ARTIGO DE ESTUDO 41
CANCIÓN sjj 13 Cristo é o noso exemplo
Que aprendemos dos últimos 40 días que Xesús estivo na Terra?
“Eles vírono durante 40 días e el faloulles do Reino de Deus” (FEIT. 1:3).
OBXECTIVO
Saber como imitar o exemplo que nos deixou Xesús nos seus últimos 40 días na Terra.
1, 2. Que pasou cando dous discípulos de Xesús ían de camiño a Emaús?
OS DISCÍPULOS de Xesús están moi tristes e cheos de medo. É o 16 de nisán do ano 33 n. e. Dous deles saen de Xerusalén e diríxense a Emaús, unha aldea que está a uns 11 quilómetros. Están moi desanimados porque Xesús, o home que estiveran seguindo, acaba de ser executado. Eles esperaban que o Mesías fixese cousas marabillosas polos xudeus, pero agora está morto. De repente, pasa algo inesperado.
2 Un home acércaselles e ponse a camiñar con eles. Os discípulos cóntanlle as cousas terribles que lle pasaron a Xesús e entón teñen unha conversa que nunca esquecerán. Este home, “empezando por Moisés e tódolos Profetas”, explícalles por que o Mesías tería que sufrir e morrer. Cando os tres chegan a Emaús, o home descoñecido dilles quen é: Xesús resucitado. Imaxina o contentos que se deberon sentir ó saber que o Mesías estaba vivo! (Luc. 24:13-35).
3, 4. a) Como lles axudou Xesús ós seus discípulos, e con que resultado? (Feitos 1:3). b) Que imos analizar neste artigo?
3 Durante os 40 días que Xesús estivo na Terra antes de volver ó ceo, aparecéuselles ós seus discípulos moitas veces (le Feitos 1:3). a Xesús aproveitou esas ocasións para animalos porque estaban moi tristes e tiñan medo. Grazas a isto recuperaron a alegría e tiveron o valor necesario para ir predicar as boas noticias do Reino.
4 Estudar o que Xesús fixo nese período da súa vida pode beneficiarnos moito. Neste artigo analizaremos como usou ese tempo para 1) animar os seus discípulos, 2) axudarlles a entender mellor as Escrituras e 3) capacitalos para asumir responsabilidades máis grandes. En cada caso veremos como podemos imitar o seu exemplo.
ANIMEMOS A OUTROS
5. Por que necesitaban ánimo os discípulos de Xesús?
5 Os discípulos de Xesús necesitaban ánimo. Por que? Algúns deixaran as súas casas, familias e negocios para acompañalo (Mat. 19:27). A outros tratáranos moi mal por facerse discípulos seus (Xoán 9:22). Todos eles estiveran dispostos a facer sacrificios na súa vida porque crían que Xesús era o Mesías prometido (Mat. 16:16). Así que cando o executaron desanimáronse moito porque pensaron que a súa esperanza non se cumpriría.
6. Que fixo Xesús despois de resucitar?
6 Xesús entendía que era normal que os seus discípulos estivesen tristes pola súa morte. E tamén sabía que iso non significaba que tivesen pouca fe. Así que o mesmo día que resucitou xa empezou a animar os seus amigos. Por exemplo, aparecéuselle a María Madalena mentres estaba chorando diante da súa tumba (Xoán 20:11, 16). Tamén se lles apareceu ós dous discípulos dos que falamos ó principio deste artigo e ó apóstolo Pedro (Luc. 24:34). Que podemos aprender do exemplo de Xesús? Vexamos o que pasou na súa primeira aparición.
