Ir ó contido

Ir ó índice

BIOGRAFÍA

O poder de Deus demóstrase nas miñas debilidades

O poder de Deus demóstrase nas miñas debilidades

CANDO a miña muller e mais eu chegamos a Colombia en 1985, o país pasaba por unha época de violencia sen precedentes. O goberno loitaba contra poderosos cárteles de drogas nas cidades e contra os soldados das guerrillas nas montañas. Na zona de Medellín, onde fomos servir máis adiante, bandas de mozos armados patrullaban as rúas. Vendían droga ilegalmente, traballaban de sicarios e extorsionaban a xente pedíndolles cartos a cambio de non facerlles dano. Ningún destes rapaces duraba moito tempo vivo. Dábanos a sensación de que viviamos nun mundo diferente.

Como acabamos en América do Sur dúas persoas normais e correntes de Finlandia, un país nórdico? E que leccións aprendín ó longo dos anos?

A MIÑA XUVENTUDE EN FINLANDIA

Nacín en 1955, e fun o máis novo de tres irmáns. Crieime cerca da costa sur de Finlandia, nunha zona que agora se coñece como a cidade de Vantaa.

Miña nai bautizárase como testemuña de Xehová uns poucos anos antes de que eu nacese. Pero meu pai opoñíase á verdade e non deixaba que miña nai estudase a Biblia con nós, nin que nos levase ás reunións de congregación. Así que ela ensinábanos as verdades da Biblia cando meu pai non estaba.

Con 7 anos xa sabía que quería servir a Xehová

Dende a infancia, sempre quixen obedecer a Xehová. Por exemplo, cando tiña 7 aniños, a miña profesora enfadouse moitísimo comigo porque non quixen comer verilättyjä (unha torta finlandesa feita con sangue). Cunha man apertoume as meixelas para separarme os labios, e coa outra, intentou meterme un garfo cun anaco de torta na boca. Pero conseguín quitarlle o garfo da man.

Cando tiña 12 anos, meu pai faleceu. A partir de aí, puiden asistir ás reunións de congregación. Os irmáns foron moi amables e preocupáronse por min. Isto motivoume a progresar en sentido espiritual. Comecei a ler a Biblia a diario e a estudar as nosas publicacións con esmero. Ter estes bos hábitos de estudo foron a clave para que me bautizase con 14 anos, o 8 de agosto de 1969.

Pouco despois de rematar a escola, fíxenme pioneiro regular. Unhas semanas máis tarde mudeime a Pielavesi, cerca do centro de Finlandia, para poder servir nun lugar de máis necesidade.

En Pielavesi coñecín á que agora é a miña querida muller, Sirkka. Sentinme atraído pola súa humildade e o seu profundo amor por Xehová. Ela non buscaba protagonismo, nin ter moitas comodidades materiais. Os dous queriamos darlle a Xehová o mellor e non nos importaban os privilexios de servizo, senón que estabamos dispostos a facer o que se nos asignase. Casamos o 23 de marzo de 1974. Pero en vez de ir de lúa de mel, marchamos servir a Karttula, onde aínda había máis necesidade de publicadores do Reino.

A casa que alugamos en Karttula, Finlandia

XEHOVÁ COIDOUNOS

O coche que nos deixou meu irmán

Dende que casamos, Xehová sempre nos demostrou que ía coidar das nosas necesidades materiais se poñiamos o Reino en primeiro lugar (Mat. 6:33). Por exemplo, en Karttula, non tiñamos coche. Ó principio, viaxabamos en bicicleta. En inverno as temperaturas chegaban a estar por debaixo dos cero graos. Así que, para predicar no extenso territorio da congregación, necesitabamos un coche. Pero non tiñamos os cartos para compralo.

Un día, un dos meus irmáns veu visitarnos de sorpresa. Moi amablemente, ofreceunos o seu coche. O seguro xa estaba pagado, só tiñamos que botarlle combustible. Así que agora xa tiñamos o vehículo que necesitabamos!

Xehová demostrounos que estaba disposto a asumir a responsabilidade de coidar das nosas necesidades materiais. O noso traballo era poñer os intereses do Reino en primeiro lugar.

O CURSO BÍBLICO DE GALAAD

En 1978, cos nosos compañeiros do Curso para Pioneiros

En 1978, cando asistimos ó Curso para Pioneiros, un dos nosos instrutores foi Raimo Kuokkanen. a El animounos a botar a solicitude para o Curso Bíblico de Galaad. Así que empezamos a estudar inglés para poder asistir. Pero en 1980, antes de que puidésemos encher a solicitude, invitáronnos a servir na sucursal de Finlandia. Naquela época, os betelitas non podían asistir ó Curso de Galaad. Pero nós queriamos ir onde Xehová pensase que era mellor, non onde nós preferísemos. Así que aceptamos a invitación. Aínda así, seguimos estudando inglés por se máis adiante xurdía a oportunidade de cubrir a solicitude para ir a Galaad.

