Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 15

“Fortalecendo as congregacións”

“Fortalecendo as congregacións”

Os superintendentes viaxantes visitan as congregacións para fortalecer a fe dos irmáns.

Baseado en Feitos 15:36–16:5

1-3. a) Quen é o novo compañeiro de viaxe de Paulo, e que sabemos del? b) Que aprenderemos neste capítulo?

 MENTRES viaxa dunha cidade a outra, o apóstolo Paulo mira pensativo para o mozo que o acompaña. Chámase Timoteo e posiblemente teña arredor de 20 anos. É un mozo entusiasta con moitas ganas de traballar. A cada paso que dan, Timoteo vaise afastando da súa casa. Segundo avanza o día, a rexión de Listra e Iconio queda cada vez máis lonxe. Que lles espera nesta viaxe? Paulo xa se fai unha idea porque esta é a súa segunda viaxe misional e xa sabe dos moitos perigos e dificultades que pode haber. Por iso é posible que estea pensando en como reaccionará Timoteo.

2 Paulo confía en Timoteo, probablemente máis do que este humilde rapaz confía en si mesmo. Hai pouco pasou algo que fai que Paulo estea máis convencido que nunca de que necesita un bo compañeiro de viaxe. El sabe que visitar as congregacións e fortalecelas require moita determinación e unidade. Pode que pense así por unha discusión que tivo con Bernabé e que fixo que os dous se separasen.

3 Neste capítulo aprenderemos cal é a mellor forma de resolver os desacordos. Tamén veremos por que Paulo escolleu a Timoteo como compañeiro de viaxe. E aprenderemos máis sobre o importante labor que fan na actualidade os superintendentes de circuíto.

“Volvamos a visitar os irmáns” (Feitos 15:36)

4. Por que quería facer Paulo unha segunda viaxe misional?

4 No capítulo anterior vimos que Paulo, Bernabé, Xudas e Silas fortaleceron os irmáns de Antioquía ó transmitirlles a decisión que tomara o consello reitor con respecto á circuncisión. Que fixo Paulo despois? Foi onda Bernabé e comentoulle que estaba planeando unha nova viaxe. Díxolle: “Volvamos a visitar os irmáns de tódalas cidades onde predicamos a palabra de Xehová para ver como están” (Feit. 15:36). Paulo non estaba falando simplemente de ir visitar os seus novos amigos. O libro de Feitos explica por que quería facer esa segunda viaxe misional. En primeiro lugar, quería transmitirlles a máis irmáns as decisións que tomara o consello reitor (Feit. 16:4). En segundo lugar, como superintendente viaxante, Paulo quería fortalecer as congregacións e axudar ós irmáns a ter máis fe (Rom. 1:11, 12). Como imitan na actualidade as testemuñas de Xehová o modelo que puxeron os apóstolos?

5. Como dirixe e anima as congregacións o Consello Reitor da actualidade?

5 Hoxe en día, Cristo usa o Consello Reitor das testemuñas de Xehová para dirixir a súa congregación. Estes fieis homes unxidos animan e guían os irmáns de tódalas congregacións do mundo mediante cartas, publicacións electrónicas e impresas, reunións e outros medios. Ademais, esfórzanse por manter contacto estreito con cada unha das congregacións e para iso utilizan os superintendentes viaxantes. O Consello Reitor encárgase de nomear directamente os miles de anciáns capacitados que serven como superintendentes de circuíto por todo o mundo.

6, 7. Cales son algunhas das responsabilidades que teñen os superintendentes de circuíto?

6 Os superintendentes viaxantes da actualidade preocúpanse por tódolos irmáns das congregacións que visitan e esfórzanse por fortalecer a súa fe. Como o fan? Seguindo o modelo que deixaron Paulo e outros superintendentes viaxantes do primeiro século. El escribiulle a Timoteo, que tamén era superintendente viaxante: “Pregoa a palabra, insiste a tempo e a destempo, corrixe, reprende, aconsella con toda a paciencia que require a doutrina. [...] Fai obra de evanxelista” (2 Tim. 4:2, 5).

