeus respectaban pola súa fe. Usou un tema en común para destacar que Xehová, “o Deus da gloria”, se deu a coñecer primeiro a Abrahán en Mesopotamia (Feit. 7:2). De feito, este home viviu como estranxeiro na Terra Prometida e nunca contou cun templo nin coa Lei mosaica para adorar a Xehová. Entón, como podía alguén insistir en que estas cousas son imprescindibles para serlle fiel a Deus?
12 Esteban tamén falou de Xosé, o descendente de Abrahán, porque as persoas que o escoitaban o apreciaban moito. Pero recordoulles que os seus irmáns, os pais das tribos de Israel, perseguírano e vendérano como escravo. Aínda así, Deus usouno para salvar a Israel dunha gran fame. Esteban tiña claro que había moitas semellanzas entre Xosé e Xesucristo, pero non usou esta comparación para poder seguir falando o maior tempo posible.
13. Por que foi tan importante na súa defensa o que explicou Esteban sobre Moisés, e como lle axudou isto a desenvolver o tema principal do seu discurso?
13 A época de Moisés (Feit. 7:17-43). Esteban falou moito sobre Moisés no seu discurso. E fixo moi ben porque moitos membros do Sanedrín eran saduceos e só aceptaban os libros que escribira aquel profeta. Tamén temos que recordar que Esteban estaba acusado de blasfemar contra Moisés e coas súas palabras respondeu a aquelas acusacións de forma directa, demostrando que tiña moito respecto tanto por el como pola Lei (Feit. 7:38). Destacou que, cando Moisés tiña corenta anos, tamén foi rechazado por aqueles ós que intentaba salvar. E uns corenta anos despois, volvéronse rebelar contra el en moitas ocasións. b De forma gradual, Esteban foi desenvolvendo o tema principal do seu discurso: que o pobo de Deus rechazaba unha e outra vez os que El nomeaba para dirixilos.
14. Que ideas destacou Esteban utilizando o exemplo de Moisés?
14 Esteban recordoulles ós seus oíntes que Moisés profetizara que de Israel ía saír un profeta coma el. Quen sería e como o recibirían? Esteban non respondeu esta pregunta ata o final. A continuación, pasou a destacar outra idea: Moisés aprendera que calquera terra pode converterse en santa, como sucedeu cando Xehová lle falou dende o arbusto que estaba ardendo. Tería sentido entón que Xehová quixese que o adorasen nun único edificio, como por exemplo o templo de Xerusalén? Vexamos a resposta.
15, 16. a) Por que era importante o tabernáculo no razoamento de Esteban? b) Como utilizou Esteban o templo de Salomón no seu discurso?
15 O tabernáculo e o templo (Feit. 7:44-50). Esteban recordoulle ó tribunal que antes de que houbese un templo en Xerusalén Deus xa lle mandara a Moisés que construíse o tabernáculo, unha especie de tenda de campaña móbil que servía para adoralo. Podía alguén dos que estaban alí atreverse a afirmar que o tabernáculo era inferior ó templo, tendo en conta que Moisés adoraba a Xehová nel?
16 A continuación, Esteban di: “O Altísimo non vive en casas feitas por mans humanas” (Feit. 7:48). Estas palabras facían referencia á oración de inauguración do templo de Xerusalén que fixera Salomón. Baixo inspiración, este rei deixou claro que, aínda que Xehová pode utilizar un templo para cumprir o seu propósito, en realidade non o necesita (2 Crón. 6:18). Entón, deberían os seus adoradores pensar que a adoración pura depende dun edificio feito por homes? Esteban concluíu o seu razoamento de forma moi convincente citando do libro de Isaías: “O ceo é o meu trono e a terra é o banco para os meus pés. Que tipo de casa faredes para min? Acaso hai algún sitio onde eu poida descansar? Non foi a miña man a que fixo todas estas cousas?” (Feit. 7:49, 50; Is. 66:1, 2).
17. a) Como revelou o discurso de Esteban a actitude dos seus oíntes? b) Como demostrou o discurso de Esteban que as acusacións que fixeran contra el eran falsas?
17 O que dixo Esteban ata ese momento deixou claro que os seus acusadores tiñan unha mala actitude. Demostrou que o propósito de Xehová é progresivo e dinámico, e que non está limitado polas circunstancias ou tradicións. Estes homes amaban tanto o templo de Xerusalén e as tradicións que se engadiran á Lei que perderon de vista o propósito que había detrás da Lei e do templo. Indirectamente, Esteban estaba facéndolles pensar nesta importante cuestión: “Hai mellor forma de honrar a Lei e o templo que obedecendo a Xehová?”. En realidade, as palabras de Esteban demostraban que as acusacións que fixeran contra el eran falsas. El sempre se esforzou por obedecer a Xehová o mellor que puido. Esa era a mellor defensa que podía facer.
18. De que formas podemos imitar o exemplo de Esteban?
18 Que podemos aprender do discurso de Esteban? Coñecía moi ben as Escrituras. Igual ca el, nós tamén necesitamos ser bos estudantes da Palabra de Deus se queremos usala correctamente (2 Tim. 2:15). Tamén podemos aprender da súa forma de falar. Aínda que a súa audiencia era do máis hostil, el sempre lles falou con amabilidade e tacto. Ademais, sempre que foi posible, faloulles de cousas que tiñan en común e que eran importantes para eles. Por outro lado, demostrou respecto cando se dirixiu ós homes maiores chamándolles “respectados anciáns” (Feit. 7:2). Nós tamén temos que ensinar as verdades da Biblia de forma pacífica e con profundo respecto (1 Ped. 3:15, 16 [3:15, TNM]).