7. Segundo Xoán 20:11-16, que estaba facendo María cando Xesús a viu, e que fixo por ela? (Ver tamén a imaxe).
7 Le Xoán 20:11-16. O 16 de nisán, cedo pola mañá, varias mulleres leais foron ó sitio onde enterraran a Xesús (Luc. 24:1, 10). Vexamos o que lle pasou a unha delas, María Madalena. Cando chegou á sepultura viu que o corpo de Xesús non estaba alí. Así que correu a contárllelo a Pedro e a Xoán. Estes dous homes foron rapidamente á tumba e María seguiunos. Despois de confirmar que a sepultura estaba baleira, eles volveron á súa casa, pero María quedou alí chorando. Para nada se imaxinaba que Xesús a estaba vendo. El fixouse nas lágrimas desta muller fiel e quixo consolala. Por iso se lle apareceu e fixo algo sinxelo que a animou moito. Falou con ela e encargoulle unha tarefa importante: que fose onda os seus irmáns a contarlles que Xesús resucitara (Xoán 20:17, 18).
8. Como podemos imitar a Xesús?
8 Como podemos imitar a Xesús? Se igual ca Xesús estamos atentos ós problemas dos nosos irmáns e lles falamos con empatía, podemos animalos a seguir servindo a Xehová. Vexamos o exemplo de Jocelyn, quen perdeu a súa irmá nun tráxico accidente. Ela conta: “Durante moitos meses sentinme profundamente triste”. Pero, como sabían polo que estaba pasando, un irmán e a súa muller invitárona á casa, escoitárona con atención mentres ela lles contaba como se sentía e aseguráronlle que Xehová a valoraba moito. Jocelyn explica: “Sentín que Xehová os usou para rescatarme cando estaba no medio dunha enorme tormenta. Axudáronme a recuperar as ganas de seguir servindo a Xehová”. Nós tamén podemos animar a outros escoitándoos con atención cando nos expresen os seus sentimentos e falándolles con empatía. Desta maneira consolarémolos e axudarémoslles a seguir servindo a Xehová (Rom. 12:15).
AXUDÉMOSLLES A OUTROS A ENTENDER A PALABRA DE DEUS
9. A que desafío se enfrontaron os discípulos de Xesús, e como lles axudou el?
9 Os discípulos de Xesús crían na Palabra de Deus e esforzábanse por aplicala na súa vida (Xoán 17:6). Aínda así, que Xesús morrese coma un criminal no madeiro de tortura confundiunos moito. El deuse conta de que as súas dúbidas non eran porque tivesen un mal corazón, senón porque necesitaban entender mellor as Escrituras (Luc. 9:44, 45; Xoán 20:9). Así que lles axudou a comprender o significado do que lían nelas. Vexamos como o fixo cando se lles apareceu ós dous discípulos que ían de camiño a Emaús.
10. Como lles axudou Xesús ós seus discípulos a entender que de verdade era o Mesías? (Lucas 24:18-27).
10 Le Lucas 24:18-27. Fíxate en que Xesús non lles dixo inmediatamente ós homes quen era. En vez diso, fíxolles preguntas. Por que faría iso? Quizais quería que expresasen o que tiñan na mente e no corazón, e eles fixérono. Contáronlle que esperaban que Xesús liberase Israel dos romanos. Unha vez que eles lle expresaron as súas preocupacións, Xesús utilizou as Escrituras para axudarlles a entender as moitas profecías que se cumpriran. b Unhas horas máis tarde, aparecéuselles a outros discípulos e tamén lles explicou estas verdades (Luc. 24:33-48). Que podemos aprender deste relato?
11, 12. a) Que aprendemos da maneira na que Xesús ensinou as verdades da Biblia? (Ver tamén as imaxes). b) Como lle axudou a Nortey o seu mestre da Biblia?
11 Como podemos imitar a Xesús? Primeiro, cando deamos un curso da Biblia, fagamos preguntas con tacto para saber o que ten a persoa na mente e no corazón (Prov. 20:5). Unha vez que entendamos como se sente, mostrémoslle como encontrar textos da Biblia que lle poidan ser útiles no seu caso. Resistamos a tentación de dicirlle o que ten que facer. Máis ben, fagámoslle preguntas sobre eses versículos da Biblia para que poida entender como aplicalos na súa vida. Vexamos o exemplo dun irmán de Ghana que se chama Nortey.
