ARTIGO DE ESTUDO 33
Aprende do exemplo de Daniel
“Daniel, es un home moi valioso” (DN. 10:11, TNM).
CANCIÓN snnw 137 Dános forzas e coraxe
AVANCE a
1. Por que impresionou o profeta Daniel ós babilonios?
O PROFETA Daniel era só un rapaz cando os babilonios o colleron como prisioneiro e o levaron lonxe da súa casa en Xerusalén. Pero, aínda que era moi novo, deixou impresionados os oficiais babilonios. Eles viron que Daniel era “de bo parecer”, é dicir, tiña moi bo aspecto. Ademais viña dunha familia importante. (1 Sam. 16:7). Por iso os babilonios decidiron instruílo para que servise no pazo real (Dn. 1:3, 4, 6).
2. Que pensaba Xehová de Daniel? (Ezequiel 14:14).
2 Xehová queríalle moito a Daniel, pero non polo seu aspecto físico nin pola súa posición social, senón polo tipo de persoa que escolleu ser. De feito, Daniel tiña só uns 20 anos cando Xehová falou ben del e o mencionou xunto con Noé e Xob, homes que serviron fielmente a Xehová por décadas e que se ganaron unha moi boa reputación ante el (Xén. 5:32; 6:9, 10; Xob 42:16, 17; le Ezequiel 14:14). E Xehová seguiu querendo a Daniel durante toda a súa longa e sobresaliente vida (Dn. 10:11, 19, TNM).
3. Que imos ver neste artigo?
3 Neste artigo imos analizar dúas calidades que fixeron que Daniel fose valioso para Xehová. Primeiro imos describir cada unha destas calidades e repasar en que situacións as demostrou Daniel. Despois veremos como aprendeu el a demostralas e, por último, como podemos imitalo. Aínda que este artigo foi escrito pensando principalmente nos máis novos, todos nós podemos aprender moito do exemplo de Daniel.
IMITA O VALOR DE DANIEL
4. Como demostrou valor Daniel? Pon un exemplo.
4 Poida que as persoas valentes tamén sintan medo, pero non permiten que isto lles impida facer o correcto. Daniel foi un mozo moi valente. Vexamos dúas ocasións nas que tivo que demostralo. A primeira delas probablemente ocorreu uns dous anos despois de que os babilonios destruísen Xerusalén. O rei Nabucodonosor de Babilonia tivo un soño que o asustou moito no que viu unha estatua enorme. E ameazou con matar tódolos homes sabios, incluído Daniel, se non lle dicían o que soñara e tamén o seu significado (Dn. 2:3-5). Este fiel servo de Deus tivo que actuar moi rápido para evitar que moita xente morrese. Así que “acudiu onda o rei e suplicoulle que lle concedese un prazo para lle dar a coñece-la interpretación” (Dn. 2:16). Daniel demostrou ser moi valente e ter moita fe. Por que? A Biblia non di que el interpretase ningún soño antes. De feito, o relato di que lles pediu ós seus compañeiros Xadrac, Mixac e Abednegó b “que implorasen misericordia do Deus do ceo para que lles revelase aquel segredo” (Dn. 2:18). Xehová contestou as súas oracións. Coa súa axuda, Daniel interpretou aquel soño e salvou tanto a súa vida coma a dos seus amigos.
5. En que outra situación tivo que demostrar Daniel o seu valor?
5 Un tempo despois de que Daniel interpretase o soño no que aparecía aquela estatua, volveuse a poñer a proba o seu valor. Nabucodonosor tivo outro soño que o preocupou moito. Esta vez tivo que ver cunha árbore altísima. Daniel demostrou valor e explicoulle ó rei o significado deste soño, aínda que isto incluía dicirlle que tolearía e que deixaría de ser rei durante un tempo (Dn. 4:22 [4:25, TNM]). Nabucodonosor podía pensar que Daniel se estaba rebelando contra el e mandar que o matasen. Pero el foi valente e, a pesar do perigo, explicoulle ó rei o significado do soño.
