Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 2

“Seredes as miñas testemuñas”

“Seredes as miñas testemuñas”

Xesús prepara os seus apóstolos para dirixir a obra de predicar.

Baseado en Feitos 1:1-26

1-3. Que fixo Xesús a última vez que estivo cos seus apóstolos, e que preguntas poderiamos facernos?

 OS APÓSTOLOS están vivindo un momento moi emocionante e non queren que termine nunca! As últimas semanas foron moi especiais. A resurrección de Xesús fixo que pasasen dunha profunda tristeza a unha inmensa alegría. Durante corenta días, Xesús apareceuse varias veces ensinando e animando os seus seguidores. Pero esta será a última vez que se lles apareza.

2 Estando de pé todos xuntos no Monte das Oliveiras, os apóstolos escoitan con moita atención cada palabra que Xesús lles di. Cando remata de falar, levanta as súas mans e bendíceos. Entón empeza a elevarse. Os apóstolos miran atónitos como ascende ó ceo ata que desaparece entre as nubes. O seu mestre xa non está, pero eles seguen mirando para arriba (Luc. 24:50; Feit. 1:9, 10).

3 Esta experiencia cambiou a vida dos apóstolos. Que farán agora que Xesús está no ceo? Podemos estar seguros de que o seu mestre os preparou ben para continuar coa obra que el empezara. Como o fixo? Como responderon eles? E que podemos aprender nós? O primeiro capítulo de Feitos contén a resposta a estas preguntas.

“Moitas probas convincentes” (Feitos 1:1-5)

4. Como empeza Lucas o relato rexistrado no libro de Feitos?

4 Lucas empeza este relato dirixíndose a Teófilo, o mesmo home ó que lle escribira o seu Evanxeo. a Comeza resumindo os acontecementos rexistrados no final do seu Evanxeo e engade algún detalle que non aparecía neste. Iso deixa claro que Feitos é unha continuación de Lucas.

5, 6. a) Que fixo Xesús para axudar ós seus seguidores a seguir tendo unha fe forte? b) Por que dicimos que a fe dos cristiáns verdadeiros se basea en “moitas probas convincentes”?

5 Que fixo Xesús para axudar ós seus seguidores a seguir tendo unha fe forte? En Feitos 1:3 lemos: “Presentouse diante deles dándolles moitas probas convincentes”. Lucas, “o querido médico”, foi o único escritor da Biblia que utilizou a palabra que se traduce “probas convincentes” (Col. 4:14). Ese era un termo técnico que se utilizaba en escritos médicos para referirse a algo que está demostrado e que se basea en probas fiables e concluíntes. Xesús aportou este tipo de probas ó aparecerse moitas veces ante os seus seguidores. Ás veces, fíxoo diante dunha ou dúas persoas. Outras, ante tódolos apóstolos. E nunha ocasión apareceuse diante de máis de 500 discípulos (1 Cor. 15:3-6). Esas foron probas convincentes de que estaba vivo.

6 Do mesmo xeito, na actualidade a fe dos cristiáns verdadeiros baséase en “moitas probas convincentes”. Temos probas de que Xesús viviu na Terra, morreu polos nosos pecados e resucitou. Podemos atopar as probas que necesitamos na Palabra inspirada de Deus, onde se fala de persoas que viron cos seus propios ollos estes acontecementos. Estudar estes relatos e pedirlle axuda a Xehová para entendelos pode fortalecer a nosa fe. Recorda que a fe verdadeira non é credulidade, baséase en probas convincentes e necesitámola para conseguir a vida eterna (Xoán 3:16).

7. Como podemos seguir o exemplo de Xesús cando predicamos e ensinamos?

7 Ademais, Xesús “faloulles do Reino de Deus”. Por exemplo, explicoulles profecías que demostraban que o Mesías tiña que sufrir e morrer (Luc. 24:13-32, 46, 47). Tamén lles dixo que el sería o Rei dese Reino cando lles explicou o seu papel como Mesías. Xesús sempre falou do Reino de Deus na súa predicación e nós temos que seguir o seu exemplo (Mat. 24:14; Luc. 4:43).

