Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 19

Fortalece a túa fe na promesa de Xehová do novo mundo

Fortalece a túa fe na promesa de Xehová do novo mundo

“¿É El [Xehová] quen di e non fai, ou quen fala e non cumpre?” (NÚM. 23:19).

CANCIÓN sjj 142 Lémbrate sempre da túa esperanza

AVANCE a

1, 2. Que temos que facer mentres esperamos o novo mundo?

 ESTÁMOSLLE moi agradecidos a Xehová pola súa promesa de substituír este sistema por un novo mundo xusto (2 Pe. 3:13). Aínda que non sabemos exactamente cando chegará ese novo mundo, as probas demostran que non teremos que seguir esperando moito máis (Mt. 24:32-34, 36; Feit. 1:7).

2 Mentres ese momento non chega, todos temos que seguir fortalecendo a nosa fe nesa promesa, sen importar cantos anos levemos na verdade. Por que? Porque incluso unha fe forte pode debilitarse. De feito, o apóstolo Paulo dixo que a falta de fe é “o pecado que tan facilmente se nos apega” (Heb. 12:1). Para impedir que a nosa fe se debilite, temos que repasar con regularidade as probas que demostran que o novo mundo será unha realidade dentro de pouco (Heb. 11:1).

3. Que imos analizar neste artigo?

3 Neste artigo, imos analizar tres cousas que podemos facer para fortalecer a nosa fe na promesa de Xehová do novo mundo: 1) meditar no rescate, 2) reflexionar no poder de Xehová e 3) dedicar tempo ás actividades espirituais. Despois, falaremos de como a mensaxe que Xehová lle deu a Habacuc tamén fortalece a nosa fe. Pero primeiro imos ver algunhas situacións nas que necesitamos ter unha fe forte na promesa do novo mundo.

SITUACIÓNS NAS QUE NECESITAMOS TER UNHA FE FORTE

4. Para que decisións fai falta ter unha fe forte?

4 Cada día, tomamos decisións para as que fai falta ter unha fe forte. Por exemplo, temos que tomar decisións que teñen que ver coas compañías, as diversións, os estudos, o matrimonio, os fillos e o traballo. Por iso facemos ben en preguntarnos: “Demostran as miñas decisións que estou seguro de que este sistema é temporal e que moi pronto será substituído polo novo mundo de Deus? Ou nótase que me deixo influír pola xente que vive coma se non quedase máis remedio ca morrer?” (Mt. 6:19, 20; Lc. 12:16-21). Se fortalecemos a nosa fe en que o novo mundo está a punto de chegar, tomaremos as mellores decisións.

5, 6. Por que necesitamos ter unha fe forte en momentos difíciles? Pon un exemplo.

5 Tamén necesitamos unha fe forte cando pasamos por algunhas situacións difíciles, coma a persecución, unha enfermidade crónica ou outras cousas que poderían desanimarnos. Ó principio, pode ser que consigamos aguantar esa situación, pero este tipo de problemas normalmente persisten durante moito tempo. Por iso necesitamos ter unha fe forte que nos axude a aguantar e a seguir servindo a Xehová con alegría (Rm. 12:12; 1 Pe. 1:6, 7).

6 Cando estamos pasando por unha situación difícil, podería parecer que o novo mundo non vai chegar nunca. Se pensamos iso, significa que a nosa fe está débil? Non sempre é así. Pensa nisto. Cando leva chovendo varias semanas sen parar, podería dar a impresión de que non vai volver a saír o sol. Aínda así, ó final acaba chegando o bo tempo. De maneira parecida, cando estamos desanimados, poderiamos sentir que o novo mundo non vai chegar. Pero se a nosa fe é forte, sabemos que as promesas de Deus se van cumprir (Sal. 94:3, 14, 15; Heb. 6:17-19). Se temos esa confianza, poderemos seguir poñendo a nosa adoración a Xehová no primeiro lugar da nosa vida.

7. Que maneira de pensar debemos evitar?

7 A predicación tamén require que teñamos unha fe forte. Moitas persoas ás que lles predicamos pensan que as boas noticias sobre o novo mundo que Deus vai traer son demasiado boas para ser certas (Ez. 33:32; Mt. 24:14). Pero non queremos deixar que se nos pegue esa actitude escéptica. Para evitalo, debemos seguir fortalecendo a nosa fe. Por iso imos ver tres cousas que podemos facer para conseguilo.

MEDITA NO RESCATE

8, 9. Por que se fortalece a nosa fe cando meditamos no rescate?

8 Unha das cousas que podemos facer para fortalecer a nosa fe é meditar no rescate. O rescate é a garantía de que as promesas de Deus se van cumprir. Cando nos paramos a reflexionar en por que deu Xehová o rescate e no que implica, fortalécese a nosa fe na promesa de vivir para sempre nun mundo mellor. Estamos seguros de que Deus vai cumprir a súa promesa. Por que?