6. Que puido ser o que lle axudou a Daniel a ser valente?
6 Que lle puido axudar a Daniel a ser valente ó longo da súa vida? Seguro que aprendeu moito do bo exemplo que lle deron seus pais. Non hai dúbida de que eles obedeceron as instrucións que lles deu Xehová ós israelitas e de que lle ensinaron a Lei de Deus ó seu fillo (Dt. 6:6-9). Daniel non só tiña un coñecemento básico da Lei, como por exemplo os Dez Mandamentos, senón que tamén sabía moitos detalles sobre os alimentos que os israelitas podían comer e os que non (Lev.11:4-8; Dn. 1:8, 11-13). c Tamén aprendera a historia do pobo de Deus e sabía ben cales eran as consecuencias de desobedecer a Xehová (Dn. 9:10, 11). Tódalas experiencias que tivo ó longo da súa vida ensináronlle a confiar en que Xehová e os seus poderosos anxos podían axudalo en calquera circunstancia (Dn. 2:19-24; 10:12, 18, 19).
7. Que outras cousas lle axudaron a Daniel a ser valente? (Ver tamén a imaxe).
7 Daniel estudou o que escribiran os profetas de Deus, incluídas as profecías de Xeremías. Grazas a ese estudo, deuse conta de que os xudeus pronto serían liberados de Babilonia (Dn. 9:2). Ver que as profecías da Biblia se cumprían tivo que fortalecer moito a súa confianza en Xehová. E os que, coma Daniel, confían plenamente en Deus poden chegar a ser moi valentes (compara con Romanos 8:31, 32, 37-39). Pero, sobre todo, este home fiel tiña o costume de orarlle ó seu Pai celestial con frecuencia (Dn. 6:11 [6:10, TNM]). El confesoulle os seus erros a Xehová, contoulle como se sentía e pediulle axuda (Dn. 9:4, 5, 19). Igual ca nós, Daniel non naceu sendo valente, pero puido cultivar esa calidade grazas ó estudo, á oración e á súa confianza en Xehová.
8. Como podes cultivar valor?
8 Que tes que facer para ser valente? Poida que teus pais che falen da importancia de ser valente e que eles mesmos teñan esa calidade. Pero iso non significa que ti o vaias ser automaticamente, coma se fose algo que podes herdar. Cultivar valor é coma aprender unha nova habilidade. Unha maneira de aprender a facer algo é observar con atención o teu mestre e copiar o seu exemplo. Da mesma forma, podes ser valente se te fixas en como mostran outros esta calidade e os imitas. Entón, que che ensina o exemplo de Daniel? Igual ca el, tes que coñecer ben a Palabra de Deus. Tamén debes ter o costume de contarlle a Xehová como te sentes. Así conseguirás unha amizade estreita con el. Ademais, debes confiar nel e estar convencido de que sempre che vai axudar. Se fas estas cousas serás valente cando a túa fe se poña a proba.
9. Que beneficios ten ser valente?
9 Ser valente ten moitos beneficios. Fíxate no exemplo de Ben. El ía a unha escola en Alemaña onde todos crían na evolución e pensaban que o relato bíblico da creación é un mito. Un día, Ben tivo a oportunidade de falar diante de toda a clase e explicar por que cría que a vida foi creada. Foi moi valente e faloulles a todos das súas crenzas. Cal foi o resultado? “O meu profesor escoitou con atención” di Ben, “ademais fixo copias da información que utilicei para explicar as miñas crenzas e deulle unha a cada un dos meus compañeiros”. Como reaccionaron? “Moitos deles tiñan unha mente aberta” di Ben, “e dixéronme que me admiraban”. A experiencia de Ben demóstranos que, moitas veces, as persoas valentes ganan o respecto dos demais e tamén poden axudar ós que teñen un corazón sincero a coñecer a Xehová. Non hai dúbida de que temos boas razóns para esforzarnos por ser valentes.
IMITA A LEALDADE DE DANIEL
10. Que é a lealdade?
10 Na Biblia, a palabra hebrea para “lealdade” ou “amor leal” transmite a idea dun sentimento de cariño e apego profundo que normalmente se usa para describir o amor que Deus sente polos seus servos. Tamén se utiliza para falar do amor que os servos de Xehová senten uns polos outros (2 Samuel 9:6, 7, TNM). E ademais, Xehová espera que sexamos leais a el. Esta lealdade pode facerse cada vez máis forte. Vexamos como demostra isto o exemplo de Daniel.
