Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 14

CANCIÓN sn 34 Fagamos honor ó noso nome

Cheguemos a ser cristiáns maduros

Cheguemos a ser cristiáns maduros

“Pasemos xa ós conceptos que son propios dos adultos” (HEB. 6:1).

OBXECTIVO

Aprender como pode un cristián maduro pensar e actuar de acordo coa vontade de Xehová, e así tomar decisións sabias.

1. Que nos pide Xehová?

 POUCAS cousas lle producen máis alegría a un matrimonio que o nacemento dun fillo. Aínda que os pais queren moito o seu pequeniño que acaba de nacer, non lles gustaría que siga sendo un bebé para sempre. De feito, estarían moi preocupados se ven que o seu fillo non medra. Da mesma forma, Xehová alégrase moito cando damos os nosos primeiros pasos como seguidores de Xesús. Pero Deus non quere que nos quedemos sempre aí e sigamos sendo coma nenos pequenos (1 Cor. 3:1). Máis ben pídenos que cheguemos a ser adultos, ou maduros, en sentido espiritual (1 Cor. 14:20).

2. Que imos analizar neste artigo?

2 Neste artigo imos analizar as seguintes preguntas: Que significa chegar a ser un cristián maduro? Que temos que facer para conseguilo? Como inflúe o alimento espiritual sólido no noso crecemento? E, por que deberiamos evitar o exceso de confianza?

QUE SIGNIFICA CHEGAR A SER UN CRISTIÁN MADURO?

3. Que significa chegar a ser un cristián maduro?

3 Na Biblia, a palabra grega que se traduce como “maduro” tamén pode significar “adulto”, “perfecto” e “completo” (Ef. 4:13). Igual que un bebé medra ata que chega a ser adulto, nós tamén temos que crecer en sentido espiritual e facer máis forte a nosa relación con Xehová. É así como chegamos á madurez cristiá. Por suposto, incluso cando alcancemos esta meta debemos seguir esforzándonos por mellorar (1 Tim. 4:15). Todos nós, aínda que esteamos na xuventude, podemos ser maduros espiritualmente. Pero, como sabemos se xa o conseguimos?

4. Como describirías un cristián maduro?

4 Un cristián maduro é o que vive respectando tódalas normas de Deus, e non escolle as que quere seguir e as que non. Por suposto, é imperfecto e comete erros. Pero, aínda así, esfórzase cada día por pensar e actuar da forma que Xehová quere. Xa vestiu a nova personalidade e intenta que a súa maneira de pensar se pareza cada vez máis á de Deus (Ef. 4:22-24). Aprendeu a tomar boas decisións baseándose nas leis e nos principios de Xehová e non necesita unha longa lista de normas para saber o que ten que facer en cada caso. Cando toma unha decisión é disciplinado e lévaa a cabo (1 Cor. 9:26, 27).

5. Que lle pode pasar a un cristián que non é maduro? (Efesios 4:14, 15).

5 Por outro lado, o cristián que aínda non é maduro pode ser enganado facilmente. Quizais crea a quen difunde noticias enganosas, rumores e historias falsas nos medios de comunicación. Tamén podería deixarse confundir por teorías de conspiración e por apóstatas (le Efesios 4:14, 15). a É posible que teña tendencia a sentir celos dos demais, a provocar conflitos, a ofenderse facilmente e a facer o que está mal cando se enfronta a tentacións (1 Cor. 3:3).

