Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 17

Xehová axudarache cando te enfrontes a problemas inesperados

Xehová axudarache cando te enfrontes a problemas inesperados

“Moitas son as dificultades do xusto, pero Xehová libérao de todas elas” (SAL. 34:19TNM).

CANCIÓN sjj 44 A oración do desconsolado

AVANCE a

1. De que estamos convencidos?

 OS SERVOS de Xehová sabemos que el nos ama e que quere que desfrutemos da mellor vida posible (Rm. 8:35-39). Tamén estamos convencidos de que poñer en práctica os principios bíblicos sempre é bo para nós (Is. 48:17, 18). Pero, como deberiamos reaccionar se nos veñen problemas inesperados?

2. a) A que dificultades poderiamos enfrontarnos? b) Que poderiamos preguntarnos debido a estas dificultades?

2 Tódolos servos de Xehová nos enfrontamos a dificultades. Por exemplo, poida que un familiar faga algo que nos decepcione. Pode que teñamos problemas de saúde graves que limiten o que podemos facer por Xehová. Poida que suframos debido a un desastre natural. Ou que nos persigan polas nosas crenzas. Cando pasamos por dificultades coma estas, poderiamos preguntarnos: “Por que me pasa isto a min? Fixen algo mal? Quere dicir que Xehová non me está bendicindo?”. Se te sentiches así algunha vez, non te desanimes. Moitos servos leais de Xehová tiveron sentimentos parecidos (Sal. 22:2, 3 [22:1, 2, TNM]; Hab. 1:2, 3).

3. Que podemos aprender de Salmo 34:19, TNM?

3 Le Salmo 34:19, TNM. Fíxate en dúas ideas importantes deste salmo: 1) As persoas xustas enfróntanse a problemas. 2) Xehová libéranos das nosas dificultades. Como o fai? Unha maneira é axudándonos a ter un punto de vista realista da vida neste sistema. Aínda que el nos promete que servilo nos fará felices, non nos asegura que non vaiamos ter problemas na vida (Is. 66:14). Ademais, Xehová tamén nos anima a centrarnos no futuro, na clase de vida que el quere que desfrutemos para sempre (2 Cor. 4:16-18). Mentres ese momento non chega, el axúdanos a seguir servíndoo cada día (Lam. 3:22-24).

4. Que imos analizar neste artigo?

4 Neste artigo imos analizar o que podemos aprender dos exemplos de servos fieis de Xehová, tanto do pasado como dos nosos días. Como imos ver, é probable que pasemos por problemas inesperados. Pero, se confiamos en Xehová, el sempre nos axudará (Sal. 55:22TNM). Mentres analizamos estes exemplos, pregúntate: “Como reaccionaría eu nunha situación parecida? Como fortalecen a miña confianza en Xehová estes exemplos? Que leccións podo aplicar na miña vida?”.

EXEMPLOS DO PASADO

Aínda que Labán enganou a Xacob e non foi honrado con el, Xehová bendiciu a Xacob durante os 20 anos que traballou para o seu tío (ver o parágrafo 5).

5. Que problemas tivo Xacob por culpa de Labán? (Ver a imaxe da portada da revista).

5 Na Biblia encontramos exemplos de servos de Xehová que pasaron por problemas que non esperaban. Pensa en Xacob. Seu pai mandoulle que casase cunha das fillas de Labán, un familiar que tamén adoraba a Xehová. E aseguroulle que Deus lle daría moitas bendicións (Xén. 28:1-4). Así que Xacob fixo o correcto e obedeceu. Deixou atrás a terra de Canaán e viaxou ata a casa de Labán, que tiña dúas fillas: Lea e Raquel. Xacob enamorouse de Raquel, a filla máis nova de Labán, e aceptou traballar para el sete anos antes de poder casar con ela (Xén. 29:18). Pero as cousas non saíron como el esperaba. Labán enganouno para que casase con Lea, a súa filla máis vella. É certo que lle deixou casar con Raquel unha semana despois, pero só a cambio de traballar para el sete anos máis (Xén. 29:25-27). Ademais, Labán tamén foi inxusto nos negocios que fixo con Xacob. Ó final, Labán explotou a Xacob durante máis de 20 anos! (Xén. 31:41, 42).

