ARTIGO DE ESTUDO 42
CANCIÓN sjj 103 Os anciáns son un regalo de Deus
Demostra aprecio polos irmáns nomeados
“Cando el subiu ó alto [...] deu homes como regalos” (EF. 4:8, TNM).
OBXECTIVO
Aprender que fan por nós os servos ministeriais, anciáns e superintendentes de circuíto, e como podemos mostrar que agradecemos o seu labor.
1. Cales son algúns dos regalos que nos deu Xesús?
NINGÚN humano foi tan xeneroso coma Xesús. Cando estivo na Terra, axudou moitas veces a outros facendo milagres (Luc. 9:12-17). Ademais, deu o maior regalo posible morrendo por nós (Xoán 15:13). E dende que resucitou, segue sendo xeneroso. Por un lado, tal e como prometeu, pediulle a Xehová que nos dese espírito santo para ensinarnos e animarnos (Xoán 14:16, 17; 16:13). Por outro lado, mediante as reunións de congregación, segue capacitándonos para facer discípulos por toda a Terra (Mat. 28:18-20).
2. Quen son os “homes como regalos” dos que fala Efesios 4:7, 8 (TNM)?
2 Fíxate noutro regalo que nos fixo Xesús. O apóstolo Paulo escribiu que, despois de subir ó ceo, Xesús “deu homes como regalos” (le Efesios 4:7, 8, TNM). Paulo explicou que Xesús deu estes irmáns para apoiar as congregacións de diferentes maneiras (Ef. 1:22, 23; 4:11-13). Hoxe en día, estes “homes como regalos” son, por exemplo, os servos ministeriais, os anciáns das congregacións e os superintendentes de circuíto. a Por suposto, son imperfectos, así que cometen erros (Sant. 3:2). Pero o noso Señor Xesucristo úsaos para axudarnos, así que son como regalos para nós.
3. Pon un exemplo de como todos podemos apoiar o labor dos “homes como regalos”.
3 Xesús asignoulles a estes “homes como regalos” o importante labor de fortalecer a congregación (Ef. 4:12). Pero todos nós podemos axudarlles a cumprir con esta responsabilidade. Podemos comparalo con construír un Salón do Reino. Algúns participan directamente no traballo de construción e outros apoian dando comida, transporte ou outros servizos. De maneira parecida, todos podemos apoiar os servos ministeriais, anciáns de congregación e superintendentes de circuíto co que facemos e co que dicimos. Vexamos como nos beneficia o seu duro traballo e como podemos demostrarlles o noso aprecio tanto a eles coma a Xesús, quen nos deu estes “homes como regalos”.
OS SERVOS MINISTERIAIS AXUDAN
4. De que maneiras axudaban os servos ministeriais a outros no primeiro século?
4 No primeiro século, algúns cristiáns foron nomeados servos ministeriais (1 Tim. 3:8). Parece que estes eran os que daban a asistencia, ou axuda, que Paulo mencionou en 1 Corintios 12:28. Polo visto, os servos ministeriais encargábanse de moitas tarefas prácticas e importantes para que os anciáns puidesen centrarse en ensinar e pastorear. Por exemplo, quizais axudasen a facer copias das Escrituras ou comprasen as cousas necesarias para facelas.
5. Que labores importantes realizan os servos ministeriais na actualidade?
5 Pensa nalgunha das importantes tarefas que realizan os servos ministeriais na túa congregación (1 Ped. 4:10). Quizais se ocupen da contabilidade, dos territorios, de facer os pedidos de publicacións para a congregación, de manexar o equipo de audio e vídeo, de ser acomodadores ou de axudar no mantemento do Salón do Reino. Todas estas tarefas son necesarias para que a congregación funcione correctamente (1 Cor. 14:40). Ademais, hai servos ministeriais que presentan intervencións na Reunión Vida e Actividades e dan discursos públicos. Algúns tamén poderían ser nomeados auxiliares de superintendente de grupo. E, nalgunhas ocasións, un ancián quizais lle pida a un servo ministerial que o acompañe a unha visita de pastoreo.