6. A que se pode comparar o proceso de chegar a ser un cristián maduro? (Ver tamén a imaxe).

6 Como mencionamos antes, a Biblia compara o proceso de madurar en sentido espiritual co de facerse adulto. Hai moitas cousas que os nenos aínda non saben, por iso necesitan que un adulto os protexa e os guíe. Poñamos un exemplo. Unha nai podería pedirlle á súa nena pequena que lle dea a man para cruzar a rúa. A medida que a nena vai medrando, é posible que a nai lle permita cruzar a ela soa, pero recordaralle que antes de facelo mire ós dous lados para asegurarse de que non veña ningún coche. En cambio, cando a rapaza chega a ser adulta xa é capaz de evitar por si mesma perigos coma estes. Igual que un neno pequeno necesita a guía dun adulto para evitar os riscos, o cristián que non é maduro necesita a axuda doutros que si o son para tomar decisións sabias e evitar calquera cousa que dane a súa relación con Xehová. Pola contra, o cristián que xa chegou á madurez é capaz de meditar nos principios bíblicos para saber o que pensa Xehová, e despois pono en práctica.

Os cristiáns que non son maduros teñen que aprender a aplicar os principios bíblicos para tomar decisións sabias (ver o parágrafo 6).


7. Necesitan os cristiáns maduros a axuda doutros?

7 Significa isto que un cristián maduro nunca necesita axuda? Non, ás veces tamén terá que pedir consello a outros que teñen máis experiencia e sabedoría. Pero, o cristián maduro entende que é el o responsable de tomar as súas propias decisións e de “leva-lo seu fardel” (Gál. 6:5). En cambio, alguén que aínda non madurou en sentido espiritual quizais queira que os demais lle digan o que ten que facer ou que tomen decisións por el.

8. En que sentido son diferentes uns dos outros os cristiáns maduros?

8 Igual que non tódolos adultos temos o mesmo aspecto físico, tampouco tódolos cristiáns maduros temos as mesmas cualidades. Por exemplo, algúns son moi sabios, outros son moi valentes, hai quen é moi xeneroso e outros destacan por ter moita empatía. Ademais, é posible que cando dous cristiáns maduros se enfronten a unha situación parecida cheguen a conclusións diferentes, aínda que ambas estean en harmonía cos principios bíblicos. Isto pasa sobre todo en asuntos nos que cada un debe decidir baseándose na súa propia conciencia. Por iso, evitan xulgar os demais cando escollen algo diferente. Máis ben, concéntranse en seguir unidos (Rom. 14:10; 1 Cor. 1:10).

QUE TEMOS QUE FACER PARA CHEGAR A SER CRISTIÁNS MADUROS?

9. Chégase automaticamente á madurez espiritual? Explica a túa resposta.

9 Co paso do tempo, un neno convértese en adulto automaticamente. Pero non pasa o mesmo coa madurez espiritual. Por exemplo, os irmáns de Corinto aceptaron as boas noticias, bautizáronse, recibiron o espírito santo e aprenderon moito do que o apóstolo Paulo lles ensinou (Feit. 18:8-11). Pero moitos aínda non eran maduros, e iso que xa pasaran anos dende que se bautizaran (1 Cor. 3:2). Como podemos evitar que iso nos pase a nós?

10. Que temos que facer para chegar a ser maduros? (Xudas 20).

10 O primeiro paso para chegar a ser maduro é querer selo. Os que aman a “inxenuidade”, é dicir, os que prefiren ser coma nenos en sentido espiritual porque se senten cómodos tal e como están, nunca chegarán a ser maduros (Prov. 1:22). Non queremos ser coma alguén que é adulto fisicamente pero segue dependendo de seus pais para que tomen decisións por el. Máis ben, queremos ser responsables da nosa propia relación con Xehová (le Xudas 20). Se te estás esforzando por chegar a ser un cristián maduro, pídelle a Deus que che dea “tanto o querer coma o facer” (Filip. 2:13).

11. Que axudas nos dá Xehová para que poidamos chegar a ser maduros? (Efesios 4:11-13).

11 Xehová non espera que cheguemos a ser maduros por nós mesmos. El deunos pastores e mestres na congregación para axudarnos a conseguir a “madurez” espiritual, é dicir, “o desenvolvemento propio da plenitude de Cristo” (le Efesios 4:11-13). Xehová tamén nos dá o seu espírito santo para que poidamos ter “a mente de Cristo” (1 Cor. 2:14-16, TNM). Ademais, fixo que se escribisen os catro Evanxeos para axudarnos a ver como pensou, falou e actuou Xesús cando estivo na Terra. Se o imitamos poderemos alcanzar o obxectivo de ser cristiáns maduros.