12 Cando Nortey tiña 16 anos comezou a estudar a Biblia. Pero, ó pouco, os seus familiares empezaron a opoñerse. Que lle axudou a seguir adiante? O irmán que estudaba a Biblia con el usara Mateo capítulo 10 para explicarlle que os cristiáns verdadeiros serían perseguidos. Nortey di: “Cando empezou a persecución, quedoume claro que encontrara a verdade”. O seu mestre tamén lle axudou a razoar no que di Mateo 10:16 para ser prudente e respectuoso cando se falase de relixión na casa. Despois de bautizarse, Nortey quería ser pioneiro pero seu pai esperaba que fose á universidade. En vez de dicirlle o que tiña que facer, o irmán utilizou preguntas para axudarlle a razoar nos principios bíblicos. Cal foi o resultado? Nortey decidiu facerse pioneiro e, por iso, seu pai botouno da casa. Despois de todo o que lle pasou, el explica: “Estou seguro de que tomei a decisión correcta”. Cando animamos a outros a razoar no que di a Biblia, axudámoslles a ter unha fe forte e a seguir servindo a Xehová (Ef. 3:16-19).
CAPACITEMOS OS IRMÁNS PARA QUE SEXAN “HOMES COMO REGALOS”
13. Como se asegurou Xesús de que se seguise predicando despois de que el volvese ó ceo? (Efesios 4:8, TNM).
13 Mentres estivo na Terra, Xesús cumpriu exactamente co que lle pedira seu Pai (Xoán 17:4). Pero el non seguía o lema: “Se queres que algo se faga ben, tes que facelo ti mesmo”. Durante o seu ministerio de tres anos e medio tamén capacitou a outros. Antes de volver ó ceo, Xesús confioulles ós seus discípulos a responsabilidade de coidar das ovelliñas de Xehová e dirixir a obra de predicar e ensinar. Algúns deles quizais tiñan entre 20 e 30 anos (le Efesios 4:8, TNM). Estes homes esforzáranse moito e foran leais a Xesús. Pero, antes de volver ó ceo, el capacitounos aínda máis para que chegasen a ser “homes como regalos”. Como o fixo?
14. Durante os seus últimos 40 días na Terra, como lles axudou Xesús ós seus discípulos a medrar en sentido espiritual? (Ver tamén a imaxe).
14 Xesús aconsellou os seus discípulos con sinceridade pero con amor. Por exemplo, deuse conta de que algúns deles tiñan a tendencia de dubidar, así que aconsellounos (Luc. 24:25-27; Xoán 20:27). Tamén lles dixo que se tiñan que centrar máis en coidar dos servos de Xehová que en conseguir cartos (Xoán 21:15). Ademais, recordoulles que non debían compararse con outros no seu servizo a Xehová (Xoán 21:20-22). E, por outro lado, corrixiu algunhas ideas incorrectas que tiñan sobre o Reino e axudoulles a centrarse en predicar as boas noticias (Feit. 1:6-8). Que poden aprender de Xesús os anciáns?
15, 16. a) De que maneiras poden imitar os anciáns a Xesús? Explica a túa resposta. b) Como lle axudou un consello a Patrick?
15 Como poden os anciáns imitar a Xesús? Deben capacitar outros irmáns, incluídos os homes novos, para que poidan asumir máis responsabilidades. c Os anciáns non esperan que estes irmáns sexan perfectos. Deben aconsellalos con cariño para que consigan experiencia e vexan a necesidade de ser humildes, fieis e estar dispostos a servir a outros (1 Tim. 3:1; 2 Tim. 2:2; 1 Ped. 5:5).
