Ir ó contido

Ir ó índice

SECCIÓN 1

“Buscarei a ovella perdida”

“Buscarei a ovella perdida”

A ovella anda perdida. Sen saber como, mentres pastaba na herba, foise afastando das demais. Perdeu de vista o pastor e mailo rabaño. Vaise facer de noite e está perdida no monte. Anda por alí o lobo e está indefensa. Entón, sente unha voz coñecida. É o pastor, que vai correndo onda ela, cóllea no colo, envólvea na súa roupa, e lévaa de volta para a casa.

MOITAS veces Xehová descríbese a si mesmo como este tipo de pastor. Na súa Palabra asegúranos que buscará as súas ovellas e mirará por elas (Ezequiel 34:11, 12).

“Eu mesmo apacentarei o meu rabaño”

Quen son as ovellas de Xehová? Tódolos que o queren e o serven. A Biblia di: “Vide, adorémolo postrados, axeonllémonos ante o Señor, que nos creou. El é o noso Deus e nós sómo-lo seu pobo, o rabaño que guía a súa man” (Salmo 95:6, 7). Do mesmo xeito que as ovellas van seguindo o seu pastor, os que serven a Xehová tamén fan por seguilo a El. Con todo, perfectos non son, e por iso ás veces poden chegar a sentirse perdidos, como “rabaño dispersado” ou “ovellas extraviadas” (Ezequiel 34:12; Mateo 15:24; 1Pedro 2:25). E aínda cando un deles se aparta de todo, Xehová non o abandona como se non tivese remedio ningún.

E ti como te sentes? Aínda ves a Xehová como o teu Pastor? Vexamos tres xeitos nos que Xehová demostra que é o noso Pastor.

Alimenta a nosa fe. “Fareinas pastar en bos pasteiros”, di Xehová. “Acougarán alí en boas camposas e pastarán en pasteiros fértiles” (Ezequiel 34:14). Xehová nunca deixou de darnos todo canto precisabamos para alimentar a nosa fe, poñendo á nosa disposición unha gran variedade de medios para conseguilo. Lembras algún artigo, conferencia ou vídeo que fose a resposta ás túas oracións? Non te fixo sentir que Xehová coidaba de ti persoalmente?

Protéxenos e axúdanos. Xehová prométenos: “Buscarei a ovella perdida, farei volve-la extraviada, vendarei a que ten a pata partida, fortalecerei á feble” (Ezequiel 34:16). Xehová dálles forzas ós que se debilitaron ou se senten superados polos problemas e as preocupacións. Venda as feridas das súas ovellas e axúdalles a curar, mesmo se quen llelas causou foi algún compañeiro de crenza. E fai volver as que se distanciaron del e quizais estean loitando contra sentimentos negativos.

Mira por nós. “E vounas salvar, sacándoas de tódolos sitios por onde se espallaron”, di Xehová. “Buscarei a ovella perdida” (Ezequiel 34:12, 16). Para Deus, unha ovella perdida non é un caso perdido. Se unha das súas ovellas se perde, El decátase, vai buscala e alégrase moito cando a atopa (Mateo 18:12-14). Por iso di: “Eu mesmo apacentarei o meu rabaño” (Ezequiel 34:15). Ti es unha ovelliña dese rabaño. Por iso Xehová tamén se preocupa por ti.

Para Xehová, unha ovella perdida non é un caso perdido. Cando atopa unha desas ovellas, alégrase moito

“Renova os nosos días, coma noutros tempos”

Por que anda Xehová a buscarte para animarte a que volvas ó seu carón? Porque El quere que sexas feliz. Promételles ás súas ovellas que fará caer “chuvias de bendición” para elas (Ezequiel 34:26). Estas non che son palabras desas que leva o vento; seguro que xa o tes visto por ti mesmo.

Pensa, por exemplo, en cando coñeciches a Xehová. E logo non te emocionaches cando che ensinaron a verdade sobre o seu nome e o seu propósito para nós? Lembras o ben que te sentías entre os irmáns cando ías ós congresos? E cando lle falabas a alguén das boas novas e respondía ben, verdade que chegabas a casa moi feliz e satisfeito?

Podes volver a sentirte así. Algúns servos de Xehová de tempos antigos pregáronlle: “Fainos voltar a ti, Señor, e voltaremos; renova os nosos días, coma noutros tempos” (Lamentacións 5:21). Xehová contestou a súa oración, e o pobo volveu a El para servilo de novo con gran ledicia (Nehemías 8:17). Xehová pode facer o mesmo por ti.

Así e todo, quizais penses que volver a Xehová é un proceso difícil. Animámoste a que vexas como superar algúns dos retos que poderías atopar ó comezar o camiño de volta.