11. A que proba de lealdade se enfrontou Daniel cando xa era moi maior? (Ver a imaxe da portada da revista).
11 Durante a vida de Daniel, púxose a proba moitas veces a súa lealdade a Xehová. Pero cando tiña uns 90 anos tivo que pasar por unha situación especialmente difícil. Para aquel tempo, Babilonia fora conquistada polos medos e os persas e gobernaba o rei Darío. Os oficiais que servían este rei non respectaban a Xehová e odiaban a Daniel. Así que planearon como matalo. Fixeron que o rei firmase un decreto que demostraría se Daniel lle sería leal a el ou a Deus. O único que tiña que facer para demostrar a súa lealdade ó rei e evitar o castigo era deixar de orarlle a Xehová durante 30 días. Aínda así, Daniel decidiu ser leal a Deus. Cal foi o resultado? Botárono no foxo dos leóns. Pero Xehová recompensou a súa lealdade ó non permitir que os leóns o matasen (Dn. 6:13-16 [12-15, TNM], 21-23 [20-22, TNM]). Como podes ti serlle tan leal a Xehová coma o profeta Daniel?
12. Como cultivou Daniel a súa lealdade a Xehová?
12 Como mencionamos antes, a lealdade está motivada por un profundo amor. Daniel mantivo unha lealdade inquebrantable a Xehová porque o amaba moito. Para chegar a sentir este amor tivo que dedicar tempo a pensar nas calidades que ten Xehová e en como as demostra (Dn. 9:4). Tamén se sentiu moi agradecido ó meditar en tódalas cousas que Xehová fixo por el e polo seu pobo (Dn. 2:20-23; 9:15, 16).
13. a) A que probas de lealdade se enfrontan os rapaces da congregación? Pon un exemplo. (Ver tamén a imaxe). b) Como lle responderías a alguén que che pregunte se as testemuñas de Xehová apoiamos o estilo de vida homosexual? (Mira o vídeo “El resultado de la verdadera rectitud será paz” dispoñible en español, en jw.org).
13 Coma Daniel, os rapaces da congregación están rodeados de persoas ás que lles dá igual o que pensa Xehová sobre o que está ben e o que está mal. Pode que a estas persoas non lles caian ben os que aman a Deus. E algúns incluso intentan intimidar os nosos rapaces para que deixen de ser leais a Xehová. Fíxate por exemplo no que lle pasou a Graeme, un mozo que vive en Australia. El enfrontouse a unha situación moi complicada cando ía ó instituto. Unha profesora preguntoulle a toda a clase como reaccionarían se un amigo lles contase que era homosexual. Pediulles a tódolos que estivesen dispostos a apoiar ese estilo de vida que se puxesen de pé nun lado da clase, e ós que non, ó outro lado. Graeme di: “Toda a clase, menos outro rapaz que tamén era Testemuña mais eu, se puxo de pé no lado dos que apoiaban ese estilo de vida”. O que pasou a continuación puxo realmente a proba a lealdade de Graeme a Xehová. “Durante o resto da clase” di el, “os demais estudantes e incluso a profesora estivéronnos insultando. Fixen todo o posible por defender a miña fe dunha forma calmada e razoable, pero non escoitaron nin unha soa palabra do que dixen”. Despois de todo isto, como se sentiu Graeme? El di: “Non me gustou que os meus compañeiros de clase me insultasen, pero sentinme moi feliz por ser capaz de defender as miñas crenzas e ser leal a Xehová”.
14. Cal é unha das cousas que che axudará a cultivar unha lealdade inquebrantable a Xehová?
14 Igual ca Daniel, canto máis amemos a Xehová máis decididos estaremos a serlle leais. Cultivamos ese amor aprendendo máis sobre as súas calidades. Por exemplo, podemos estudar sobre as cousas que el fixo (Rm. 1:20). Se queres aumentar o amor e o respecto que sentes por Xehová, mira os vídeos ou le os artigos da serie “Deseñouno alguén?”. Tamén podes repasar a información dos folletos Como empezou a vida? e A orixe da vida. Fíxate no que dixo unha irmá de Dinamarca que se chama Esther sobre estes folletos: “Os razoamentos son fantásticos. Non che din o que tes que crer, senón que simplemente che presentan as probas para que ti tomes a túa propia decisión”. Ben, do que xa falamos antes, di: “Esta información fortaleceu moito a miña fe. Mostroume probas de que Deus creou a vida”. Despois de analizar todo isto, seguramente esteas de acordo coa seguinte afirmación da Biblia: “Merecente es, noso Señor e Deus, de recibir gloria, honra e poder, porque ti es quen o creaches todo” (Ap. 4:11). d
