ARTIGO DE ESTUDO 33
Xehová coida do seu pobo
“Os ollos do Señor miran polos seus fieis” (SAL. 33:18).
CANCIÓN sn 22 Xehová coida de min
AVANCE *
1. Por que lle pediu Xesús a Xehová que coidase dos seus seguidores?
A NOITE antes de morrer, Xesús pediulle ó seu Pai celestial algo especial: que coidase dos seus seguidores (Xn. 17:15, 20). Por suposto, Xehová sempre mirou polos seus servos, é dicir, preocupouse por eles e protexeunos. Pero Xesús sabía que Satanás se opoñería ó pobo de Deus máis ca nunca. Tamén sabía que ían necesitar a axuda de Xehová para resistir os ataques do Demo.
2. Segundo Salmo 33:18-20, por que non debemos terlles medo ós problemas que poidamos ter?
2 Este mundo está controlado polo Demo, e por iso os servos de Deus temos tantos problemas. Pasamos por situacións que poden desanimarnos e poñer a proba a nosa lealdade a Xehová. Pero neste artigo veremos que non temos nada que temer. Xehová preocúpase por nós, el ve os problemas que temos e sempre está disposto a axudarnos. Imos analizar dous exemplos da Biblia que demostran como “os ollos do Señor miran polos seus fieis” (le Salmo 33:18-20).
CANDO NOS SENTIMOS SÓS
3. Que podería facer que nos sintamos sós?
3 Aínda que formamos parte dunha familia moi grande de servos de Deus, pode que nalgún momento nos sintamos sós. Por exemplo, quizais os rapaces se sintan así ó explicar as súas crenzas na escola diante dos seus compañeiros, ou ó cambiar de congregación. Algúns de nós poida que nos sintamos tristes ou teñamos sentimentos negativos e pensemos que temos que loitar nós sós contra eles. Pode que non nos atrevamos a falar con outros sobre como nos sentimos porque teñamos medo de que ninguén nos comprenda. E, ás veces, incluso poderiamos preguntarnos se de verdade se preocupa alguén por nós. Sen importar cal sexa o motivo, sentirnos sós pode facer que teñamos ansiedade e que pensemos que ninguén nos vai axudar. Pero Xehová non quere que nos sintamos así. Por que o sabemos?
4. Por que dixo o profeta Elías: “Quedo soamente eu”?
4 Vexamos o exemplo de Elías, un home fiel. A raíña Iezabel xurou que o ía matar, así que tivo que escapar para salvar a súa vida (1 Re. 19:1-9). Despois de 40 días fuxindo, meteuse nunha cova e, estando alí só, díxolle a Xehová: “Quedo soamente eu” (1 Re. 19:10). Pero el non era o único profeta que quedaba no país. Por exemplo, Abdías conseguira esconder a 100 profetas para que non os matase Iezabel (1 Re. 18:7, 13). Entón, por que se sentía Elías tan só? Pensaría que estaban mortos os profetas que escondera Abdías? Sentiríase só porque ninguén decidira poñerse do lado de Xehová despois do que pasara no monte Carmelo? Crería que ninguén sabía polo que estaba pasando ou que non lle importaba a ninguén? A Biblia non dá tódolos detalles, pero o que si sabemos é que Xehová entendía por que Elías se sentía só e sabía perfectamente como axudarlle.
5. Como lle asegurou Xehová a Elías que non estaba só?
5 Xehová axudoulle a Elías de varias maneiras. Por exemplo, animouno a que lle contase o que lle pasaba. Preguntoulle dúas veces: “¿Que fas aí, Elías?” (1 Re. 19:9, 13). Despois de cada pregunta, Xehová escoitou o que Elías lle dicía sobre como se sentía e respondeulle demostrándolle que estaba alí con el e que tiña moito poder. Ademais, aseguroulle que aínda quedaban moitos israelitas que o adoraban (1 Re. 19:11, 12, 18). Non hai dúbida de que Elías se sentiu moi aliviado despois de abrirlle o seu corazón a Deus e de escoitar a súa resposta. Xehová encargoulle tres tarefas moi importantes: pediulle que unxise a Hazael como rei de Siria, a Iehú como rei de Israel e a Eliseo como profeta (1 Re. 19:15, 16). Deste xeito, Xehová axudoulle a centrarse en cousas positivas. Tamén lle deu un bo compañeiro, Eliseo. Que podes facer para que Xehová che axude cando te sintas só?
6. Sobre que podes orar cando te sintas só? (Salmo 62:9 [62:8, TNM]).
6 Xehová anímate a falar con el. El ve polo que estás pasando e asegúrache que escoitará as túas oracións en calquera momento (1 Tes. 5:17). A Xehová gústalle escoitar as oracións dos seus servos fieis (Pr. 15:8). Sobre que podes orar cando te sintas só? Ábrelle o teu corazón, igual que fixo Elías (le Salmo 62:9 [62:8, TNM]). Cóntalle todo o que che preocupa e como te fai sentir. Pídelle a Xehová que che axude a saber que facer cando estás triste ou te sentes só. Por exemplo, se che dá medo predicar na escola, pídelle que che dea o valor que necesitas para facelo. Tamén podes pedirlle que che dea sabedoría para explicar as túas crenzas con respecto (Lc. 21:14, 15). Se estás loitando contra sentimentos negativos, pídelle a Xehová que che axude a falar cun cristián maduro. Podes pedirlle que lle axude a esa persoa coa que vas falar a escoitarte e a entender como te sentes. Ábrelle o teu corazón a Xehová, fíxate en como responde as túas oracións e acepta a axuda que outros che poidan dar. Se o fas, sentiraste menos só.