7 De acordo con estas palabras, os superintendentes de circuíto, e as súas mulleres se están casados, acompañan os publicadores das congregacións nas diferentes facetas do ministerio. Como son tan bos mestres e desfrutan tanto da predicación, o seu bo exemplo e as súas cualidades teñen un efecto moi positivo nos irmáns (Rom. 12:11; 2 Tim. 2:15TNM). Os superintendentes de circuíto son coñecidos polo seu amor desinteresado. Encántalles utilizar o seu tempo e enerxías para servir a outros, e están dispostos a viaxar cando fai moi mal tempo e incluso a zonas moi perigosas (Filip. 2:3, 4). Presentan discursos baseados na Biblia para animar, ensinar e dar consello. Tódolos irmáns podemos beneficiarnos se nos fixamos no seu bo exemplo e tratamos de imitar a súa fe (Heb. 13:7).

“Unha discusión tan grande” (Feitos 15:37-41)

8. Como reaccionou Bernabé ante a idea de Paulo?

8 A Bernabé pareceulle ben a idea de Paulo de volver a “visitar os irmáns” (Feit. 15:36). Os dous traballaran moi ben xuntos e xa coñecían tanto as rexións coma os irmáns das congregacións que querían visitar (Feit. 13:2–14:28). Por iso parecía boa idea que os dous traballasen xuntos de novo. Pero xurdiu un problema: “Bernabé insistía en levar con eles a Xoán, a quen lle chamaban Marcos” (Feit. 15:37). Esta non era só unha proposta. El estaba decidido a levar o seu primo Marcos con eles nesta viaxe misional.

9. Por que Paulo non estaba de acordo con Bernabé?

9 Pero Paulo non estaba de acordo. Por que? O relato continúa dicindo: “Paulo non quería levalo, porque se separara deles en Panfilia e non os acompañara na obra de predicar” (Feit. 15:38). Marcos xa fora con Paulo e Bernabé na súa primeira viaxe misional, pero pouco despois de saír, cando estaban en Panfilia, abandonounos e volveu a Xerusalén (Feit. 12:25; 13:13). Aínda que a Biblia non di por que marchou, parece ser que ó apóstolo Paulo lle pareceu unha forma de actuar irresponsable. Por iso é probable que se preguntase se podían confiar nel.

10. Como acabou o desacordo entre Paulo e Bernabé?

10 Bernabé seguía insistindo en levar a Marcos. E Paulo tampouco cedía. “Isto provocou unha discusión tan grande que cada un marchou polo seu lado” (Feit. 15:39). Bernabé colleu un barco a Chipre, a súa illa natal, e levou consigo a Marcos. Por outro lado, Paulo seguiu cos seus plans. O relato di: “Paulo escolleu a Silas e, despois de que os irmáns lle pedisen a Xehová que lles demostrase a súa bondade inmerecida, marchou” (Feit. 15:40). Xuntos viaxaron “por Siria e Cilicia fortalecendo as congregacións” (Feit. 15:41).

11. Que cualidades nos axudarán a solucionar as diferenzas que poidamos ter con alguén?

11 Pode que este relato nos recorde que nós tamén somos imperfectos. Paulo e Bernabé foran escollidos para ser representantes do consello reitor. E é probable que tempo despois o propio Paulo chegase a ser membro deste grupo. A pesar de todo isto, nesta ocasión os dous perderon o control. Permitirían que esta situación danase a súa amizade? Non. Aínda que eran imperfectos, Paulo e Bernabé eran humildes e esforzábanse por imitar a Xesús. Co tempo, perdoáronse un ó outro e solucionaron as súas diferenzas (Ef. 4:1-3). De feito, tempo máis tarde, Paulo e Marcos volveron traballar xuntos (Col. 4:10). a

12. Que cualidades de Paulo e Bernabé deberían imitar os superintendentes da actualidade?

12 Aínda que naquela ocasión Bernabé e Paulo se enfadaron moito, non era algo característico deles. Bernabé era coñecido por ser un home cariñoso e xeneroso. Tanto era así que en vez de chamarlle polo seu nome, Xosé, os apóstolos chamábanlle Bernabé, que significa “fillo do consolo” (Feit. 4:36). Paulo tamén era coñecido por ser amable e por preocuparse polos demais (1 Tes. 2:7, 8). Na actualidade, os anciáns, incluídos os superintendentes de circuíto, deben imitar a Paulo e a Bernabé. Igual ca eles, deben ser humildes e tratar con cariño os demais anciáns e o resto dos irmáns da congregación (1 Ped. 5:2, 3).

“Falaban moi ben de Timoteo” (Feitos 16:1-3)

13, 14. a) Quen era Timoteo, e como o coñeceu Paulo? b) Por que se fixou Paulo en Timoteo? c) Que responsabilidade recibiu Timoteo?

