Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 15

Que podemos aprender dos milagres de Xesús?

Que podemos aprender dos milagres de Xesús?

“Pasou facendo o ben e curando” (FEIT. 10:38).

CANCIÓN sn 5 Cristo é o noso exemplo

AVANCE a

1. Describe que estaba pasando cando Xesús fixo o seu primeiro milagre.

 INTENTA visualizar o que pasou a finais do ano 29 da nosa era. Xesús acaba de empezar o seu ministerio. El, súa nai María e algúns dos seus discípulos están invitados ó banquete dunha voda en Caná, unha vila que estaba ó norte de Nazaret, a cidade onde Xesús se criara. María é amiga da familia dos noivos, e parece que está axudando a atender os invitados. Pero durante o banquete, ocorre algo que podería avergonzar moito este novo matrimonio e a súa familia: acábase o viño. b Quizais hai máis invitados dos que esperaban. María vai rápido onda o seu fillo e dille: “Non che teñen viño” (Xn. 2:1-3). Que fai Xesús? Algo incrible: converte a auga en “viño bo” (Xn. 2:9, 10).

2, 3. a) Como usou Xesús o poder que Deus lle dera? b) Como pode axudarnos analizar os milagres de Xesús?

2 Xesús fixo moitos outros milagres durante o seu ministerio. c Usou o poder que Deus lle dera para axudar a miles de persoas. Por exemplo, pensemos en dous dos seus milagres. Nun deles alimentou 5.000 homes e noutro 4.000. Se contamos as mulleres e os nenos que tamén estaban presentes, pode que en total lles dese de comer a máis de 27.000 persoas (Mt. 14:15-21; 15:32-38). En ambas ocasións, Xesús tamén curou moitos enfermos (Mt. 14:14; 15:30, 31). Imaxina o impresionadas que quedaron estas persoas cando Xesús as alimentou e as curou!

3 Podemos aprender moito dos milagres de Xesús. Neste artigo falaremos dalgunhas leccións que podemos aprender destes milagres e que fortalecen a nosa fe. Ademais, analizaremos como podemos imitar a humildade e a compaixón que mostrou Xesús cando os fixo.

QUE APRENDEMOS DE XEHOVÁ E DE XESÚS?

4. Sobre quen podemos aprender cando analizamos os milagres de Xesús?

4 Os milagres de Xesús ensínannos moito sobre el e tamén sobre o seu Pai. Despois de todo, Xehová era quen lle daba o poder para facelos. Feitos 10:38 di: “Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a tódolos que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el”. Ademais, recorda que cando Xesús facía ou dicía algo, sempre imitaba á perfección a forma de pensar e os sentimentos do seu Pai. Isto tamén pasaba cando facía milagres (Xn. 14:9). Vexamos tres leccións que podemos aprender dos milagres de Xesús.

5. Que motivou a Xesús a facer milagres? (Mateo 20:30-34).

5 Primeiro: Xesús e o seu Pai quérennos moito. Cando estivo na Terra, Xesús usou o seu poder para axudarlles ós que estaban sufrindo. Iso demostrou canto ama as persoas. Por exemplo, nunha ocasión, dous homes cegos puxéronse a berrar para pedirlle axuda (le Mateo 20:30-34). Xesús compadeceuse deles e curounos. Esta compaixón é unha mostra de amor, e foi ese amor o que tamén o motivou a alimentar os famentos e a curar un leproso (Mt. 15:32; Mc. 1:41). Xehová é un Deus compasivo. Así que podemos estar seguros de que el e o seu Fillo nos queren moito, e de que lles doe vernos sufrir (Lc. 1:78; 1 Pe. 5:7). Está claro que están desexando eliminar tódolos problemas que tanto dano lle fan á humanidade!

