Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 16

“Ven a Macedonia”

“Ven a Macedonia”

As bendicións de aceptar unha responsabilidade e de soportar a persecución con alegría.

Baseado en Feitos 16:6-40

1-3. a) Que imos analizar neste capítulo? b) Como guiou o espírito santo a Paulo e os seus amigos?

 UN GRUPO de mulleres sae da cidade de Filipos, en Macedonia, e despois de camiñar un pouco chegan a un pequeno río chamado Ganxites. Como de costume, séntanse á beira do río para orarlle a Xehová, o Deus de Israel, que está moi pendente delas (2 Crón. 16:9; Sal. 65:3 [65:2, TNM]).

2 Mentres tanto, a máis de 800 quilómetros ó leste de Filipos, un grupo de homes sae da cidade de Listra, ó sur de Galacia. Días despois chegan a unha calzada romana pavimentada que vai en dirección oeste, ata a rexión máis poboada do distrito de Asia. Estes homes son Paulo, Silas e Timoteo. Están desexando baixar a Éfeso e a outras cidades para predicarlles a miles de persoas que necesitan escoitar as boas noticias acerca de Cristo. Aínda así, antes de coller o camiño que os levaría a Éfeso, o espírito santo páraos dunha forma que a Biblia non explica e prohíbelles predicar a mensaxe na provincia de Asia. Por que? Porque Xesús está usando o espírito de Deus para guialos. Quere que Paulo e os seus amigos atravesen Asia Menor, crucen o mar Exeo e cheguen á beira dun pequeno río chamado Ganxites.

3 Podemos aprender leccións moi importantes sobre a maneira en que Xesús guiou a Paulo e os seus amigos para que fosen a Macedonia. Neste capítulo imos ver algunhas das cousas que pasaron durante a segunda viaxe misional de Paulo, que empezou arredor do ano 49.

“Deus [estábanos] dicindo que fósemos” (Feitos 16:6-15)

4, 5. a) Que lles pasou a Paulo e os seus compañeiros cerca de Bitinia? b) Que decisión tomaron, e cal foi o resultado?

4 Como non poden predicar en Asia, Paulo e os seus compañeiros cambian de rumbo e diríxense ó norte para predicar nas cidades de Bitinia. Para chegar alí é probable que tivesen que andar durante días por estradas sen pavimentar entre as rexións pouco poboadas de Frixia e Galacia. Pero cando estaban chegando a Bitinia, Xesús usa de novo o espírito santo para detelos (Feit. 16:6, 7). Isto debe confundilos moito. Saben que mensaxe teñen que predicar e como facelo, pero non saben onde. Petaron, por dicilo así, na porta que os levaba a Asia, pero non se lles abriu. Tamén o intentaron na porta que levaba a Bitinia, pero prohibíuselles de novo. Aínda así, Paulo estaba decidido a seguir petando ata que se lle abrise algunha porta. Por iso, estes homes toman unha decisión que pode parecer ilóxica: diríxense ó oeste e camiñan 550 quilómetros atravesando unha cidade tras outra ata chegar ó porto de Troas, onde poden coller un barco a Macedonia (Feit. 16:8). Alí Paulo peta na terceira porta e esta ábreselle de par en par!

5 Lucas, que se uniu a Paulo e os seus compañeiros en Troas, explica o que pasou: “De noite, Paulo tivo unha visión. Nela viu un home de Macedonia diante del que lle suplicaba: ‘Ven a Macedonia e axúdanos’. Xusto despois de que el tivese esa visión, intentamos ir a Macedonia porque chegamos á conclusión de que Deus nos estaba dicindo que fósemos alí para anunciar as boas noticias” (Feit. 16:9, 10). a Por fin Paulo sabe onde ir predicar. Que contento se debeu sentir por non renderse. Sen perder tempo, os catro homes embarcan cara a Macedonia.

“Así que embarcamos en Troas.” (Feitos 16:11)

6, 7. a) Que leccións podemos aprender do que pasou durante a viaxe de Paulo? b) De que podemos estar seguros?