COMO INFLÚE O ALIMENTO ESPIRITUAL SÓLIDO NO NOSO CRECEMENTO?

12. Que son “as primeiras nocións acerca de Cristo”?

12 Para avanzar cara á madurez, debemos deixar atrás “as primeiras nocións acerca de Cristo”, é dicir, as ensinanzas básicas dos cristiáns verdadeiros. Algunhas delas son o arrepentimento, a fe, o bautismo e a resurrección (Heb. 6:1, 2). Estas ensinanzas son a base do cristianismo. Por iso o apóstolo Pedro falou delas cando lle predicou a unha multitude no Pentecostés (Feit. 2:32-35, 38). Para chegar a ser discípulos de Cristo temos que aceptar estas ensinanzas. Por iso, Paulo escribiu que quen non cre na resurrección non pode dicir que é un cristián verdadeiro (1 Cor. 15:12-14). Pero, se queremos ser maduros en sentido espiritual, non debemos conformarnos con saber as verdades básicas.

13. Que temos que facer para beneficiarnos do alimento espiritual sólido que se menciona en Hebreos 5:14? (Ver tamén a imaxe).

13 A diferenza das verdades básicas, o alimento espiritual sólido non só inclúe as leis de Xehová senón tamén os seus principios. Estes axúdannos a entender a súa maneira de pensar. Para beneficiarnos dese alimento temos que estudar a Biblia, meditar no que aprendemos e despois esforzarnos ó máximo por aplicalo. Se o facemos, aprenderemos a tomar decisións que lle gusten a Xehová (le Hebreos 5:14). b

Para tomar decisións que lle gusten a Xehová necesitamos o alimento espiritual sólido (ver o parágrafo 13). c


14. Que axuda lles deu Paulo ós cristiáns de Corinto para que chegasen a ser cristiáns maduros?

14 Ós cristiáns que non son maduros resúltalles difícil tomar unha decisión correcta cando non hai unha lei específica sobre ese asunto, senón que hai que razoar baseándose en principios bíblicos. Neses casos, algúns cren que poden facer o que lles apeteza. Outros prefiren que se poñan normas cando, en realidade, non é necesario. Por exemplo, parece que os cristiáns de Corinto lle pediron a Paulo que establecese unha pauta sobre se podían comer alimentos que se ofreceran a un ídolo. En vez de dicirlles o que tiñan que facer, Paulo mostroulles que cada un tiña dereito a decidir baseándose no que a súa conciencia lle permitise. El mencionoulles algúns principios que lles poderían axudar a tomar unha decisión que os deixase coa conciencia tranquila e que non fixese tropezar a outros (1 Cor. 8:4, 7-9). Paulo ensinoulles ós cristiáns de Corinto a usar as Escrituras para tomar as súas propias decisións, en vez de simplemente buscar normas ou depender doutros. Desta maneira estáballes axudando a crecer espiritualmente para chegar a ser cristiáns maduros.

