ARTIGO DE ESTUDO 34
Sigamos andando na verdade
“Para min non hai alegría meirande ca esta: a de oír que os meus fillos viven de acordo na verdade” (3 XN. 4).
CANCIÓN sjj 111 Os motivos da miña ledicia
AVANCE *
1. Por que nos beneficia falar de como coñecemos a verdade?
“COMO coñeciches a verdade?”. Seguro que tiveches que responder a esta pregunta moitas veces. De feito, é unha das primeiras preguntas que lle facemos a un irmán cando queremos coñecelo. Encántanos escoitar como os nosos irmáns e irmás chegaron a coñecer e amar a Xehová. Tamén desfrutamos moito de contarlles a outros por que nos gusta tanto ser testemuñas de Xehová (Rm. 1:11). Esta clase de conversacións recórdannos o valiosa que é a verdade para nós. Ademais, axúdannos a estar máis decididos a seguir andando na verdade, é dicir, a seguir vivindo dunha forma que Xehová aprobe e bendiga (3 Xn. 4).
2. Que imos analizar neste artigo?
2 Neste artigo repasaremos algunhas das razóns polas que amamos a verdade. Despois veremos como podemos seguir demostrando que apreciamos este valioso regalo. Seguro que analizar isto nos axudará a estar máis agradecidos a Xehová por traernos á verdade (Xn. 6:44). Ademais, fortaleceremos o noso desexo de falar da verdade con outros.
POR QUE AMAMOS A “VERDADE”?
3. Cal é a razón máis importante pola que amamos a verdade?
3 Amamos a verdade por moitas razóns. A máis importante de todas é que amamos a Xehová, a Fonte da verdade. A través da súa Palabra, a Biblia, chegamos a coñecelo non só como o todopoderoso Creador dos ceos e da terra, senón tamén como o noso amoroso Pai celestial que con tanto cariño coida de nós (1 Pe. 5:7). Sabemos que o noso Deus é “compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade” (Éx. 34:6). Xehová ama a xustiza (Is. 61:8). Dóelle moito vernos sufrir. Non só está preparado para eliminar todo o que nos fai dano, senón que está desexando que chegue o día que ten fixado para facelo (Xer. 29:11). Verdade que nós tamén temos moitas ganas de que chegue ese marabilloso día? Esta é unha das razóns polas que queremos tanto a Xehová.
4, 5. Por que o apóstolo Paulo comparou a nosa esperanza cunha áncora?
4 Cal é outra razón pola que amamos a verdade? A verdade benefícianos de moitas maneiras. Vexamos un exemplo. Entre as cousas que inclúe a verdade da Biblia está a nosa esperanza para o futuro. Para ilustrar o valor desa esperanza, o apóstolo Paulo escribiu que era “coma unha áncora de salvación, segura e firme” (Heb. 6:19). Tal e como unha áncora impide que un barco se mova sen control, a nosa esperanza baseada na Biblia pode axudarnos a manter a calma cando pasamos por problemas.
5 Cando Paulo dixo isto, estaba falando da esperanza celestial que tiñan os cristiáns unxidos. Pero as súas palabras tamén aplican ós cristiáns que esperan vivir para sempre nun paraíso na Terra (Xn. 3:16). Está claro que chegar a coñecer a esperanza da vida eterna deulle sentido á nosa vida.
6, 7. Como lle axudou a Yvonne aprender a verdade sobre o futuro?
6 Vexamos a experiencia dunha irmá chamada Yvonne. Ela non creceu na verdade, e cando era unha nena tíñalle medo á morte. Houbo unha frase que lle quedou gravada na mente: “Algún día non haberá mañá”. Ela conta: “Estas palabras non me deixaban durmir de noite. Non podía parar de pensar no futuro e pensaba: ‘A vida ten que ser algo máis ca isto. Que fago eu aquí?’. Non quería morrer!”.