Uns anos despois, o Consello Reitor estendeulles ós betelitas a oportunidade de asistir ó Curso Bíblico de Galaad, así que enchemos as solicitudes de inmediato. Non é que non estivésemos felices en Betel. Todo o contrario! O noso propósito era facernos dispoñibles para servir en zonas onde houbese máis necesidade, se podiamos ser útiles. Aceptaron a nosa solicitude en Galaad e graduámonos na clase 79, en setembro de 1985. Asignáronnos a Colombia.

A NOSA PRIMEIRA ASIGNACIÓN COMO MISIONEIROS

En Colombia, primeiro asignáronnos á sucursal. Tratei de cumprir coa miña nova responsabilidade o mellor que puiden, pero despois dun ano alí, sentín que necesitaba un cambio. Esa foi a primeira e a única vez na miña vida que pedín un cambio de asignación. Entón, enviáronnos como misioneiros á cidade de Neiva, na rexión do Huila.

Sempre desfrutei da predicación. Cando estaba solteiro e servía como pioneiro en Finlandia, ás veces predicaba dende moi cedo pola mañá ata a tardiña. Sirkka mais eu levabamos pouco tempo casados, pero tamén tiñamos o costume de pasar días enteiros predicando. Cando iamos predicar a lugares que estaban lonxe da nosa casa, ás veces durmiamos no coche. Isto reducía o tempo de viaxe e permitíanos empezar cedo ó día seguinte.

De misioneiros volvemos sentir aquel entusiasmo que tiñamos ó principio pola predicación. A nosa congregación creceu. Ademais os irmáns e irmás colombianos eran respectuosos, cariñosos e moi agradecidos.

O PODER DA ORACIÓN

Cerca de Neiva, o lugar onde estabamos asignados, había cidades que non tiñan ningunha testemuña de Xehová. Estaba moi preocupado por como ían chegar as boas noticias a aquelas áreas. De todas formas, por culpa das guerrillas, non eran zonas seguras para os que non eran de alí. Así que lle orei a Xehová para que alguén daquelas cidades se fixese Testemuña. Pensei que, para coñecer a verdade, esa persoa tería que vivir en Neiva. Entón tamén lle pedín que, despois de que esa persoa se bautizase, chegase a ser un cristián maduro en sentido espiritual e retornase á súa cidade natal para predicarlle á xente de alí. Pero debería ter sabido que Xehová pensara nunha solución moito mellor ca esa.

Pouco despois, empecei a estudar a Biblia con Fernando González, un home novo que vivía en Algeciras, unha das vilas nas que non había testemuñas de Xehová. Cada semana, Fernando tiña que viaxar máis de 50 km para vir traballar a Neiva. Preparábase moi ben para cada lección do curso, e enseguida comezou a asistir a tódalas reunións. Dende o primeiro momento, empezou a xuntar outras persoas na súa vila e a ensinarlles o que aprendía no curso da Biblia.

Con Fernando, en 1993

Fernando bautizouse en xaneiro de 1990, seis meses despois de empezar o seu curso bíblico, e pronto se fixo pioneiro regular. Agora que tiñamos unha Testemuña local en Algeciras, a situación xa era suficientemente segura como para que a sucursal asignase pioneiros especiais a aquela zona. En febreiro de 1992 formouse a primeira congregación naquela vila.

Limitouse Fernando a predicar só na súa vila? Non! Despois de casar, el e mais a súa muller, Olga, mudáronse a San Vicente del Caguán, outra vila na que non había Testemuñas. Alí axudaron a formar unha congregación. No ano 2002, Fernando foi nomeado superintendente de circuíto. Na actualidade, este matrimonio continúa na obra de circuíto.

Desta experiencia aprendín a importancia de ser específicos cando pedimos algo relacionado coa nosa asignación teocrática. Xehová é capaz de facer cousas que para nós serían imposibles. Ó fin e ó cabo, a colleita é súa, non nosa (Mat. 9:38).

XEHOVÁ DÁNOS “TANTO O QUERER COMA O FACER”

No ano 1990 fomos asignados á obra de viaxante. O noso primeiro circuíto foi na capital, en Bogotá. Esta nova asignación intimidounos, xa que a miña muller e mais eu somos persoas moi normais, sen ningún talento especial. Ademais, non estabamos acostumados a vivir nunha cidade tan grande e chea de vida. Pero Xehová cumpriu o que promete en Filipenses 2:13: “Deus efectivamente é quen activa en vós tanto o querer coma o facer, conforme o seu bondadoso designio”.

