Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 9

“Deus trata igual a tódalas persoas”

“Deus trata igual a tódalas persoas”

Empézase a predicar ós xentís incircuncisos.

Baseado en Feitos 10:1–11:30

1-3. Que visión tivo Pedro, e por que é importante que coñezamos o seu significado?

 É O OUTONO do ano 36. O sol quenta mentres Pedro está orando na azotea dunha casa cerca do mar, no porto da cidade de Xope. Ó estar disposto a quedar aquí, Pedro demostra que non ten prexuízos. Por que? Porque Simón, o propietario da casa, é curtidor e a maioría dos xudeus nunca quedaría na casa dun home que tivese este traballo. a Aínda así, Pedro está a punto de aprender unha lección moi importante sobre a imparcialidade de Xehová.

2 Mentres Pedro está orando, ten unha visión. O que ve perturbaría a calquera xudeu. Do ceo baixa algo parecido a unha tea grande de liño que está chea de animais considerados impuros segundo a Lei. A continuación, unha voz do ceo dille a Pedro que mate e coma algún deses animais. Pero el responde: “Nunca comín nada contaminado ou impuro”. Ata en tres ocasións a voz dille: “Deixa de chamarlles contaminadas ás cousas que Deus limpou” (Feit. 10:14-16). A visión deixa a Pedro confundido, pero non por moito tempo.

3 Que significa a visión de Pedro? É importante que comprendamos o seu significado porque contén unha verdade profunda sobre a forma na que Xehová ve as persoas. Como cristiáns verdadeiros, non podemos dar un testemuño completo do Reino de Deus a menos que aprendamos a ver as persoas igual que as ve Xehová. Para entender o significado da visión de Pedro, imos analizar o que pasou antes e despois.

“Suplicáballe constantemente a Deus” (Feitos 10:1-8)

4, 5. Quen era Cornelio e que pasou mentres estaba orando?

4 Pedro non tiña nin idea de que o día antes un home chamado Cornelio tamén tivera unha visión. Este home era un centurión do exército romano que vivía en Cesarea, a uns 50 quilómetros ó norte de Xope.  b Era coñecido por ser “un home devoto” e un cabeza de familia exemplar que “temía a Deus con tódolos da súa casa”. Cornelio non era un prosélito xudeu, senón un xentil incircunciso. Aínda así, demostraba compaixón polos xudeus necesitados e axudáballes en sentido material. Ademais, este home “suplicáballe constantemente a Deus” (Feit. 10:2).

5 Aquel día, sobre as tres da tarde, Cornelio estaba orando e viu nunha visión un anxo que lle dixo: “Deus fíxase nas túas oracións e na axuda que lles dás ós pobres, e tenas en conta” (Feit. 10:4). Seguindo instrucións do anxo, Cornelio mandou homes para que fosen buscar o apóstolo Pedro. Como xentil incircunciso, Cornelio estaba a punto de entrar por unha porta que ata ese momento estivera pechada para el. Estaba a punto de recibir a mensaxe de salvación.

6, 7. a) Menciona unha experiencia que demostre que Deus contesta as oracións das persoas sinceras que queren coñecelo. b) Que aprendemos destes exemplos?

6 Contesta Deus na actualidade as oracións das persoas sinceras que queren coñecelo? Pensa no que lle pasou a unha muller de Albania. Cando unha irmá lle ofreceu unha revista A Atalaia que falaba sobre a crianza dos fillos, ela díxolle: “Non o vas crer. Agora mesmo estaba pedíndolle a Deus que me axudase a educar as miñas fillas. Está claro que el te enviou. Isto era xusto o que necesitaba”. c A muller e as súas fillas empezaron a estudar a Biblia. E o seu home fixo o mesmo un tempo despois.

7 Foi este un caso illado? Para nada! Casos coma este repítense continuamente por todo o mundo con tanta frecuencia que non poden ser casualidade. Que aprendemos disto? Por un lado, que Xehová escoita as oracións das persoas sinceras que o buscan (1 Reis 8:41-43; Sal. 65:3 [65:2, TNM]). E por outro lado, que os anxos están axudándonos na obra de predicar (Apoc. 14:6, 7).

“Pedro estaba moi sorprendido” (Feitos 10:9-23a)

8, 9. Que lle dixo Xehová a Pedro, e como respondeu el?

