Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 4

“Homes comúns e sen estudos”

“Homes comúns e sen estudos”

Os apóstolos actúan con valor e Xehová bendíceos.

Baseado en Feitos 3:1–5:11

1, 2. Que milagre fixeron Pedro e Xoán cerca dunha das portas do templo?

 O SOL do medio día brilla sobre a multitude. Xudeus devotos e discípulos de Cristo diríxense ó recinto do templo. Pronto empezará “a hora da oración” (Feit. 2:46; 3:1). a Pedro e Xoán están entre a multitude e van cara a porta do templo chamada Fermosa. Entre o barullo da xente que vai camiñando e falando escóitase un mendigo de mediana idade, coxo de nacemento, pedindo cartos (Feit. 3:2; 4:22).

2 Cando Pedro e Xoán se acercan a el, o mendigo empeza a recitar as mesmas palabras de sempre para pedirlles cartos. Os apóstolos paran diante del e captan a súa atención. O home míraos con esperanza porque pensa que lle van dar diñeiro. Pero Pedro dille: “Non teño nin prata nin ouro, pero vouche dar o que teño. No nome de Xesucristo o Nazareno, camiña!”. Imaxina a cara que se lle queda á xente cando Pedro colle o home coxo da man e lle axuda a poñerse de pé por primeira vez na súa vida (Feit. 3:6, 7). Podes imaxinar a emoción que sente este home cando mira as súas pernas, ve que están curadas e intenta dar os seus primeiros pasos? Non nos sorprende que o home empezase a saltar de alegría e a louvar a Deus en voz alta.

3. Que valioso regalo lles ofreceu Pedro á multitude e ó home que acababa de curar?

3 A multitude corre emocionada ó pórtico de Salomón, onde están Pedro e Xoán. Aquí, no mesmo lugar onde Xesús estivera unha vez ensinándolle á xente, Pedro explícalles o que acaba de pasar (Xoán 10:23). Alí ofrécelles á multitude e ó mendigo que acaba de curar un regalo moito máis valioso que a prata ou o ouro. Este regalo implica moito máis que recuperar a saúde. É a oportunidade de arrepentirse, recibir o perdón dos seus pecados e de chegar a ser discípulos do “Axente Principal da vida” nomeado por Xehová, Xesucristo (Feit. 3:15).

4. a) Como reaccionaron algúns despois do milagre que fixeron Pedro e Xoán? b) Que dúas preguntas imos responder?

4 Que día tan emocionante! Unha persoa que era coxa puido camiñar por primeira vez. E miles de persoas tiveron a oportunidade de entender a vontade de Xehová e puideron empezar a servilo como el quere (Col. 1:9, 10). Pero os acontecementos deste día dan lugar a unha confrontación entre os discípulos de Cristo e as autoridades, que queren evitar que se cumpra o mandato de Xesús de predicar a mensaxe do Reino (Feit. 1:8). Que podemos aprender do testemuño que deron Pedro e Xoán, “homes comúns e sen estudos” e dos métodos que utilizaron? (Feit. 4:13). b E como podemos imitar o valor que demostraron eles e outros discípulos cando os perseguiron?

Non foi “grazas ó noso poder” (Feitos 3:11-26)

5. Que aprendemos da forma na que Pedro se dirixiu á multitude?

5 Pedro e Xoán estaban ante unha multitude que só uns días antes pedira a gritos a morte de Xesús (Mar. 15:8-15; Feit. 3:13-15). Pedro demostrou moito valor ó dicir que o home coxo fora curado no nome de Xesús. Pero non lles gardaba rencor porque sabía que actuaran por ignorancia (Feit. 3:17). Chamoulles irmáns e centrouse nos aspectos positivos da mensaxe do Reino. Se se arrepentían e poñían fe en Cristo, Xehová daríalles “tempos para recuperar as forzas e o ánimo” (Feit. 3:19). Nós tamén necesitamos ter valor para declarar a mensaxe de Deus de forma directa. Pero ó mesmo tempo non debemos ser maleducados, duros, nin xulgar as persoas ás que lles predicamos. Máis ben, igual que fixo Pedro, queremos velas como futuros irmáns e centrarnos nos aspectos positivos da mensaxe do Reino.

