Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 16

“Teu irmán resucitará”

“Teu irmán resucitará”

“Xesús díxolle [a Marta]: —‘Teu irmán resucitará’” (XN. 11:23).

CANCIÓN sn 111 Chamarei

AVANCE a

1. Como demostrou un neno que confiaba na esperanza da resurrección?

 MATTHEW era un neno que estaba moi enfermo. De feito, xa o tiveran que operar moitas veces. Cando tiña sete anos, estaba vendo coa súa familia un programa mensual de JW Broadcasting®. Cara ó final do programa, había un vídeo musical que falaba da benvida que lles daremos ós nosos seres queridos cando resuciten. b Cando terminou o programa, achegouse a seus pais, colleu as súas mans e díxolles: “Vedes, mamá e papá? Aínda que morra, despertarei cando Xehová me resucite. Esperade por min, todo vai ir ben”. Podes imaxinar como se deberon de sentir eses pais ó ver o real que era a esperanza da resurrección para o seu fillo?

2, 3. Por que é bo que reflexionemos na promesa da resurrección?

2 Facemos ben en reflexionar de vez en cando na promesa da resurrección que atopamos na Biblia (Xn. 5:28, 29). Por que? Porque poida que en calquera momento teñamos que enfrontarnos a unha enfermidade grave ou á morte dun ser querido (Ecl. 9:11, TNM; Sant. 4:13, 14). A esperanza da resurrección pode axudarnos a aguantar estas situacións tan difíciles (1 Tes. 4:13). En que se basea esta esperanza? A Palabra de Deus asegúranos que o noso Pai celestial nos coñece ben e que nos quere moito (Lc. 12:7). De feito, quérenos tanto que nos dá a oportunidade de vivir para sempre, incluso se para iso nos ten que resucitar. E como nos coñece tan ben, pode resucitarnos coa nosa personalidade e con tódolos nosos recordos.

3 Neste artigo, primeiro analizaremos por que podemos confiar na promesa da resurrección. Despois, veremos como fortalece a nosa fe o relato da Biblia que contén as palabras do texto temático: “Teu irmán resucitará” (Xn. 11:23). E por último, aprenderemos como podemos conseguir que a esperanza da resurrección sexa máis real para nós.

POR QUE PODEMOS CONFIAR NA PROMESA DA RESURRECCIÓN?

4. De que temos que estar convencidos para poder confiar nunha promesa? Pon un exemplo.

4 Para confiar nunha promesa temos que estar convencidos de que quen a fai ten o desexo e tamén o poder, ou habilidade, para cumprila. Imos poñer un exemplo. Imaxina que unha tormenta provocou moitos danos na túa casa. Entón un amigo prométeche que che axudará a reparala. El é sincero e estás convencido de que de verdade quere axudarche. Se ten a experiencia e as ferramentas necesarias, sabes que tamén terá a habilidade para cumprir a súa promesa. Todo iso fai que confíes no que che dixo. Entón, que pasa coa promesa da resurrección que nos fixo Deus? Ten el realmente o desexo e o poder para cumprila?

5, 6. Por que podemos estar seguros de que Xehová ten o desexo de resucitar os mortos?

5 Ten Xehová o desexo de resucitar as persoas que morreron? Está claro que si. Por iso fixo que moitos escritores da Biblia rexistrasen a súa promesa de que haberá unha resurrección no futuro (Is. 26:19; Os. 13:14; Ap. 20:11-13). E cando el fai unha promesa, sempre a cumpre (Xos. 23:14). De feito, Xehová está desexando devolverlles a vida ós que morreron. Por que podemos dicir isto?

6 Pensa no que dixo Xob. El estaba seguro de que, aínda que morrese, Deus quería devolverlle a vida (Xob 14:14, 15TNM). Xehová sente o mesmo por tódolos seus servos que morreron. Está desexando devolverlles a vida para que poidan ser felices e ter boa saúde. Pero, que pasa cos miles de millóns de persoas que morreron sen ter a oportunidade de aprender de Xehová? O noso amoroso Deus tamén quere resucitalos (Feit. 24:15). Quere darlles a oportunidade de chegar a ser os seus amigos e vivir para sempre na Terra (Xn. 3:16). Está claro que Xehová ten o desexo de resucitar os mortos.