8 Pedro segue na azotea, sorprendido e intentando entender o significado da visión. Nese momento, chegan á casa os homes que enviou Cornelio (Feit. 10:17). Que fará? Acaba de negarse tres veces a comer alimentos que a Lei considera impuros. Estará disposto agora a ir con estes homes e entrar na casa dun xentil? Para axudarlle a Pedro a entender o que ten que facer, Xehová dille a través do seu espírito santo: “Mira! Hai tres homes que están preguntando por ti. Así que levántate, baixa e non teñas dúbidas de ir con eles, porque os enviei eu” (Feit. 10:19, 20). Está claro que a visión que acaba de ter Pedro preparouno para seguir a guía do espírito santo.

9 Cando Pedro escoita que foi un anxo quen lle dixo a Cornelio que mandase aqueles homes, invítaos a entrar para que pasen alí a noite (Feit. 10:23a). Pedro está empezando a cambiar a súa forma de pensar porque se dá conta de cal é a vontade de Xehová e quere ser obediente.

10. Como guía Xehová o seu pobo, e que preguntas deberiamos facernos?

10 Na actualidade, Xehová axúdanos a entender a súa vontade de forma progresiva (Prov. 4:18). A través do espírito santo está guiando “o escravo fiel e prudente” (Mat. 24:45). De vez en cando, poida que se faga algún axuste na nosa forma de entender a Palabra de Deus ou nos procedementos que segue a organización. Por iso faremos ben en preguntarnos: “Como reacciono eu cando hai un cambio dese tipo? Sigo de boa gana a guía que dá o espírito de Deus?”.

Pedro “mandou que os bautizasen” (Feitos 10:23b-48)

11, 12. Que fixo Pedro en canto chegou a Cesarea, e que lección aprendeu?

11 Ó día seguinte, Pedro, os tres mensaxeiros que mandou Cornelio e outros “seis irmáns” de Xope marchan a Cesarea (Feit. 11:12). Esperando a chegada de Pedro, Cornelio invita á súa casa “os seus familiares e amigos íntimos”, que seguramente tamén son xentís (Feit. 10:24). Ó chegar, Pedro fai algo impensable para el: entra na casa dun xentil incircunciso! El explica: “Vós ben sabedes que vai en contra da lei que un xudeu teña trato cun home doutra raza ou se acerque a el. Pero Deus ensinoume que non debo chamar contaminado ou impuro a ninguén” (Feit. 10:28). Está claro que Pedro aprendeu a lección. A visión que recibira non se limitaba só ós alimentos que podía comer. Entendeu que non podía “chamar contaminado ou impuro a ninguén”, nin sequera a un xentil.

“Cornelio, por suposto, estaba esperando por eles e xuntara os seus familiares e amigos íntimos.” (Feitos 10:24)

12 Tódalas persoas que están na casa de Cornelio teñen moitas ganas de escoitar a Pedro. Cornelio dille: “Estamos todos aquí diante de Deus para escoitar as cousas que Xehová che mandou dicir” (Feit. 10:33). Como te sentirías ti se escoitases estas palabras dunha persoa que quere aprender de Xehová? Pedro empezou o seu impactante discurso coas seguintes palabras: “Agora realmente entendo que Deus trata igual a tódalas persoas e que acepta a tódolos que o temen e fan o que está ben, sexan da nación que sexan” (Feit. 10:34, 35). Pedro aprendeu que a forma na que Deus ve as persoas non está condicionada pola raza, a nacionalidade ou algún outro factor externo. A continuación, empeza a falarlles do ministerio, morte e resurrección de Xesús.

13, 14. a) Por que foi tan importante a conversión de Cornelio e os outros xentís no ano 36? b) Por que non deberiamos xulgar as persoas polo seu aspecto?

13 Mentres Pedro aínda está falando, pasa algo completamente inesperado: “xente das nacións” empeza a recibir espírito santo (Feit. 10:44, 45). Este é o único caso mencionado nas Escrituras no que alguén recibe espírito santo antes de bautizarse. Ó ver este sinal, Pedro entende que Deus está aceptando estas persoas como os seus servos, “así que mandou que os bautizasen” (Feit. 10:48). A conversión destes xentís no ano 36 marca o final do período no que Deus tratou de forma especial os xudeus (Dan. 9:24-27). Ó tomar a iniciativa nesta ocasión, Pedro utiliza a terceira e última chave do Reino (Mat. 16:19). Esta chave abre a porta para que os xentís incircuncisos poidan chegar a ser cristiáns unxidos por espírito santo.

