Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 36

Os servos de Xehová aman a xustiza

Os servos de Xehová aman a xustiza

“Ditosos os famentos e sedentos de xustiza” (MT. 5:6).

CANCIÓN sn 46 Xehová é o noso Rei

AVANCE *

1. Que proba afrontou Xosé, e como reaccionou?

 XOSÉ, o fillo de Xacob, afrontou unha proba moi difícil. A muller de Potifar, o seu amo, díxolle: “Déitate comigo”. Pero Xosé rechazou a súa proposta. Alguén podería preguntarse: “Por que se negou Xosé?”. Potifar non estaba alí e, aínda por riba, Xosé era un escravo, así que esa muller seguramente lle faría a vida imposible se a rechazaba. A pesar da súa insistencia, Xosé seguiu negándose a ter relacións con ela. Por que? El dixo: “¿Como podería eu cometer un crime semellante, e pecar contra Deus?” (Xén. 39:7-12).

2. Como podía saber Xosé que o adulterio era un pecado contra Deus?

2 Como podía saber Xosé que para Deus o adulterio era algo tan malo? A Lei mosaica incluía este mandato: “Non cometerás adulterio” (Éx. 20:14). Non obstante, isto escribiríase uns 200 anos máis tarde. Aínda así, Xosé coñecía o suficiente a Xehová como para entender o que pensaba sobre o adulterio. Por exemplo, seguramente sabía que Deus deseñara o matrimonio para ser unha unión entre un home e unha muller. Ademais, é moi probable que escoitase como Xehová impedira que se deshonrase a Sara, a súa bisavoa, ó evitar que fose violada. E tamén protexera a Rebeca, a muller de Isaac (Xén. 2:24; 12:14-20; 20:2-7; 26:6-11). Xosé meditou nestes relatos e grazas a iso puido entender o que estaba ben e o que estaba mal ós ollos de Deus. Como amaba a Xehová, tamén amaba as súas normas sobre a xustiza e estaba decidido a seguilas.

3. Que imos analizar neste artigo?

3 Amas a xustiza? Seguro que si. Pero todos somos imperfectos e, se non temos coidado, é moi fácil que nos afecte o punto de vista deste mundo sobre a xustiza (Is. 5:20; Rm. 12:2). Por iso imos analizar que é a xustiza e como nos beneficia amar esta calidade. Despois veremos tres pasos que nos poden axudar a aumentar o noso amor polas normas de Xehová.

QUE É A XUSTIZA?

4. Que idea equivocada teñen moitos sobre a xustiza?

4 Cando a xente pensa nunha persoa xusta, moitos pensan en alguén orgulloso, que critica a outros ou que pensa que está por enriba dos demais. Pero Deus está totalmente en contra desa forma de ser. Cando Xesús estivo na Terra, condenou os líderes relixiosos do seu tempo por impoñer as súas propias normas sobre o que era xusto (Ecl. 7:16; Lc. 16:15). A verdadeira xustiza non ten nada que ver con crerse mellor que os demais.

5. Segundo a Biblia, que é a xustiza? Pon algún exemplo.

5 A xustiza é unha calidade moi fermosa. Para explicalo de maneira fácil: significa facer o que está ben ós ollos de Xehová. Na Biblia, as palabras para xustiza transmiten a idea de vivir de acordo coas normas máis elevadas que existen, as de Xehová. Por exemplo, Deus mandoulles ós comerciantes de Israel que usasen “pesas de bo peso e trato xusto” (Dt. 25:15). Polo tanto, se un cristián quere ser xusto ós ollos de Deus, ten que ser completamente honrado en tódolos seus tratos comerciais. Quen ama o que está ben odia ver que traten a alguén de maneira inxusta. Para agradarlle a Xehová en todo, a persoa que de verdade é xusta ten en conta como verá Deus as decisións que tome (Col. 1:10TNM).