“Ata a parte máis distante da terra” (Feitos 1:6-12)

8, 9. a) Que dúas ideas equivocadas tiñan os apóstolos de Xesús? b) Como lles axudou Xesús a corrixir a súa maneira de pensar, e que aprendemos nós do que lles dixo?

8 Foi no Monte das Oliveiras cando os apóstolos estiveron por última vez con Xesús na Terra. Impacientes preguntáronlle: “Señor, é agora cando vas restaurar o reino en Israel?” (Feit. 1:6). Ó facer esta pregunta os apóstolos deixaron ver que tiñan dúas ideas equivocadas. En primeiro lugar, asumiron que o Reino de Deus se ía restaurar na nación de Israel, aquí na Terra. En segundo lugar, esperaban que o Reino de Deus empezase a gobernar xusto naquel momento. Como lles axudou Xesús a corrixir a súa maneira de pensar?

9 Probablemente Xesús sabía que a primeira desas ideas se aclararía moi pronto. De feito, tan só 10 días despois os seus discípulos ían ser testemuñas do nacemento dunha nova nación: o Israel espiritual. A relación especial que Deus tiña coa nación de Israel estaba a punto de terminar. En canto a segunda idea, Xesús recordoulles con cariño: “Só o Pai que está nos ceos ten a autoridade para escoller o tempo no que van pasar as cousas, e vós non necesitades saber cales son eses tempos” (Feit. 1:7). Xehová é quen controla o tempo. Antes de morrer, Xesús dixo que nin el mesmo sabía “o día e a hora” no que chegaría o fin, e que “só o Pai” o sabía (Mat. 24:36). Do mesmo xeito, se na actualidade un cristián está demasiado preocupado por cando chegará o fin deste sistema, estase preocupando por algo que non lle corresponde.

10. Que actitude dos apóstolos deberiamos imitar, e por que?

10 Aínda que os apóstolos de Xesús tiñan ideas equivocadas, non debemos menosprezalos pois eran homes de moita fe. Aceptaron a corrección con humildade. E, aínda que as súas expectativas eran equivocadas, a súa pregunta demostrou que tiñan unha boa actitude. Xesús díxolles repetidamente ós seus discípulos: “Estade sempre vixiantes” (Mat. 24:42; 25:13; 26:41). Eles estaban espiritualmente alerta buscando probas de que Xehová estaba a punto de actuar. Esta é a actitude que necesitamos cultivar tamén nós. De feito, nestes últimos días é máis importante ca nunca que esteamos vixiantes (2 Tim. 3:1-5).

11, 12. a) Que obra lles encargou Xesús ós seus discípulos? b) Por que foi apropiado que Xesús mencionase o espírito santo cando lles mandou ir a predicar?

11 Xesús recordoulles ós apóstolos cal debería ser a súa principal preocupación. Dixo: “Cando recibades o espírito santo, teredes poder e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda Xudea e Samaria, e ata a parte máis distante da terra” (Feit. 1:8). Os apóstolos empezarían falando da resurrección de Xesús en Xerusalén, a cidade na que fora executado. Dende alí a mensaxe difundiríase por toda Xudea e despois a Samaria e moito máis alá.

12 Por iso foi apropiado que Xesús lles encargase a obra de predicar só despois de prometerlles que enviaría espírito santo para axudarlles. Esta é unha das máis de 40 veces que aparece a expresión “espírito santo” no texto orixinal do libro de Feitos. Unha e outra vez este emocionante libro deixa claro que non podemos facer a vontade de Xehová sen a axuda do seu espírito. Que importante é pedirlle a Xehová con frecuencia que nos dea o seu espírito santo (Luc. 11:13). Necesitámolo agora máis ca nunca.

13. Ata onde ten que predicar o pobo de Deus na actualidade, e por que deberiamos participar nesta obra todo o que poidamos?