6. Cales son algunhas razóns polas que valoramos os nosos servos ministeriais?
6 Que dixeron algúns sobre como se beneficia a congregación do labor que fan os servos ministeriais? Beberly, unha irmá de Bolivia, conta: “Grazas ó traballo que realizan desfruto moito das reunións. [...] Podo cantar, comentar, escoitar discursos e sacar leccións dos vídeos e das imaxes. Eles ocúpanse de que tódolos que asistimos presencialmente esteamos seguros e axudan ós que non poden asistir en persoa a ver o programa por videoconferencia. Despois da reunión colaboran coa limpeza e coa contabilidade. Tamén se aseguran de que teñamos as publicacións que necesitamos. Estou moi agradecida polo que fan!”. b Leslie, que vive en Colombia e está casada cun irmán que serve como ancián, di: “O meu marido necesita a axuda que lle dan os servos ministeriais. Sen eles, estaría aínda máis ocupado. Así que lles estou moi agradecida polo entusiasmo e a boa actitude que demostran”. Todos valoramos moito o que fan estes irmáns! (1 Tim. 3:13).
7. Como podemos demostrar que apreciamos os servos ministeriais? (Ver tamén a imaxe).
7 Aínda que quizais nos sintamos agradecidos polo que fan os servos ministeriais, a Biblia tamén nos anima a demostrarlles agradecemento (Col. 3:15). Cristof, un ancián de Finlandia, demostra a súa gratitude desta maneira: “Mándolles unha tarxetiña ou unha mensaxe na que cito dun texto da Biblia e menciono por que aprecio o seu servizo ou algunha maneira específica na que ese irmán me animou”. Pascal e Jael, que viven en Nova Caledonia, oran especificamente polos servos ministeriais. Pascal explica: “Ultimamente oramos moito polos servos ministeriais dándolle as grazas a Xehová por eles e pedíndolle que os apoie e os axude”. Xehová escoita estas oracións e, como resultado, toda a congregación se beneficia (2 Cor. 1:11).
OS ANCIÁNS DE CONGREGACIÓN TRABALLAN MOITO
8. Por que dixo Paulo que os anciáns do primeiro século traballaban duro? (1 Tesalonicenses 5:12, 13).
8 Os anciáns do primeiro século traballaban duro (le 1 Tesalonicenses 5:12, 13; 1 Tim. 5:17). Eles presidían a congregación dirixindo reunións e tomando decisións como corpo de anciáns. Tamén lles daban ós irmáns consellos específicos, pero cariñosos, para protexer a congregación (1 Tes. 2:11, 12; 2 Tim. 4:2). Por suposto, estes homes traballaban moito para manter a súa familia e seguir fortes espiritualmente (1 Tim. 3:2, 4; Tito 1:6-9).
9. Cales son algunhas das responsabilidades que atenden os anciáns hoxe en día?
9 Na actualidade, os anciáns tamén son homes ocupados. Por exemplo, son evanxelizadores (2 Tim. 4:5). Poñen un bo exemplo predicando con entusiasmo, organizando a predicación na zona que ten asignada a congregación, e capacitándonos para predicar e ensinar ben. Tamén exercen como xuíces bondadosos e imparciais. Cando alguén da congregación comete un pecado grave, os anciáns esfórzanse por axudarlle a recuperar a súa relación con Xehová e, ó mesmo tempo, coidan de que a congregación se manteña limpa (1 Cor. 5:12, 13; Gál. 6:1). E a súa tarefa máis importante é ser pastores (1 Ped. 5:1-3). Eles presentan discursos bíblicos ben preparados, esfórzanse moito por coñecer a tódolos que forman parte da congregación e fan visitas de pastoreo. Ademais de outras responsabilidades, algúns anciáns tamén colaboran coa construción e o mantemento de Salóns do Reino, coa organización de congresos, co Comité de Enlace cos Hospitais ou co Grupo de Visita a Pacientes. Está claro que os anciáns traballan moi duro por nós!
