Cando o teu cónxuxe ve pornografía
-
“Sentíame coma se meu home estivese cometendo adulterio unha e outra vez”
-
“Sentíame humillada, pouco atractiva e que non valía para nada”
-
“Non podía falar disto con ninguén. Sufríao en soidade”
-
“Sentía que Xehová non se preocupaba por min”
Estas palabras expresan canto sufre unha muller cando o seu marido ve pornografía. E se o seu home estivo facendo isto en segredo, quizais durante meses ou anos, poida que ela sinta que xa non vai ser capaz de confiar máis nel. Unha muller casada dixo: “Teño a sensación de que non coñezo o meu marido. Pregúntome se me estará ocultando máis cousas.”
Este artigo está dirixido ás mulleres que están casadas cun home que caeu na trampa de ver pornografía. a Analizará principios bíblicos que poden darlles consolo, asegurarlles que contan co apoio de Xehová e axudarlles a recuperarse en sentido emocional e espiritual. b
QUE PODE FACER O CÓNXUXE INOCENTE?
Claro, non é posible controlar todo o que fai o teu marido. Pero si que podes tomar algunhas medidas prácticas que che axuden a estar menos angustiada e che dean paz, como por exemplo:
Non te culpes. Algunhas mulleres pensan que se o seu home ve pornografía é, dalgunha maneira, culpa delas. Alice c pensaba que non era suficientemente atractiva para o seu home. Ela preguntábase: “Por que prefire o meu marido mirar outras mulleres en vez de a min?”. Outras cúlpanse a si mesmas por sentirse mal e pensan que están empeorando a situación. Danielle di: “Víame a min mesma como unha muller resentida que estaba destruíndo o seu matrimonio por culpa dos sentimentos de amargura”.
Ti tamén te sentes así? Pois podes estar segura de que Xehová non te fai responsable dos actos do teu home. Santiago 1:14 di: “A cadaquén téntao a súa cobiza” (Rm. 14:12; Flp. 2:12). Xehová non pensa que ti teñas a culpa. Todo o contrario, valora a túa lealdade a el (2 Cró. 16:9).
Algo que tamén che pode axudar é entender que o feito de que un home vexa pornografía non significa que a súa muller sexa pouco guapa ou atractiva. Varios expertos na materia explican que a pornografía fai que unha persoa teña desexos sexuais imposibles de satisfacer por ningunha muller.
Evita preocuparte en exceso. Catherine dixo que o feito de que o seu home vise pornografía converteuse nunha obsesión que non a deixaba vivir. Frances dixo: “Angustiábame cada vez que non sabía onde estaba o meu marido. Pasaba o día moi nerviosa”. Algunhas mulleres recoñeceron que senten moita vergonza en presenza dalgúns irmáns que poderían estar ó tanto do problema do seu marido. Outras admitiron que se senten moi soas porque pensan que ninguén entende polo que están pasando.
Sentirse así é natural. Pero, se pasas moito tempo pensando nisto, pode que o único que consigas sexa estar máis angustiada. En vez diso, intenta concentrarte na túa relación con Xehová. Así terás as forzas que necesitas para aguantar (Sal. 62:3 [62:2, TNM]; Ef. 6:10).
Outra cousa que tamén che pode ser de axuda é ler e meditar nos relatos bíblicos de mulleres que pasaron por situacións difíciles e que encontraron consolo ó achegarse a Xehová en oración. El non sempre eliminou os seus problemas, pero deulles paz. Por exemplo, a situación de Ana fixo que estivese “chea de tristura”. Pero, a Biblia di que “ela abundaba nos seus rezos, diante do Señor” e grazas a iso puido sentir paz a pesar de que aínda non sabía que ía pasar coa súa situación (1 Sam. 1:10, 12, 18; 2 Cor. 1:3, 4).
Busca a axuda dos anciáns da congregación. Eles poden ser “como un refuxio contra o vento, un pendello para o temporal” (Is. 32:2). Quizais ata che recomenden algunha irmá coa que poidas falar en confianza e que te poida animar (Pr. 17:17).
PODES AXUDARLLE?
Podes axudarlle ó teu marido a superar o hábito de ver pornografía? É posible. Cando se trata de loitar contra un inimigo poderoso, a Biblia di que “mellor son dous ca un” (Ecl. 4:9-12). Algúns estudos demostran que, con frecuencia, se obteñen bos resultados cando unha parella traballa xunta para superar a adicción dun deles á pornografía e restaurar a confianza no seu matrimonio.
Claro, moito dependerá de se a túa parella é sincera e está decidida a deixar este hábito. Pregúntante: “Suplicoulle a Xehová que lle dese forzas? Pediulle axuda ós anciáns? (2 Cor. 4:7; Sant. 5:14, 15) Tomou medidas para evitar a pornografía como, por exemplo, poñer límites ó seu uso dos dispositivos electrónicos e evitar as situacións que poidan facelo caer na tentación? (Pr. 27:12) Está disposto a aceptar a túa axuda e ser totalmente sincero contigo?”. Se é así, quizais lle poidas axudar.
