Ir ó contido

Ir ó índice

Satanás leva calumniando o nome de Xehová dende a rebelión no xardín de Edén ata agora

Preguntas dos lectores

Preguntas dos lectores

Como aclarou o artigo “Que tu nombre sea santificado” de La Atalaya de xuño de 2020 (dispoñible en español) as nosas crenzas acerca do nome de Xehová e da súa soberanía?

Nese artigo aprendemos que a santificación do gran nome de Xehová en realidade é unha única cuestión que afecta tanto a criaturas espirituais coma a seres humanos. Esta gran cuestión ten varias facetas. Unha delas ten que ver coa soberanía de Xehová, é dicir, se a súa forma de gobernar é a mellor. Outra faceta ten que ver coa integridade dos seres humanos.

Vexamos tres razóns que nos indican que o nome de Xehová e a súa santificación é a cuestión máis importante.

Xehová fará que se dea gloria ó seu nome por toda a eternidade

Primeira razón: Satanás atacou o nome, ou reputación, de Xehová no xardín de Edén. A astuta pregunta que o Demo lle fixo a Eva daba a entender que Xehová era un Deus pouco xeneroso e que as súas normas eran inxustas e restritivas. Despois, Satanás contradixo directamente as palabras de Xehová, chamándolle mentireiro. Desta maneira, calumniou o nome de Deus e converteuse no Demo (Xn. 8:44). Eva creu as mentiras de Satanás e desobedeceu a Deus, demostrando así que non quería que Xehová fose o seu gobernante (Xén. 3:1-6). Na actualidade, o Demo continúa calumniando o nome de Deus e difundindo mentiras sobre a clase de persoa que é. É moi probable que aqueles que crean as súas mentiras acaben desobedecendo a Xehová. Por iso, para o pobo de Deus, esa calumnia contra o seu santo nome é a peor das inxustizas. De feito, é a causa principal de todo o sufrimento e a maldade que hai no mundo.

Segunda razón: polo ben de toda a creación, Xehová está decidido a vindicar o seu nome e a limpalo de tódalas acusacións que se fan contra el. Resolver isto é un asunto de máxima importancia para Xehová. Por iso dixo: “Vou facer que se recoñeza a santidade do meu grande Nome” (Ez. 36:23). E Xesús deixou claro que este asunto debería ser o máis importante nas oracións dos servos fieis de Xehová. El dixo: “Santificado sexa o teu nome” (Mt. 6:9). Na Biblia destácase unha e outra vez a importancia de dar gloria ó nome de Xehová. Vexamos algúns exemplos: “Dade gloria ó nome de Iavé!” (1 Cró. 16:29; Sal. 96:8). “Canta a gloria do seu nome” (Sal. 66:2). “Glorificarei decote o teu nome” (Sal. 86:12). Unha das veces nas que Xehová mesmo falou dende o ceo foi cando Xesús dixo no templo de Xerusalén: “Pai, glorifica o teu Nome”. Entón, Deus contestou: “Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo” (Xn. 12:28). a

Terceira razón: o propósito de Xehová sempre estará relacionado co seu nome, ou reputación. Pensa nisto: que vai pasar despois da proba final que haberá cando remate o Reinado de Mil Anos de Cristo? Continuará dividida a súa creación intelixente pola importante cuestión da santificación do nome de Deus? Para contestar esta pregunta, recordemos as dúas facetas que se relacionan con esta cuestión: a integridade dos seres humanos e a soberanía universal. Para ese tempo, os seres humanos fieis xa terán demostrado que son leais a Xehová, porque xa foron probados en tódolos sentidos e recompensados con vida eterna. Tampouco haberá necesidade de demostrar que a forma de gobernar de Xehová é a mellor. Haberá unidade entre tódalas criaturas intelixentes de Xehová, tanto os seres espirituais coma os humanos, e todos aceptarán que Deus sexa o seu gobernante. E que pasará a partir dese momento? Seguirá sendo o nome de Xehová a cuestión máis importante para o seu pobo?

Para ese tempo, toda a creación coñecerá a verdade acerca del e o nome de Xehová xa estará santificado por completo. Aínda así, o seu nome continuará sendo o máis importante para tódolos seus servos tanto no ceo coma na Terra. Por que? Porque seguirán vendo as cousas marabillosas que Xehová fará. Pensa nisto: como Xesús lle entregará humildemente o Reino ó seu Pai, Deus chegará a ser “todo” para todos (1 Cor. 15:28). Despois, as persoas que vivan na Terra poderán desfrutar da “salvación gloriosa dos fillos de Deus” (Rm. 8:21). Entón, Xehová completará o seu propósito de unificar toda a súa creación intelixente do ceo e da Terra nunha soa familia universal (Ef. 1:10).

Como lle afectarán estes acontecementos á gran familia universal de Xehová? É lóxico pensar que tódolos seus servos sentiremos a necesidade, é dicir, o forte desexo, de continuar louvando o santo nome de Xehová. O salmista David escribiu baixo inspiración: “Bendito sexa o Señor [...]. Bendito sexa por sempre o seu nome glorioso” (Sal. 72:18, 19). Seguiremos encontrado novas e emocionantes razóns para louvar o nome de Xehová por toda a eternidade.

O nome de Xehová representa todo o que el é. Cando pensamos no seu nome, lembramos o seu amor (1 Xn. 4:8). Sempre recordaremos que Xehová demostrou canto nos ama ó crearnos, ó prover un rescate para nós e ó gobernar de maneira xusta. E continuaremos sentindo o seu amor para sempre. Por toda a eternidade teremos o desexo de achegarnos cada vez máis ó noso querido Pai e de cantarlle louvanzas ó seu marabilloso nome (Sal. 73:28).

a A Biblia tamén mostra que Xehová actúa “por mor do seu nome”. Por exemplo, dirixe o seu pobo, axúdalle, rescátao, perdóao e sálvao por causa do seu gran nome, Xehová (Sal. 23:3; 31:4 [31:3; TNM]; 79:9; 106:8; 143:11).