9 Pensa no que implicou o rescate. Xehová mandou desde o ceo o seu querido Fillo primoxénito, o seu compañeiro máis achegado, para que nacese como humano perfecto. Cando estivo na Terra, Xesús aguantou todo tipo de dificultades. Incluso sufriu e morreu dunha maneira moi dolorosa. Que prezo máis alto tivo que pagar Xehová! O noso cariñoso Deus nunca deixaría que o seu Fillo sufrise e morrese desa maneira só para darnos unha vida mellor durante uns poucos anos (Xn. 3:16; 1 Pe. 1:18, 19). Se Xehová estivo disposto a entregar o seu Fillo por nós, está claro que se encargará de que poidamos vivir para sempre no novo mundo.

REFLEXIONA NO PODER DE XEHOVÁ

10. Segundo Efesios 3:20, que pode facer Xehová?

10 Outra cousa que podemos facer para fortalecer a nosa fe é reflexionar no poder de Xehová. El ten o poder para cumprir todo o que prometeu. É certo que pode parecer imposible que os humanos poidan vivir para sempre nun novo mundo. Pero Xehová moitas veces promete cousas que os humanos nunca poderían conseguir. Despois de todo, el é o Deus todopoderoso (Xob 42:2; Mc. 10:27). Por iso non nos sorprende que prometa cousas tan impresionantes (le Efesios 3:20).

11. Pon un exemplo dalgunha promesa extraordinaria de Deus (ver o recadro “ Como se cumpriron algunhas promesas extraordinarias”).

11 Pensa nalgunhas promesas que lles fixo Xehová ós seus servos no pasado e que parecía imposible que se cumprisen. Por exemplo, prometeulles a Abraham e Sara que terían un fillo cando xa ían vellos (Xén. 17:15-17). Tamén lle dixo a Abraham que lles daría a terra de Canaán ós seus descendentes, os israelitas. Podería parecer que esa promesa non se ía cumprir nunca porque os israelitas foron escravos en Exipto durante moitos anos. Pero ó final cumpriuse. Tempo despois, Xehová prometeulle a Isabel que ía ter un fillo, aínda que xa era moi maior. Tamén lle dixo a unha virxe chamada María que daría a luz o Seu Fillo. Isto cumpriría outra promesa de Xehová: a que fixera miles de anos antes no xardín de Edén! (Xén. 3:15).

12. Que nos aseguran Xosué 23:14 e Isaías 55:10, 11 sobre o poder de Xehová?

12 Cando nos paramos a pensar en tódalas promesas que fixo Xehová e en como as cumpriu, dámonos conta do poder que ten. Reflexionar nestas cousas fortalece a nosa fe na promesa do novo mundo (le Xosué 23:14; Isaías 55:10, 11). E esa fe fai que esteamos máis preparados para axudarlles a outros a entender que o novo mundo non é ningún soño, nin unha fantasía. Falando deses novos ceos e esa nova terra, foi Xehová mesmo quen dixo: “Estas palabras merecen fe e din a verdade” (Ap. 21:1, 5).

ENCHE A TÚA VIDA DE ACTIVIDADES ESPIRITUAIS

REUNIÓNS DE CONGREGACIÓN

Como pode fortalecer a túa fe esta actividade espiritual? (Ver os parágrafo 13).

13. Por que as reunións de congregación fortalecen a nosa fe? Explica a túa resposta.

13 Algo que tamén fortalecerá a nosa fe é dedicarlles tempo ás actividades espirituais. Por exemplo, pensa no ben que nos fan as reunións de congregación. Anna, b que leva décadas servindo en diferentes formas do servizo a tempo completo, di: “As reunións manteñen a miña fe ben forte. Aínda que o irmán que dá o discurso non sexa moi bo mestre nin diga nada novo, normalmente escoito algo que me axuda a entender mellor algunha verdade da Biblia. Iso fai que a miña fe se faga máis forte”. Ademais, a nosa fe tamén se fortalece cando escoitamos os comentarios que se fan nas reunións (Rm. 1:11, 12; 10:17TNM).

PREDICACIÓN

Como pode fortalecer a túa fe esta actividade espiritual? (Ver o parágrafo 14).

14. Por que a predicación fortalece a nosa fe?

14 A predicación tamén fortalece a nosa fe (Heb. 10:23TNM). Bárbara, que serve a Xehová desde hai máis de 70 anos, di: “Sempre notei que predicar fortalece moito a miña fe. Canto máis falo con outros das marabillosas promesas de Xehová, máis viva e forte se mantén a miña fe”.

ESTUDO PERSOAL

Como pode fortalecer a túa fe esta actividade espiritual? (Ver o parágrafo 15).

