Ir ó contido

Ir ó índice

SECCIÓN 5

Volvede “ó voso pegureiro e pastor”

Volvede “ó voso pegureiro e pastor”

Sentícheste identificado cunha ou máis das situacións analizadas neste folleto? Nese caso, non es o único. Moitos servos leais a Deus, tanto dos tempos bíblicos como da actualidade, pasaron por situacións semellantes. Do mesmo xeito que Xehová lles axudou a superalas, ti tamén podes recibir a Súa axuda.

Xehová sempre vai estar aí cando decidas volver ó Seu carón

NON dubides que Xehová sempre vai estar aí cando decidas volver ó Seu carón. Podes contar coa súa axuda para loitar contra as preocupacións, superar os sentimentos feridos, e atopar a paz interior que dá ter unha conciencia limpa. Entón, podes chegar a sentir de novo o desexo de servir a Xehová en compañía dos teus irmáns. A túa situación será parecida á dalgúns cristiáns do século primeiro, ós que Pedro escribiu: “Erades coma ovellas extraviadas, pero agora volvéstesvos ó voso pegureiro e pastor” (1Pedro 2:25).

Non hai mellor cousa que poidas facer que volver a carón de Xehová. Por que? Porque deste xeito alegrarás o seu corazón (Proverbios 27:11). Como sabes, Xehová ten sentimentos, e as nosas accións aféctanlle. Agora ben, El non nos obriga a querelo nin a servilo (Deuteronomio 30:19, 20). Un experto na Biblia explícao así: “Ninguén pode abrir a porta do teu corazón, só podes facelo ti”. Cando servimos a Xehová de todo corazón, estamos escollendo abrir esa porta. Deste xeito, facémolo moi feliz porque lle estamos a regalar algo que valora moito: toda a nosa devoción. Non hai nada comparable á felicidade que sentimos cando lle damos a Xehová a devoción que merece (Feitos 20:35; Apocalipse 4:11).

Ademais, cando retomes as actividades cristiás, as túas necesidades espirituais estarán satisfeitas (Mateo 4:4). De que xeito? Xehová creou os seres humanos coa necesidade de atoparlle o sentido á vida. Por iso a xente se fai tantas preguntas ó respecto. O certo é que a verdadeira satisfacción reside en servir a Xehová; non hai felicidade maior na vida que servilo motivados polo amor que lle temos (Salmo 63:2-6 [63:1-5NM]).

Xehová desexa que volvas onda El. Como o sabemos? Pensa nisto: este folleto foi preparado coidadosamente con moita oración. Probablemente chegou ás túas mans por medio dun ancián da congregación ou dalgún outro irmán. Entón, decidiches lelo e obrar en consecuencia. Todo isto demostra que Xehová non se esqueceu de ti. De feito, está a chamarte de volta con agarimo (Xoán 6:44).

Verdade que nos sentimos mellor cando sabemos que a Xehová non lle esquecen as súas ovelliñas perdidas? Isto é o que unha irmá chamada Donna comprendeu. Ela conta: “Pouco a pouco, afastárame da congregación; pero moitas veces víñanme á mente as palabras do Salmo 139:23, 24, que di: ‘Examíname a fondo, Deus; coñece o meu corazón; próbame, e coñece os meus sentimentos. Olla se é torto o meu camiño, guíame ti polo camiño eterno’. Eu sabía que este mundo non era sitio para min, de feito nunca dei encaixado nel; tamén sabía que o meu sitio estaba no pobo de Xehová. Entón decateime de que Xehová nunca me abandonara; só tiña que atopar o camiño de volta ata El. E que ben fixen en volver!”.

“Decateime de que Xehová nunca me abandonara; só tiña que atopar o camiño de volta ata El

Oramos de todo corazón para que ti tamén poidas sentir a felicidade que Xehová dá ós seus servos (Nehemías 8:10). Se volves a Xehová, nunca te arrepentirás.