Como podes facelo? Vexamos un exemplo. Felicia casou con Ethan, que se fixo adicto á pornografía na súa infancia. Cando el ten o impulso de ver pornografía, Felicia sempre está disposta a falar do asunto. Ethan explica: “Falo abertamente e con sinceridade coa miña muller. Ela axúdame con moito cariño a evitar a tentación e pregúntame regularmente como o estou levando. Tamén me axuda a ter coidado co tempo que dedico a usar Internet e o lugar no que o fago”. É evidente que a Felicia lle doe que o seu home teña este impulso. “Pero”, ela admite, “os meus sentimentos de rabia e dor non lle axudan ó meu home a liberarse deste hábito. Despois de que analicemos xuntos os seus problemas, el está máis disposto a axudarme a min a superar a miña dor”.
Estas conversas non só lle poden axudar ó marido a liberarse do hábito de ver pornografía, senón que tamén fan que a muller recupere a confianza nel. Ó fin e ó cabo, cando o home está disposto a falar abertamente coa súa muller das súas debilidades, de a onde vai e do que fai, é máis fácil que a muller confíe nel.
Cres que ti tamén poderías axudar ó teu home deste xeito? Se é así, por que non ledes e analizades xuntos este artigo? Cando o leades, el debe centrarse no que lle pode axudar a deixar de ver pornografía e en como volver a ganar a túa confianza. En vez de enfadarse porque queiras falar sobre este asunto, debería intentar entender como te fai sentir este problema. Por outro lado, o teu obxectivo debe ser apoiar os esforzos que fai por deixar este vicio e darlle a oportunidade de recuperar a túa confianza. Os dous teredes que comprender que cousas levan ás persoas a caer na pornografía e como se pode superar este problema. d
Ecl. 7:8; 1 Cor. 13:4).
Se pensas que non poderedes manter a calma cando faledes deste asunto, pídelle a un ancián co que os dous vos sintades cómodos que estea presente as primeiras veces que tratedes o tema. Tamén ten en conta que, incluso despois de superar este hábito, pode que che leve un tempo volver a confiar na túa parella. Pero, non te rendas. Concéntrate nos pequenos progresos que ides conseguindo na vosa relación e confía en que, con tempo e paciencia, o voso matrimonio pode volver a estar forte de novo (E QUE PASA SE NON O DEIXA?
Se o teu home ten unha recaída, significa iso que non está arrepentido ou que a situación xa non ten remedio? Non necesariamente. Se se trata dunha adicción, pode que teña que loitar contra este hábito toda a súa vida. Quizais recaia aínda que leve anos sen ver pornografía. Para que isto non suceda, terá que continuar esforzándose moito por estar alerta e seguir marcándose límites, incluso cando pareza que o problema xa está superado (Pr. 28:14; Mt. 5:29; 1 Cor. 10:12). Tamén terá que cultivar unha nova “actitude mental” e aprender a aborrecer o que está mal, o que inclúe a pornografía ou calquera práctica impura, como a masturbación (Ef. 4:23; Sal. 97:10; Rm. 12:9). Está el disposto a facer estes esforzos? Nese caso, pode que co tempo consiga vencer este hábito por completo. e
Pero que pasa se a túa parella non quere loitar contra este problema? É comprensible que te sintas decepcionada, enfadada e traizoada. Se ese é o teu caso, deixar o asunto nas mans de Xehová darache paz (1 Pe. 5:7). Segue achegándote a el por medio do estudo, a oración e a meditación. Se o fas, podes estar segura de que Xehová tamén se acercará a ti. De feito, Isaías 57:15 dáche a confianza de saber que Xehová reside xunto “co humillado e co de espírito abatido” para que recupere a alegría. Así que, esfórzate por dar o mellor de ti e busca o apoio dos anciáns. E nunca perdas a esperanza de que, en calquera momento, o teu home queira cambiar a súa forma de pensar (Rm. 2:4; 2 Pe. 3:9).
a Por simplificar, falaremos do marido como se fose el o que ve pornografía. Pero moitos dos principios que analizaremos tamén poden axudar no caso dun matrimonio no que é a muller a que ve pornografía.
b Que un dos cónxuxes vexa pornografía non proporciona base bíblica para o divorcio (Mt. 19:9, TNM).
c Cambiáronse algúns nomes.
d Atoparás máis información que che pode axudar en jw.org e nas nosas publicacións. Por exemplo, mira os artigos “La pornografía puede destruir su matrimonio” (dispoñible en español) en jw.org; “Usted puede vencer las tentaciones” en La Atalaya do 1 de abril de 2014, páxinas 10 a 12 (dispoñible en español) e “A pornografía. Inofensiva ou perigosa?” en A Atalaia do 1 de agosto de 2013, páxinas 3 a 7.
e Debido á grande adicción que pode causar a pornografía, ademais de recibir a axuda espiritual que dan os anciáns, algunhas parellas decidiron buscar axuda profesional neste tema.