Ir ó contido

Ir ó índice

Sabíalo?

Sabíalo?

Como sabemos que a música era moi importante na vida dos israelitas?

A MÚSICA era unha parte moi importante da cultura israelita. A Biblia menciona moitas veces a persoas tocando instrumentos e cantando. De feito, unha décima parte das Escrituras son cancións. Por exemplo, os Salmos, O Cantar dos Cantares e Lamentacións foron escritos para que se cantasen. Segundo o libro Music in Biblical Life, a Biblia mostra claramente que os israelitas usaban a música en moitas actividades da súa vida. a

A música no día a día. Os israelitas tocaban instrumentos e cantaban para expresar as súas emocións (Is. 30:29). As mulleres tocaban pandeiretas e pandeiros, cantaban cancións alegres e bailaban durante as coroacións, as festas e as vitorias militares (Xuí. 11:34; 1 Sam. 18:6, 7; 1 Reis 1:39, 40). Os israelitas tamén cantaban cancións para expresar a súa tristeza cando alguén morría (2 Crón. 35:25). Está claro que a música era moi importante para eles.

A música na corte real. Ós reis gustáballes moito escoitar música. Por exemplo, o rei Saúl pediulle a David que tocase a arpa para el no seu palacio (1 Sam. 16:18, 23). Máis tarde, cando David chegou a ser rei, inventou instrumentos musicais, compuxo cancións moi bonitas e organizou a orquestra que tocaba no templo de Xehová (2 Crón. 7:6; Amós 6:5). E o rei Salomón tiña cantores, tanto homes coma mulleres, no seu palacio (Ecl. 2:8).

A música na adoración. O uso máis importante que lle daban á música era para adorar a Xehová. De feito, 4000 músicos tocaban no templo de Xerusalén (1 Crón. 23:5). Tiñan címbalos, arpas e trompetas (2 Crón. 5:12). Pero estes profesionais non eran os únicos que adoraban a Xehová con música. Moitos israelitas cantaban as Cancións das Subidas nas viaxes que facían para ir cada ano ás festas a Xerusalén (Sal. 120-134). E segundo os escritos xudeus, os israelitas cantaban os Salmos de Hallel durante a celebración da Pascua. b

A música segue sendo moi importante para os servos de Xehová hoxe en día (Sant. 5:13). De feito, cantar é parte da nosa adoración e, cando o facemos cos nosos irmáns, sentímonos máis cerca deles (Ef. 5:19; Col. 3:16). Ademais anímanos e fortalécenos cando pasamos por probas (Feit. 16:25). A música é unha maneira moi bonita de demostrarlle a Xehová a nosa fe e o noso amor.

a Escrito por Jonathan L. Friedmann.

b Os xudeus chamábanlles Salmos de Hallel ós Salmos 113 ó 118, e cantábanos para louvar a Xehová.