Ir ó contido

Ir ó índice

1924 | Hai cen anos

1924 | Hai cen anos

O número de xaneiro de 1924 do Bulletin dicía: “O inicio do ano é un bo momento para que cada cristián bautizado [...] busque maneiras de facer máis no seu servizo a Xehová”. a Durante ese ano, os Estudantes da Biblia aplicaron este consello sendo valentes e predicando de diferentes formas.

PREDICARON POR RADIO

Os irmáns en Betel traballaron durante máis dun ano para construír a estación de radio WBBR en Staten Island, na cidade de Nova York. Despois de limpar o terreo, fixeron unha casa grande para os traballadores e tamén outro edificio para o equipo de radio. Cando acabaron as obras, empezaron a reunir o equipo necesario para poder emitir. Pero para conseguilo tiveron que solucionar varios problemas.

Os irmáns déronse conta de que ía ser moi difícil instalar a antena principal. Esta antena de 91 metros de lonxitude estaba colgada horizontalmente de dous postes de madeira de 61 metros de alto. Non conseguiron facelo ó primeiro intento pero, grazas a que confiaban na axuda de Xehová, finalmente lográrono. Calvin Prosser, quen traballou no proxecto, dixo: “Se todo saíse ben á primeira poderiamos darnos o mérito a nós mesmos”. En vez de facer iso, os irmáns déronlle a honra a Xehová por axudarlles. Pero aínda terían máis problemas.

Levantando un dos postes da antena da WBBR

A emisión por radio estaba nos seus inicios así que non era fácil comprar o equipo necesario. Pero os irmáns encontraron na zona un equipo caseiro de segunda man. Ademais, en vez de comprar un micrófono, utilizaron o dun simple teléfono. Unha noite de febreiro decidiron probar todo aquel equipamento provisional. Como necesitaban emitir un programa, cantaron cancións do Reino. Un deles, Ernest Lowe, describiu algo gracioso que pasou ese día. El contou que mentres os irmáns estaban cantando recibiron unha chamada do xuíz Rutherford, quen os estaba escoitando na súa radio en Brooklyn, a uns 25 quilómetros de distancia. b

O irmán Rutherford díxolles de broma: “Parade xa con ese ruído. [...] Soades como un montón de gatos!”. Un pouco avergonzados, os irmáns apagaron rapidamente o transmisor. Pero estaban seguros de que a radio funcionaba e de que xa estaban preparados para a primeira emisión.

O 24 de febreiro de 1924, durante a primeira emisión oficial, o irmán Rutherford dixo que a estación de radio se usaría para facer o labor que Cristo, o Rei, lles encargara. Indicou que o propósito da estación era “axudar a tódalas persoas a entender a Biblia e os tempos tan importantes nos que estamos vivindo”.

Esquerda: O irmán Rutherford no primeiro estudio

Dereita: O equipo que se usaba no estudio de radio

Ese primeiro programa foi todo un éxito. Esta estación utilizouse durante 33 anos para emitir programas de radio das Testemuñas de Xehová.

UNHA CONDENA VALENTE CONTRA O CLERO

En xullo de 1924, os Estudantes da Biblia tiveron un congreso en Columbus, Ohio. Viñeron delegados de todo o mundo e escoitaron discursos en árabe, inglés, francés, alemán, grego, húngaro, italiano, lituano, polaco, ruso, ucraíno e nas linguas escandinavas. Emitíronse partes do programa por radio e fixéronse plans para que o periódico Ohio State Journal escribise artigos sobre o programa do congreso cada día.

O Congreso de 1924 en Columbus, Ohio

O xoves 24 de xullo, máis de 5000 irmáns saíron predicar na cidade onde se celebrou o congreso. Distribuíron case 30.000 libros e empezaron miles de cursos da Biblia. A Atalaia chamoulle a ese día “a parte máis feliz do congreso”.

Outro momento destacado chegou o venres 25 xullo, cando o irmán Rutherford leu con moito valor un documento que condenaba o clero. Dixo que os líderes políticos, relixiosos e comerciais estaban impedindo que as persoas aprendesen a verdade do Reino de Deus, o medio que El usaría para bendicir a humanidade. Tamén mencionou que estes homes estaban equivocados porque apoiaban a Sociedade de Nacións e proclamaban que era a maneira que tiña Deus de gobernar a Terra. Os Estudantes da Biblia necesitarían moito valor para levarlles esta mensaxe ás persoas.

Resumindo o efecto que tivo este congreso, A Atalaia dixo: “Este pequeno exército do Señor que se reuniu no Congreso de Columbus saíu coa fe fortalecida, [...] invencible ante calquera poder ou ataque que o inimigo poida lanzar contra eles”. Leo Claus, quen foi un dos asistentes, recorda: “Saímos de alí con moitas ganas de compartir esta mensaxe no noso territorio”.

Unha copia da publicación coa mensaxe que condenaba o clero

En outubro, os Estudantes da Biblia empezaron a distribuír millóns de exemplares dunha publicación que contiña o discurso do irmán Rutherford contra o clero. Na pequena vila de Cleveland, Oklahoma, Frank Johnson estaba repartindo esta publicación na zona que tiña asignada. Cando terminou, aínda quedaban 20 minutos para que outros irmáns viñesen buscalo. Non era seguro que esperase en calquera sitio, porque había homes da vila que se enfadaran ó velo predicar e por iso o estaban buscando. Así que, o irmán Johnson decidiu esconderse nunha igrexa que estaba cerca. Ó ver que non había ninguén alí, deixou exemplares na Biblia do pastor e tamén en cada asento. Deuse moita présa e saíu enseguida de alí. Como aínda lle quedaba algo de tempo, entrou en dúas igrexas máis e fixo o mesmo.