6. Que outras situacións difíciles tivo que pasar Xacob?

6 Xacob tivo que pasar por outras situacións difíciles. Por exemplo, aínda que tivo unha familia moi grande, os seus fillos non sempre se levaron ben. De feito, incluso venderon a Xosé, o seu propio irmán, como escravo. Dous dos seus fillos, Simeón e Leví, deshonraron a familia e mancharon o nome de Xehová. Ademais, Raquel, a súa segunda muller á que tanto quería, morreu mentres daba a luz o seu segundo fillo. E cando Xacob xa ía vello, tivo que mudarse a Exipto por culpa dunha fame moi grande (Xén. 34:30; 35:16-19; 37:28; 45:9-11, 28).

7. Como lle demostrou Xehová a Xacob que contaba coa súa aprobación?

7 A pesar de todo, Xacob nunca deixou de confiar en Xehová e nas Súas promesas. A cambio, Xehová demostroulle que contaba coa súa aprobación. Por exemplo, aínda que Labán o tratou de maneira inxusta, Xehová fixo que Xacob conseguise moitos bens. Ademais, despois de crer durante tantos anos que Xosé estaba morto, puido volver a estar con el. Pensa no agradecido que lle tivo que estar a Xehová por iso! Xacob puido facerlles fronte a estas situacións porque tiña unha amizade moi estreita con Xehová (Xén. 30:43; 32:10, 11 [32:9, 10, TNM]; 46:28-30). Nós tamén poderemos facerlles fronte ós problemas inesperados se somos bos amigos de Xehová.

8. Que quería facer o rei David?

8 O rei David non puido facer por Xehová todo o que quixo. Por exemplo, tiña moitas ganas de construírlle un templo. Cando llo contou ó profeta Natán, el díxolle: “Fai o que tes no corazón, pois o Señor está contigo” (1 Cró. 17:1, 2). Podes imaxinar o feliz que se debeu de sentir David ó escoitar esas palabras? Ó mellor, incluso empezou nese mesmo momento a facer plans para ese proxecto tan grande.

9. Como reaccionou David cando lle deron malas noticias?

9 Pero pouco despois, o profeta de Xehová volveu con malas noticias. “Aquela mesma noite” Xehová dixéralle a Natán que non sería David o que construiría o templo, senón que o faría un dos seus fillos (1 Cró. 17:3, 4, 11, 12). Como reaccionou David? Axustou os seus obxectivos. Así que se centrou en xuntar os cartos e os materiais que necesitaría o seu fillo Salomón para o proxecto (1 Cró. 29:1-5).

10. Como bendiciu Xehová a David?

10 Xusto despois de dicirlle a David que non ía construír o templo, Xehová fixo un pacto con el: prometeulle que un dos seus descendentes gobernaría para sempre (2 Sam. 7:16). Imaxina o feliz que se sentirá David no novo mundo cando aprenda que o Rei do Reino de Mil Anos é Xesús, un dos seus descendentes. Este relato axúdanos a ver que, incluso se non podemos facer por Xehová todo o que nos gustaría, el pode bendicirnos de maneiras que nin sequera imaxinamos.

11. Aínda que o Reino non chegou cando os cristiáns do primeiro século esperaban, como puideron ver que Xehová os bendicía? (Feitos 6:7).

11 Os cristiáns do primeiro século tamén tiveron que pasar por problemas que non esperaban. Por exemplo, estaban desexando que chegase o Reino de Deus, pero non sabían cando pasaría (Feit. 1:6, 7). Entón, que fixeron? Mantivéronse ocupados predicando. A medida que se espallaban as boas noticias, puideron ver de maneira evidente que Xehová estaba bendicindo os seus esforzos (le Feitos 6:7).

12. Que fixeron os cristiáns do primeiro século cando houbo “unha gran fame”?

12 Pero entón houbo “unha gran fame por toda a terra” (Feit. 11:28). Podes imaxinar como lles afectou isto ós cristiáns do primeiro século? Seguro que os pais estaban preocupados por como ían conseguir comida para as súas familias. E que pasaría cos rapaces que fixeran plans para predicar máis? Poderían pensar que era mellor deixalo para máis adiante? Sen importar as súas circunstancias, estes cristiáns adaptáronse e seguiron predicando o máximo posible. Ademais, estaban moi contentos de poder compartir as cousas que tiñan cos seus irmáns e irmás de Xudea (Feit. 11:29, 30).