15. Como lles axudou Paulo ós cristiáns hebreos a progresar espiritualmente?

15 Aprendemos outra lección moi valiosa do que Paulo lles escribiu ós cristiáns hebreos. Algúns non seguiron medrando en sentido espiritual. De feito, el díxolles: “Volvedes precisar leite e non mantenza [espiritual] sólida” (Heb. 5:12). Estes irmáns deixaran de manterse ó día coas verdades que Xehová estaba revelando pouco a pouco a través da congregación (Prov. 4:18). Por exemplo, moitos cristiáns xudeus seguían promovendo a Lei mosaica, a pesar de que xa había uns 30 anos que o sacrificio de Cristo lle puxera fin (Rom. 10:4; Tito 1:10). Seguramente non era demasiado pedir que, despois de 30 anos, os cristiáns xudeus tivesen axustado a súa forma de pensar. Ó ler a Carta ós Hebreos dámonos conta de que contén alimento espiritual sólido. Iso era xusto o que eles necesitaban para fortalecer a súa fe en que esta nova forma de adoración era moito mellor que a anterior. Tamén lles daba o valor que precisaban para seguir predicando a pesar da oposición que tiñan por parte dos xudeus (Heb. 10:19-23).

EVITEMOS O EXCESO DE CONFIANZA

16. Á parte de chegar á madurez, que máis temos que facer?

16 Temos que esforzarnos moito, non só por alcanzar a madurez, senón tamén por mantela. Para isto é necesario que non nos confiemos demasiado (1 Cor. 10:12). Debemos seguir autoexaminándonos para asegurarnos de que continuamos progresando (2 Cor. 13:5).

17. Como mostra a carta de Paulo ós colosenses a necesidade de seguir sendo maduros?

17 Na súa Carta ós Colosenses, Paulo volve destacar que é necesario seguir sendo maduros. Aínda que estes cristiáns xa eran adultos en sentido espiritual, Paulo advertiulles que tivesen coidado para que a forma de pensar da xente do mundo non os enganase (Col. 2:6-10). E Epafras, que seguramente coñecía ben os irmáns daquela congregación, oraba constantemente para que se mantivesen “na perfección”, ou madurez (Col. 4:12). Cal é a lección? Tanto Paulo coma Epafras entendían que para seguir sendo maduros é necesario esforzarse e tamén contar coa axuda de Xehová. Eles querían que os colosenses non deixasen de ser cristiáns adultos espiritualmente a pesar dos desafíos ós que se enfrontaban.

18. Que lle podería pasar a un cristián maduro? (Ver tamén a imaxe).

18 Paulo escribiulles ós hebreos que se un cristián maduro non ten coidado podería perder para sempre a aprobación de Deus. Se rechaza obedecer a Xehová podería chegar a estar tan lonxe del que xa non lle sexa posible arrepentirse e recibir o seu perdón. Menos mal que eles non chegaran ata ese punto (Heb. 6:4-9). E que hai dos que hoxe en día se volven inactivos ou teñen que ser expulsados da congregación pero despois se arrepinten? Se se arrepinten humildemente, demostran que non son coma esas persoas sobre as que Paulo escribiu. Aínda que, evidentemente, cando volven a Xehová necesitan a axuda que el dá (Ezeq. 34:15, 16). Os anciáns poden pedirlle a un irmán ou irmá con experiencia que axude a alguén que está volvendo a Xehová a recuperar a súa relación con el.

Xehová axúdalles ós que necesitan recuperar as forzas en sentido espiritual (ver o parágrafo 18).


19. Que meta deberiamos poñernos?

19 Se te estás esforzando por chegar a ser un cristián maduro, podes conseguir a túa meta! Para logralo, sigue aprendendo as verdades profundas da Biblia e intenta que a túa forma de pensar se pareza cada vez máis á de Xehová. E se xa alcanzaches a madurez cristiá, fai todo o posible por mantela agora e para sempre!

QUE RESPONDERÍAS?

  • Que significa chegar a ser un cristián maduro?

  • Como podemos chegar a ser cristiáns maduros?

  • Por que deberiamos evitar o exceso de confianza?

CANCIÓN sn 45 Vaiamos cara adiante!

a Mira o artigo “Cómo protegerse de la información falsa” na serie de artigos “Otros temas” en jw.org e JW Library® en español.

b Mira o artigo “Proxecto de estudo” que aparece nesta revista.

c DESCRICIÓN DA IMAXE.: Un irmán aplicando os principios que aprendeu na Biblia para escoller o que vai ver na televisión.