6. Que poder lle deu Deus a Xesús?

6 Segundo: Deus deulle a Xesús o poder para solucionar tódolos problemas da humanidade. Os milagres que fixo Xesús demostran que el ten o poder para solucionar tódolos problemas que nós nunca poderiamos resolver. Por exemplo, ten o poder para liberarnos do que causa a maioría dos nosos males: o pecado que herdamos e as súas consecuencias, como as enfermidades e a morte (Mt. 9:1-6; Rm. 5:12, 18, 19). Os seus milagres demostraron que pode curar todo tipo de enfermidades, e que incluso pode resucitar mortos (Mt. 4:23; Xn. 11:43, 44). Tamén ten o poder para controlar fortes tormentas e para liberar as persoas dos malos espíritos (Mc. 4:37-39; Lc. 8:2). Canto nos anima saber que Xehová puxo este poder nas mans do seu Fillo!

7, 8. a) En que podemos confiar grazas ós milagres de Xesús? b) Que milagre esperas con máis ilusión?

7 Terceiro: podemos confiar completamente en que se cumprirán tódalas promesas que hai na Biblia sobre o Reino de Deus. Os milagres que fixo Xesús cando era humano son só unha pequena mostra do que fará como Rei do Reino de Deus. Pensemos en como será a nosa vida moi pronto, cando Cristo goberne toda a Terra. Desfrutaremos dunha saúde perfecta porque el eliminará tódalas enfermidades e as discapacidades que tanta dor lle causan á humanidade (Is. 33:24; 35:5, 6; Ap. 21:3, 4). Nunca máis pasaremos fame nin teremos que sufrir por culpa dos desastres naturais (Is. 25:6; Mc. 4:41). Ademais, faranos moi felices darlles a benvida ós nosos seres queridos que morreron (Xn. 5:28, 29). Que milagre dos que se cumprirán no novo mundo esperas con máis ilusión?

8 Cando fixo milagres, Xesús demostrou que era moi humilde e compasivo. Estas son dúas calidades que nós debemos imitar. Imos analizar dous relatos da Biblia para ver como demostrou Xesús estas calidades e como podemos imitalo. Empecemos falando do que pasou nunha voda á que foi Xesús en Caná.

UNHA LECCIÓN DE HUMILDADE

9. Por que fixo Xesús un milagre no banquete dunha voda? (Xoán 2:6-10TNM).

9 Le Xoán 2:6-10, TNM. Estaba Xesús obrigado a facer algo cando se acabou o viño no banquete daquela voda? Non, non había ningunha profecía que predixese que o Mesías faría viño de maneira milagrosa. Pero imaxina como te sentirías se se acabasen as bebidas na túa propia voda. É probable que Xesús sentise compaixón pola familia, sobre todo polos noivos, e que non quixese que pasasen vergonza. Así que, como mencionamos no primeiro parágrafo, Xesús fixo un milagre. Converteu uns 390 litros de auga en viño da mellor calidade. Poida que fixese tanta cantidade de viño para que despois os noivos puidesen usar o que sobrase, ou incluso vendelo para gañar algo de cartos. Seguro que este novo matrimonio quedou moi agradecido!

Imitamos a Xesús se non presumimos dos nosos logros (ver os parágrafos 10 e 11). e

10. Que detalles interesantes podemos atopar no relato do capítulo 2 de Xoán? (Ver tamén a imaxe).

10 Analicemos algúns detalles interesantes que atopamos no relato do capítulo 2 de Xoán. Fixácheste en que non foi Xesús quen encheu de auga as vasillas de pedra? En vez diso, para non centrar a atención en si mesmo, díxolles ós servos que as enchesen eles (versículos 6 e 7). E despois de converter a auga en viño, non llo levou el mesmo ó director do banquete. Máis ben, volveulles dicir ós servos que o fixesen (versículo 8). Ademais, seguro que non se puxo a presumir collendo unha copa de viño e levantándoa diante do resto de invitados dicindo: “Probade este viño que acabo de facer!”.

