Preguntas dos lectores
Que altura tiña o pórtico do templo de Salomón?
O pórtico formaba parte da entrada do compartimento do templo chamado Santo. Segundo as edicións da Tradución do Novo Mundo publicadas antes de 2023, “o pórtico da parte dianteira tiña o mesmo ancho que a casa: 20 cóbados, e a súa altura era de 120” (2 Crón. 3:4). Outras traducións tamén din que tiña “120 cóbados” de alto. Isto significaría que era unha torre de 53 metros!
Pero a Tradución do Novo Mundo de 2023, falando do pórtico do templo de Salomón, di que a “súa altura era de 20 cóbados”, é dicir, uns 9 metros. a Vexamos algunhas razóns polas que se fixo este axuste.
A altura do pórtico non se menciona en 1 Reis 6:3. Neste versículo Xeremías fala da lonxitude e da profundidade do pórtico, pero non da súa altura. No seguinte capítulo describe con moito detalle outras partes destacadas do templo, como por exemplo o Mar de Bronce, os dez carriños e as dúas columnas de bronce que estaban fóra do pórtico (1 Reis 7:15-37). Se o pórtico realmente medía máis de 50 metros e era a parte máis alta do templo, como é que Xeremías non mencionou a súa altura? Incluso moitos séculos despois, os historiadores xudeus escribiron que o pórtico non era máis alto que o resto do templo de Salomón.
Os expertos dubidan de que o grosor dos muros do pórtico puidese soportar unha estrutura de 120 cóbados de alto. En tempos antigos, as estruturas moi altas feitas de pedra e ladrillo, como por exemplo as portas dos templos de Exipto, tiñan unha base moi ancha e íanse estreitando na parte superior. Pero o templo de Salomón era diferente. Os expertos opinan que os seus muros non tiñan máis de 6 cóbados, 2,7 metros, de grosor. Por iso o historiador de arquitectura Theodor Busink chegou á seguinte conclusión: “Segundo o grosor que tiñan os muros [da entrada do templo], o pórtico non podía medir 120 cóbados [de alto]”.
O texto de 2 Crónicas 3:4 quizais se copiou incorrectamente. Aínda que nalgúns manuscritos antigos este versículo pon “120”, noutros textos confiables aparece “20 cóbados”. Este é o caso do Códice Alexandrino do século V e do Códice Ambrosiano do século VI. Por que é posible que un copista se equivocase e escribise “120”? Porque as palabras “cen” e “cóbados” son parecidas en hebreo. Así que quizais algún copista escribiu “cen” en lugar de “cóbados”.
Por suposto, esforzámonos por entender ben estes detalles e por representar con precisión o templo de Salomón. Pero no que principalmente nos centramos é no que este templo prefiguraba: o gran templo espiritual. Que agradecidos estamos de que Xehová nos invitase a tódolos seus servos a servilo neste templo! (Heb. 9:11-14; Apoc. 3:12; 7:9-17).
a Hai unha nota que aclara que “nalgúns manuscritos aparece ‘120’ mentres que noutros manuscritos e nalgunhas traducións dise ‘20 cóbados’”.