6. Por que podemos confiar nas normas de Xehová sobre o que está ben e o que está mal? (Isaías 55:8, 9).

6 A Biblia di que Xehová é a Fonte da xustiza. Por iso se lle chama “a morada da xustiza” (Xer. 50:7TNM). Como é o Creador, é o único que ten o dereito de poñer normas sobre o que está ben e o que está mal. Xehová é perfecto e o seu punto de vista está moi por enriba do noso. Por que? Porque a imperfección e o pecado inflúen na nosa forma de ver as cousas (Pr. 14:12; le Isaías 55:8, 9). Con todo, como estamos feitos á imaxe de Deus, temos a capacidade de vivir de acordo coas súas normas de xustiza (Xén. 1:27). Ademais encántanos facelo. O noso amor polo noso Pai móvenos a imitalo o mellor posible (Ef. 5:1).

7. Por que necesitamos normas nas que poidamos confiar? Pon algún exemplo.

7 Por que nos beneficia seguir as normas de Xehová sobre o que está ben e o que está mal? Imaxina o que pasaría se cada banco tivese as súas propias normas sobre o valor dos cartos ou se cada empresa de construción usase as súas propias medidas. Todo sería un caos. E se o persoal médico non seguise normas específicas para atender os pacientes, algúns poderían morrer. Está claro que as normas nas que se pode confiar son unha protección. Do mesmo xeito, as normas de Deus sobre o que está ben e o que está mal tamén nos protexen.

8. Que bendicións lles esperan ós que aman a xustiza?

8 Xehová bendice os que intentan vivir de acordo coas súas normas. El promete: “Os xustos herdarán a terra e habitarán nela para sempre” (Sal. 37:29). Podes imaxinar a unidade, a paz e a felicidade que haberá cando todo o mundo siga as normas de Xehová? El quere que poidas desfrutar desa clase de vida. Todos temos boas razóns para amar a xustiza, verdade? Que podemos facer para aumentar o noso amor por esta calidade? Vexamos tres pasos que podemos dar.

AUMENTA O TEU AMOR POLAS NORMAS DE XEHOVÁ

9. Que nos axudará a amar a xustiza?

9 Paso 1: Ama a quen pon as normas. Para amar a xustiza temos que aumentar o noso amor por quen pon as normas sobre o que está ben e o que está mal. Canto máis amemos a Xehová, máis quereremos vivir de acordo coas súas xustas normas. Pensa no exemplo de Adam e Eva. Se amasen a Xehová, nunca desobedecerían a súa xusta lei (Xén. 3:1-6, 16-19).

10. Que fixo Abraham para coñecer mellor a forma de pensar de Xehová?

10 Está claro que non queremos cometer o mesmo erro que Adam e Eva. Conseguirémolo se seguimos aprendendo máis sobre Xehová, se valoramos máis a súa personalidade e se intentamos entender mellor a súa forma de pensar. Se o facemos, o noso amor por Deus aumentará. Vexamos o exemplo de Abraham. El amaba de verdade a Xehová. Incluso cando non entendía por que Deus tomaba algunha decisión, non se rebelaba contra el. Máis ben, intentaba coñecelo mellor. Por exemplo, cando soubo que decidira destruír Sodoma e Gomorra, ó principio tivo medo de que “o que xulga a terra enteira” destruíse os xustos xunto cos malvados. Para Abraham iso era impensable, e por iso humildemente lle fixo a Xehová algunhas preguntas. El respondeullas con paciencia. Ó final, Abraham deuse conta de que Deus ve o corazón de cada persoa e de que nunca castiga os inocentes xunto cos culpables (Xén. 18:20-32).

11. Como demostrou Abraham que amaba a Xehová e que confiaba nel?

11 A conversación que tivo con Xehová sobre Sodoma e Gomorra influíu moito en Abraham. Non hai dúbida de que lle axudou a amar e a respectar o seu Pai aínda máis. Uns anos despois, púxose a proba a súa confianza. Xehová pediulle que sacrificase o seu querido fillo Isaac. Pero nese momento Abraham coñecía mellor a Deus, e por iso non lle fixo ningunha pregunta. Simplemente se preparou para facer o que Xehová lle pedira. Aínda así, imaxinas a dor que tivo que sentir mentres se preparaba? Seguro que reflexionou moito en todo o que aprendera sobre Xehová. Sabía que Deus nunca fai nada inxusto ou pouco amoroso. Como dixo o apóstolo Paulo, Abraham chegou á conclusión de que Xehová sería capaz de resucitar a Isaac (Heb. 11:17-19). Despois de todo, Xehová prometera que de Isaac sairía unha nación, e naquel momento Isaac aínda non tiña fillos. Como Abraham amaba a Xehová, confiou en que o seu Pai actuaría de maneira xusta. A súa fe moveuno a obedecer sen importar o difícil que fose (Xén. 22:1-12).