11. Que podemos aprender do milagre de Xesús?

11 Que podemos aprender do milagre no que Xesús converteu auga en viño? Podemos aprender unha lección de humildade. Xesús nunca presumiu daquel milagre. De feito, nunca presumiu dos seus logros. Todo o contrario, foi humilde e sempre fixo que toda a gloria e todo o mérito fosen para seu Pai (Xn. 5:19, 30; 8:28). Se imitamos a Xesús e mantemos un punto de vista humilde, nunca presumiremos do que facemos servindo a Xehová. En vez de presumir de nós mesmos, presumiremos do noso marabilloso Deus (Xer. 9:22, 23 [9:23, 24, TNM]). É un honor servir a Xehová, e debemos darlle a honra que merece. Despois de todo, que poderiamos conseguir nós sen a súa axuda? (1 Cor. 1:26-31).

12. De que outra forma podemos imitar a humildade de Xesús? Pon un exemplo.

12 Vexamos de que outra maneira podemos imitar a humildade de Xesús. Imaxina esta situación. Un ancián dedica moito tempo a axudarlle a un rapaz que é servo ministerial a preparar o seu primeiro discurso público. Grazas á súa axuda, o rapaz fai un discurso moi bo que anima moito a congregación. Despois da reunión, un irmán dille ó ancián: “Que discurso máis bo, a que si?”. Cres que fai falta que o ancián lle diga: “Si, é que dediquei moito tempo a axudarlle”? Máis ben, debería ser humilde e dicir algo así como: “Si, fíxoo de marabilla!”. Cando somos humildes, non queremos levar o mérito polas cousas boas que facemos por outros. Chéganos con saber que Xehová ve e valora o que facemos (compara con Mateo 6:2-4; Heb. 13:16). Seguro que a Xehová lle gusta moito ver que somos humildes e que imitamos a Xesús (1 Pe. 5:6).

UNHA LECCIÓN DE COMPAIXÓN

13. Que viu Xesús cerca da cidade de Naín, e que fixo? (Lucas 7:11-15).

13 Le Lucas 7:11-15. Pensa no que pasou no ano 31 da nosa era. Xesús viaxou ata Naín, unha cidade de Galilea que non estaba moi lonxe de Xunem, onde o profeta Eliseo resucitara o fillo dunha muller uns 900 anos antes (2 Re. 4:32-37). Cando Xesús estaba chegando, viu que unha multitude sacaba un defunto da cidade para enterralo. Era unha situación moi triste porque unha viúva acababa de perder o seu único fillo. Pero esta nai non estaba soa, moita xente da cidade estaba con ela. Entón, Xesús parounos e fixo algo incrible por esta muller que estaba sufrindo tanto: resucitou o seu fillo. Esta foi a primeira das tres resurreccións que fixo Xesús que se mencionan especificamente nos Evanxeos.

Imitamos a Xesús se tomamos a iniciativa e lles demostramos compaixón ós que perderon algún ser querido na morte (ver os parágrafos 14 a 16).

14. Que detalles interesantes podemos atopar no relato do capítulo 7 de Lucas? (Ver tamén a imaxe).

14 Vexamos algúns detalles interesantes que atopamos no relato do capítulo 7 de Lucas. Fixácheste no que fixo Xesús? Viu a dor desta nai e entón compadeceuse dela (versículo 13). Quizais Xesús viu que a muller ía chorando mentres camiñaba ó lado do corpo do seu fillo. E iso fixo que sentise moita compaixón por ela. Pero non só sentiu pena por esta nai, tamén lle demostrou compaixón. Falou con ela, seguro que cun ton moi tranquilizador, e díxolle: “Non chores”. Entón tomou a iniciativa e fixo algo para axudarlle: devolveulle a vida ó rapaz e “entregoullo á súa nai” (versículos 14 e 15).

15. Que podemos aprender do milagre de Xesús?

15 Que podemos aprender deste milagre de Xesús? Que temos que ser compasivos. Está claro que non podemos resucitar os mortos, como fixo Xesús. Pero si que podemos imitalo se somos observadores e lles demostramos compaixón ós que perderon algún ser querido. Podemos tomar a iniciativa dicindo e facendo todo o posible por axudarlles e por consolalos (Pr. 17:17, TNM; 2 Cor. 1:3, 4; 1 Pe. 3:8). d Incluso un pequeno xesto ou unhas palabras amables poden animar e consolar moito.