13 Na súa segunda viaxe misional, Paulo visitou as congregacións da provincia romana de Galacia. Co tempo, “chegou a Derbe e despois a Listra”. O relato engade: “Alí había un discípulo que se chamaba Timoteo. Súa nai era unha muller xudía crente, pero seu pai era grego” (Feit. 16:1). b

14 É probable que Paulo coñecese a familia de Timoteo arredor do ano 47, durante a primeira viaxe que fixo por aquela zona. Agora, dous ou tres anos despois, durante a súa segunda viaxe, Paulo fíxase neste mozo. Por que? Porque os irmáns falaban moi ben del. Timoteo non só tiña boa reputación na súa congregación senón tamén nas que estaban cerca. O relato explica que tanto os irmáns de Listra coma os de Iconio, que estaba a uns 30 quilómetros, falaban moi ben del (Feit. 16:2). Guiados polo espírito santo, os anciáns encargáronlle a Timoteo unha responsabilidade moi importante: acompañar a Paulo e a Silas como ministro viaxante (Feit. 16:3).

15, 16. Por que tiña Timoteo tan boa reputación?

15 Por que falaban tan ben de Timoteo sendo tan novo? Era pola súa intelixencia, polo seu físico ou polas súas habilidades? As persoas adoitan darlle importancia a esas cousas. Incluso o profeta Samuel se deixou influenciar unha vez polas aparencias. Pero Xehová recordoulle: “Deus non olla coma os homes. Os homes ven as aparencias, pero Deus ve o corazón” (1 Sam. 16:7). En vez de centrarse nas habilidades persoais de Timoteo, os irmáns fixáronse nas súas boas cualidades.

16 Anos máis tarde, o apóstolo Paulo falou dalgunhas das cualidades espirituais que tiña Timoteo. Por exemplo, falou da súa boa actitude, do seu amor desinteresado e do duro traballo que facía nas congregacións (Filip. 2:20-22). Timoteo tamén era coñecido pola súa “fe sincera” (2 Tim. 1:5).

17. Como poden imitar os mozos a Timoteo?

17 Na actualidade, moitos rapaces e rapazas imitan a Timoteo cultivando boas cualidades. Así, poden chegar a ter un bo nome ante Xehová e os irmáns, incluso dende que son moi noviños (Prov. 22:1; 1 Tim. 4:15). Demostran unha fe sen hipocrisía evitando levar unha dobre vida (Sal. 26:4). Como resultado, moitos deles chegan a ser moi valiosos para a congregación, igual que Timoteo. Que contentos nos sentimos todos cando cumpren os requisitos para ser publicadores e co tempo se dedican a Xehová e se bautizan!

“A súa fe foise facendo máis forte” (Feitos 16:4, 5)

18. a) Como colaboraron Paulo e Timoteo co consello reitor? b) Como se beneficiaron as congregacións?

18 Paulo e Timoteo traballaron xuntos durante anos. Como ministros viaxantes, fixeron todo o que o consello reitor lles encargou. A Biblia di: “Paulo e os que ían con el viaxaban dunha cidade a outra, e transmitíanlles ós irmáns as decisións que tomaran os apóstolos e os anciáns que estaban en Xerusalén para que as obedecesen” (Feit. 16:4). Como resultado de obedecer aquelas instrucións, “as congregacións seguiron medrando cada vez máis e a súa fe foise facendo máis forte” (Feit. 16:5).

19, 20. Por que deberían os cristiáns obedecer os irmáns que os dirixen?

19 Do mesmo xeito, as testemuñas de Xehová desfrutan de moitas bendicións porque obedecen de boa gana as instrucións que reciben dos irmáns que os dirixen (Heb. 13:17). Como a escena deste mundo está cambiando continuamente, é moi importante que os cristiáns nos manteñamos ó día co alimento espiritual que nos dá “o escravo fiel e prudente” (Mat. 24:45; 1 Cor. 7:29-31). Se o facemos, manterémonos fortes na fe e sen mancha do mundo (Sant. 1:27).

20 Os superintendentes cristiáns da actualidade, incluídos os membros do Consello Reitor, son imperfectos igual que o eran Paulo, Bernabé, Marcos e outros anciáns unxidos do primeiro século (Rom. 5:12; Sant. 3:2). Pero como o Consello Reitor segue minuciosamente o que di a Palabra de Deus e tamén o exemplo dos apóstolos, demostra ser digno de confianza (2 Tim. 1:13, 14). Como resultado, as congregacións fortalécense e a fe dos irmáns faise máis forte.