10. Cales son algunhas razóns polas que valoramos os nosos anciáns?
10 Xehová predixo que habería pastores que coidarían ben das súas ovelliñas para que “xa non volvan ter medo, nin se espanten” (Xer. 23:4). Johanna, unha irmá de Finlandia, viu o certas que son estas palabras cando súa nai pasou por unha enfermidade grave. Ela conta: “Aínda que me custa falar dos meus sentimentos cos demais, un ancián que non coñecía moi ben escoitoume con paciencia, orou comigo e aseguroume que Xehová me quere moito. Non me lembro exactamente do que me dixo, pero si que recordo que me sentín segura. Estou convencida de que Xehová o usou para axudarme no momento que máis o necesitaba”. E a ti? Como te apoiaron os anciáns da túa congregación?
11. Como podemos demostrar que apreciamos os anciáns? (Ver tamén a imaxe).
11 Xehová quere que lles demostremos ós anciáns o noso aprecio sincero “polos seus traballos” (1 Tes. 5:12, 13). Henrietta, quen tamén vive en Finlandia, di: “Os anciáns sempre están dispostos a axudar. Pero iso non significa que teñan máis tempo e enerxías que os demais, nin tampouco que non teñan os seus propios problemas. Ás veces dígolles: ‘Sabes unha cousa? Es un bo ancián. Só quería que o soubeses’”. Sera, unha irmá de Turquía, explica: “Os anciáns necesitan que os animemos para seguir co seu labor. Así que podemos escribirlles unha notiña, invitalos a comer ou acompañalos a predicar”. Hai algún ancián ó que lle esteas especialmente agradecido polo gran traballo que fai na congregación? Pois busca maneiras de demostrarllo (1 Cor. 16:18).
OS SUPERINTENDENTES DE CIRCUÍTO FORTALÉCENNOS
12. Que outro grupo de homes nomeou Xesús para fortalecer as congregacións? (1 Tesalonicenses 2:7, 8).
12 Xesús tamén nomeou irmáns que axudan á congregación doutra maneira. El usou os anciáns de Xerusalén para enviar a Paulo, a Bernabé e a outros como superintendentes viaxantes (Feit. 11:22). Por que? Pola mesma razón pola que se nomeou servos ministeriais e anciáns: fortalecer as congregacións (Feit. 15:40, 41). Estes homes fixeron moitos sacrificios e incluso arriscaron a súa vida para ensinar e animar a outros (le 1 Tesalonicenses 2:7, 8).
13. Cales son algunhas das responsabilidades que teñen os superintendentes de circuíto?
13 Os superintendentes de circuíto están viaxando continuamente. Algúns desprázanse centos de quilómetros para visitar as diferentes congregacións. Cada semana dan varios discursos, asisten a visitas de pastoreo e dirixen diferentes reunións, como as da predicación, a de pioneiros e a dos anciáns. Tamén preparan discursos e organizan congresos. Ademais, son instrutores do Curso para Pioneiros, fan os preparativos para a reunión especial cos pioneiros do circuíto e atenden outros asuntos importantes, ás veces urxentes, que lles manda a sucursal.
