Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 17

“Razoou con eles usando as Escrituras”

“Razoou con eles usando as Escrituras”

A base dunha boa ensinanza; o bo exemplo dos bereanos.

Baseado en Feitos 17:1-15

1, 2. Quen está viaxando de Filipos a Tesalónica, e en que poderían estar pensando?

 A CALZADA romana atravesa unha zona de montaña moi escarpada. Está claro que a fixeron enxeñeiros moi hábiles. Por ela circulan viaxeiros de todo tipo, incluídos soldados, comerciantes e artesáns. O barullo da xente mestúrase co ruído dos burros e das carretas circulando sobre as lousas de pedra. Un grupo de tres homes —Paulo, Silas e Timoteo— están facendo unha viaxe de máis de 130 quilómetros por esta calzada dende Filipos ata Tesalónica. A viaxe non é nada fácil, especialmente para Paulo e Silas, que aínda se están recuperando da malleira que recibiron en Filipos (Feit. 16:22, 23).

2 Que fan estes homes para manter a mente ocupada durante unha viaxe tan longa? Seguro que lles axuda moito ir falando entre eles. Na súa memoria aínda está moi fresca a emocionante experiencia que viviron cando o garda do cárcere e a súa familia se fixeron crentes. Recordar estes acontecementos fai que estean máis decididos a seguir predicando a palabra de Deus. Aínda así, segundo se acercan á cidade costeira de Tesalónica, é posible que se pregunten como os tratarán os xudeus que viven alí. Atacaranos e golpearanos como en Filipos?

3. Como pode o exemplo de Paulo darnos valor para predicar?

3 Paulo explicou como se sentía nunha carta que lles escribiu máis tarde ós cristiáns de Tesalónica: “Maltratados e aldraxados en Filipos —como sabedes—, tivémo-la coraxe, gracias ó noso Deus, de vos expoñe-lo Evanxeo de Deus no medio dunha gran loita” (1 Tes. 2:2). Despois do que lles pasou en Filipos parece que Paulo está preocupado polo que lles poida pasar en Tesalónica. E ti? Sentícheste nalgunha ocasión coma el? Algunha vez tiveches medo de ir predicar? Estudar o seu exemplo pode fortalecer a túa confianza en que Xehová che vai dar as forzas e o valor que necesitas, igual que fixo con Paulo (1 Cor. 4:16).

“Razoou con eles usando as Escrituras” (Feitos 17:1-3)

4. Por que sabemos que Paulo probablemente pasou máis de tres semanas en Tesalónica?

4 O relato explica que Paulo predicou tres sábados na sinagoga mentres estivo en Tesalónica. Significa iso que só pasou tres semanas na cidade? Non necesariamente. Non sabemos canto tempo tardou Paulo en ir por primeira vez á sinagoga dende que chegou. Por outro lado, nas cartas que lles escribiu ós tesalonicenses recordoulles que el e os seus compañeiros traballaran para manterse economicamente mentres estiveron alí (1 Tes. 2:9; 2 Tes. 3:7, 8). E en dúas ocasións recibiu axuda material dos irmáns de Filipos (Filip. 4:16). Así que é moi probable que pasase alí máis de tres semanas.

5. Como axudou Paulo ós seus oíntes a entender que Xesús era o Cristo?

5 Despois de encherse de valor para predicar, Paulo faloulles ós que estaban reunidos na sinagoga. Como tiña por costume, “razoou con eles usando as Escrituras. Explicáballes e demostráballes co que estaba escrito que o Cristo tiña que sufrir e resucitar de entre os mortos. Dicíalles: ‘O Cristo é este Xesús do que vos estou falando’” (Feit. 17:2, 3). Fíxate en que Paulo non estaba intentando apelar ás emocións dos seus oíntes. Máis ben, intentaba axudarlles a razoar. El sabía que as persoas que estaban na sinagoga respectaban as Escrituras e estaban familiarizadas con elas, pero non as entendían por completo. Recordándolles o que xa sabían, Paulo explicoulles e probou coas Escrituras que Xesús de Nazaret era o Mesías prometido ou Cristo.