12. Como podemos imitar a Abraham? (Salmo 73:28).

12 Como podemos imitar a Abraham? Temos que seguir aprendendo acerca de Xehová. Deste xeito, achegarémonos máis a el e amarémolo aínda máis (le Salmo 73:28). Así educaremos a nosa conciencia para deixarnos influír pola forma de pensar de Deus (Heb. 5:14). Como resultado, cando alguén intente que fagamos algo malo, negarémonos. Nin sequera se nos pasará pola cabeza a idea de facer algo que puidese facerlle dano a Xehová ou á nosa relación con el. Que máis podemos facer para demostrar que amamos a xustiza?

13. Como podemos buscar a xustiza? (Proverbios 15:9).

13 Paso 2: Esfórzate cada día por aumentar o teu amor pola xustiza. Aumentar o noso amor polas normas de Xehová sobre a xustiza parécese a fortalecer un músculo: necesitamos exercitalo tódolos días. Isto non é algo demasiado difícil de conseguir porque Xehová é razoable e nunca espera que fagamos máis do que podemos facer (Sal. 103:14). El di que “ó que procura a xustiza tenlle amor” (le Proverbios 15:9). Se queremos alcanzar unha meta específica no noso servizo a Xehová, temos que seguir esforzándonos. E pasa o mesmo cando procuramos, ou buscamos, a xustiza. Xehová é paciente con nós e axúdanos a progresar e a ir mellorando co tempo (Sal. 84:6, 8; [84:5, 7, TNM]).

14. Que é a “coiraza da xustiza”, e por que a necesitamos?

14 Xehová recórdanos con cariño que a xustiza non é unha carga (1 Xn. 5:3). Todo o contrario, é unha protección, algo que necesitamos cada día. Acórdaste das partes da armadura espiritual que describiu o apóstolo Paulo? (Ef. 6:14-18) Cal delas protexía o corazón do soldado? Era a “coiraza da xustiza”, que representa as normas xustas de Xehová. Igual que unha coiraza protexe o corazón literal, as normas xustas de Xehová poden protexer o teu corazón figurado, é dicir, a persoa que es por dentro. Por iso é moi importante que te asegures de que a túa armadura inclúa a coiraza da xustiza (Pr. 4:23).

15. Como podes poñer a coiraza da xustiza?

15 Como podes poñer a coiraza da xustiza? Tendo en conta as normas de Deus nas decisións que tomes cada día. Antes de decidir sobre que vas falar, que música vas escoitar, que entretemento vas escoller ou que libros vas ler, primeiro pregúntate: “Que vou meter no meu corazón? Está de acordo coa forma de pensar de Deus? Ou promove cousas que Xehová di que son inxustas, como a inmoralidade, a violencia, a avaricia e o egoísmo?” (Flp. 4:8). Se tomas decisións que lle agraden a Xehová, deixarás que as súas xustas normas protexan o teu corazón.

A túa xustiza pode ser “coma as ondas do mar” (ver os parágrafos 16 e 17).

16, 17. Como nos asegura Isaías 48:18 (TNM) que podemos vivir de acordo coas normas de Xehová para sempre?

16 Preocúpache non ser capaz de seguir vivindo de acordo coas normas de Xehová día tras día e ano tras ano? Pensa na comparación que utiliza Xehová en Isaías 48:18 (TNM) (leo). El promete que a túa xustiza pode ser “coma as ondas do mar”. Imaxina que estás na beira do mar vendo como chega unha onda tras outra. Pasaríaseche pola cabeza pensar que nalgún momento deixarán de chegar? Claro que non! Sabes que o levan facendo durante miles de anos e estás seguro de que o seguirán facendo.

17 A túa xustiza pode ser coma as ondas do mar. Como? Antes de tomar unha decisión, primeiro pensa en que quere Xehová que fagas, e despois faino. Non importa o difícil que sexa esa decisión. O teu cariñoso Pai sempre estará aí para darche forzas e para axudarche a seguir facendo o que está ben cada día (Is. 40:29-31).