6. De que forma demostraron humildade Pedro e Xoán?

6 Os apóstolos foron humildes e non trataron de levar o mérito do milagre que fixeran. Pedro díxolle á multitude: “Por que vos sorprendedes tanto? Por que nos mirades coma se fixésemos que este home camiñase grazas ó noso poder ou pola nosa devoción a Deus?” (Feit. 3:12). Pedro e os outros apóstolos foron humildes porque sabían que calquera cousa que conseguisen na predicación sería grazas ó poder de Deus, non ó deles. Como foron modestos, toda a louvanza polo que fixeron foi para Xehová e Xesús.

7, 8. a) Que oportunidade lles podemos dar ás persoas? b) Como se está cumprindo na actualidade a promesa de que se restaurarían tódalas cousas?

7 Nós tamén temos que ser humildes cando predicamos. É certo que na actualidade o espírito de Deus non nos dá o poder para facer curacións milagrosas. Aínda así, podemos axudar ás persoas a chegar a ter fe en Deus e en Cristo e a recibir o mesmo regalo que Pedro ofreceu, é dicir, a oportunidade de obter o perdón dos seus pecados e a axuda de Xehová para recuperar as forzas e o ánimo. Cada ano, miles de persoas aceptan esta oportunidade e chegan a ser discípulos bautizados de Cristo.

8 Non hai dúbida de que estamos vivindo no “tempo de que se restauren tódalas cousas” do que falou Pedro. Esa restauración empezou en 1914 cando Deus estableceu o seu Reino no ceo, tal como anunciara “mediante os seus profetas fieis no pasado” (Feit. 3:21; Sal. 110:1-3, TNM; Dan. 4:13, 14 [4:16, 17, TNM]). Pouco tempo despois, Cristo axudou ós seus seguidores a restaurar a adoración verdadeira tamén na Terra. Como resultado millóns de persoas chegaron a ser súbditos do Reino de Deus e agora adoran a Xehová en paz e unidade. Para iso tiveron que quitar a vella personalidade que estaba corrompida e “poñer a nova personalidade que foi creada segundo a vontade de Deus” (Ef. 4:22-24TNM). Igual que sucedeu coa curación do home coxo, este sorprendente traballo non se conseguiu por esforzos humanos senón grazas ó espírito de Deus. Como Pedro, nós tamén temos que ser valentes e usar a Palabra de Deus con habilidade para ensinarlles a outros. Non esquezamos que calquera cousa que consigamos na obra de facer discípulos é grazas ó poder de Xehová, non ó noso.

“Non podemos deixar de falar” (Feitos 4:1-22)

9-11. a) Como reaccionaron os líderes xudeus á mensaxe que predicaban Pedro e Xoán? b) Que estaban decididos a facer os apóstolos?

9 Despois de escoitar o discurso de Pedro e de ver o home coxo saltando e gritando, a xente estaba atónita. Como consecuencia, o capitán da garda do templo e os sacerdotes principais viñeron correndo a ver que pasaba. Estes homes probablemente eran saduceos, unha seita formada por homes ricos e con moito poder político que promovían as relacións pacíficas cos romanos. A diferenza dos fariseos, que obedecían as leis ó pé da letra, os saduceos rechazaban a lei oral e desprezaban a ensinanza da resurrección. c Imaxina canto deberon enfadarse ó ver a Pedro e a Xoán no templo ensinando con valor que Xesús resucitara.

10 Irritados, aqueles opositores meteron a Pedro e a Xoán no cárcere e ó día seguinte leváronos a declarar diante do tribunal supremo xudeu. Aqueles líderes relixiosos orgullosos críanse superiores e consideraban a Pedro e a Xoán “homes comúns e sen estudos” que non tiñan dereito a ensinar no templo porque non estudaran en ningunha escola relixiosa recoñecida. A pesar diso, a claridade e a convicción coa que se expresaron fixeron que o tribunal quedase moi sorprendido. Por que puideron falar con tanta convicción? Unha das razóns era porque “estiveran con Xesús” (Feit. 4:13). O seu mestre ensinaba con autoridade, non como os escribas (Mat. 7:28, 29).