13 Para os apóstolos a expresión “ata a parte máis distante da terra” estaba limitada a parte do mundo que se coñecía naquel tempo. Pero na actualidade implica predicar en todo o planeta. Como vimos no capítulo anterior, as testemuñas de Xehová aceptamos con gusto o mandato de predicar porque sabemos que Deus quere que todo tipo de persoas escoiten as boas noticias do seu Reino (1 Tim. 2:3, 4). E ti? Participas todo o que podes nesta obra salvavidas? Este é o traballo máis gratificante que podes facer, e Xehová darache as forzas que necesitas para facelo. O libro de Feitos axudarache a adquirir os métodos e a actitude necesarios para predicar de forma eficaz.

14, 15. a) Que dixeron os anxos sobre a volta de Cristo, e que significaba iso? (Ver tamén a nota) b) En que sentido volveu Cristo “da mesma maneira” na que marchara?

14 Como mencionamos ó principio deste capítulo, Xesús ascendeu ó ceo e desapareceu da vista dos seus 11 apóstolos. Eles quedaron de pé mirando para o ceo ata que, ó final, apareceron dous anxos e dixéronlles: “Homes de Galilea, por que estades aí de pé mirando para o ceo? Este Xesús, que estaba con vós e que foi levado ó ceo, virá da mesma maneira que o vistes marchar” (Feit. 1:11). Quere dicir que Xesús regresaría no mesmo corpo como ensinan algunhas relixións? Non. Por que o sabemos?

15 Os anxos non dixeron que Xesús volvería co mesmo corpo senón “da mesma maneira”. b De que maneira marchou? Cando os anxos lles falaron, el xa desaparecera da súa vista. E só uns poucos homes, os apóstolos, puideron ver como deixaba a Terra e volvía onda seu Pai no ceo. Cristo regresaría da mesma maneira e así foi xusto como pasou. Hoxe en día só os que comprenden as Escrituras e recoñecen o tempo no que vivimos danse conta de que Xesús xa está gobernando como Rei do Reino de Deus (Luc. 17:20). Temos que recoñecer as probas da súa presenza e axudar ás persoas a entender que necesitan servir a Deus canto antes.

“Dinos a cal [...] escolliches” (Feitos 1:13-26)

16-18. a) Que aprendemos do que di Feitos 1:13, 14 sobre as reunións cristiás? b) Que podemos aprender do exemplo de María, a nai de Xesús? c) Por que son esenciais as reunións para nós?

16 Como era de esperar, os apóstolos “voltaron para Xerusalén cheos de alegría” (Luc. 24:52). Entón, como responderían á guía e instrución de Cristo? En Feitos 1:13, 14 lemos que se reunían nun “cuarto de arriba” e nós podemos aprender detalles moi interesantes sobre estas reunións. Naquela época, moitas das casas de Palestina tiñan un cuarto no piso superior ó que se accedía por unhas escaleiras exteriores. É posible que a casa que se menciona en Feitos 12:12, que pertencía a nai de Marcos, tivese un cuarto deste tipo. Sexa como sexa, o máis probable é que fose un lugar simple e práctico para reunirse. Pero, quen estaba alí e que fixeron?

17 É interesante que nesas reunións non estaban só os apóstolos. Tamén había outros homes e algunhas mulleres, incluída María a nai de Xesús. Esta é a última vez que se fala dela na Biblia. É moi adecuado recordar a María desta maneira: non buscando prominencia senón adorando a Deus humildemente xunto cos seus irmáns e irmás. Debeuna de animar moito que os seus catro fillos, que antes non crían en Xesús, estivesen alí con ela (Mat. 13:55; Xoán 7:5). Dende a morte e a resurrección do seu medio irmán, eles cambiaron de actitude (1 Cor. 15:7).

18 Para que se reuniron os discípulos aquel día? A Biblia di: “Todos tiñan un mesmo obxectivo e non deixaban de orar” (Feit. 1:14). As reunións sempre foron unha parte moi importante da adoración a Xehová. Reunímonos para animarnos uns ós outros, para recibir instrución e consello e, sobre todo, para adorar o noso Pai celestial Xehová. As nosas oracións e cancións fano moi feliz e son esenciais para nós. As nosas reunións son sagradas e fortalécennos moito. Por iso nunca deixemos de asistir a elas! (Heb. 10:24, 25).