14. Cales son algunhas razóns polas que valoramos os nosos superintendentes de circuíto?
14 Como se benefician as congregacións do valioso labor que realizan os superintendentes de circuíto? Falando deles, un irmán de Turquía di: “Cada unha das súas visitas motívame a pasar máis tempo axudando ós irmáns. Coñecín moitos superintendentes de circuíto, pero ningún deles me pareceu inaccesible nin me fixo sentir que estaba demasiado ocupado para falar comigo”. Johanna, da que xa falamos antes, saíu predicar cun superintendente de circuíto pero non encontraron a ninguén na casa. Ela conta: “A pesar diso, sempre recordarei aquel día. As miñas dúas irmás acababan de mudarse a outro sito e eu botábaas moito de menos. O superintendente animoume con cariño e axudoume a ver que, aínda que agora quizais non poidamos vivir cerca da nosa familia e amigos, no novo mundo teremos infinitas oportunidades de pasar tempo con eles”. Moitos de nós tamén temos bonitos recordos de como os superintendentes de circuíto nos axudaron (Feit. 20:37–21:1).
15. a) Segundo 3 Xoán 5-8, como podemos demostrar que apreciamos os superintendentes de circuíto? (Ver tamén a imaxe). b) Por que deberiamos demostrarlles consideración ás mulleres dos irmáns nomeados, e como podemos facelo? (Ver o recadro “ Acórdate da súa muller”).
15 O apóstolo Xoán animou a Gaio a ser hospitalario cos irmáns que os visitaban para fortalecer a congregación e a “seguir fornecéndoos para a viaxe, como Deus manda” (le 3 Xoán 5-8). Unha maneira na que podemos facer isto é invitando o superintendente de circuíto a comer. Outra é apoiando os preparativos para a predicación durante a súa visita. Leslie, da que xa falamos antes, tamén demostra o seu agradecemento doutras maneiras. Ela di: “Órolle a Xehová para que coide das necesidades destes irmáns. Meu home mais eu tamén lles escribimos cartiñas dicíndolles o moito que nos axudaron as súas visitas”. Recordemos sempre que os superintendentes de circuíto non son superhomes. Ás veces enferman, senten ansiedade e incluso se desaniman. Quizais as túas palabras de ánimo ou un pequeniño regalo poden ser a resposta ás súas oracións (Prov. 12:25).
NECESITAMOS “HOMES COMO REGALOS”
16. Segundo Proverbios 3:27, que se podería preguntar un irmán?
16 Arredor do mundo, necesítanse máis irmáns que sexan “homes como regalos”. Se es un irmán bautizado, “está no teu poder” axudar desta maneira? (le Proverbios 3:27) Estás disposto a esforzarte por cumprir os requisitos para ser servo ministerial? E, se xa o es, poderías seguir esforzándote por chegar a ser ancián? c Seríache posible adaptar as túas circunstancias para solicitar asistir ó Curso para Evanxelizadores do Reino? Este curso capacitarate para que Xesús te poida usar aínda máis. Se non te sentes preparado para alcanzar estas metas, óralle a Xehová e pídelle que che dea o seu espírito santo para poder cumprir ben con calquera responsabilidade que che dea (Luc. 11:13; Feit. 20:28).
17. Que demostran sobre o noso Rei, Cristo Xesús, os homes que el nomeou e nos deu como regalos?
17 Os irmáns que Xesús nomeou e que son coma regalos demostran que el nos está guiando nestes últimos días (Mat. 28:20). Verdade que te sentes agradecido por ter un Rei tan cariñoso, xeneroso, atento e que nos dá irmáns para axudarnos? Entón busca oportunidades para demostrar o teu aprecio por estes homes tan traballadores. E nunca te esquezas de darlle as grazas a Xehová, quen é a Fonte de “todo bo regalo e toda dádiva perfecta” (Sant. 1:17).
CANCIÓN sjj 99 Tribos e pobos e linguas
a Os anciáns que serven como membros do Consello Reitor, axudantes do Consello Reitor, membros de Comité de Sucursal e noutras asignacións tamén son “homes como regalos”.
b Cambiáronse algúns nomes.
c Para máis información sobre como reunir os requisitos para ser servo ministerial ou ancián, mira os artigos “Estaste esforzando por ser servo ministerial?” e “Estaste esforzando por servir como ancián?” da revista A Atalaia de novembro de 2024.