6. Como usou Xesús as Escrituras para razoar, e cal foi o resultado?

6 Paulo seguiu o exemplo de Xesús, quen sempre baseaba as súas ensinanzas nas Escrituras. Durante o seu ministerio, por exemplo, Xesús díxolles ós seus seguidores que o Fillo do Home tería que sufrir, morrer e resucitar, como mostraban as Escrituras (Mat. 16:21). Despois da súa resurrección, Xesús aparecéuselles ós seus discípulos. Velo resucitado seguramente era suficiente para demostrar que o que dixera era certo. Pero el deulles máis probas. Por exemplo, nunha ocasión aparecéuselles a dous deles “e comezando por Moisés e tódolos profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del”. Cal foi o resultado? Emocionados, os discípulos dixeron: “Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las Escrituras?” (Luc. 24:13, 27, 32).

7. Por que é importante que baseemos as nosas ensinanzas na Biblia?

7 A mensaxe da Palabra de Deus ten moito poder (Heb. 4:12). Os cristiáns da actualidade baseamos as nosas ensinanzas nela, igual que fixeron Xesús, Paulo e outros apóstolos. Cando lemos directamente da Biblia e explicamos o que significa, demostrámoslles ás persoas que as nosas ensinanzas están baseadas nela. Despois de todo, a mensaxe que levamos non é nosa. Se usamos a Biblia con frecuencia, axudamos á xente a darse conta de que non lles estamos ensinando as nosas propias ideas senón as ensinanzas de Deus. Por iso, facemos ben en recordar que a mensaxe que predicamos está completamente baseada na Palabra de Deus e, polo tanto, é totalmente confiable. Saber isto dános a confianza que necesitamos para predicar a mensaxe con valor, igual que fixo Paulo.

“Algúns deles fixéronse crentes” (Feitos 17:4-9)

8-10. a) Como respondeu a xente de Tesalónica ás boas noticias? b) Por que estaban celosos de Paulo algúns xudeus? c) Que fixeron os xudeus opositores?

8 Paulo experimentou por el mesmo o certas que eran estas palabras de Xesús: “Non hai servo maior có seu señor; se a min me perseguiron, hanvos perseguir tamén a vós; se gardaron a miña palabra, tamén gardarán a vosa” (Xoán 15:20). En Tesalónica, as persoas responderon de formas moi diferentes á predicación de Paulo: uns aceptaron as súas ensinanzas e outros opuxéronse. Falando dos xudeus que responderon ben á mensaxe, Lucas escribe: “Algúns deles fixéronse crentes e uníronse a Paulo e a Silas. E un gran grupo de gregos que adoraban a Deus e moitas mulleres importantes tamén fixeron o mesmo” (Feit. 17:4). Seguro que estes novos discípulos se puxeron moi contentos ó entender as Escrituras correctamente.

9 Aínda que a algúns lles gustou o que ensinaba Paulo, outros enfadáronse moito. Algúns dos xudeus de Tesalónica estaban celosos porque Paulo conseguira que “un gran grupo de gregos” se fixesen cristiáns. Consideraban que os gregos que se fixeran prosélitos lles pertencían porque foran eles os que lles ensinaran a fe xudía. Pero agora, de repente, parecía que Paulo llelos estaba roubando. E encima na sinagoga! Por iso os xudeus estaban tan furiosos.

“Entraron pola forza [...] buscando a Paulo e a Silas para entregarllos a esa xente.” (Feitos 17:5)

10 Lucas explica o que pasou despois: “Os xudeus, cheos de envexa, xuntaron algúns homes malvados que andaban perdendo o tempo pola praza do mercado e formaron un grupo que revolucionou a cidade. Entón entraron pola forza na casa de Xasón buscando a Paulo e a Silas para entregarllos a esa xente. Como non os encontraron, colleron a Xasón e a algúns irmáns e leváronos a rastro onda os gobernantes da cidade, e berraban: ‘Eses homes que causaron problemas por toda a terra tamén están aquí, e Xasón tenos aloxados na súa casa. Todos eles van en contra das leis do César porque din que hai outro rei: Xesús’” (Feit. 17:5-7). Como lles afectaría a Paulo e os seus compañeiros o que fixo esta multitude violenta?