Máis adiante, mandáronnos a un circuíto na zona de Medellín, a cidade que mencionei na introdución. As persoas de alí creceran tan acostumadas á violencia nas rúas que xa nin se alarmaban. Por exemplo unha vez, mentres conducía un curso da Biblia, comezou un tiroteo fóra da casa na que estabamos. Eu estiven a punto de tirarme ó chan, pero o estudante da Biblia seguiu lendo o parágrafo sen inmutarse. Cando acabou de ler, escusouse e saíu para fóra. Pouco despois, volveu con dous nenos pequenos e dixo con moita tranquilidade: “Tes que desculpar, pero tiña que ir a polos meus fillos”.

Pero tivemos máis sustos coma este. Nunha ocasión, mentres estabamos predicando de casa en casa, a miña muller veu onda min correndo coa cara pálida. Díxome que alguén lle disparara. Quedei de pedra. Pero máis tarde démonos conta de que quen disparou non pretendía darlle a Sirkka, senón a un home que estaba pasando xusto ó lado dela.

Co tempo, a violencia que había nas rúas deixou de poñernos tan nerviosos. Aprendemos a vivir con esa situación. Ver a resiliencia que demostraban os irmáns locais ó enfrontarse a problemas coma estes, ou aínda peores, animounos moito. Chegamos á conclusión de que se Xehová lles axudaba a eles, tamén nos axudaría a nós. Sempre seguimos os consellos dos anciáns locais, tomamos precaucións e deixamos o resto nas mans de Xehová.

Claro, algunhas situacións non resultaron ser tan perigosas como sospeitabamos. Un día escoitei o que parecían ser dúas mulleres berrando e insultándose fóra da casa que estaba visitando. Non tiña ningunha intención de meterme nunha discusión, pero a muller coa que estaba falando insistiume para que pasase ó seu patio. Ó final a “discusión” era, en realidade, entre dous loros que estaban imitando os veciños.

NOVOS PRIVILEXIOS E NOVOS DESAFÍOS

En 1997 nomeáronme instrutor do Curso de Adestramento Ministerial. b Sempre valorei moito poder asistir a escolas teocráticas, pero nunca imaxinara que tería o bonito privilexio de poder ensinar nunha delas.

Máis tarde servín como superintendente de distrito. Cando esa responsabilidade deixou de existir, enviáronme outra vez á obra de circuíto. Así que puiden desfrutar de servir como instrutor e superintendente viaxante durante máis de 30 anos. Nestas asignacións recibín moitísimas bendicións. Pero non todo foi un camiño de rosas. Deixádeme que vos explique.

Teño un carácter forte. Iso axudoume a facerlles fronte a circunstancias difíciles. Pero tamén fixo que nalgunhas ocasións fose demasiado enérxico ó intentar corrixir certos asuntos nas congregacións. Houbo veces nas que fun moi esixente á hora de aconsellarlles a algúns irmáns que fosen máis cariñosos e razoables. Pero o irónico é que, ó facer iso, precisamente estaba demostrando que a min mesmo me faltaban esas cualidades (Rom. 7:21-23).

Ás veces sentíame moi desanimado por culpa dos meus defectos (Rom. 7:24). Houbo un momento no que lle dixen a Xehová en oración que o mellor para min sería deixar de ser misioneiro e volver a Finlandia. Aquela noite, fun á reunión. O que escoitei alí deume ánimo, e convenceume de que debía continuar na miña asignación e seguir traballando para pulir a miña personalidade. Aínda hoxe me emociono o recordar como me respondeu Xehová aquela oración. Ademais, tamén lle dou grazas por como me axudou a superar as miñas debilidades.

MIRANDO Ó FUTURO CON CONFIANZA

Sirkka e mais eu sentímonos profundamente en débeda con Xehová por darnos o privilexio de poder pasar a maior parte da nosa vida no servizo a tempo completo. Tamén lle estou moi agradecido por darme unha muller tan cariñosa e fiel, que estivo ó meu lado durante todos estes anos.

Pronto farei 70 anos e deixarei de ser instrutor e superintendente viaxante. Pero non estou triste. Sabedes por que? Porque estou convencido de que o que máis honra a Xehová é que o sirvamos con modestia e que o louvemos cun corazón cheo de amor e gratitude (Miq. 6:8; Mar. 12:32-34). Non necesitamos unha asignación importante para darlle honra a Deus.

Cando miro atrás e penso en tódalas asignacións que desfrutei, doume conta de que non as recibín porque as merecese máis ca outros, nin porque tivese algunha habilidade especial. Para nada! Foi todo grazas á bondade inmerecida de Xehová. El regaloume estes privilexios a pesar das miñas debilidades. Son consciente de que só puiden cumprir estas asignacións coa súa axuda. O poder de Deus demóstrase nas miñas debilidades (2 Cor. 12:9).

a A biografía de Raimo Kuokkanen “Mi determinación de servir a Jehová” publicouse en La Atalaya do 1 de abril de 2006 (dispoñible en español).

b O que agora é o Curso para Evanxelizadores do Reino.