Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 16

CANCIÓN sn 44 Vivimos na tempada da colleita

Como podemos sentir máis alegría na predicación

Como podemos sentir máis alegría na predicación

“Servide o Señor con alegría” (SAL. 100:2).

OBXECTIVO

Analizar algunhas ideas que nos poden axudar a ter máis alegría na predicación.

1. Como se senten algúns cando teñen que falar con outras persoas na predicación? (Ver tamén a imaxe).

 OS SERVOS de Xehová predicamos porque amamos o noso Pai celestial e queremos axudarlles ós nosos veciños a coñecelo. A moitos publicadores encántalles facer este labor, pero a outros resúltalles difícil desfrutar da predicación. Por que? Algúns quizais son moi tímidos e fáltalles confianza en si mesmos. Outros non se senten cómodos indo ás casas da xente sen que os inviten. Tamén hai a quen lle dá medo que o traten mal. Ademais hai irmáns ós que, dende pequenos, lles inculcaron que deben evitar contradicir a outros para que non se molesten. Aínda que aman moito a Xehová, a estes irmáns fáiselles difícil abordar persoas que non coñecen para falarlles das boas noticias. A pesar diso son conscientes do importante que é esta obra e participan nela regularmente. Que contento se ten que sentir Xehová!

Desfrutas na predicación? (Ver o parágrafo 1).


2. Se che custa desfrutar da predicación, por que non te debes desanimar?

2 Cústache ás veces desfrutar da predicación por culpa dalgúns dos sentimentos que se describiron no parágrafo anterior? Se é así, non te desanimes! A falta de confianza en ti mesmo indica que es humilde, que non che gusta ser o centro de atención e que queres evitar discutir coas persoas. A ninguén lle gusta sentirse rechazado, especialmente se está intentando facer algo bo polos demais. O teu Pai celestial coñece ben os desafíos ós que te enfrontas e quere axudarche (Is. 41:13). Neste artigo imos analizar cinco ideas que nos ensinarán a controlar estes sentimentos e a conseguir desfrutar máis da predicación.

DEIXA QUE A PALABRA DE DEUS CHE DEA VALOR

3. Como conseguiu o profeta Xeremías o valor que necesitaba para predicarlles a outros?

3 Ó longo da historia, a mensaxe de Deus fortaleceu os seus servos cando tiveron que cumprir con tarefas difíciles. Pensa por exemplo no profeta Xeremías. El púxose moi nervioso cando Xehová lle dixo que tiña que predicar. Por iso dixo: “Repara en que non sei falar, que son un rapaz” (Xer. 1:6). Que lle axudou a superar a súa falta de confianza? O que Deus lle dixera deulle o valor que necesitaba. Xeremías escribiu: “A súa palabra vólvese coma un lume abrasador no meu corazón, un lume prendido nos meus ósos; fago forza por apagalo, pero non son capaz” (Xer. 20:8, 9). Aínda que a este profeta lle tocou un territorio difícil, a mensaxe que Deus lle mandara proclamar deulle as forzas que necesitaba para levar a cabo a súa tarefa.

4. Que resultados obtemos cando lemos a Biblia e meditamos nela? (Colosenses 1:9, 10).

4 A mensaxe que se encontra na Palabra de Deus tamén lles dá valor ós cristiáns. Cando o apóstolo Paulo lle escribiu á congregación de Colosas, díxolles a aqueles irmáns que ter coñecemento exacto os motivaría a facer as cousas como Xehová quere. E tamén lles axudaría a seguir dando “coma froitos toda clase de obras boas” (le Colosenses 1:9, 10). Unha destas boas obras é a predicación das boas noticias. Así que cando lemos a Biblia e meditamos nela, a nosa fe en Xehová aumenta e entendemos mellor a importancia de compartir a mensaxe do Reino coas persoas.

5. Como podemos aproveitar ó máximo a lectura e o estudo da Biblia?

5 Para sacarlle o maior proveito á Palabra de Deus, dedica tempo suficiente a lela, estudala e meditar nela. Non o fagas ás présas. Se te atopas cun versículo que non entendes ben, non o ignores. Máis ben, busca información sobre el na Guía de estudo para as testemuñas de Xehová ou no Índice de las publicaciones Watch Tower (dispoñible en español). Todo isto axudarache a estar aínda máis seguro de que o que di a Biblia é a verdade (1 Tes. 5:21). E canto máis convencido esteas disto, máis desfrutarás de compartir con outros o que aprendes.