14 Cando predicamos, nós tamén temos que recordar que “Deus non é favoritista” (Rom. 2:11). “El quere que tódolos homes se salven” (1 Tim. 2:4). Así que nunca deberiamos xulgar as persoas polo seu aspecto. A nosa obrigación é dar un testemuño completo do Reino de Deus, o que implica predicar a tódalas persoas, sen importar a súa raza, nacionalidade, aparencia ou antecedentes relixiosos.

“Deixaron de discutir [e] déronlle gloria a Deus” (Feitos 11:1-18)

15, 16. Por que discutiron os cristiáns xudeus con Pedro, e que explicación lles deu el?

15 Seguro que Pedro tiña moitas ganas de contarlles ós irmáns de Xerusalén que xente das nacións “aceptara a palabra de Deus”. Así que foi para alí. Pero parece que xa coñecían a noticia. En canto chegou, “os que defendían a circuncisión empezaron a discutir con el”. Moi enfadados dixéronlle: “Entraches na casa de homes que non están circuncidados e comiches con eles” (Feit. 11:1-3). O que lles molestaba non era que os xentís chegasen a ser seguidores de Cristo. Máis ben, aqueles discípulos xudeus insistían en que, para adorar a Deus de forma aceptable, os xentís terían que obedecer a Lei, o que incluía a circuncisión. Está claro que a algúns discípulos xudeus lles estaba custando moito deixar atrás a Lei de Moisés.

16 Como explicou Pedro o que fixo? De acordo con Feitos 11:4-16, deulles catro razóns polas que estaba convencido de que contara coa dirección de Deus: 1) recibiu unha visión de parte de Xehová (versículos 4-10); 2) recibiu instrucións claras do espírito santo (versículos 11, 12); 3) un anxo visitou a Cornelio (versículos 13, 14); e 4) os xentís recibiron o espírito santo (versículos 15, 16). Pedro concluíu o seu razoamento facéndolles unha pregunta que os faría pensar: “Así que, se Deus lles estaba dando a eles o mesmo regalo que nos deu a nós, que cremos no Señor Xesucristo, quen era eu para ir en contra de Deus?” (Feit. 11:17).

17, 18. a) Que decisión tomaron os cristiáns xudeus despois de escoitar a Pedro? b) Por que pode ser un desafío manter a unidade da congregación, e que preguntas deberiamos facernos?

17 Despois de escoitar a Pedro, aqueles cristiáns xudeus tiñan que tomar unha decisión: serían capaces de deixar de lado os seus prexuízos e de aceptar coma irmáns a aqueles xentís que se acababan de bautizar? O relato explica: “Cando os irmáns oíron todas estas cousas, deixaron de discutir con Pedro, déronlle gloria a Deus e dixeron: ‘Está claro! Deus tamén lle deu á xente das nacións a oportunidade de arrepentirse e recibir vida’” (Feit. 11:18). A súa actitude positiva permitiu que a congregación se mantivese unida.

18 Manter a unidade da congregación tamén pode ser un desafío na actualidade. Os que servimos a Xehová vimos “de tódalas nacións, tribos, pobos e linguas” (Apoc. 7:9). En moitas congregacións podemos atopar unha enorme variedade de razas, culturas e antecedentes. Por iso poderiamos preguntarnos: “Arranquei do meu corazón calquera prexuízo que puidese ter? Estou decidido a non permitir que este mundo dividido polo nacionalismo, o rexionalismo, o racismo e as diferenzas culturais inflúan na forma en que trato os meus irmáns?”. Recorda o que lle pasou a Pedro uns anos despois da conversión dos primeiros xentís. Influenciado polos prexuízos doutros, apartouse dos cristiáns xentís e tivo que ser corrixido por Paulo (Gál. 2:11-14). Por iso, esteamos sempre alerta para non caer na trampa do prexuízo.

“Moitos fixéronse crentes” (Feitos 11:19-26a)

19. A quen empezaron a predicarlles os xudeus cristiáns en Antioquía, e cal foi o resultado?

19 Despois de entender o que Deus quería, empezarían os discípulos de Xesús a predicarlles ós xentís incircuncisos? Fíxate no que pasou pouco despois en Antioquía de Siria. d Nesta cidade vivían moitos xudeus e, en xeral, levábanse ben cos xentís. Así que este era un sitio ideal para predicarlles. De feito, foi aquí onde algúns discípulos xudeus empezaron a anunciarlles as boas noticias a “persoas de fala grega” (Feit. 11:20). Esta predicación non ía só dirixida ós xudeus de fala grega, senón tamén ós xentís incircuncisos. Xehová bendiciu os seus esforzos e, como resultado, “moitos fixéronse crentes” (Feit. 11:21).