19. Como demostrou valor Esteban ó transmitirlle ó Sanedrín a mensaxe de xuízo de Xehová?
19 Aínda así, non deixamos de ensinar as verdades da Biblia por medo a ofender a xente. Tampouco suavizamos a mensaxe de xuízo de Xehová. Esteban foi un bo exemplo disto. Seguramente se deu conta de que tódalas probas que presentara ante o Sanedrín tiveran pouco efecto nestes xuíces insensibles. Por iso, guiado polo espírito santo, terminou o seu discurso dicíndolles sen medo que eran iguais que os seus antepasados que rechazaran a Xosé, a Moisés e a tódolos profetas (Feit. 7:51-53). De feito, estes xuíces do Sanedrín asasinaron o Mesías, a quen Moisés e tódolos demais profetas anunciaran. Desta forma, desobedeceron a Lei mosaica da peor maneira posible!
“Xesús, meu Señor, recibe o meu espírito” (Feitos 7:54–8:3)
20, 21. Como reaccionou o Sanedrín ante o discurso de Esteban, e de que forma lle deu forzas Xehová?
20 Os xuíces, cheos de rabia, non poden negar que o que di Esteban é certo. Incapaces de manter a calma, empezan a apertar os dentes. É probable que neste momento Esteban se dea conta de que o van condenar, igual que fixeron co seu Mestre, Xesús.
21 Esteban necesita moito valor para afrontar o que lle espera pero Xehová dálle ánimo nunha visión. Nela ve a gloria de Deus e a Xesús de pé á dereita de Xehová. Mentres Esteban describe esta visión, os xuíces non o queren escoitar e tapan os oídos. Por que reaccionan así? Pouco antes, Xesús dixéralle a este mesmo tribunal que el era o Mesías e que pronto ía estar á dereita do seu Pai (Mar. 14:62). A visión de Esteban demostra que Xesús dixera a verdade e que o Sanedrín traizoara e asasinara o propio Mesías. Ó escoitar isto, todo o Sanedrín bótase enriba del e empeza a tirarlle pedras ata que morre. c
22, 23. En que se pareceron a morte de Esteban e a de Xesús, e como podemos ter os cristiáns da actualidade a mesma confianza que tivo el?
22 Esteban morre coma o seu Mestre: en paz, confiando plenamente en Xehová e perdoando os seus asasinos. El di: “Xesús, meu Señor, recibe o meu espírito”, posiblemente porque aínda o ve xunto a Xehová na visión. Seguro que Esteban recorda as animadoras palabras de Xesús: “Eu son a resurrección e a vida” (Xoán 11:25). Ó final, Esteban fai unha oración en voz alta e di: “Xehová, non lles teñas en conta este pecado”. Despois de dicir isto, morre (Feit. 7:59, 60).
23 Esteban foi o primeiro discípulo de Xesús que morreu como mártir (mira o recadro “ En que sentido foi un mártir?”). Por desgraza non sería o último. Co paso dos anos, outros servos de Xehová tamén morreron por culpa de fanáticos relixiosos, políticos extremistas e outros opositores violentos. Aínda así, temos motivos para confiar en Xehová igual que o fixo Esteban. Xesús xa está gobernando como Rei e o seu Pai deulle moito poder. Así que nada poderá impedir que resucite os seus seguidores fieis (Xoán 5:28, 29).
24. De que forma participou Saulo no asasinato de Esteban, e que efectos tivo a morte deste home fiel a longo prazo?
24 Mirando todo o que pasaba, había un home novo chamado Saulo. El estaba de acordo co asasinato de Esteban e incluso quedou vixiando a roupa dos que tiraban as pedras. Pouco tempo despois, este home empezou a perseguir cruelmente os cristiáns. Aínda así, a longo prazo a morte de Esteban tivo efectos positivos. Co seu exemplo, fortaleceu a outros cristiáns e axudoulles a manterse fieis ata a morte. De feito, o propio Saulo, que anos máis tarde foi coñecido como Paulo, lamentou profundamente a súa implicación na morte deste discípulo fiel (Feit. 22:20). Co tempo incluso recoñeceu que “fora un blasfemo, perseguidor e inxuriador” (1 Tim. 1:13). Está claro que Paulo nunca esqueceu a Esteban nin o impresionante discurso que deu aquel día. De feito, algúns dos seus discursos e cartas trataban temas dos que falara (Feit. 7:48; 17:24; Heb. 9:24). Paulo acabou seguindo o exemplo de fe e valor de Esteban, un home que recibira a aprobación e o poder de Xehová. E nós? Seguiremos tamén o seu exemplo?
a Algúns destes opositores pertencían á “Sinagoga dos Libertos”. Pode ser que estes homes fosen capturados polos romanos e despois liberados ou quizais fosen escravos liberados que se converteran en xudeus prosélitos. Algúns eran de Cilicia, igual que Saulo de Tarso. O relato non revela se Saulo era un dos homes que non foran capaces de demostrar as súas acusacións contra Esteban.
b O discurso de Esteban contén información que non podemos atopar en ningún outro sitio da Biblia, como por exemplo detalles sobre a educación de Moisés en Exipto, a idade que tiña cando escapou de alí e o tempo que estivo en Madián.
c É pouco probable que o Sanedrín tivese autoridade de Roma para ordenar unha execución (Xoán 18:31). En calquera caso, a morte de Esteban parece máis un asasinato provocado por unha multitude enfurecida que unha acción xudicial.