18. Por que debemos evitar xulgar a outros baseándonos nas nosas propias normas?

18 Paso 3: Deixa a xustiza nas mans de Xehová. Aínda que é certo que nos esforzamos moito por vivir de acordo coas normas xustas de Xehová, debemos evitar xulgar a outros ou pensar que somos mellores ca eles. En vez de mirar os demais por enriba do ombro como se tivésemos o dereito de xulgalos baseándonos nas nosas propias normas, temos que recordar que Xehová é “o que xulga a terra enteira” (Xén. 18:25). El non nos encargou ese labor a nós. De feito, Xesús mandounos: “Non xulguedes para que non vos xulguen a vós” (Mt. 7:1). *

19. Como demostrou Xosé que deixaba a xustiza nas mans de Xehová?

19 Pensa de novo no exemplo de Xosé, un home xusto. El evitou xulgar a outros, incluso os que o trataron mal. Os seus propios irmáns atacárono, vendérono como escravo e convenceron a seu pai de que morrera. Anos máis tarde, Xosé volveuse xuntar coa súa familia. Como agora tiña moita autoridade, podería buscar vinganza e xulgar os seus irmáns con dureza. Aínda que eles estaban arrepentidos de verdade polo que fixeran, tiñan medo de que Xosé os xulgase desa maneira. Pero el díxolles: “Non teñades medo. ¿Estou eu no lugar de Deus?” (Xén. 37:18-20, 27, 28, 31-35; 50:15-21). Xosé foi humilde e deixou a xustiza nas mans de Xehová.

20, 21. Como podemos evitar crernos máis xustos que os demais?

20 Igual ca Xosé, nós tamén deixamos a xustiza nas mans de Xehová. Por exemplo, non damos por sentado que sabemos por que os nosos irmáns fan certas cousas. O único que pode ler os corazóns é Xehová (Pr. 16:2). Deus ama a todo tipo de persoas, sen importar a súa cultura, a súa crianza ou os seus antecedentes. De feito, anímanos a facer o seguinte: “Abride de par en par os vosos corazóns” (2 Cor. 6:13TNM). Queremos amar a tódolos nosos irmáns, non xulgalos.

21 Isto significa que tampouco xulgamos a quen non forma parte da congregación (1 Tim. 2:3, 4). Pensa nos teus parentes que non son testemuñas de Xehová. Xulgarías algún deles dicindo “Ese nunca poderá coñecer a verdade”? Non, porque facer iso sería crernos mellores que esa persoa. Xehová aínda está dando tempo para que “todos en todas partes se arrepintan” (Feit. 17:30). Recorda sempre que se nos cremos máis xustos que os demais, seremos inxustos para Xehová.

22. Por que estás decidido a amar a xustiza?

22 O noso amor polas normas de Xehová sobre a xustiza faranos máis felices e axudaralles a outros a achegarse máis a nós e ó noso Deus. Nunca deixemos de estar “famentos e sedentos de xustiza” (Mt. 5:6). Podes estar seguro de que Xehová se fixa no moito que te esforzas por facer o que está ben. Este mundo estase volvendo cada vez máis e máis inxusto. Pero non te desanimes! Recorda sempre que Xehová “ama os xustos” (Sal. 146:8).

CANCIÓN sjj 139 Imaxina que estás no mundo novo

^ Neste mundo non é fácil atopar xente que se esforce por facer o que Xehová di que é xusto. Pero hai millóns de persoas que si que intentan conseguilo. Seguro que ti tamén o fas porque amas a Xehová, e el ama a xustiza. Que podemos facer para amar máis a xustiza? Neste artigo imos ver que é a xustiza e como nos beneficia amar esta fermosa calidade. Tamén falaremos de que pasos podemos dar para aumentar o noso amor pola xustiza.

^ Ás veces, os anciáns da congregación teñen que xulgar asuntos relacionados con pecados graves e co arrepentimento (1 Cor. 5:11; 6:5; Sant. 5:14, 15). Non obstante, son humildes e recordan que non poden ler os corazóns e que están xulgando para Xehová (compara con 2 Crónicas 19:6). Por iso se esforzan por aplicar con coidado as normas de Deus sobre a xustiza de maneira equilibrada e misericordiosa.