CAPÍTULO 7
“Faloulle das boas noticias acerca de Xesús”
Felipe, un evanxelizador exemplar.
Baseado en Feitos 8:4-40
1, 2. Que efecto tiveron os intentos de silenciar as boas noticias no primeiro século?
A CONGREGACIÓN está sufrindo unha onda de violenta persecución e Saulo empeza a perseguir os cristiáns “con moita crueldade” (Feit. 8:3). Como os discípulos escapan de Xerusalén, algúns poderían pensar que Saulo está conseguindo o seu obxectivo. Pero sucede algo completamente inesperado como consecuencia da dispersión dos cristiáns. Que é?
2 Os cristiáns dispersados anuncian “as boas noticias da palabra de Deus” en tódalas rexións ás que fuxiron (Feit. 8:4). É impresionante, non cres? A persecución non só non consegue deter a predicación, senón que incluso axuda a difundir a mensaxe aínda máis. Ó obrigar os discípulos a escapar, os perseguidores, sen darse conta, están facendo que a predicación chegue ata lugares moi distantes. Como veremos, na actualidade pasa algo parecido.
“Os discípulos que se dispersaran” (Feitos 8:4-8)
3. a) Quen era Felipe? b) Por que a maioría das persoas de Samaria aínda non escoitaran as boas noticias, pero que dixo Xesús que pasaría alí?
3 Un dos “discípulos que se dispersaran” foi Felipe (Feit. 8:4; mira o recadro “ Felipe o evanxelizador”). a El foi a Samaria, unha cidade na que a maioría das persoas aínda non escoitara as boas noticias. En certa ocasión, Xesús dixéralles ós seus apóstolos: “Non entredes en ningunha cidade de Samaria. Máis ben, buscade unha e outra vez as ovellas perdidas da nación de Israel” (Mat. 10:5, 6). Pero Xesús sabía que, co tempo, alí tamén se ían predicar as boas noticias porque xusto antes de ascender ó ceo dixo: “Seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda Xudea e Samaria, e ata a parte máis distante da terra” (Feit. 1:8).
4. Como responderon os samaritanos á predicación de Felipe, e por que é probable que respondesen así?
4 Felipe deuse conta de que Samaria estaba preparada “para a seitura” (Xoán 4:35). A súa mensaxe era coma aire fresco para os que vivían alí. Por que? Os xudeus non tiñan trato cos samaritanos e algúns incluso os desprezaban. Pero os samaritanos crían que a mensaxe das boas noticias tiña que chegar a tódalas persoas sen importar a súa orixe ou clase social. A diferenza dos fariseos, Felipe non tiña prexuízos e predicáballes con entusiasmo. Por iso, non nos sorprende que moitos samaritanos escoitasen con atención o que lles dicía (Feit. 8:6).
5-7. Pon algún exemplo de como a persecución contribuíu a que as boas noticias chegasen a máis lugares.
5 No noso tempo, igual que no primeiro século, a persecución non impediu que o pobo de Deus seguise predicando. Unha e outra vez, os cristiáns tiveron que mudarse a outros lugares ou foron detidos e levados ó cárcere. Pero o único que conseguiu isto foi que máis persoas chegasen a escoitar as boas noticias. Por exemplo, durante a II Guerra Mundial as testemuñas de Xehová puideron dar un testemuño impresionante dentro dos campos de concentración nazis. Un xudeu que pasou tempo con eles nun destes campos di: “O valor que demostraron os prisioneiros que eran testemuñas de Xehová convenceume de que a súa fe estaba baseada nas Escrituras e, co tempo, eu tamén me fixen testemuña”.
6 Nalgúns casos, incluso os perseguidores recibiron un bo testemuño e aceptaron a verdade. Por exemplo, cando un irmán chamado Franz Desch foi trasladado ó campo de concentración de Gusen, en Austria, puido estudar a Biblia cun oficial das SS. Imaxina a alegría que levaron cando, anos máis tarde, os dous homes coincidiron nun congreso das testemuñas de Xehová e os dous eran publicadores das boas noticias.
7 Algo parecido pasou cando a persecución obrigou a algúns cristiáns a escapar dun país a outro. Por exemplo, na década dos setenta deuse un testemuño moi grande en Mozambique cando testemuñas de Malaui tiveron que escapar do seu país. E, aínda que máis tarde tamén houbo oposición en Mozambique, os irmáns seguiron predicando. Un irmán chamado Francisco Coana di: “É certo que algúns de nós fomos arrestados moitas veces por predicar pero, ó ver que moitas persoas estaban aceptando a mensaxe do Reino, dabámonos conta de que Deus nos estaba axudando igual que axudou ós cristiáns do primeiro século”.