19-21. a) Que aprendemos de que Xehová seguise usando a Pedro na congregación? b) Por que tiña que ser substituído Xudas, e que aprendemos da forma na que se fixo?

19 Estes discípulos de Cristo tiveron que resolver un asunto importante relacionado coa organización. E foi o apóstolo Pedro quen tomou a iniciativa para solucionalo (Feit. 1:15-26). Que animador é saber que Xehová utilizou a Pedro dese xeito incluso despois de negar a Xesús tres veces (Mar. 14:72). Todos temos tendencia a pecar e necesitamos recordar que Xehová é bo e está disposto a perdoar os que se arrepinten sinceramente (Sal. 86:5TNM).

20 Pedro deuse conta de que, como Xudas traizoara a Xesús, tiña que ser substituído. Pero, quen podería ocupar o seu lugar? O novo apóstolo debía ser alguén que xa seguise a Xesús durante o seu ministerio e fose testemuña da súa resurrección (Feit. 1:21, 22). Isto estaba en harmonía co que Xesús prometera: “Os que me seguistes, sentarédesvos en 12 tronos e xulgaredes as 12 tribos de Israel” (Mat. 19:28). Todo parece indicar que Xehová quería que houbese 12 apóstolos que seguisen a Xesús durante o seu ministerio na Terra para que fosen os “doce alicerces” ou cimentos da Nova Xerusalén (Apoc. 21:2, 14). Desta forma Deus axudou a Pedro a entender que a profecía que dicía “que outro colla o seu posto” se refería a Xudas (Sal. 109:8).

21 Como se fixo a selección? Botando sortes, unha práctica común en tempos bíblicos (Prov. 16:33). Con todo, esta é a última vez que a Biblia menciona este método. Todo parece indicar que os cristiáns deixaron de utilizalo cando recibiron espírito santo. Fíxate en por que utilizaron este método. Os apóstolos oraron: “Oh, Xehová, ti coñeces o corazón de todos. Dinos a cal destes dous homes escolliches” (Feit. 1:23, 24). Está claro que querían que fose Xehová quen tomase a decisión. Ó final escolleuse a Matías que probablemente foi un dos 70 discípulos que Xesús mandara a predicar. E dese xeito, Matías chegou a ser un dos “Doce” (Feit. 6:2). c

22, 23. Por que deberiamos ser obedientes ós que dirixen a congregación?

22 Este relato recórdanos a importancia de que o pobo de Deus estea organizado. Nos nosos días tamén se escolle a irmáns responsables para que sexan superintendentes na congregación. Os anciáns analizan con coidado os requisitos bíblicos que deben cumprir os superintendentes e oran para pedir a guía do espírito santo. É por iso que a congregación considera que estes irmáns foron nomeados por espírito santo. Se obedecemos a súa dirección, contribuiremos a que a congregación se manteña unida (Heb. 13:17).

Sexamos obedientes ós anciáns nomeados.

23 Ver a Xesús resucitado e os cambios que se fixeron na forma de organizar o traballo fortaleceu os discípulos. Agora estaban preparados para un acontecemento moi emocionante do que falaremos no seguinte capítulo.

a No seu Evanxeo, Lucas diríxese a este home como “ilustre Teófilo”, polo que algunhas persoas pensan que Teófilo debía ser unha persoa prominente que aínda non era discípulo de Cristo (Luc. 1:3). En cambio en Feitos diríxese a el como “querido Teófilo”. Algúns expertos opinan que Teófilo se fixo discípulo de Cristo despois de ler o Evanxeo e que por iso Lucas deixou de usar o título honorífico e escribiulle coma o irmán espiritual que era.

b Aquí a Biblia usa o termo grego tropos, que significa “maneira”, e non morfé, que significa “forma”.

c Paulo foi nomeado “apóstolo dos xentís”, pero nunca se lle considerou un dos Doce (Rom. 11:13, O Novo Testamento, Avelino Gómez Ledo [AGL]; 1 Cor. 15:4-8). El non cumpría os requisitos para ese privilexio tan especial porque non fora seguidor de Xesús durante o seu ministerio na Terra.