7, 8. Por que podemos estar seguros de que Xehová ten o poder para resucitar os mortos?

7 Ten Xehová o poder para resucitar os mortos? Claro que si! El é “o Deus todopoderoso” (Xén. 35:11). Así que ten o poder necesario para vencer calquera inimigo, incluso a morte (1 Cor. 15:26). Saber isto anímanos e dános forzas. Fíxate na experiencia da irmá Emma Arnold. Ela e a súa familia afrontaron probas de fe moi duras durante a Segunda Guerra Mundial. Para consolar a súa filla cando morreron algúns dos seus seres queridos nos campos de concentración nazis, díxolle: “Se as persoas que morreron nunca volvesen a vivir, iso significaría que o noso inimigo, a morte, é máis forte ca Deus. Pero iso non pode ser certo”. Nada é máis forte ca Xehová! Podemos estar seguros de que o Deus todopoderoso que creou a vida é capaz de devolvérllela ós que morreron.

8 Outra razón pola que sabemos que Xehová ten a capacidade para resucitar os mortos é que a súa memoria non ten límites. De feito, chámalle a cada estrela polo seu nome (Is. 40:26). Ademais, acórdase das persoas que morreron (Xob 14:13; Lc. 20:37, 38). Para el é fácil recordar cada pequeno detalle das persoas que vai resucitar, incluídos o seu código xenético, os seus recordos e as súas experiencias na vida.

9. Por que confías na promesa da resurrección que nos fixo Xehová?

9 Podemos confiar na promesa que nos fixo Xehová de que haberá unha resurrección no futuro porque sabemos que el ten o desexo e o poder para cumprila. Pero aínda hai outra razón máis pola que podemos confiar na promesa da resurrección: Xehová xa resucitou algunhas persoas. En tempos bíblicos Xehová deulles poder a varios homes fieis, incluído Xesús, para resucitar mortos. Unha destas resurreccións encontrámola no capítulo 11 de Xoán. Imos analizar este relato.

XESÚS PERDE UN AMIGO MOI QUERIDO

10. Que pasa en Betania mentres Xesús está predicando ó outro lado do Xordán, e que fai el? (Xoán 11:1-3).

10 Le Xoán 11:1-3. Imaxina que estás en Betania a finais do ano 32 da nosa era. Nesa vila viven Lázaro e as súas irmás, María e Marta (Lc. 10:38-42). Pero Lázaro ponse enfermo e elas empezan a preocuparse. Entón mándanlle unha mensaxe a Xesús, que está ó outro lado do Xordán, a unha distancia de dous días camiñando (Xn. 10:40). Por desgraza, Lázaro morre máis ou menos cando Xesús recibe a mensaxe. Aínda que Xesús sabe que o seu amigo acaba de morrer, queda onde está dous días máis e despois empeza a viaxe cara a Betania. Así que cando chega, Lázaro xa leva morto catro días. Pero Xesús está a punto de facer algo que beneficiará os seus amigos e que lle dará gloria a Deus (Xn. 11:4, 6, 11, 17).

11. Que lección sobre a amizade podemos aprender neste relato?

11 Este relato ensínanos unha lección sobre a amizade. Pensa nisto. Cando María e Marta lle enviaron a mensaxe a Xesús, non lle pediron que fose a Betania. Simplemente lle dixeron que o seu amigo estaba enfermo (Xn. 11:3). Cando Lázaro morreu, Xesús podía resucitalo a distancia. Aínda así, decidiu ir a Betania para estar coas súas amigas María e Marta. Tes algún amigo que sabes que che vai axudar aínda que non llo pidas? Entón sabes que estará ó teu lado “en tempos de angustia” (Pr. 17:17TNM). Nós tamén podemos ser esa clase de amigos se imitamos a Xesús. Agora volvamos ó relato e vexamos o que pasou despois.