11. Que cargos presentaron contra Paulo e os seus compañeiros, e que decreto pode que usasen de base para acusalos? (Mira a nota).

11 Unha multitude violenta pode ser moi perigosa. Pode ser coma un río desbordado que arrasa con todo. Este foi o método que usaron os xudeus para intentar desfacerse de Paulo e Silas. Despois de revolucionar a cidade, intentaron convencer os gobernantes de que Paulo e os seus compañeiros fixeran algo moi malo. En primeiro lugar, acusáronos de causar “problemas por toda a terra”, aínda que non foran eles os que causaran o alboroto en Tesalónica. A segunda acusación era aínda máis grave. Os xudeus afirmaban que aqueles misioneiros proclamaban outro rei, a Xesús, algo que ía en contra das leis do emperador. a

12. Como sabemos que os cargos dos que acusaron os cristiáns en Tesalónica podían ter consecuencias moi graves?

12 Recorda que os líderes relixiosos xudeus acusaron a Xesús de algo parecido. Dixéronlle a Pilato: “Atopamos a este revolucionando ó pobo, [...] declarándose ademais Mesías e rei” (Luc. 23:2). É posible que Pilato tivese medo de ser acusado de traizón se o emperador chegaba a saber que perdoara a Xesús, e por iso decidiu condenalo á morte. De forma parecida, os cargos dos que acusaron os cristiáns en Tesalónica podían ter consecuencias moi graves. Unha obra de consulta di: “É difícil esaxerar o perigo ó que se expoñían porque ‘unha simple sospeita de traizón contra o emperador era suficiente para condenar á morte o acusado.’” b Conseguirían levar a cabo o seu malicioso plan?

13, 14. a) Por que non conseguiu a multitude deter a obra de predicar? b) Como demostrou Paulo ser prudente coma Xesús, e de que forma podemos imitar o seu exemplo?

13 A multitude non conseguiu deter a obra de predicar en Tesalónica. Por que non? Por un lado porque non atoparon a Paulo e a Silas. Ademais, é probable que os gobernantes da cidade non estivesen convencidos da veracidade dos cargos. “Despois de facerlles pagar unha fianza”, deixaron marchar a Xasón e os outros irmáns (Feit. 17:8, 9). Seguindo o consello de Xesús de ser “prudentes coma serpes, pero inocentes coma pombas”, Paulo esforzouse por manterse fóra de perigo para poder seguir predicando noutro lugar (Mat. 10:16). Aínda que Paulo demostrou moito valor, non foi imprudente. Como podemos nós imitar o seu exemplo?

14 No noso tempo, os líderes da cristiandade incitaron moitas veces as multitudes a atacar as testemuñas de Xehová. Tamén manipularon os gobernantes para que as perseguisen acusándoas de sedición e traizón. Os opositores da actualidade, igual que os do primeiro século, actúan movidos pola envexa. Que facemos nestas situacións? Os verdadeiros cristiáns non nos arriscamos innecesariamente. Sempre que é posible, evitamos confrontacións con persoas enfadadas ou que non queren razoar porque queremos seguir predicando de forma pacífica. Desta forma, quizais poidamos volver cando as cousas estean máis tranquilas.

“Estaban máis dispostos a aprender” (Feitos 17:10-15)

15. Como responderon os bereanos ás boas noticias?

15 Para mantelos seguros, os irmáns enviaron a Paulo e a Silas a Berea, a uns 65 quilómetros. Nada máis chegar, Paulo foi á sinagoga e predicoulles ós que estaban alí reunidos. Que contento se debeu sentir ó ver que a xente tiña ganas de escoitar as boas noticias! Lucas escribiu: “Os xudeus de Berea estaban máis dispostos a aprender que os de Tesalónica, porque aceptaron a palabra de Deus con moitísimas ganas e analizaban con coidado as Escrituras tódolos días para ver se estas cousas eran tal como lles dicían” (Feit. 17:10, 11). Isto non quere dicir que os irmáns de Tesalónica que aceptaran a verdade non tivesen boa actitude. De feito, tempo máis tarde Paulo escribiulles: “É tamén por isto polo que lle damos decote gracias a Deus: porque, ó recibirdes de nós a palabra de Deus, acolléstela non coma palabra de homes senón coma o que verdadeiramente é: coma palabra de Deus, que actúa en vós, os crentes” (1 Tes. 2:13). En que sentido estaban os xudeus de Berea máis dispostos a aprender?