13. De que bendicións desfrutaron os cristiáns durante aquela “gran fame”?

13 De que bendicións desfrutaron os cristiáns durante aquela “gran fame”? Os que recibiron axuda, puideron ver de maneira clara a man de Xehová (Mt. 6:31-33). Ademais, debéronse de sentir máis unidos ós irmáns que lles axudaron. E os que fixeron doazóns ou participaron dalgunha outra maneira nos labores de socorro sentiron a felicidade que produce dar (Feit. 20:35). Xehová bendiciunos a todos por adaptarse ós cambios nas súas circunstancias.

14. Que lles pasou a Bernabé e a Paulo, e cales foron os resultados? (Feitos 14:21, 22).

14 Os cristiáns do primeiro século foron perseguidos moitas veces, algunhas delas cando menos o esperaban. Fíxate no que lles pasou a Bernabé e ó apóstolo Paulo mentres estaban predicando na zona de Listra. Ó principio acolléronos con cariño e escoitáronos. Pero máis tarde, uns opositores “convenceron á xente” e algunhas desas persoas apedraron a Paulo ata que o deron por morto (Feit. 14:19). Aínda así, Bernabé e Paulo seguiron predicando noutro lugar. Cales foron os resultados? A Biblia di que fixeron “bastantes discípulos”, e as súas palabras e o seu exemplo fortaleceron os irmáns (le Feitos 14:21, 22). Bernabé e Paulo non se renderon a pesar de que sufriron persecución cando non o esperaban. Grazas a iso, beneficiáronse moitas persoas. Se nós tampouco nos rendemos e seguimos facendo o labor que Xehová nos encargou, el tamén nos bendicirá.

EXEMPLOS DOS NOSOS DÍAS

15. Que che ensina o exemplo do irmán A. H. Macmillan?

15 Pouco antes de 1914, os servos de Xehová esperaban que pasasen cousas moi importantes. Fíxate por exemplo no irmán A. H. Macmillan. Igual que moitos naquela época, pensaba que ía recibir a súa recompensa celestial moi pronto. De feito, nun discurso que deu en setembro de 1914, dixo: “Este é probablemente o meu último discurso público”. Claro, non o foi. O irmán Macmillan escribiu máis tarde: “Quizais algúns nos apresuramos demasiado ó pensar que iamos ir ó ceo inmediatamente”. E engadiu: “O que tiñamos que facer era manternos ocupados servindo o Señor”. E iso foi o que fixo. Predicou con entusiasmo. Ademais, tivo o privilexio de animar moitos irmáns que estaban no cárcere por ser neutrais. E seguiu asistindo fielmente ás reunións de congregación ata o final da súa vida aquí na Terra. Por que foi bo para o irmán Macmillan que aproveitase ben o tempo mentres esperaba pola súa recompensa? Pouco antes de morrer en 1966, escribiu: “A miña fe hoxe é tan forte coma antes”. Que exemplo máis bo para todos nós! Debemos imitar a súa actitude, sobre todo se levamos aguantando máis tempo do que esperabamos (Heb. 13:7).

16. A que desafío inesperado se enfrontaron Herbert Jennings e a súa muller? (Santiago 4:14).

16 Moitos servos de Xehová teñen que loitar contra problemas de saúde inesperados. Por exemplo, na súa biografía, o irmán Herbert Jennings conta que el e a súa muller estaban moi contentos servindo como misioneiros en Ghana. b Pero co tempo diagnosticáronlle un trastorno emocional grave. O irmán Jennings utilizou as palabras de Santiago 4:14 (leo) e dixo que este cambio de circunstancias fora “un ‘mañá’ que non esperabamos”. El escribiu: “Enfrontámonos á realidade, preparámonos para deixar Ghana e despedirnos de moitos bos amigos, e para volver ó Canadá [para recibir tratamento médico]”. Xehová axudoulles ó irmán Jennings e á súa muller a seguir servíndoo fielmente a pesar do desafío ó que se estaban enfrontando.