6 Que leccións podemos aprender deste relato? Pensa nisto. Foi despois de que Paulo comezase a súa viaxe a Asia que o espírito de Deus interveu. Foi despois de que se acercase a Bitinia cando Xesús o parou. E foi despois de que Paulo chegase a Troas que Xesús o mandou a Macedonia. Como Cabeza da congregación, Xesús guíanos dunha maneira parecida na actualidade (Col. 1:18). Pode que levemos un tempo pensando en servir como pioneiros ou en mudarnos a unha zona onde se necesiten máis publicadores. Aínda así, é posible que Xesús nos guíe a través do espírito de Deus só despois de que empecemos a dar pasos nesa dirección. Por que? Pensa neste exemplo: un condutor pode ir á dereita ou á esquerda só se o coche está en movemento. Do mesmo xeito, para que Xesús nos dirixa e nos axude a facer máis no ministerio, primeiro temos que poñernos en movemento, é dicir, esforzarnos e dar pasos.

7 Pero, que pasa se a pesar dos nosos esforzos non conseguimos alcanzar as nosas metas? Deberiamos rendernos e pensar que o espírito de Deus non nos está guiando? Non. Recordemos que Paulo tamén se encontrou con obstáculos. Aínda así, seguiu buscando ata que atopou unha porta que se lle abrise. Podemos estar seguros de que Xehová recompensará os nosos esforzos por buscar “unha porta grande” que nos permita facer máis no seu servizo (1 Cor. 16:9).

8. a) Describe a cidade de Filipos. b) Que pasou cando Paulo foi predicar ó “lugar de oración”?

8 Despois de chegar ó distrito de Macedonia, Paulo e os seus compañeiros viaxan a Filipos. Os habitantes desta cidade están orgullosos de ser cidadáns romanos. Nesta colonia viven moitos soldados romanos retirados. Para eles Filipos é coma unha pequena Italia, unha Roma en miniatura no corazón de Macedonia. Fóra da cidade, ó lado dun río, os misioneiros encontran unha zona que eles pensan que é “un sitio no que a xente se reunía para orar”. b Deciden ir alí o sábado e atopan un grupo de mulleres que se xuntaron para adorar a Deus. Os discípulos séntanse e falan con elas. Unha das mulleres que está escoitando chámase Lidia e “Xehová abriulle o corazón por completo”. O que Lidia aprende destes misioneiros motívaa a actuar e, como consecuencia, ela e os da súa casa bautízanse. Despois dilles a Paulo e os seus amigos que queden na súa casa e insístelles tanto que non lles queda máis remedio que aceptar (Feit. 16:13-15). c

9. Como imitan moitos irmáns na actualidade o exemplo de Paulo, e como está bendicindo Xehová os seus esforzos?

9 Imaxina o felices que se sentiron todos cando Lidia se bautizou. E que contento se debeu sentir Paulo por aceptar a invitación de ir a Macedonia e ver como Xehová os usou para responder as oracións destas fieis mulleres. Na actualidade moitos irmáns e irmás —novos e maiores, solteiros e casados— múdanse a zonas nas que se necesitan máis publicadores. Aínda que se enfrontan a dificultades, estas non son nada en comparación coa satisfacción de encontrar a persoas coma Lidia, que aceptan e aplican as verdades da Biblia. E ti? Podes facer axustes na túa vida para servir nalgún sitio onde se necesiten máis publicadores? Se o fas, desfrutarás de moitas bendicións. Pensa no caso de Aaron, un irmán duns 20 anos que se mudou a un país de América central. El di: “Servir no estranxeiro axudoume a crecer espiritualmente e a acercarme máis a Xehová. A predicación aquí é xenial! Estou dirixindo oito cursos da Biblia”. Moitos irmáns que fixeron o mesmo séntense igual.

Como podemos ir “a Macedonia” na actualidade?

“A xente botouse enriba deles” (Feitos 16:16-24)

10. Que tiveron que ver os demos coa oposición que sufriron Paulo e os seus compañeiros?

10 Quen non debe estar moi contento de que as boas noticias cheguen a Macedonia é Satanás. É probable que ata este momento el e os seus demos non tivesen oposición nesta parte da Terra. Non nos sorprende que fosen eles os responsables de que as cousas cambiasen para Paulo e os seus compañeiros. Un dos días que van visitar o lugar de oración encóntranse cunha criada noviña posuída por un demo. Ela failles ganar moitos cartos ós seus amos predicindo o futuro. A rapaza segue a Paulo e os seus compañeiros berrándolles: “Estes homes son escravos do Deus Altísimo! Estanvos anunciando o camiño da salvación!”. Poida que o demo lle faga gritar estas palabras á rapaza para que pareza que as súas predicións e o que ensina Paulo veñen da mesma fonte. Desta forma intenta desviar a atención do que ensinan os verdadeiros seguidores de Cristo. Despois de varios días Paulo decide deter esa situación expulsando o demo (Feit. 16:16-18).