Frank volveu rapidamente ó lugar onde o ían recoller. Sen perder de vista os homes que o estaban perseguindo, escondeuse detrás dunha gasolineira. Por iso non o viron cando eles pasaron co coche. Xusto despois, chegaron os outros irmáns que estiveran predicando cerca e recolleron a Frank.

Un deles recorda: “Cando saímos da vila pasamos por diante das tres igrexas. Diante de cada unha delas había unhas 50 persoas. Algunhas estaban lendo a publicación e outras tíñana na man para que o pastor a vise. Marchamos xusto a tempo! Démoslle grazas a Xehová pola súa protección e guía para evitar estes inimigos do Reino”.

OS ESTUDANTES DA BIBLIA PREDICARON CON VALOR NOUTROS PAÍSES

Józef Krett

Noutros países, os Estudantes da Biblia tamén predicaron con valor. No norte de Francia, Józef Krett deulles testemuño a inmigrantes polacos que ían traballar á mina. Tiña programado un discurso co título “Pronto resucitarán os mortos”. Cando os irmáns lles deron invitacións ós que vivían na vila, un sacerdote da zona díxolles ós membros da súa parroquia que non asistisen. Pero a súa advertencia tivo xusto o efecto contrario. Máis de 5000 persoas asistiron á conferencia, incluído o sacerdote! O irmán Krett invitouno a defender as súas crenzas, pero el negouse. Despois do discurso, o irmán Krett deulle á xente tódalas publicacións que tiña, porque desexaban saber máis sobre a Palabra de Deus (Amós 8:11).

Claude Brown

En África, Claude Brown levou as boas noticias á Costa de Ouro, o que agora é Ghana. As súas conferencias e as publicacións que distribuía axudaron a espallar rapidamente a verdade nese país. John Blankson, quen estaba estudando para ser farmacéutico, asistiu a un discurso do irmán Brown. Rapidamente se deu conta de que encontrara a verdade. El recorda: “O que aprendín animoume moitísimo, e conteillo a moita xente na escola de farmacia”.

John Blankson

John aprendera que a Biblia non ensina que Deus é unha trindade. Así que un día visitou unha igrexa anglicana para preguntarlle ó sacerdote sobre este asunto. O sacerdote enfadouse moito e berroulle: “Ti non es cristián, ti pertences ó Demo! Sae de aquí!”.

Cando chegou á casa, John escribiulle unha carta ó sacerdote invitándoo a defender a Trindade nunha reunión pública. O sacerdote contestoulle a John que fose ó despacho do mestre principal da escola. Alí, o mestre preguntoulle se realmente lle escribira ó sacerdote.

“Si señor”, contestoulle John.

O profesor díxolle a John que lle escribise ó sacerdote pedíndolle perdón. Así que John escribiu:

“Señor, o meu mestre pediume que me desculpase. Estou disposto a facelo se vostede admite que ensina doutrinas falsas”.

Sen poder crelo, o mestre preguntoulle: “Blankson, isto é o que lle queres dicir?”.

“Si señor, isto é todo o que podo escribir sendo honesto”.

“Non poderás seguir estudando aquí se falas así do sacerdote da relixión que ten o apoio do goberno”.

“Señor, [...] e logo cando vostede dá clase e hai cousas que non entendemos, non podemos preguntarlle?”.

“Claro que podedes”.

“Pois iso foi o que sucedeu. Este home estaba ensinándonos sobre a Biblia e eu fíxenlle unha pregunta. Se non foi capaz de contestala, non vexo por que debo pedirlle perdón”.

Blankson non foi expulsado, nin tampouco enviou ningunha carta pedindo perdón.

MIRANDO Ó FUTURO

Resumindo a actividade do ano, A Atalaia dixo: “Igual que David, podemos dicir: ‘Ti cínguesme de forza para a loita’ (Salmo 18:40 [18:39, TNM]). Foi un ano moi animador, porque puidemos ver como Xehová nos axudou. Os seus servos fieis desfrutamos moito predicando as boas noticias”.

Máis tarde ese ano, os irmáns fixeron plans para ter outra estación de radio, neste caso en Chicago. Esta nova estación chamouse WORD, que en galego significa “palabra”, referíndose á Palabra de Deus. Usando un transmisor de 5000 vatios púidose emitir por radio a mensaxe do Reino ata lugares que estaban moito máis lonxe, chegando incluso ó Canadá.

No ano 1925, Xehová axudaríalles ós irmáns a entender información moi emocionante sobre o capítulo 12 de Apocalipse. Isto faría tropezar a algúns, pero moitos outros alegraríanse de entender mellor o que ocorrera no ceo e como iso afectaba ó pobo de Deus na Terra.

a O que agora é Caderno de Estudo Vida e Actividades Cristiás.

b J. F. Rutherford, quen dirixía os Estudantes da Biblia naquela época, era coñecido como xuíz Rutherford. Antes de servir en Betel, fora xuíz especial do tribunal do Oitavo Circuíto Xudicial de Missouri en varias ocasións.