11 O tribunal mandoulles ós apóstolos que deixasen de predicar, e as súas ordes tiñan moito peso. Só unhas semanas antes, cando Xesús estivera diante deste mesmo tribunal, os seus membros declararan: “Merece morrer!” (Mat. 26:59-66). Aínda así, Pedro e Xoán non se deixaron intimidar. De pé diante deses homes ricos, cultos e poderosos dixeron con valor pero con respecto: “Xulgade por vós mesmos se está ben ós ollos de Deus obedecervos a vós antes que a el. Pero nós non podemos deixar de falar das cousas que vimos e oímos” (Feit. 4:19, 20).

12. Que pode axudarnos a nós a estar máis convencidos das verdades da Biblia e a ter máis valor?

12 Es ti tan valente coma os apóstolos? Como te sentes cando tes a oportunidade de predicarlles a persoas ricas, cultas e poderosas? Sénteste intimidado cando algún familiar, compañeiro de escola ou de traballo se burla das túas crenzas? Se é así, non te desanimes. Cando Xesús estivo na Terra ensinoulles ós seus apóstolos como defender as súas crenzas con confianza e respecto (Mat. 10:11-18). Despois da súa resurrección, Xesús prometeulles ós seus discípulos que estaría con eles “tódolos días ata a parte final do sistema” (Mat. 28:20). Baixo a dirección de Xesús, “o escravo fiel e prudente” ensínanos como podemos defender as nosas crenzas (Mat. 24:45-47; 1 Ped. 3:15). Recibimos todas estas instrucións nas reunións de congregación, como por exemplo na reunión “Vida e Actividades Cristiás”, e tamén en publicacións e artigos baseados na Biblia, coma os da sección “Preguntas sobre a Biblia” de jw.org. Aproveitas ó máximo todas estas axudas? Se é así, estarás máis convencido das verdades da Biblia e terás máis valor. E igual que os apóstolos, non poderás deixar de falar das marabillosas verdades espirituais que aprendiches.

Non deixes que nada che impida falar das marabillosas verdades espirituais que aprendiches.

“Oraron todos xuntos a Deus” (Feitos 4:23-31)

13, 14. Que deberías facer se te enfrontas a oposición, e por que?

13 Xusto despois de ser liberados da prisión, Pedro e Xoán xuntáronse co resto da congregación. Alí “oraron todos xuntos a Deus” e pedíronlle valor para seguir predicando (Feit. 4:24). Pedro sabía moi ben que para facer a vontade de Deus non podía confiar en si mesmo. Só unhas semanas antes confiárase e dixéralle a Xesús: “Aínda que tódolos demais fallen por culpa do que che vai pasar, eu non fallarei nunca”. Pero aquela mesma noite negaría o seu amigo e mestre por medo, xusto como Xesús predixera. Despois daquilo Pedro aprendeu do seu erro (Mat. 26:33, 34, 69-75).

14 Para cumprir coa comisión de dar testemuño de Cristo non chega só con estar decidido. Cando os opositores intenten que deixes de servir a Deus ou de predicar, sigue o exemplo de Pedro e Xoán. Óralle a Xehová pedíndolle forzas, busca a axuda da congregación e cóntalles ós anciáns e a outros irmáns maduros as probas polas que estás pasando. As oracións dos demais poden darche as forzas que necesitas (Ef. 6:18; Sant. 5:16).

15. Que pode animarnos se no pasado deixamos de predicar por un tempo?

15 Se algunha vez cediches á presión e deixaches de predicar por un tempo, non te desanimes. Recorda que ós apóstolos tamén lles pasou despois da morte de Xesús. Pero pouco tempo despois xa estaban predicando de novo (Mat. 26:56; 28:10, 16-20). En vez de deixar que os erros do pasado te desanimen, intenta utilizar a túa experiencia e as leccións que aprendiches para fortalecer a outros.

16, 17. Que podemos aprender da oración que fixeron os discípulos de Xesús en Xerusalén?