11. Que lles pasou a Paulo e a Silas despois de expulsar o demo?

11 Cando os donos da rapaza se dan conta de que non van ganar máis cartos con ela, enfádanse moitísimo. Arrastran a Paulo e a Silas ata a praza do mercado, onde os maxistrados, que son oficiais que representan a Roma, teñen o seu tribunal. Os donos aprovéitanse dos prexuízos e os sentimentos patrióticos dos xuíces e dinlles: “Estes homes están revolucionando moitísimo a cidade. Son xudeus e están ensinando costumes que non se nos permite seguir nin practicar, porque nós somos romanos”. Tan pronto como escoita iso, a xente que está no mercado bótase enriba de Paulo e Silas e os maxistrados ordenan que lles peguen con varas. Despois de darlles unha boa malleira, métenos na prisión. O garda bótaos nun calabozo interior e préndelles os pés nun cepo (Feit. 16:19-24). Cando pecha a porta, a cela queda tan escura que Paulo e Silas apenas poden verse. Pero Xehová si que pode velos (Sal. 139:12).

12. a) Como vían a persecución os discípulos de Cristo, e por que? b) Que formas de persecución utilizan Satanás e as persoas influenciadas por el na actualidade?

12 Anos antes, Xesús dixéralles ós seus seguidores: “Hanvos perseguir tamén a vós” (Xoán 15:20). Por iso, cando Paulo e os seus compañeiros foron a Macedonia, estaban preparados para sufrir oposición. E cando os perseguiron, non pensaron que fose un sinal de que Xehová non os aprobaba, senón unha mostra do enfado que tiña Satanás. Na actualidade, persoas influenciadas polo Demo utilizan os mesmos métodos que se usaron en Filipos. Contan mentiras mal intencionadas sobre nós na escola e no traballo para que outros se poñan na nosa contra. Nalgúns países os opositores relixiosos acúsannos nos tribunais dicindo cousas como: “Estas Testemuñas provocan problemas porque ensinan costumes que ‘os crentes de sempre’ non podemos aceptar”. E nalgúns lugares, estes opositores incluso golpean e meten no cárcere os nosos irmáns. Pero Xehová está vendo todo (1 Ped. 3:12).

“Bautizáronse enseguida” (Feitos 16:25-34)

13. Que pasou para que o garda preguntase: “Que teño que facer para salvarme”?

13 É probable que Paulo e Silas necesitasen algo de tempo para asimilar todo o que pasou ese día. Aínda así, á medianoite xa estaban suficientemente recuperados da malleira como para orar e cantarlle cancións a Deus. De repente, un terremoto sacude a prisión. O garda desperta sobresaltado e ve que tódalas portas están abertas. Pensando que tódolos presos escaparon, saca a súa espada porque cre que o van castigar. Pero xusto cando está a punto de quitarse a vida, Paulo bérralle moi forte: “Non o fagas! Estamos todos aquí!”. Tremendo co medo o garda pregunta: “Que teño que facer para salvarme?”. Pero Paulo e Silas non poden salvalo, só Xesús pode. Así que lle din: “Cre no Señor Xesús, e Deus salvarate” (Feit. 16:25-31).

14. a) Como axudaron Paulo e Silas ó garda? b) Que bendición recibiron Paulo e Silas por aguantar a persecución con alegría?

14 De verdade quere o garda coñecer a resposta á súa pregunta? Paulo está convencido de que si. Pero como é xentil e non coñece as Escrituras, antes de facerse cristián necesita aprender as verdades básicas. Así que Paulo e Silas dedican tempo a ensinarlle “a palabra de Xehová”. Mentres están concentrados en predicarlle, é probable que estes dous homes se esquezan por un momento da dor que senten polos golpes que recibiron. Pero cando o garda ve as feridas que teñen nas costas, decide levalos á casa e lavárllelas. Entón el e tódolos da súa casa bautízanse. Que bendición tan grande reciben Paulo e Silas por aguantar a persecución con alegría! (Feit. 16:32-34).