12. Que lle prometeu Xesús a Marta, e por que podía confiar ela nesa promesa? (Xoán 11:23-26).

12 Le Xoán 11:23-26. Marta escoita que Xesús está cerca de Betania. Entón sae rapidamente para encontrarse con el e dille: “Señor, se ti estiveses aquí, meu irmán non morrería” (Xn. 11:21). É certo, Xesús puido curar a Lázaro cando estaba vivo. Pero ten pensado facer algo máis impresionante. Por iso lle promete: “Teu irmán resucitará”. Ademais, dálle outra razón para confiar nesa promesa. Dille: “Eu son a resurrección e a vida”. De feito, Deus déralle poder para resucitar os mortos. Por exemplo, xa resucitara unha rapaza pouco despois de que morrese. E tamén resucitara un rapaz unhas horas despois de morrer (Lc. 7:11-15; 8:49-55). Pero, podería resucitar a alguén que levaba catro días morto se o seu corpo xa estaba empezando a descompoñerse?

“¡LÁZARO, VEN PARA FÓRA!”

Xesús compadeceuse moito ó ver o sufrimento dos seus amigos (ver os parágrafos 13 e 14).

13. Segundo Xoán 11:32-35, como reaccionou Xesús cando viu que María e os demais choraban? (Ver tamén a imaxe).

13 Le Xoán 11:32-35. Intenta visualizar o que pasou despois. María, a outra irmá de Lázaro, sae para encontrarse con Xesús. Dille o mesmo que xa lle dixera súa irmá: “Señor, se ti estiveses aquí, non morrería meu irmán”. Ela e os que a acompañan están moi tristes. Cando Xesús ve e escoita como choran, tamén se pon moi triste. De feito, sente tanta pena polos seus amigos que lle caen as lágrimas. Entende esa dor que senten pola morte do seu ser querido e está desexando acabar coa causa da súa tristeza.

14. Que podemos aprender de Xehová ó ver como reaccionou Xesús cando María estaba chorando?

14 Ver como reaccionou Xesús cando María estaba chorando ensínanos que Xehová é un Deus moi compasivo. Por que podemos dicir isto? Como vimos no artigo anterior, Xesús imita á perfección a forma de pensar e os sentimentos do seu Pai (Xn. 12:45). Así que cando lemos que Xesús se compadeceu tanto polo sufrimento dos seus amigos que incluso se puxo a chorar, chegamos á conclusión de que Xehová tamén sente moita pena cando nos ve sufrir (Sal. 56:9 [56:8, TNM]). Verdade que saber isto fai que queiras acercarte aínda máis ó noso cariñoso Deus?

Xesús demostrou que tiña o poder para resucitar as persoas (ver os parágrafos 15 e 16).

15. Segundo Xoán 11:41-44, que pasou na tumba de Lázaro? (Ver tamén a imaxe).

15 Le Xoán 11:41-44. Xesús chega á tumba onde está Lázaro e pide que movan a pedra da entrada. Marta dille que o corpo xa debe de cheirar. Pero Xesús contéstalle: “¿Non che dixen que se cres, vera-la gloria de Deus?” (Xn. 11:39, 40). Xesús quere darlle toda a gloria a Xehová polo que vai facer a continuación, e por iso levanta a vista cara ó ceo e fai unha oración diante de todos. Despois, di con voz forte: “¡Lázaro, ven para fóra!”. E Lázaro sae camiñando da súa tumba. Xesús acaba de facer algo que a algúns lles parecía imposible (ver a nota que aparece en Xoán 11:17 na edición de estudo da Traducción del Nuevo Mundo).

16. Por que fortalece a nosa fe na esperanza da resurrección o relato que atopamos no capítulo 11 de Xoán?

16 O relato que atopamos no capítulo 11 de Xoán fortalece a nosa fe na esperanza da resurrección. Por que? Recorda o que lle prometeu Xesús a Marta: “Teu irmán resucitará” (Xn. 11:23). Igual ca seu Pai, Xesús tamén ten o desexo e o poder para cumprir esta promesa. As súas lágrimas demostraron que está desexando resucitar as persoas que morreron e acabar con toda a dor que provoca a morte. Cando Lázaro saíu camiñando da tumba, volveu quedar claro que Xesús ten o poder para resucitar os mortos. Ademais, pensa no que lle dixo a Marta: “¿Non che dixen que se cres, vera-la gloria de Deus?” (Xn. 11:40). Temos boas razóns para confiar en que Deus cumprirá a súa promesa e resucitará os mortos. Pero que podemos facer para que esta esperanza sexa aínda máis real para nós?