16. Tal e como se representa na imaxe, que che ensina a experiencia dunha nai á que lle acababa de morrer unha filla?

16 Vexamos unha experiencia. Hai uns anos, mentres cantaba unha canción na reunión, unha irmá deuse conta de que cerca dela había outra irmá que estaba chorando. A canción falaba da esperanza da resurrección e aquela irmá era unha nai á que lle acababa de morrer unha filla. Ó darse conta, a irmá foi inmediatamente onda ela, rodeouna co brazo e cantaron o resto da canción xuntas. Máis tarde, aquela nai comentou: “Sentinme moi querida polos irmáns”. Ir a esa reunión axudoulle moito. De feito, estaba tan agradecida que dixo: “No Salón do Reino sempre recibimos a axuda que necesitamos”. Podemos estar seguros de que Xehová ve e valora ata as pequenas cousas que facemos por demostrarlles compaixón ós que “están afundidos no desánimo” pola perda dun ser querido (Sal. 34:18TNM).

UN PROXECTO DE ESTUDO QUE FORTALECE A NOSA FE

17. Que nos ensinan os milagres de Xesús?

17 Estudar os relatos dos milagres de Xesús que aparecen nos Evanxeos pode animarnos e fortalecer a nosa fe. Ensínannos que Xehová e Xesús nos queren moito, que Xesús ten o poder para solucionar tódolos problemas da humanidade e que podemos confiar totalmente en que as promesas que hai na Biblia sobre o Reino están a punto de cumprirse. A medida que vaias analizando estes relatos, medita en como podes imitar as calidades de Xesús. Por que non dedicas algo de tempo no teu estudo persoal ou na adoración en familia a analizar outros milagres que fixo Xesús? Pensa nas leccións que podes aprender e despois compárteas con outros. Imaxina as conversas tan animadoras que poderías ter! (Rm. 1:11, 12).

18. Que imos analizar no seguinte artigo?

18 Cara ó final do seu ministerio, Xesús fixo a súa terceira resurrección. Esta foi a última resurrección que el fixo das que se mencionan na Biblia, e foi diferente ás demais. Neste caso, resucitou un bo amigo seu que xa levaba morto catro días. Que leccións podemos aprender do relato deste milagre? E como podemos fortalecer a nosa fe na esperanza da resurrección? No seguinte artigo contestaremos estas preguntas.

CANCIÓN snnw 148 Entregaches o teu Fillo por nós

a Xesús fixo que se calmase unha forte tormenta, curou enfermos e resucitou mortos. Os relatos da Biblia que falan dos seus milagres son moi emocionantes! Pero non só se escribiron para entreternos, tamén nos ensinan leccións. Neste artigo repasaremos algúns deses relatos e aprenderemos leccións que fortalecerán a nosa fe en Xehová e en Xesús. Ademais, identificaremos algunhas calidades de Deus que deberiamos esforzarnos por cultivar.

b Un experto explica: “En tempos bíblicos, a hospitalidade era un deber sagrado e os anfitrións debían asegurarse de que os seus invitados tiñan máis do que necesitaban. Para demostrar verdadeira hospitalidade, sobre todo no banquete dunha voda, había que ofrecer moita máis comida e bebida da que se consumiría”.

c Os Evanxeos mencionan máis de 30 milagres de Xesús. Fixo moitos outros, pero a Biblia non menciona cada un deles individualmente. Por exemplo, cando unha “vila enteira” foi onda el, “sandou a moitos enfermos” (Mc. 1:32-34).

d Podes atopar algúns consellos sobre o que podemos dicir ou facer para consolar os que perderon algún ser querido no artigo “Jesús supo consolar a sus amigos” da revista La Atalaya do 1 de novembro de 2010 (dispoñible en español).

e DESCRICIÓN DA IMAXE: Xesús está ó fondo mentres os noivos e os seus invitados desfrutan do bo viño que el acaba de facer de maneira milagrosa.