20, 21. Como demostrou modestia Bernabé, e como podemos imitar o seu exemplo no noso ministerio?

20 Para atender aquel territorio tan receptivo, a congregación de Xerusalén enviou a Bernabé a Antioquía. Pero había tantas persoas que querían escoitar que non podía atendelas a todas. Necesitaba un compañeiro que lle axudase. E quen mellor que Saulo, que chegaría a ser apóstolo para as nacións (Feit. 9:15; Rom. 1:5). Pero, vería Bernabé a Saulo coma un rival? Todo o contrario. Bernabé foi modesto e tomou a iniciativa de ir a Tarso, buscar a Saulo e traelo de volta a Antioquía para que lle axudase. Alí estiveron xuntos durante un ano fortalecendo os discípulos daquela congregación (Feit. 11:22-26a).

21 Como podemos demostrar nós modestia no noso ministerio? Esta cualidade implica ser conscientes das nosas limitacións. Todos temos diferentes habilidades. Por exemplo, a algúns dáselles moi ben a predicación informal ou de casa en casa, pero teñen dificultade para facer revisitas ou empezar cursos da Biblia. Se ti queres mellorar nalgún aspecto do ministerio, por que non pides axuda? Se tomas a iniciativa desta maneira, chegarás a ser mellor mestre e desfrutarás máis da predicación (1 Cor. 9:26).

Decidiron “enviarlles axuda ós irmáns” (Feitos 11:26b-30)

22, 23. Como demostraron amor fraternal os irmáns de Antioquía, e como imitamos o seu exemplo os servos de Deus da actualidade?

22 Foi en Antioquía onde “ós discípulos se lles chamou cristiáns por primeira vez” (Feit. 11:26b). Este nome describe moi ben as persoas que viven seguindo o modelo que lles deixou Cristo. Agora ben, chegarían a quererse coma irmáns os cristiáns xentís e os de orixe xudía? Analicemos o que pasou durante unha gran fame que ocorreu arredor do ano 46. e Na antigüidade este tipo de fames afectaban sobre todo ás persoas pobres que non tiñan nin aforros nin reservas de comida. Durante esta fame os cristiáns de Xudea, moitos dos cales seguramente eran pobres, necesitaban comida e outros tipos de axuda. Cando o souberon os irmáns de Antioquía, incluídos os xentís, “decidiron enviarlles axuda ós irmáns que vivían en Xudea” (Feit. 11:29). Que bonita mostra de amor fraternal!

23 O mesmo pasa entre os servos de Deus da actualidade. Cando nos decatamos de que os nosos irmáns están pasando necesidade, xa sexa na nosa zona ou noutros países, buscamos formas de darlles a axuda que necesitan. E cando hai un desastre natural, como un furacán, un terremoto ou un tsunami, os Comités de Sucursal rapidamente forman Comités de Socorro para coidar dos irmáns que puideron verse afectados. Todos estes esforzos demostran que o noso amor fraternal é auténtico (Xoán 13:34, 35; 1 Xoán 3:17).

24. Como demostramos que tomamos moi en serio o que aprendemos da visión de Pedro?

24 Os cristiáns verdadeiros tomamos moi en serio o significado da visión que tivo Pedro cando estaba orando na azotea de Xope. Adoramos un Deus imparcial, e a súa vontade é que deamos un testemuño completo do seu Reino. Isto inclúe predicarlles a tódalas persoas, sen importar a súa raza, orixe ou posición social. Por iso, deámoslles a oportunidade de coñecer a Xehová a todos aqueles que queiran escoitar (Rom. 10:11-13).

Cando os nosos irmáns pasan por necesidade, ofrecémonos de boa gana para axudarlles.

a Algúns xudeus desprezaban os curtidores porque o seu traballo implicaba estar en contacto con peles, con cadáveres de animais e con outras substancias repugnantes que eran necesarias para facer o traballo. Os curtidores eran considerados indignos de estar no templo, e os seus lugares de traballo non podían estar a menos de 20 metros dunha cidade. Isto podería explicar por que a casa de Simón estaba “á beira do mar” (Feit. 10:6).

b Mira o recadro “ Cornelio e o exército romano”.

c O artigo titulado “Consejos infalibles para la crianza de los hijos” apareceu na revista La Atalaya do 1 de novembro de 2006, páxinas 4 a 7, dispoñible en español.

d Mira o recadro “ Antioquía de Siria”.

e O historiador xudeu Xosefo dixo que esta gran fame ocorreu durante o reinado do emperador Claudio (41-54 n. e.).