15. Por que o estudo persoal fortalece a nosa fe? (Ver tamén as imaxes).

15 Outra actividade espiritual que fortalece a nosa fe é o estudo persoal. Susan di que a ela axúdalle moito planificar o que vai estudar. Ela conta: “O domingo estudo o artigo de A Atalaia que se vai analizar a semana seguinte. O luns e o martes preparo a reunión de entre semana. E o resto dos días céntrome nun proxecto de estudo persoal”. Como segue un horario regular de estudo, a súa fe segue medrando. Irene, que leva décadas servindo na sede central das testemuñas de Xehová, descubriu que estudar as profecías da Biblia fortalece moito a súa fe. Ela di: “Paréceme impresionante ver que as profecías de Xehová se cumpren ata o máis mínimo detalle”. c

“CUMPRIRASE SEN NINGUNHA DÚBIDA”

16. Por que nos aplica a nós tamén a garantía que lle deu Xehová a Habacuc? (Hebreos 10:36, 37).

16 Algúns servos de Xehová levan moito tempo esperando o fin deste sistema. Desde un punto de vista humano, podería parecer que a promesa de Deus tarda en cumprirse. Pero Xehová entende como se poden sentir os seus servos. De feito, aseguroulle ó profeta Habacuc: “Aínda falta para que chegue o tempo fixado da visión, e esta avanza rapidamente cara ó seu final, e non fallará. Aínda que se retrasase, mantente á expectativa! Cumprirase sen ningunha dúbida. Non chegará tarde!” (Hab. 2:3TNM). Cres que Xehová dixo estas palabras para axudarlle só a Habacuc? Ou teñen algún significado tamén nos nosos días? Deus inspirou o apóstolo Paulo para que aplicase esas palabras ós cristiáns que esperaban con tódalas súas ganas que chegase o novo mundo (le Hebreos 10:36, 37). Así que, aínda que pareza que se retrasa, podemos estar seguros de que a promesa de Xehová “cumprirase sen ningunha dúbida. Non chegará tarde!”.

17. Como puxo en práctica unha irmá o consello que lle deu Xehová a Habacuc?

17 Moitos servos de Deus puxeron en práctica o consello de manterse “á expectativa”, e fixérono incluso durante décadas. Fíxate no exemplo de Louise, que empezou a servir a Xehová en 1939. Ela conta: “Daquela pensaba que o Harmaguedón viría antes de que terminase o instituto. Pero non chegou. Algo que me axudou co paso dos anos foi ler os relatos de Noé, Abraham, Xosé e outros servos de Xehová que tiveron que esperar moito tempo para recibir a recompensa que el lles prometera, ou como a min me gusta chamarlles: ‘os relatos de espera’. Manterme á expectativa axudoume a min e a outros a seguir tendo moi presente que o novo mundo está moi cerca”. Moitos servos de Xehová que tamén levan esperando moito tempo opinan o mesmo ca Louise.

18. Por que se fortalece a nosa fe en que virá o novo mundo cando nos paramos a observar a creación?

18 É verdade que o novo mundo aínda non chegou. Pero fíxate nalgunhas cousas que xa temos: as estrelas, as árbores, os animais e as persoas. Ninguén ten dúbidas de que todas estas cousas son reais, aínda que o certo é que houbo un tempo no que non existían. Se agora existen, é só porque Xehová as creou (Xén. 1:1, 26, 27). O mesmo pasa coa promesa do novo mundo. Deus prometeu que vai crear ese novo mundo, e cumprirá a súa promesa. Entón, as persoas poderán desfrutar de vivir para sempre con saúde perfecta. Cando chegue o momento que Deus escolleu, o novo mundo será tan real coma o Universo que temos ó noso arredor agora mesmo (Is. 65:17; Ap. 21:3, 4).

19. Que podes facer para fortalecer a túa fe?

19 Mentres tanto, aproveita tódalas oportunidades que teñas para fortalecer a túa fe. Valora cada vez máis o rescate, párate a pensar no poder de Xehová e enche a túa vida de actividades espirituais. Se o fas, ti tamén poderás ser dos que “con fe e paciencia, son herdeiros das promesas” (Heb. 6:11, 12; Rm. 5:5).

CANCIÓN sjj 139 Imaxina que estás no mundo novo

a Hoxe en día, moitas persoas non cren na promesa que hai na Biblia de que virá un novo mundo. Pensan que iso é só un soño, un conto ou que é demasiado bo para ser certo. Pero nós estamos seguros de que tódalas promesas de Xehová se van cumprir. Aínda así, temos que seguir fortalecendo a nosa fe para que se manteña viva. Neste artigo imos ver como podemos facelo.

b Cambiáronse algúns nomes.

c Para atopar moitos artigos sobre as profecías da Biblia, vai ó Índice de publicaciones Watch Tower en español e busca o tema “Profecía”. Por exemplo, mira o artigo “Lo que Jehová predice se cumple sin falta” na revista La Atalaya do 1 de xaneiro de 2008.