17. Como lles axudou a outros irmáns o exemplo do irmán Jennings?

17 Os comentarios sinceros que fixo o irmán Jennings na súa biografía axudáronlles moito a algúns irmáns. Por exemplo, unha irmá escribiu: “Nunca me chegara tanto ó corazón un artigo. [...] Ler que o irmán Jennings tivo que renunciar á súa asignación para coidar da súa saúde, axudoume a ver a miña situación de maneira equilibrada”. Outro irmán escribiu: “Despois de servir como ancián durante dez anos, tiven que deixar esa responsabilidade debido a unha enfermidade mental. Sentía que fracasara, e normalmente deprimíame aínda máis cando lía as biografías. Pero o aguante do irmán Jennings animoume moito”. Isto recórdanos que, cando aguantamos problemas inesperados, o noso exemplo pode animar a outros. Incluso se a nosa vida non acaba sendo como nós esperabamos, podemos ser un exemplo de fe e de aguante (1 Pe. 5:9).

Se confiamos en Xehová, os imprevistos da vida acercarannos aínda máis a el (ver o parágrafo 18).

18. Como se representa nas imaxes, que che ensina o exemplo dunha viúva de Nixeria?

18 Os desastres como a pandemia da Covid-19 afectáronlles a moitos servos de Xehová. Por exemplo, unha viúva de Nixeria case non tiña cartos e quedáballe moi pouca comida. Unha mañá, a súa filla preguntoulle que ían comer despois de cociñar o pouquiño arroz que lles quedaba. A nosa irmá díxolle que non lles quedaban cartos nin comida, pero que deberían facer o mesmo que fixo a viúva de Sarepta: preparar a súa última comida e confiar totalmente en Xehová (1 Re. 17:8-16). Pero antes de que empezasen a preocuparse polo que ían comer, recibiron un paquete dos irmáns. Nel había suficiente comida para máis de dúas semanas. A irmá dixo que naquel momento non se imaxinaba que Xehová estivese escoitando con tanta atención o que lle dicía á súa filla. Está claro que se confiamos en Xehová, os problemas inesperados que teñamos na vida poden acercarnos aínda máis a el (1 Pe. 5:6, 7).

19. Que tivo que aguantar Aleksei Ierxov?

19 Nos últimos anos, moitos dos nosos irmáns tiveron que aguantar persecución coa que quizais non contaban. Fíxate no que lle pasou a Aleksei Ierxov, que vive en Rusia. Cando se bautizou en 1994, os servos de Xehová tiñan certa liberdade naquela zona. Pero nos últimos anos, a situación en Rusia cambiou. No 2020, as autoridades invadiron a casa do irmán Ierxov para rexistrala e confiscáronlle moitas das súas cousas. Varios meses despois, presentaron cargos criminais contra el. Para empeorar a situación, os cargos baseábanse en gravacións de vídeo que fixera unha persoa que durante máis dun ano finxira querer estudar a Biblia. Vaia traizón!

20. Que fixo o irmán Ierxov para fortalecer a súa relación con Xehová?

20 Pódese destacar algo positivo do que lle pasou ó irmán Ierxov? Si. A súa relación con Xehová fíxose máis forte. El di: “Agora a miña muller e mais eu oramos xuntos máis ca antes. Sei que non podería soportar esta situación sen a axuda de Xehová”. E engade: “O meu estudo persoal axúdame a loitar contra o desánimo. Medito nos exemplos de servos fieis do pasado. Hai moitos relatos na Biblia que destacan o importante que é manter a calma e confiar en Xehová”.

21. Que aprendemos neste artigo?

21 Que aprendemos neste artigo? Que a vida neste sistema está chea de imprevistos. Aínda así, Xehová sempre lles axuda ós seus servos que confían nel. Como di o texto temático deste artigo: “Moitas son as dificultades do xusto, pero Xehová libérao de todas elas” (Sal. 34:19TNM). Polo tanto, sigámonos centrando no poder que ten Xehová para axudarnos, en vez de centrarnos nas nosas dificultades. Así, poderemos dicir o mesmo que dixo o apóstolo Paulo: “Teño forzas para todo gracias a quen me fai forte” (Flp. 4:13).

CANCIÓN sjj 38 Xehová darache forzas

a Aínda que ás veces veñan problemas inesperados, podemos estar seguros de que Xehová lles axudará ós seus servos. Como o fixo no pasado? Como o está facendo hoxe en día? Analizar exemplos da Biblia e da actualidade fará que esteamos máis convencidos de que, se confiamos nel, Xehová vainos axudar.