7. Que che ensina o exemplo de Mauricio?
7 Xehová encargounos un labor que dá sentido á nosa vida. Podes estar seguro de que se fixa e de que valora todo o que fas na congregación e na predicación (Sal. 110:3, TNM). Estar ocupado nestas actividades axudarache a non sentirte só. Por que podemos dicir isto? Pensa no que lle pasou a un rapaz chamado Mauricio pouco despois de bautizarse. * Un dos seus mellores amigos foi deixando a verdade pouco a pouco. El conta: “Ver que o meu amigo deixaba de servir a Xehová fixo que perdese a confianza en min mesmo. Preguntábame se eu podería cumprir coa miña dedicación e seguir formando parte da familia de Xehová. Sentíame só e pensaba que ninguén me comprendía”. Que lle axudou a Mauricio? El explica: “Empecei a predicar máis. Isto axudoume a deixar de pensar en min mesmo e a non centrarme nos sentimentos negativos. Cando predicaba cos irmáns sentíame menos só e máis feliz”. Aínda que non poidamos predicar cos irmáns en persoa, anímanos moito predicar con eles por teléfono ou por carta. Que outra cousa lle axudou a Mauricio? El di: “Tamén empecei a facer máis na congregación. Esforceime por preparar o mellor posible as intervencións que tiña nas reunións. Estas asignacións fixeron que me sentise valorado por Xehová e polos demais”.
CANDO NOS SENTIMOS ANGUSTIADOS POLOS PROBLEMAS
8. Como nos poderiamos sentir cando pasamos por problemas graves?
8 Xa sabemos que nos últimos días habería moitos problemas (2 Tim. 3:1). Aínda así, poida que nos collan por sorpresa cando veñan. Pode ser que de repente teñamos problemas económicos, que nos diagnostiquen unha enfermidade moi grave ou que perdamos algún ser querido. Nestas ocasións, quizais nos sintamos angustiados ou con moito estrés, sobre todo cando nos vén un problema tras outro ou pasamos por varios á vez. Pero recordemos que Xehová sabe polo que estamos pasando, e coa súa axuda poderemos superar calquera proba.
9. Describe algunhas das probas polas que pasou Xob.
9 Pensa en como lle axudou Xehová ó fiel Xob. En pouco tempo pasou por varias probas moi duras. De feito, nun só día dixéronlle que perdera tódolos seus animais, e que tanto os seus servos coma os seus queridos fillos morreran (Xob 1:13-19). Pouco despois, mentres aínda seguía sufrindo por esas terribles desgrazas, tivo que pasar por unha enfermidade horrible e moi dolorosa (Xob 2:7). A súa situación era tan extrema que dixo: “Sinto asco da miña vida, non quero seguir vivindo” (Xob 7:16, TNM).
10. Como lle deu Xehová a Xob o que necesitaba para aguantar as probas? (Ver a imaxe da portada da revista).
10 Xehová estaba moi pendente de Xob. Como lle quería moito, deulle o que necesitaba para poder aguantar as probas e seguir sendo fiel. Falou con el para recordarlle que a súa sabedoría é infinita e que coida con cariño de toda a súa creación. Mencionoulle moitos animais impresionantes (Xob 38:1, 2; 39:9, 13, 19, 27; 40:15; 40:25, 26 [41:1, 2, TNM]). Ademais, usou a Elihú para fortalecelo e consolalo. Este home fiel recordoulle que Xehová sempre recompensa os seus servos polo seu aguante. Pero Xehová tamén fixo que Elihú aconsellase a Xob con cariño. Grazas ó que lle dixo, puido recordar o pequenos que somos en comparación con Xehová, o Creador do Universo. Isto axudoulle a Xob a non pensar demasiado en si mesmo (Xob 37:14). Xehová tamén lle encargou a Xob un labor: orar polos seus tres compañeiros que pecaran (Xob 42:8-10). Como nos coida Xehová hoxe en día cando pasamos por problemas difíciles?