7 Máis tarde, cando Yvonne era adolescente, coñeceu algunhas testemuñas de Xehová. Ela explica: “Empecei a crer que podería vivir para sempre nun paraíso na Terra”. Como lle axudou a esta irmá coñecer a verdade? Ela di: “Xa non me desperto de noite preocupada polo futuro ou pola morte”. Está claro que Yvonne ama a verdade da Biblia e que desfruta moito de falarlles a outros da esperanza que ten para o futuro (1 Tim. 4:16).
8, 9. a) Nunha das parábolas de Xesús, canto valorou un home o tesouro que encontrou? b) Canto valoras ti a verdade?
8 A verdade da Biblia tamén inclúe as boas noticias sobre o Reino de Deus. Xesús comparou a verdade sobre o Reino cun tesouro escondido. En Mateo 13:44, el dixo: “O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira: o home que o atopou vólveo a agachar; e, cheo de alegría, vai vender canto ten para mercar aquela leira”. Fíxate en que o home non andaba buscando o tesouro, pero cando o atopou, desprendeuse de moitas cousas para poder quedarse con el. De feito, vendeu todo o que tiña. Por que? Porque sabía que ese tesouro era moi valioso, moito máis que calquera cousa que puidese dar a cambio.
9 Sentes ti o mesmo pola verdade? Seguro que si! Sabemos que neste mundo non hai nada máis valioso que a felicidade que nos dá servir a Xehová agora e ter a esperanza de vivir para sempre no futuro, baixo o Reino de Deus. Temos o privilexio de desfrutar dunha estreita amizade con Xehová, e iso vale moito máis que calquera sacrificio que teñamos que facer. Nada nos fai máis felices que agradar a Xehová “en todo” (Col. 1:10, TNM).
10, 11. Que motivou a Michael a facer grandes cambios na súa vida?
10 Moitos de nós tivemos que facer grandes sacrificios para conseguir a aprobación de Xehová. Algúns deixaron unha carreira que lles daría prestixio ou fama neste mundo. Outros deixaron de intentar ser ricos, e hai quen cambiou completamente a súa vida ó aprender acerca de Xehová. Isto foi o que fixo Michael. El non se criou na verdade, e cando era un rapaz aprendeu karate. El conta: “Para min era moi importante estar en boa forma física. Ás veces, sentíame invencible”. Pero cando empezou a estudar a Biblia, Michael aprendeu o que pensa Xehová sobre a violencia (Sal. 11:5). Falando das dúas testemuñas de Xehová que estudaron con el, Michael di: “Nunca me dixeron que deixase o karate, simplemente seguiron ensinándome a verdade da Biblia”.
11 Canto máis aprendía Michael sobre Xehová, máis crecía o seu amor por el. A compaixón que Xehová lles demostra ós seus servos foi o que máis lle chegou ó corazón. Co tempo, entendeu que tiña que tomar unha decisión que lle cambiaría a vida. El explica: “Sabía que deixar o karate sería o máis difícil que tería que facer na miña vida. Pero tamén sabía que iso lle agradaría a Xehová, e estaba convencido de que calquera sacrificio que tivese que facer por servilo valería a pena”. Michael deuse conta do valiosa que era a verdade que encontrara, e iso motivouno a facer grandes cambios na súa vida (Sant. 1:25).
12, 13. Como lle axudou a Mayli a verdade da Biblia?
12 Para destacar o valor da verdade, a Biblia di que é coma “unha lámpada” que brilla na escuridade (Sal. 119:105, TNM; Ef. 5:8). Mayli, unha irmá de Acerbaixán, valora moito canto lle axudou a Palabra de Deus. Seus pais tiñan relixións diferentes: seu pai era musulmán e súa nai era xudía. Ela di: “Aínda que nunca dubidei da existencia de Deus, facíame moitas preguntas. Por exemplo, preguntábame por que creou Deus as persoas, e tamén que sentido ten que alguén teña que sufrir toda a súa vida e que despois sexa atormentado para sempre no inferno. Ademais, como a xente dicía que todo o que ocorre é a vontade de Deus, preguntábame se el controla todo o que fan as persoas e se desfruta véndonos sufrir”.