15. Cal é outra forma de estreitar a túa amizade con Xehová?
15 Outra forma de aprender a amar máis a Xehová é estudando a vida do seu fillo, Xesús. Isto é o que fixo Samira, unha irmá que vive en Alemaña. Ela di: “O que aprendín sobre Xesús axudoume a coñecer mellor a Xehová”. Cando era unha nena, a Samira custáballe comprender que Xehová teña sentimentos. Pero resultáballe máis fácil entender como se sentía Xesús. Ela engade: “Unha das cousas que máis me gusta del é que era amable e que lle quería moito ós nenos”. Canto máis aprendía ela de Xesús, máis forte se facía a súa amizade con Xehová. Por que? Ela di: “Pouco a pouco fun entendendo que Xesús imita perfectamente a seu Pai. Son moi parecidos. Deime conta de que unha das razóns polas que Xehová enviou a Xesús á Terra foi para que a humanidade puidese chegar a coñecelo mellor a El” (Xn. 14:9). Se queres estreitar a túa amizade con Xehová, por que non dedicas tempo a aprender todo o que poidas sobre Xesús? Se o fas, medrará o teu amor por Deus e a túa lealdade a el.
16. Como nos beneficia ser leais? (Salmo 18:25, TNM; Miqueas 6:8).
16 As persoas leais a miúdo conseguen amizades fortes e duradeiras (Rut 1:14-17). Ademais, ser leais a Xehová fai que esteamos tranquilos e contentos porque nos prometeu que tamén será leal cos que lle son leais a el (le Salmo 18:25, TNM; Miqueas 6:8). Pensa por un momento: a pesar de que somos tan pouquiña cousa en comparación co Creador Todopoderoso, el promete que sempre nos amará. Nin as dificultades, nin os inimigos, nin sequera a morte pode romper a nosa amizade con Xehová (Dn. 12:13, TNM; Lc. 20:37, 38; Rm. 8:38, 39). Que importante é que imitemos a Daniel e nos manteñamos leais a Deus!
SIGUE APRENDENDO DE DANIEL
17, 18. Que imos analizar no seguinte artigo?
17 Neste artigo vimos só dúas calidades que demostrou Daniel. Pero podemos aprender moito máis del. Por exemplo, Xehová deulle unha serie de visións e soños, ademais da capacidade de interpretar mensaxes proféticas. Moitas desas profecías xa se cumpriron. Pero outras dannos detalles sobre algúns acontecementos que ocorrerán no futuro e que afectarán a tódalas persoas da Terra.
18 No próximo artigo imos ver dúas profecías rexistradas por Daniel. Entendelas ben axudaranos a todos, novos e maiores, a tomar boas decisións xa agora. Ademais, esas profecías poden fortalecer o noso valor e lealdade. Isto axudaranos a estar preparados para enfrontarnos ás probas que nos esperan.
CANCIÓN sn 54 Teñamos unha fe forte
a Os rapaces que serven a Xehová hoxe en día enfróntanse a situacións que poñen a proba o seu valor e a súa lealdade. Algúns compañeiros de clase quizais se burlen deles por crer na creación ou por servir a Deus e vivir segundo as súas normas. Pero, como veremos neste artigo, os que imitan o profeta Daniel e a outras persoas que serven a Xehová con valor e lealdade, en realidade, son sabios.
b Estes son os nomes que lles deron os babilonios a estes rapaces.
c Hai tres posibles razóns polas que Daniel rechazou comer a comida dos babilonios: 1) Pode que a carne fose de animais que a Lei prohibía (Dt. 14:7, 8). 2) Quizais a carne non estaba ben desangrada (Lev.17:10-12). E 3) pode que comer aqueles alimentos se considerase como participar na adoración a un deus falso (compara con Levítico 7:15 e 1 Corintios 10:18, 21, 22).
d Para fortalecer o teu amor por Deus tamén podes estudar o libro Acerquémonos a Jehová (dispoñible en español), que che axudará a coñecer mellor as calidades e a personalidade de Xehová.