PREPÁRATE BEN PARA A PREDICACIÓN

6. Por que deberiamos prepararnos ben para a predicación?

6 Se te preparas ben para a predicación, probablemente te sentirás máis cómodo cando teñas que falar con outros. Antes de enviar os seus discípulos a predicar, Xesús axudoulles a prepararse (Luc. 10:1-11). Como eles puxeron en práctica o que o seu Mestre lles ensinara, conseguiron bos resultados. E isto fixo que sentisen moita alegría (Luc. 10:17).

7. Como podemos prepararnos para a predicación? (Ver tamén a imaxe).

7 Como podemos prepararnos para predicar? Temos que pensar no que queremos dicir, e despois expresalo de maneira natural nas nosas propias palabras. Tamén nos pode axudar pensar de antemán en dúas ou tres obxeccións comúns na nosa zona e en como podemos responder en cada caso. Despois, cando falemos coas persoas, intentemos relaxarnos, sorrir e ser amigables.

Prepárate ben (ver o parágrafo 7).


8. En que se parecen os cristiáns ós vasos de barro que mencionou o apóstolo Paulo na súa comparación?

8 O apóstolo Paulo ilustrou o papel que temos os cristiáns na predicación da seguinte maneira: “Levamos ese tesouro en vasos de barro” (2 Cor. 4:7). Que representa o tesouro? É o labor de predicar a mensaxe do Reino, que pode salvar a vida das persoas (2 Cor. 4:1). E que son os vasos de barro? Representan os servos de Deus que lles levan as boas noticias a outros. No tempo de Paulo, os comerciantes usaban recipientes de barro para transportar mercancías moi valiosas como comida, viño e cartos. Da mesma maneira, Xehová confiou en nós para levar a mensaxe das boas noticias. Coa súa axuda teremos o valor necesario para seguir predicando.

PÍDELLE VALOR A XEHOVÁ

9. Como podemos superar o temor ó home? (Ver tamén a imaxe).

9 Ás veces poderiamos sentir temor ó home, é dicir, medo á oposición ou ó rechazo da xente. Como podemos facerlle fronte a este desafío? Pensa na oración que fixeron os apóstolos cando lles mandaron que deixasen de predicar. En vez de deixarse levar polo medo, pedíronlle a Xehová que lles axudase a seguir “falando da [súa] palabra con moito valor”. Deus contestou esta oración ó momento (Feit. 4:18, 29, 31). Se algunha vez vemos que nos afecta o temor ó home, orémoslle a Xehová. Pidámoslle que o noso amor polas persoas nos axude a vencer o medo.

Pídelle valor a Xehová (ver o parágrafo 9).


10. Como nos axuda Xehová a ser as súas Testemuñas? (Isaías 43:10-12).

10 Xehová nomeounos as súas Testemuñas e promete axudarnos a ser valentes (le Isaías 43:10-12). Como o fai? Mencionemos tan só catro maneiras. Primeira: Xesús sempre está con nós cando predicamos as boas noticias (Mat. 28:18-20). Segunda: Xehová utiliza os anxos para axudarnos (Apoc. 14:6). Terceira: Deus dános o seu espírito santo para facernos recordar as cousas que aprendemos (Xoán 14:25, 26). E cuarta: el deunos como compañeiros os nosos irmáns e irmás. Con Xehová do noso lado e co apoio dos nosos queridos irmáns, contamos con todo o que necesitamos para ter éxito.

SÉ ADAPTABLE E POSITIVO

11. Como poderías encontrar máis persoas na predicación? (Ver tamén a imaxe).

11 Desanímaste cando encontras pouca xente nas casas? Entón, pregúntate: “Onde están as persoas do meu territorio á hora na que eu predico? Estarán noutro lugar como, por exemplo, no traballo ou de compras?” (Feit. 16:13). Se é así, pensas que poderías encontrar máis persoas se predicas polas rúas? Un irmán que se chama Joshua di: “Tiven varias oportunidades de predicar mentres camiñaba por zonas de tendas e aparcadoiros públicos”. Ademais, el e a súa muller, Bridget, déronse conta de que encontraban máis persoas nas casas á última hora da tarde ou os domingos pola tarde (Ef. 5:15, 16).

Sé adaptable (ver o parágrafo 11).