16. Por que se di que os bereanos “estaban máis dispostos a aprender”?

16 Cando os bereanos oían algo novo, estaban dispostos a escoitalo cunha mente aberta. Aínda que non tiñan unha actitude crítica, tampouco crían sen máis todo o que lles dicían. Por iso escoitaron con moita atención o que Paulo lles explicou e comprobárono examinando con atención as Escrituras. Ademais, estudaban a Palabra de Deus tódolos días e non só os sábados. E facíano “con moitísimas ganas” investigando a fondo o que dicían as Escrituras sobre aquela nova ensinanza. Despois, demostraron ser o suficientemente humildes como para facer cambios, pois “moitos deles fixéronse crentes” (Feit. 17:12). Non nos sorprende que Lucas dixese deles que “estaban máis dispostos a aprender”.

17. Por que foi tan bo o exemplo dos bereanos, e como podemos imitalos incluso se levamos moitos anos servindo a Xehová?

17 Seguro que os cristiáns de Berea non imaxinaron que a súa resposta ás boas noticias quedaría rexistrada na Palabra de Deus como un exemplo a seguir. Fixeron xusto o que Paulo e Xehová esperaban. Da mesma forma, nós animamos as persoas a que examinen a Biblia a fondo para que cheguen a ter unha fe forte. Claro, despois de facernos cristiáns debemos seguir tendo a mesma actitude que demostraron os bereanos. De feito, segundo pasa o tempo, é aínda máis importante que teñamos moitas ganas de aprender de Xehová e de aplicar rapidamente o que aprendemos. Desta forma permitiremos que Xehová nos moldee e nos capacite para facer a súa vontade (Is. 64:7 [64:8, TNM]). Así poderemos seguir sendo útiles para o noso Pai celestial e alegrar o seu corazón.

18, 19. a) Por que marchou Paulo de Berea? Que seguiu facendo, e como podemos imitalo? b) Onde vai Paulo a continuación, e a quen lles vai predicar alí?

18 Paulo non estivo moito tempo en Berea. O relato di: “Cando os xudeus de Tesalónica souberon que Paulo tamén estaba anunciando a palabra de Deus en Berea, foron alá para provocar e revolucionar as multitudes. Así que os irmáns mandaron inmediatamente a Paulo cara á costa, pero Silas e Timoteo quedaron alí. Os que acompañaban a Paulo levárono ata Atenas. Entón el díxolles que volvesen e que lles pedisen a Silas e a Timoteo que se reunisen con el canto antes” (Feit. 17:13-15). Que insistentes foron aqueles inimigos das boas noticias! Non lles chegou con botar a Paulo de Tesalónica que tamén viaxaron a Berea para causarlle alí os mesmos problemas. Pero non o conseguiron. Paulo sabía que o seu territorio era moi grande, así que simplemente seguiu predicando noutro sitio. Na actualidade, nós tamén estamos decididos a non deixar que ninguén deteña a predicación.

19 Despois de darlles un testemuño completo ós cristiáns de Tesalónica e Berea, Paulo seguramente aprendeu moito sobre a importancia de predicar con valor e de razoar usando as Escrituras. E nós temos que facer o mesmo na actualidade. A continuación, Paulo viaxa a Atenas. Alí terá que predicarlles a persoas con crenzas totalmente diferentes. Como lle irá nesa cidade? Verémolo no seguinte capítulo.

a Un experto explica que naquel entón estaba en vigor un decreto imperial que prohibía facer predicións da “chegada dun novo rei ou reino, especialmente se afirmaba que ía suplantar ou xulgar o emperador existente” (The Acts of the Apostles: A Socio-Rhetorical Commentary, escrito por Ben Witherington III). É posible que os inimigos de Paulo mal interpretasen a mensaxe que predicaba e a considerasen unha violación dese decreto (mira o recadro “ Os emperadores romanos e o libro de Feitos”).

b The Spirit, The Church, and The World: The Message of Acts, escrito por John Stott.