15. a) Como seguiron moitas Testemuñas da actualidade o exemplo de Paulo e Silas? b) Por que deberiamos seguir visitando as persoas que viven no noso territorio?

15 Igual que Paulo e Silas, na actualidade moitas testemuñas de Xehová que están no cárcere pola súa fe predican alí con moi bos resultados. Este foi o caso dun país onde a nosa obra estaba prohibida. De feito, houbo un momento no que o 40% das Testemuñas que vivían nese país aprenderan a verdade no cárcere (Is. 54:17). Fíxate tamén en que o garda pediu axuda só despois de que houbese un terremoto. De forma parecida, poida que algunhas persoas que nunca quixeron escoitar a mensaxe do Reino decidan facelo despois de pasar por unha situación dolorosa. Se os seguimos visitando unha e outra vez estaremos aí para axudarlles cando o necesiten.

“E agora bótannos ás escondidas?” (Feitos 16:35-40)

16. Como cambiou a situación o día despois de que Paulo e Silas recibisen unha malleira?

16 O día seguinte, pola mañá, os maxistrados mandan que se libere a Paulo e a Silas. Pero Paulo di: “Aínda que somos romanos, déronnos golpes publicamente sen facernos un xuízo e metéronnos na prisión. E agora bótannos ás escondidas? Pois non! Que veñan eles mesmos a sacarnos”. Cando os maxistrados saben que estes dous homes son cidadáns romanos éntralles medo porque violaron os seus dereitos. d Isto fai que a situación dea un xiro radical. Como os discípulos recibiron unha malleira en público, os maxistrados teñen que desculparse tamén en público. Despois diso suplícanlles que marchen de Filipos. Paulo e Silas aceptan, pero primeiro van visitar os novos discípulos para animalos.

17. Que importante lección aprenderían os novos discípulos ó ver o aguante de Paulo e Silas?

17 Se Paulo e Silas dixesen antes que eran cidadáns romanos, é probable que non tivesen que sufrir aquel maltrato (Feit. 22:25, 26). Pero iso podería darlles ós discípulos de Filipos a impresión de que usaban a súa posición para evitar sufrir polas boas noticias. Isto non axudaría a que os discípulos que non eran cidadáns romanos se mantivesen fieis. Despois de todo, a lei non os protexía a eles de recibir maltrato. Pola contra, ó aguantar a malleira, Paulo e Silas demostráronlles ós novos discípulos que era posible manterse firmes incluso baixo persecución. Ademais, ó esixir os seus dereitos como cidadáns, Paulo e Silas obrigaron os maxistrados a deixar rexistro de que actuaran inxustamente. Iso podería darlles certo grao de protección legal ós cristiáns e evitar que os maltratasen no futuro.

18. a) Como poden os superintendentes da actualidade imitar o exemplo de Paulo? b) Como podemos defender e establecer legalmente as boas noticias na actualidade?

18 Na actualidade, os superintendentes tamén deben ser un exemplo para os demais. Non esperan que os irmáns fagan algo que eles mesmos non estarían dispostos a facer. Igual que Paulo, nós tamén pensamos con coidado como e cando usar os nosos dereitos legais para obter protección. Se é necesario, apelamos a tribunais locais, nacionais ou incluso internacionais para protexer legalmente a adoración que lle damos a Xehová. O noso obxectivo non é facer reformas sociais, senón defender e establecer legalmente as boas noticias, tal e como Paulo lle explicou á congregación de Filipos uns 10 anos despois de estar preso alí (Filip. 1:7TNM). Aínda así, sen importar as sentenzas que diten os tribunais, estamos decididos a anunciar as boas noticias en calquera sitio onde o espírito de Deus nos envíe, igual que fixeron Paulo e os seus compañeiros (Feit. 16:10).

a Mira o recadro “ Lucas, o escritor do libro de Feitos”.

b Pode que os xudeus tivesen prohibido facer unha sinagoga en Filipos polo carácter militar da cidade. Ou quizais non houbese 10 homes xudeus, que era o número mínimo para ter unha sinagoga.

c Mira o recadro “ Lidia, a vendedora de púrpura”.

d A lei romana dicía que un cidadán tiña dereito a un xuízo xusto e que nunca debía ser castigado publicamente sen que antes se demostrase que era culpable.