11. Como nos consola a Biblia cando pasamos por probas?
11 Na actualidade, Xehová non nos fala directamente como fixo con Xob, pero si que o fai a través da súa Palabra, a Biblia (Rm. 15:4). El dános unha fermosa esperanza para o futuro que nos anima moito. Vexamos algunhas ideas da Biblia que nos consolan cando pasamos por probas. Por exemplo, as Escrituras aseguran que nada “nos poderá afastar do amor que Deus nos ten”, nin sequera as probas máis duras (Rm. 8:38, 39). Xehová tamén nos promete que “está cerca dos que o chaman” (Sal. 145:18). Ademais, dinos que se confiamos nel poderemos superar calquera proba, e que incluso poderemos ser felices aínda que teñamos problemas (1 Cor. 10:13; Sant. 1:2, 12). A Palabra de Deus tamén nos recorda que as dificultades son temporais e breves se as comparamos coa vida eterna que el nos promete (2 Cor. 4:16-18). Xehová asegúranos que acabará coa raíz de tódolos nosos problemas. Promete que eliminará o Demo e a tódolos que son malvados coma el (Sal. 37:10). Cres que hai algúns textos da Biblia que poderían axudarche cando pases por probas no futuro? Por que non intentas aprendelos de memoria?
12. Que espera Xehová que fagamos para poder beneficiarnos da súa Palabra?
12 Xehová espera que cada un de nós aparte tempo para estudar a Biblia con regularidade e para meditar no que lemos. Cando aplicamos o que aprendemos, a nosa fe fortalécese e achegámonos máis ó noso Pai celestial. Isto dános forzas para aguantar as probas polas que pasemos. Ademais, Xehová dálles o seu espírito santo ós que confían na súa Palabra. E ese espírito pode darnos “esa forza tan extraordinaria” que nos axuda a aguantar calquera dificultade (2 Cor. 4:7-10).
13. Como nos axuda o alimento espiritual que nos dá “o criado fiel e prudente” a aguantar as probas?
13 Coa axuda de Xehová, “o criado fiel e prudente” produce moitos artigos, vídeos e cancións que nos axudan a fortalecer a nosa fe e a permanecer alerta en sentido espiritual (Mt. 24:45). Aproveitémolos o máximo posible. Unha irmá dos Estados Unidos, que valora moito ter todo este alimento espiritual, dixo: “Levo 40 anos servindo a Xehová, e neste tempo púxose a proba a miña integridade unha e outra vez”. Ela tivo que enfrontarse a probas moi duras. Por exemplo, o seu avó morreu por culpa dun condutor que ía borracho, os seus pais enfermaron gravemente e morreron, e ela mesma tivo cáncer en dúas ocasións. Que lle axudou a aguantar? Ela explica: “Xehová sempre coidou de min. Algo que me axudou moito foi o alimento espiritual que nos dá a través do criado fiel e prudente. Grazas a iso, puiden aguantar e síntome coma Xob, que dixo: ‘¡Deica expirar non cederei na miña integridade!’” (Xob 27:5).
14. Como usa Xehová os irmáns para que nos axuden cando pasamos por momentos difíciles? (1 Tesalonicenses 4:9).
14 Xehová preparou os seus servos para que lles demostren amor e consolo a outros cando pasan por momentos difíciles (2 Cor. 1:3, 4; le 1 Tesalonicenses ). Igual ca Elihú, os nosos irmáns e irmás tamén desexan axudarnos a permanecer fieis cando pasamos por dificultades ( 4:9Feit. 14:22). Vexamos o exemplo de Diane. Os irmáns da súa congregación animárona moito e axudáronlle a seguir forte espiritualmente cando o seu home pasou por un problema moi grave de saúde. Como o fixeron? Ela conta: “Foi moi duro. Pero neses meses tan difíciles sentimos os brazos fortes e cariñosos de Xehová arredor de nós. A nosa congregación fixo moitas cousas para apoiarnos. Recibir tantas visitas, chamadas e abrazos dos nosos irmáns axudounos a aguantar. Ademais, como eu non conduzo, os irmáns aseguráronse de que puidese ir ás reunións e a predicar”. Que agradecidos estamos de poder formar parte desta amorosa familia espiritual!
AGRADECEMOS MOITO QUE XEHOVÁ NOS COIDE CON TANTO CARIÑO
15. Por que estamos convencidos de que poderemos superar calquera proba?
15 Nalgún momento da nosa vida, todos nós teremos que afrontar algún tipo de proba. Pero como vimos, nunca estaremos sós. Xehová é o noso Pai cariñoso e sempre coida de nós. Está xusto ó noso lado, listo para escoitarnos e axudarnos (Is. 43:2). Estamos convencidos de que poderemos superar calquera proba porque El nos deu xenerosamente todo o que necesitamos para aguantar: o regalo da oración, a Biblia, alimento espiritual en abundancia e irmáns cariñosos que nos axudan cando máis o necesitamos.
16. Como podemos seguir estando baixo o coidado cariñoso de Xehová?
16 Canto agradecemos que o noso Pai celestial nos coide con tanto cariño! Como di a Biblia, “el é a alegría do noso corazón” (Sal. 33:21, TNM). Para demostrar que valoramos o seu coidado, temos que aproveitar tódalas axudas que nos dá. Ademais, temos que facer todo o necesario por seguir estando baixo o seu coidado. Noutras palabras, sigamos esforzándonos ó máximo por obedecer a Xehová, e el coidaranos sempre! (1 Pe. 3:12).
CANCIÓN sjj 30 Meu amigo, meu Deus, meu Pai