QUE PODEMOS FACER PARA QUE A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN SEXA MÁIS REAL PARA NÓS?

17. Que deberiamos ter en conta ó ler os relatos bíblicos que falan da resurrección?

17 Le e medita nas resurreccións do pasado. A Biblia menciona oito persoas que resucitaron na Terra. c Por que non analizas ben cada un destes relatos? Cando o fagas, recorda que eran homes, mulleres e nenos reais. Busca as leccións que podes aprender destes relatos. Pensa en como cada un deles demostra que Deus ten o desexo e o poder para devolverlles a vida ós que morreron. E sobre todo, dedica tempo a meditar na resurrección máis importante: a de Xesús. Recorda que centos de persoas foron testemuñas da súa resurrección, e iso fai que a nosa fe teña unha base sólida (1 Cor. 15:3-6, 20-22).

18. Como podes aproveitar ben as cancións que falan da esperanza da resurrección? (Ver tamén a nota).

18 Aproveita as cancións que falan da esperanza da resurrección (Ef. 5:19). d Estas cancións fan que a resurrección sexa máis real para nós e fortalecen a nosa fe nesta esperanza. Escóitaas, practícaas e dedica tempo a falar do que ensinan as súas letras na adoración en familia. Intenta que a letra se grave na túa mente e no teu corazón. Así, cando pases por algunha proba que poña en perigo a túa vida ou cando perdas algún ser querido na morte, Xehová darache o seu espírito para que poidas recordalas. Estas cancións poden darche o consolo e as forzas que necesitas.

19. Que cousas da resurrección facemos ben en imaxinar? (Ver o recadro “ Que lles preguntarías?”).

19 Usa a túa imaxinación. Xehová deunos a capacidade de imaxinarnos no novo mundo. Unha irmá explica: “Paso tanto tempo imaxinándome no novo mundo que é como se puidese desfrutar do aroma das flores no Paraíso”. Pensa no que será coñecer homes e mulleres de tempos bíblicos que foron fieis a Xehová. A quen tes máis ganas de coñecer? Que preguntas lle queres facer? Ademais, intenta visualizar como será volver a ver os teus seres queridos que xa non están. Imaxina como será ese momento cando volvades a estar xuntos: no primeiro que lles vas dicir, nese abrazo interminable que vos ides dar e en como choraredes de alegría.

20. A que debemos estar decididos?

20 Canto lle agradecemos a Xehová a promesa da resurrección! Podemos estar seguros de que se fará realidade porque Xehová ten o desexo e o poder para cumprila. Decidámonos a seguir fortalecendo a nosa fe nesta marabillosa esperanza. Se o facemos, acercarémonos aínda máis a Deus, quen nos promete a cada un de nós: “Os teus seres queridos resucitarán!”.

CANCIÓN sn 12 A promesa da vida eterna

a Se perdiches algún ser querido, seguro que te consola moito coñecer a promesa da resurrección. Pero, como poderías explicarlles a outros por que cres nesta promesa? E que podes facer para que sexa máis real para ti? O obxectivo deste artigo é axudarnos a fortalecer a nosa fe na esperanza da resurrección.

b Este vídeo titúlase Non quedaba nada e presentouse no programa mensual de JW Broadcasting de novembro de 2016.

c Mira o recadro “Ocho resurrecciones redactadas en la Biblia” que aparece na revista La Atalaya do 1 de agosto de 2015, páxina 4 (dispoñible en español).

d Busca as seguintes cancións: “Imaxina que estás no mundo novo” (canción 139 do cancioneiro Cantemos con ledicia a Xehová), “Pon os ollos no mundo novo” (canción 24 do cancioneiro Cantemos a Xehová) e “Chamarei” (canción 111 do cancioneiro Cantemos a Xehová). Busca tamén as seguintes cancións en jw.org: Non quedaba nada, O novo mundo que viráYa verás (dispoñible en español).