Ir ó contido

Ir ó índice

SECCIÓN 4

Os remordementos. “Límpame da miña culpa”

Os remordementos. “Límpame da miña culpa”

“O meu novo traballo permitiunos mellorar o noso nivel de vida, pero tamén me levou a participar en todo tipo de actividades cuestionables. Comecei a celebrar algunhas festas relixiosas, a intervir en eventos políticos, e mesmo a ir á igrexa. Deixei de estar activa como testemuña de Xehová durante corenta anos. Canto máis tempo pasaba, máis sentía que Xehová nunca me perdoaría. E tampouco podía perdoarme a min mesma; despois de todo, xa coñecía a verdade antes de meterme polo camiño equivocado” (Martha).

OS REMORDEMENTOS poden chegar a ser insoportables. O rei David escribiu: “As miñas culpas sóbenme á cabeza, coma carga que non podo aturar” (Salmo 38:5 [38:4NM]). Algúns cristiáns afúndense na tristura porque están convencidos de que Xehová nunca os poderá perdoar (2Corintios 2:7). Será certo iso? Aínda no caso de que cometeses pecados graves, de verdade estarás tan lonxe de Xehová que nunca te vai perdoar? Claro que non!

“Razoemos xuntos”

Xehová nunca lle vira as costas a quen se arrepinte dos seus pecados. Ó contrario, téndelles a man. Na parábola do fillo pródigo, Xesús comparou a Xehová cun pai bo e agarimoso. Un día, un dos seus fillos marchou da casa para vivir coma un perdido. Co tempo, recapacitou e decidiu volver a casa onda seu pai. “Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno garimosamente” (Lucas 15:11-20). Queres volver xunto a Xehová, pero sentes que aínda estás moi lonxe del? Lembra que Xehová é coma o pai do relato. Quérete tanto que está desexando que volvas onda El, e acollerate cos brazos abertos.

Agora ben, e se cres que os teus erros son tantos ou tan graves que Xehová non os poderá perdoar? Pensa na invitación que nos fai: “Agora vinde acá e razoemos xuntos”. E engade: “Aínda que os vosos pecados fosen coma o granate, coma a neve branquexarán” (Isaías 1:18). Así é, Xehová pode perdoar incluso os pecados que parezan tan difíciles de borrar coma a tinta vermella dunha roupa branca.

Xehová non quere que pases a vida tendo remordementos de conciencia. Entón, como podes recibir o seu perdón e sentir a paz que dá ter a conciencia limpa? Pensa en dúas cousas que fixo o rei David. Primeiro dixo para si: “Confesarei os erros ó Señor” (Salmo 32:5). Lembra que Xehová xa te invitou a orarlle para arranxar a situación. Non dubides en aceptar a súa invitación. Confésalle os teus pecados e cóntalle como te sentes. David, por experiencia propia, sentiu a confianza de orarlle a Xehová deste xeito: “Límpame da miña culpa. [...] O corazón contrito e humilde ti, Deus, non o desprezas” (Salmo 51:4, 19 [51:217NM]).

En segundo lugar, David recibiu a axuda de Natán, o profeta escollido por Xehová (2Samuel 12:13). Na actualidade, Xehová pon á nosa disposición os anciáns da congregación, que teñen a preparación e a experiencia necesarias para axudar ós que se arrepinten dos seus pecados a recuperar a súa amistade con Deus. Se vas onda eles, daranche consellos baseados na Biblia. Tamén orarán por ti para que cures as feridas do teu corazón e poidas ir superando os sentimentos negativos. A súa axuda contribuirá a que recuperes a túa boa relación con Xehová (Santiago 5:14-16).

Xehová desexa que sintas a paz que dá ter unha boa conciencia

“Feliz o que ten perdoada a súa culpa”

Está claro que confesar os teus pecados a Xehová e falar cos anciáns éche unha cousa ben difícil de facer. “Mentres calaba” os seus pecados, o rei David sentiuse do mesmo xeito (Salmo 32:3). Pero co tempo comprobou os beneficios de confesar os seus pecados e enderezar o seu camiño.

Un dos principais foi recuperar a felicidade. Escribiu: “Feliz o que ten perdoada a súa culpa” (Salmo 32:1). E tamén orou: “Abre, Señor, os meus labios, e a miña lingua pregoará a túa louvanza” (Salmo 51:17 [51:15NM]). Liberado dos seus sentimentos de culpa, e agradecido por recibir o perdón de Xehová, David sentiuse motivado a falarlles a outros acerca d’El.

Xehová desexa que ti tamén sintas a tranquilidade de ter unha boa conciencia, e que sexas feliz falando del e dos seus propósitos con outras persoas, abertamente e sen remordementos (Salmo 65:2-5 [65:1-4NM]). Lembra que El nos invita a borrar os nosos pecados “a fin de que veñan os tempos do conforto de parte do Señor” (Feitos 3:19, 20).

Isto é o que lle pasou a Martha. Ela conta: “Meu fillo seguiu enviándome as revistas La Atalaya ¡Despertad!. Pouquiño a pouco fun achegándome a Xehová. O que se me facía máis difícil era pedirlle perdón por tódolos meus pecados. Pero, por fin, fíxenlle unha oración suplicándolle que me perdoase. Parece mentira que pasasen corenta anos ata que decidín volver onda Xehová. O meu caso demostra que, por moitos anos que pasen, calquera pode ter a oportunidade de volver servir a Xehová e recuperar a amizade con El”.