12. Que poderiamos facer se a persoa coa que falamos ten pouco interese na mensaxe?

12 Se parece que a persoa coa que estás falando ten pouco interese na mensaxe, intenta descubrir en que cre ou que cousas lle preocupan. Joshua e Bridget utilizan a pregunta que aparece na primeira páxina das folliñas cando conversan coa xente. Por exemplo, ó usar a folliña Que pensas da Biblia? din: “Algúns pensan que a Biblia é un libro que provén de Deus, pero outros cren que non. Ti que opinas?”. Normalmente, facer isto permite ter conversas coas persoas.

13. Por que podemos dicir que temos éxito cando predicamos aínda que a xente non nos escoite? (Proverbios 27:11).

13 O éxito da nosa predicación non depende dos resultados que obteñamos. Por que dicimos isto? Porque aínda que non falemos con ninguén ou que as persoas rechacen a mensaxe que levamos, xa cumprimos co que Xehová e o seu Fillo querían que fixésemos: dar testemuño (Feit. 10:42). Así que podemos sentirnos felices porque sabemos que o noso Pai celestial está contento con nós (le Proverbios 27:11).

14. Por que nos alegramos cando outro publicador encontra unha persoa que ten interese?

14 Tamén sentimos moita alegría cando algún publicador da congregación encontra alguén que ten interese. A Atalaia comparou o noso labor co que se fai para buscar un neno que se perdeu. Normalmente participan moitas persoas e búscase nunha zona tras outra. Cando encontran o neno, todos están moi contentos, non só a persoa que o atopou. Da mesma forma, o labor de facer discípulos é un traballo en equipo no que participa a congregación enteira. Facemos falta todos para predicar ben o territorio, e todos nos alegramos cando alguén empeza a asistir ás reunións.

CONCÉNTRATE NO TEU AMOR POR XEHOVÁ E POLOS VECIÑOS

15. Como podemos aumentar o noso desexo de predicar? (Mateo 22:37-39) (Ver tamén a imaxe).

15 Podemos facer que medre o noso desexo de predicar se recordamos que participar nesta obra é unha excelente forma de demostrar amor por Xehová e polos nosos veciños (le Mateo 22:37-39). Imaxina o contento que se debe sentir Xehová cando nos ve participar neste labor. Pensa no felices que serán as persoas grazas a coñecer o que di a Biblia. E recorda tamén que os que escoiten a mensaxe que levamos e decidan servir a Deus poderán vivir para sempre (Xoán 6:40; 1 Tim. 4:16).

Para que aumente a túa alegría na predicación, concéntrate no amor que sentes por Xehová e polas persoas (ver o parágrafo 15).


16. Como podemos sentir alegría na predicación aínda que esteamos confinados na nosa casa? Pon un exemplo.

16 Estás confinado na casa por algunha razón? Se é o teu caso, céntrate no que podes facer para demostrarlles amor a Xehová e ós teus veciños. Durante a pandemia da COVID-19, Samuel e Dania non podían saír da casa. Nesa época tan difícil, predicaban a miúdo por teléfono, escribían cartas e conducían cursos da Biblia por Zoom. Samuel tamén lles predicaba ás persoas que encontraba na clínica onde recibía tratamento contra o cáncer. El conta: “As dificultades desgástannos física, mental e espiritualmente. Por iso é tan importante sentir alegría no noso servizo a Xehová”. No medio de todo este proceso, Dania caeu e estivo tres meses encamada. Despois tivo que usar unha cadeira de rodas durante seis meses. Ela conta: “Intentei facer todo o que me permitían as miñas circunstancias. Por exemplo, puiden predicarlle á enfermeira que nos visitaba e faleilles ós repartidores que nos traían cousas á casa. Tamén tiven boas conversacións telefónicas cunha comercial que vendía material médico”. O certo é que as circunstancias de Samuel e Dania limitaban a súa actividade, pero eles fixeron todo o que puideron e iso deulles moita alegría.

17. Como podemos sacar o máximo proveito das ideas que vimos neste artigo?

17 As ideas que vimos neste artigo funcionan mellor cando as aplicamos todas xuntas. Cada unha delas é coma un ingrediente dunha receita. A comida ten máis sabor cando combinamos tódolos ingredientes. Da mesma forma, ó aplicar estes consellos, estaremos mellor equipados para loitar contra os sentimentos negativos e sentiremos máis alegría na predicación.

COMO CHE AXUDAN AS SEGUINTES IDEAS A SENTIR MÁIS ALEGRÍA NA PREDICACIÓN?

  • Dedicar tempo a prepararse ben

  • Pedirlle valor a Xehová

  • Concentrarnos no amor que sentimos por Xehová e polas persoas

CANCIÓN sjj 80 Vede e probade que bo é Deus