8. Que impacto tiveron os cambios políticos e económicos na predicación?
8 Evidentemente, a persecución non é o único motivo polo que as boas noticias están chegando a tantos países. Nas últimas décadas, os cambios políticos e económicos permitiron que a mensaxe do Reino chegase a persoas de diferentes idiomas e nacionalidades. Moitas persoas que vivían en zonas afectadas pola guerra ou por crises económicas moi graves, tiveron que fuxir a outros lugares onde escoitaron as boas noticias e empezaron a estudar a Biblia. Moitos destes refuxiados falaban outra lingua e por iso foi necesario predicarlles no seu idioma. Estaste esforzando ti por predicarlles a persoas “de tódalas nacións, tribos, pobos e linguas” na túa zona? (Apoc. 7:9).
“Dádeme este poder tamén a min” (Feitos 8:9-25)
9. Quen era Simón, e por que o impresionaron tanto os milagres de Felipe?
9 Felipe fixo moitos milagres en Samaria. Por exemplo, curou persoas con discapacidade e incluso expulsou demos (Feit. 8:6-8). Aqueles milagres impresionaron moito a un mago chamado Simón. A xente de Samaria admiraba tanto a este mago que dicía del: “O gran poder de Deus está neste home”. Pero agora, Simón podía ver o verdadeiro poder de Deus nos milagres de Felipe. Grazas a iso, fíxose crente (Feit. 8:9-13). Pero, cal era a súa motivación para facerse cristián?
10. a) Que fixeron Pedro e Xoán en Samaria? b) Que fixo Simón cando viu que os novos discípulos recibían espírito santo por medio dos apóstolos?
10 Ó escoitar que moitas persoas se estaban facendo cristiás en Samaria, os apóstolos mandaron a Pedro e a Xoán (mira o recadro “ Pedro usa ‘as chaves do Reino’”). Cando chegaron, os dous apóstolos impuxéronlles as mans ós novos discípulos e estes empezaron a recibir espírito santo. b Aquilo chamou moito a atención de Simón e díxolles ós apóstolos: “Dádeme este poder tamén a min para que calquera a quen eu lle impoña as mans reciba espírito santo”. Incluso lles ofreceu cartos para intentar comprar ese privilexio sagrado (Feit. 8:14-19).
11. Que advertencia lle deu Pedro a Simón, e como respondeu el?
11 Pedro respondeulle a Simón de maneira moi firme: “Que morran os teus cartos contigo!”. E despois engadiu: “Pensaches que podías comprar o regalo de Deus. Ti neste asunto non tes nada que dicir porque o teu corazón non é xusto ós ollos de Deus”. A continuación Pedro animou a Simón a arrepentirse e díxolle: “Suplícalle a Xehová que, se é posible, perdoe as malas intencións do teu corazón”. É probable que Simón non fose un mal home. El quería facer o que está ben pero naquel momento deixouse levar polos seus malos desexos. Por iso, pediulles ós apóstolos: “Suplicádelle a Xehová por min, para que non me pase nada do que dixestes” (Feit. 8:20-24).
12. Que é a simonía, e como afectou a cristiandade?
12 A reprimenda que lle deu Pedro a Simón sérvenos de advertencia ós cristiáns da actualidade. De feito, a palabra galega “simonía” ten a súa orixe neste incidente e refírese á compra ou venda de beneficios e cargos relixiosos. Esta foi unha práctica moi común ó longo de toda a historia da cristiandade apóstata. A novena edición da Encyclopædia Britannica (1878) di: “Un estudo da historia dos conclaves deixa o estudante convencido de que aínda non houbo ningunha elección dun papa que estivese libre de simonía. E, en moitos casos, fíxose da forma máis descarada, grave e vergonzosa”.
13. De que formas poden protexerse os cristiáns da simonía?
13 Os cristiáns teñen que estar alerta para non caer no pecado da simonía. Por exemplo, un cristián nunca debería facer regalos caros ou felicitar en exceso a aqueles irmáns que pensa que lle poden dar algún privilexio na congregación. Por outro lado, os que teñen algunha responsabilidade na congregación deben ter moito coidado de non mostrarlles favoritismo ós que teñen máis cartos. As dúas situacións están mal. En realidade, tódolos servos de Deus deberiamos comportarnos coma un dos máis pequenos, deixando que sexa o espírito de Xehová quen guíe os irmáns encargados de facer os nomeamentos (Luc. 9:48). Non hai sitio na organización de Deus para aqueles que andan a “procurar honores” (Prov. 25:27).
“De verdade entendes o que estás lendo?” (Feitos 8:26-40)
14, 15. a) Quen era o eunuco etíope, e como deu con el Felipe? b) Como respondeu o etíope á mensaxe de Felipe, e por que non foi o seu bautismo un acto impulsivo? (Ver a nota).