16 Vexamos como lle axudou a un irmán que se chama Patrick recibir consello. Cando era novo tiña o costume de ser brusco e pouco amable, incluso coas irmás. Un ancián maduro deuse conta de que Patrick necesitaba facer cambios e deulle un consello sincero pero amable. Patrick di: “Alégrome de que o fixese. Desanimábame ó ver que outros recibían asignacións que eu quería. Pero o consello deste ancián axudoume a entender que tiña que centrarme en servir con humildade os irmáns, máis que en conseguir responsabilidades na congregación”. Como resultado, foi nomeado ancián con pouco máis de 20 anos (Prov. 27:9).
17. Como demostrou Xesús que confiaba nos seus discípulos?
17 Xesús non só lles deu ós seus discípulos a responsabilidade de predicar, senón tamén de ensinar. Quizais eles se sentían pouco capacitados para cumprir con este labor. Pero Xesús non dubidaba de que serían capaces, e así llelo fixo saber. Demostrando total confianza neles, díxolles: “Coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós” (Xoán 20:21).
18. Como poden os anciáns imitar a Xesús?
18 Como poden os anciáns imitar a Xesús? Os anciáns sabios delegan responsabilidades nos demais (Filip. 2:19-22). Por exemplo, poden incluír os máis novos na limpeza e no mantemento do Salón do Reino. Despois de delegar unha tarefa, ensínanlle ó irmán como facela e confían en que a realizará correctamente. Matthew, que leva pouco tempo servindo como ancián, di que valora moito que anciáns de experiencia o capacitasen ben e que confiasen nel. El conta: “Cando cometín erros, eles axudáronme a ver o que podía aprender desa situación e o que podía facer mellor a próxima vez”. d
19. Que deberiamos estar decididos a facer?
19 Xesús usou os seus últimos 40 días na Terra para animar, ensinar e capacitar a outros. Esteamos decididos a seguir o seu exemplo ó pé da letra (1 Ped. 2:21). El axudaranos a facelo pois, ó fin e ó cabo, prometeunos: “Estarei con vós tódolos días ata a parte final do sistema” (Mat. 28:20).
CANCIÓN sn 109 Alabemos o Primoxénito de Xehová!
a Os Evanxeos e outros libros da Biblia rexistran varias ocasións nas que Xesús se lles apareceu ós seus discípulos despois de resucitar. Vírono as seguintes persoas: María Madalena (Xoán 20:11-18), outras mulleres (Mat. 28:8-10; Luc. 24:8-11), 2 discípulos (Luc. 24:13-15), Pedro (Luc. 24:34), os apóstolos, excepto Tomás (Xoán 20:19-24), os apóstolos, incluído Tomás (Xoán 20:26), 7 discípulos (Xoán 21:1, 2), máis de 500 discípulos (Mat. 28:16; 1 Cor. 15:6), o seu irmán Santiago (1 Cor. 15:7), tódolos apóstolos (Feit. 1:4) e os apóstolos cerca de Betania (Luc. 24:50-52). Pode que se lles aparecese ós discípulos máis veces pero que non quedasen rexistradas na Biblia (Xoán 21:25).
b Para ver unha lista de profecías sobre o Mesías, mira en jw.org o artigo “Demostran as profecías mesiánicas que Xesús foi o Mesías?”.
c Nalgúns casos, anciáns xoves de entre 25 e 30 anos poden ser nomeados superintendentes de circuíto. Aínda así, primeiro teñen que conseguir experiencia como anciáns.
d Para máis información sobre como axudar a irmáns xoves a cumprir cos requisitos para ter máis responsabilidade, mira as revistas La Atalaya de agosto de 2018, páxinas 11 e 12 parágrafos 15 ó 17 e La Atalaya de abril de 2015, páxinas 3 a 13 (dispoñibles en español).
e DESCRICIÓN DAS IMAXES: Despois de que lle axudasen a razoar no que di a Biblia, un estudante decide desfacerse da súa decoración do Nadal.