13 Mayli non deixou de buscar respostas ás súas preguntas. Co tempo, aceptou un curso da Biblia e fíxose testemuña de Xehová. Ela di: “Os argumentos lóxicos e convincentes da Biblia axudáronme a ser unha persoa máis feliz. As explicacións razoables que atopei na Palabra de Deus axudáronme a sentir paz”. Como Mayli, nós tamén louvamos a Xehová, que nos “chamou das tebras á súa luz admirable” (1 Pe. 2:9).
14. Como podemos fortalecer o noso amor pola verdade? (Ver o recadro “ Outras comparacións”).
14 Estas son tan só algunhas comparacións que ilustran o valor da verdade. Pero seguro que coñeces moitas outras. Por que non investigas no teu estudo persoal outras razóns polas que deberiamos amar a verdade? Canto máis amemos a verdade, máis formas encontraremos de demostrar que a amamos.
COMO DEMOSTRAMOS QUE AMAMOS A VERDADE?
15. Como podemos demostrar que amamos a verdade?
15 Demostramos que amamos a verdade estudando regularmente a Biblia e as publicacións baseadas nela. Despois de todo, sen importar canto tempo levemos na verdade, sempre teremos que seguir aprendendo. Xa desde o primeiro número, esta revista dixo: “A verdade é coma unha pequena flor no deserto da vida. Está rodeada e case asfixiada polo abundante crecemento da mala herba do erro. Se queres encontrala, tes que estar alerta; [...] se desexas conseguila, tes que agacharte para collela. Non te conformes cunha soa flor da verdade. [...] Sigue recollendo, sigue buscando”. Estudar require esforzo, pero merece a pena facelo.
16. Que método de estudo che dá mellores resultados? (Proverbios 2:4-6).
16 Non a todos nos gusta ler e estudar, pero Xehová anímanos a seguir afondando na verdade da Biblia (le Proverbios 2:4-6). Cando nos esforzamos por facer isto, sempre obtemos beneficios. Un irmán chamado Corey di que se centra nun versículo de cada vez cando fai a súa lectura persoal da Biblia. El explica: “Leo tódalas notas, busco tódalas referencias e tamén investigo outras cousas. Grazas a este método, aprendo moito”. Ben sexa que usemos este método ou outro, demostramos que valoramos a verdade cando sacamos tempo e nos esforzamos por estudar a Biblia (Sal. 1:1-3).
17. Que significa vivir a verdade? (Santiago 1:25).
17 Por suposto, sabemos que non chega con simplemente estudar a verdade da Biblia. Para sacar o máximo proveito temos que vivir a verdade, é dicir, aplicar na nosa vida o que aprendemos. Só se facemos isto, seremos felices de verdade (le Santiago 1:25). Como podemos asegurarnos de que estamos vivindo a verdade? Un irmán comenta que algo que nos pode axudar é identificar que cousas estamos facendo ben e en cales podemos mellorar. O apóstolo Paulo explicouno desta forma: “A onde queira que teñamos chegado, sigamos na mesma liña” (Flp. 3:16).
18. Por que seguimos esforzándonos por andar “na verdade”?
18 Pensa en como nos beneficia seguir esforzándonos por andar “na verdade”. Non só mellora a nosa vida, senón que alegramos a Xehová e os nosos irmáns (Pr. 27:11; 3 Xn. 4). Non hai dúbida de que temos boas razóns para amar a verdade e vivir a verdade!
CANCIÓN sn 24 Pon os ollos no mundo novo
^ A miúdo referímonos á “verdade” como o conxunto das nosas crenzas e a nosa forma de vivir. Tanto se somos novos na verdade como se levamos toda a vida nela, todos podemos beneficiarnos moito de analizar por que amamos a verdade. Como resultado, estaremos máis decididos a obter a aprobación de Xehová.