14 Agora, un anxo de Xehová dille a Felipe que viaxe polo camiño que vai de Xerusalén a Gaza. Se Felipe se pregunta por que ten que ir alí, vaino descubrir en canto vexa un eunuco etíope que está “lendo en voz alta as palabras do profeta Isaías” (mira o recadro “ En que sentido era eunuco?”). O espírito santo de Xehová impulsa a Felipe a acercarse ó carro no que viaxa este home. Mentres vai correndo ó seu lado, pregúntalle ó etíope: “De verdade entendes o que estás lendo?”. O etíope respondeulle: “E como o vou entender se ninguén me ensina?” (Feit. 8:26-31).
15 A continuación, o etíope invita a Felipe a subir no seu carro. Imaxina a interesante conversación que teñen agora. Como moitas outras persoas, o etíope non sabe quen é a “ovella” ou “Servo” do que fala a profecía de Isaías (Is. 53:1-12). Agora, mentres viaxan xuntos, Felipe explícalle que esta profecía se cumpriu en Xesucristo. Igual que os que se bautizaron no Pentecostés do ano 33, o etíope, que daquela xa era un prosélito xudeu, entende rapidamente o que ten que facer. Sen dubidalo, dille a Felipe: “Mira! Aquí hai auga. Que impide que me bautice?”. Así que Felipe bautiza o eunuco nese mesmo momento (mira o recadro “ Bautizouse nun ‘sitio onde había auga’”). c Despois diso, o espírito de Xehová guía a Felipe a Asdod, onde continuaría predicando as boas noticias (Feit. 8:32-40).
16, 17. De que forma participan os anxos na predicación hoxe en día?
16 Os cristiáns da actualidade temos o privilexio de participar na mesma obra na que participou Felipe. Moitas veces, preséntase a oportunidade de falar da mensaxe do Reino de maneira informal, por exemplo, cando viaxamos. En moitos destes casos, atopámonos con persoas de bo corazón, o que nos fai pensar que non é por casualidade. De feito, é de esperar que sexa así pois a Biblia deixa claro que os anxos están dirixindo a obra de predicar para que a mensaxe chegue a persoas de “tódalas nacións, razas, linguas e pobos” (Apoc. 14:6). Isto está en harmonía co que profetizou Xesús. Na súa comparación sobre o trigo e a mala herba dixo que “a colleita é a parte final dun sistema e os traballadores son os anxos”. Tamén explicou que eses anxos “sacarán do Reino tódalas cousas que levan ó pecado e tamén as persoas que desobedecen a lei” (Mat. 13:37-41). Por outro lado, os anxos tamén reúnen as persoas que Xehová quere que cheguen a formar parte da súa organización: primeiro os que teñen esperanza de reinar no ceo e despois o “mundo de xente”, ou gran multitude, formado por “outras ovellas” (Apoc. 7:9; Xoán 6:44, 65; 10:16).
17 Unha proba disto é que algunhas das persoas ás que lles predicamos nos din que estiveron orándolle a Deus para pedirlle axuda. Este foi o caso de dúas publicadoras que estaban predicando cun neno pequeno. Cando querían deixar de predicar, o neno fixo algo que non era habitual nel: insistiu en predicar tamén na seguinte casa. De feito, incluso marchou el só e petou na porta. Cando unha rapaza abriu, as dúas testemuñas acercáronse a falar con ela. Para a súa sorpresa, a rapaza contoulles que xusto nese momento estaba orando para que alguén chamase á súa porta e lle axudase a entender a Biblia. Así que quedaron para empezar un curso bíblico con ela.
18. Por que nunca debemos deixar de valorar o honor de predicar?
18 Ó formar parte da congregación, ti tamén tes o privilexio de colaborar cos anxos na predicación, unha obra que está chegando a máis persoas que en ningún outro momento da historia. Por iso, nunca deixes de valorar este honor! Se segues predicando con entusiasmo serás moi feliz porque estarás falándolles ás persoas das “boas noticias acerca de Xesús” (Feit. 8:35).
a Este non era o apóstolo Felipe, senón o Felipe do que se fala no capítulo 5 deste libro. Estaba entre os “sete homes de boa reputación” escollidos para organizar a distribución diaria de alimento entre as viúvas de fala grega e as viúvas de fala hebrea que había en Xerusalén (Feit. 6:1-6).
b É probable que naquela época os novos discípulos fosen unxidos e recibisen o espírito santo no momento do seu bautismo. Grazas a iso, podían ter a esperanza de ser reis e sacerdotes xunto con Xesús no ceo (2 Cor. 1:21, 22; Apoc. 5:9, 10; 20:6). Pero non foi así neste caso. Os discípulos de Samaria non recibiron o espírito santo e os dons que estaban asociados a el ata que Pedro e Xoán lles impuxeron as mans.
c Este non foi un acto impulsivo. O etíope xa era un prosélito xudeu e xa coñecía as Escrituras, o que incluía as profecías mesiánicas. Agora que aprendeu sobre o papel de Xesús no propósito de Deus, xa non tiña motivos para pospoñer o seu bautismo.