16 Que deberiamos pedirlle a Deus cando as autoridades nos perseguen? Fíxate en que os discípulos non lle pediron que lles quitase as probas. Recordaban ben o que Xesús lles dixera: “Se a min me perseguiron, hanvos perseguir tamén a vós” (Xoán 15:20). Máis ben pedíronlle a Xehová: “Fíxate en como nos ameazan” (Feit. 4:29). Aqueles discípulos fieis viron o cadro completo e déronse conta de que a persecución que sufrían estaba cumprindo profecía. Pero tamén sabían que, sen importar o que dixesen os gobernantes humanos, a vontade de Deus se faría na Terra, tal e como Xesús lles dixera cando lles ensinou a orar (Mat. 6:9, 10).

17 Para poder facer a vontade de Xehová, os discípulos pedíronlle: “Fai que os teus escravos sigan falando da túa palabra con moito valor”. Que fixo Xehová xusto despois? “O sitio no que estaban reunidos tremeu. E todos sen excepción quedaron cheos de espírito santo e puxéronse a anunciar a palabra de Deus con valor” (Feit. 4:29-31). Nada pode impedir que se faga a vontade de Xehová (Is. 55:11). Sen importar o grande que sexa o obstáculo e o poderosos que sexan os nosos inimigos, podemos estar seguros de que, se llo pedimos en oración, el nos dará as forzas que necesitamos para seguir predicando con valor.

“Non lles mentiches ós homes, mentícheslle a Deus” (Feitos 4:32–5:11)

18. Que fixeron os membros da congregación de Xerusalén para apoiarse os uns ós outros?

18 A nova congregación de Xerusalén creceu rapidamente e en pouco tempo chegou a estar formada por máis de 5000 persoas. d Aínda que os discípulos viñan de lugares moi diferentes, estaban unidos e tiñan “o mesmo punto de vista e os mesmos sentimentos” (Feit. 4:32; 1 Cor. 1:10). Ademais de pedirlle a Xehová que bendicise os seus esforzos, apoiábanse os uns ós outros en sentido espiritual e, cando era necesario, tamén en sentido material (1 Xoán 3:16-18). Por exemplo Xosé, a quen os discípulos chamaban Bernabé, vendeu un terreo e doou tódolos cartos que lle deran para axudar ós que viñan de lonxe. Grazas a iso podían quedar máis tempo en Xerusalén para seguir aprendendo e fortalecendo a súa fe.

19. Por que executou Xehová a Ananías e Safira?

19 Ananías e a súa muller Safira tamén venderon unha propiedade para facer unha doazón. Pero a súa motivación non era a correcta. Querían aparentar que daban todo o que conseguiran pero gardaron “parte dos cartos” (Feit. 5:2). Xehová executounos, non porque desen poucos cartos, senón porque tiñan malos motivos e intentaron enganar os apóstolos. En realidade non lles estaban mentindo ós homes, senón a Deus (Feit. 5:4). Igual que os hipócritas ós que Xesús condenara, Ananías e Safira estaban máis preocupados por quedar ben ante os homes que por conseguir a aprobación de Deus (Mat. 6:1-3).

20. Que debemos ter en conta cando lle damos algo a Xehová?

20 Na actualidade millóns de testemuñas de Xehová apoiamos a predicación mundial coa mesma xenerosidade que os discípulos de Xerusalén. Damos do noso tempo e dos nosos cartos de forma totalmente voluntaria porque Xehová non quere que o sirvamos de mala gana nin por obrigación (2 Cor. 9:7). El tampouco se fixa na cantidade que damos senón na motivación (Mar. 12:41-44). Por iso, nunca sexamos coma Ananías e Safira que só servían a Xehová por interese e para obter recoñecemento dos demais. Máis ben, sexamos coma Pedro, Xoán e Bernabé e sirvamos a Xehová motivados polo noso amor a el e ós nosos irmáns (Mat. 22:37-40).

a A xente oraba no templo mentres se ofrecían os sacrificios da mañá e da tarde. O sacrificio da tarde ofrecíase “á hora novena”, é dicir, arredor das tres da tarde.

d É probable que no ano 33 houbese en Xerusalén só uns 6000 fariseos e un número aínda máis pequeno de saduceos. Ese podería ser outro motivo polo que estes dous grupos se sentisen ameazados polas ensinanzas de Xesús.